DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56605

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2023, do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado por Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o 2 de outubro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de abril de 2023 (DOG núm. 78 do 24 de abril) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.3.6. da convocatoria, que o segundo exercicio da oposición terá lugar o día 17 de outubro de 2023, en chamamento único que se iniciará ás 15.00 horas, na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no polígono das Fontiñas, na rúa de Madrid, 2-4 en Santiago de Compostela, nas seguintes aulas:

– Aulas 2, 6, 7 e 11.

– Sala anexa.

As persoas aspirantes deberán ir provistas de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e bolígrafo de tinta azul.

As persoas aspirantes serán provistas de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

En relación cos textos legais sen comentarios dos cales poderán servirse as persoas aspirantes para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Asimesmo, estará expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada persoa aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión da persoa aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer a persoa aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2023

José Ángel Mourelo Ortueta
Presidente do tribunal