DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56515

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 135/2023, do 28 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello das Neves duns treitos antigos das estradas EP-4201 e EP-4202.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou tramos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 19 de maio de 2023 o Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello das Neves de varios tramos antigos das estradas provinciais EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide e da EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira.

O Concello das Neves e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron o 26 de xullo de 2021 un convenio de colaboración para a execución do proxecto de mellora da mobilidade peonil na intersección da EP-4006 Ponteareas-As Neves do p.q. 11+960 ao 12+080. Conforme a cláusula quinta, o convenio ten o carácter de solicitude de inicio de procedemento de transferencia a prol do concello dos seguintes tramos de estradas provinciais EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira e EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide:

• Tramo antigo de 831 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 2+900 marxe esquerda da estrada provincial EP-4202.

• Tramo antigo de 111 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 0+120 marxe dereita da estrada provincial EP-4201.

• Tramo antigo de 70 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 0+460 marxe esquerda da estrada provincial EP-4201.

• Tramo antigo de 76 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 0+537 marxe dereita da estrada provincial EP-4201.

• Tramo antigo de 118 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 0+614 marxe esquerda da estrada provincial EP-4201.

• Tramo antigo de 61 metros de lonxitude situado con inicio no p.q. 0+750 marxe dereita da estrada provincial EP-4201.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que os tramos antigos das estradas EP-4201 e EP-4202 cumpren co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de tramos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de tramos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos cales formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial». Polo tanto, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello das Neves dos seguintes tramos das estradas EP-4201 e EP-4202:

Denominación

p.q.i

Lonx. (km)

Tramo antigo da EP-4202 Tortoreos-Rubiós-Carrasqueira

2+900 ME da EP-4202

0,831

Tramos antigos da EP-4201 Setados-Ribarteme-Vide

0+120 MD da EP-4201

0,111

0+460 ME da EP-4201

0,070

0+537 MD da EP-4201

0,076

0+614 ME da EP-4201

0,118

0+750 MD da EP-4201

0,061

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Corresponderanlle ao Concello das Neves, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos tramos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade