DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Mércores, 11 de outubro de 2023 Páx. 56594

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2023 pola que se aproba a convocatoria da cuarta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

A Valedora do Pobo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, resolve convocar a cuarta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres, que se rexerá de acordo coas seguintes

Bases

1. Obxecto.

Estas bases teñen como obxecto regular a concesión dos IV premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

2. Requisitos.

Os traballos deberán destacar polo seu elevado valor en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Os dereitos sobre os traballos presentados non poderán estar cedidos a terceiros con carácter de exclusividade.

Os traballos deberan ter sido lidos, defendidos ou xulgados e aprobados, segundo proceda, ante calquera universidade galega durante o curso académico 2022/23.

Os traballos serán presentados en idioma galego ou castelán. No caso de que se presentasen en idioma distinto dos anteriores, deberá achegarse tradución.

3. Solicitudes.

As solicitudes axustaranse aos modelos de instancia que figuran como anexos I e II, que estarán á disposición das persoas interesadas no enderezo electrónico da Valedora do Pobo (www.valedordopobo.gal), da Universidade de Santiago de Compostela (www.usc.es), da Universidade da Coruña (www.udc.es) e da Universidade de Vigo (www.uvigo.es), e no Rexistro da Valedora do Pobo (rúa do Hórreo, n° 65, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña), das 9.00 as 14.00 horas e das 16.30 as 19.00 horas, de luns a venres, e nos rexistros das universidades citadas.

Coas solicitudes presentarase a seguinte documentación:

a) Traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en formato papel e en formato electrónico (CD ou pendrive en formato word, libreoffice ou LaTeX), totalmente anonimizados (anexo I).

b) Así mesmo, xuntarase un sobre pechado que no exterior indique o título do traballo e no seu interior a persoa autora, o departamento, a facultade e a universidade (anexo II). Este permanecera en custodia do secretario xeral da institución ata o ditame do xurado, momento en que se abrirá.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude unicamente a un dos premios.

As identificacións que resulten precisas en aplicación da normativa de rexistros serán custodiadas unicamente polos funcionarios responsables e permanecerán ocultas para o xurado.

4. Lugar e prazo de presentación.

Os traballos, dirixidos á Valedora do Pobo, presentaranse no Rexistro da Valedora do Pobo ou nos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña ou da Universidade de Vigo, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No suposto de que non se presenten no rexistro das entidades convocantes deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación vía correo electrónico (rexistro@valedordopobo.gal), no que se detalle o medio utilizado de presentación, evitando a identificación persoal, segundo o modelo que consta no anexo III.

As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de novembro de 2023. As persoas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria no DOG e nas páxinas web da Valedora do Pobo e das universidades galegas.

Se a solicitude non reúne os datos ou os documentos exixidos, a persoa interesada disporá de 10 días hábiles para corrixir a falta ou achegar os documentos preceptivos desde a recepción da notificación de emenda. No caso de que non o fixer, será considerada desistida da súa petición.

Sen prexuízo do anterior, poderase requirir á persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a valoración do traballo presentado. De non facelo, será considerada desistida da súa petición.

As comunicacións realizaranse exclusivamente a través do enderezo de correo electrónico proporcionado polas persoas solicitantes.

5. Xurado.

1. O xurado estará composto polos seguintes membros:

Presidencia: Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo.

Vogais:

– María Xosé Porteiro García, adxunta á Valedora do Pobo.

– María Castro Parga, responsable da Valedora do Pobo en materia de xénero.

– Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

– Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña, ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

– Manuel Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo, ou persoa en que delegue, elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

Secretaría: Fernando de Andrés Alonso, secretario xeral da Valedora do Pobo.

2. Unha vez constituído o xurado, publicarase a relación nominal dos seus compoñentes na páxina web da Valedora do Pobo.

3. De xeito orientativo, o procedemento que seguirá o xurado será:

a) Cada integrante do xurado dará a cada traballo, segundo o seu acreditado saber, unha puntuación de 0 a 2.

b) Pasarán a seguinte fase aqueles traballos que obtivesen a puntuación máxima de, polo menos, un membro do xurado da Valedora e, polo menos, un membro do xurado en representación das universidades.

c) Dos traballos que pasen á segunda fase, cada membro do xurado, segundo o seu acreditado saber, propoñerá unha escolma daqueles traballos que considere que poden optar a cadanseu premio, expoñendo sucintamente as razóns da súa proposta.

d) Na derradeira fase, a deliberación e a votación comezará polos traballos que obtivesen maiores apoios, sucintamente expostos entre os membros do xurado.

4. Para o non disposto nestas bases serán de aplicación as normas contidas no capítulo II, sección terceira, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

6. Resolución.

Unha vez valorados os traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) presentados, o xurado emitirá a resolución no prazo máximo de seis meses contados a partir do día de finalización do prazo de presentación.

As decisións tomaranse por maioría e a presidencia do xurado terá voto de calidade en caso de empate.

O xurado poderá outorgar premio ex aequo en caso de empate ao mellor traballo fin de grao (TGF) ou ao mellor traballo fin de máster (TFM). Neste caso, outorgaráselles o diploma acreditativo e dividirase a contía económica fixada entre as persoas premiadas en cada categoría.

No caso de non alcanzaren os apoios necesarios os traballos presentados, poderase declarar algún ou todos os premios desertos

O ditame do xurado será inapelable e publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web das entidades convocantes.

7. Aceptación das bases e autorización ás entidades convocantes dos premios para a publicación.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación expresa das presentes bases, así como a autorización a Valedora do Pobo para a publicación, por calquera medio, dos traballos premiados. Para os efectos da súa publicación, poderase solicitar a adaptación do traballo ao habitual das publicacións institucionais.

8. Dotación e tramitación dos premios.

1. O xurado poderá conceder os seguintes premios:

– Premio ao mellor traballo fin de grao (TFG): 1.000 € e diploma acreditativo.

– Premio ao mellor traballo fin de máster (TFM): 1.000 € e diploma acreditativo.

2. Os premios aboaranse con cargo a aplicación orzamentaria 01.02.111B480.00 da institución da Valedora do Pobo para 2024, quedando condicionada á existencia de crédito nese exercicio.

3. O pagamento dos premios estará suxeito as retencións e ao réxime fiscal que sexa de aplicación.

4. Unha vez notificado o premio, as persoas premiadas deberán presentar, no prazo de 15 días, a seguinte documentación:

– Certificado académico especificando o título do traballo, director/a deste, cualificación obtida e, de ser o caso, data de lectura e tribunal que a xulgou.

– Acreditación de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

– Copia do certificado de conta bancaria da súa titularidade.

– Declaración responsable sobre o réxime fiscal das persoas premiadas.

9. Revogación dos premios.

O incumprimento das condicións que se tiveron en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á súa revogación, así como ao reintegro das cantidades percibidas.

10. Datos de carácter persoal.

As institucións convocantes publicarán na súa páxina web oficial as distintas fases de tramitación do procedemento de concesión dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas presentadas e da súa publicación na páxina web institucional.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude de participación na convocatoria se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Os/as solicitantes poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei mediante un escrito dirixido á Valedora do Pobo.

11. Facultades da Valedora do Pobo.

Facúltase a Valedora do Pobo para ditar as resolucións necesarias para o axeitado desenvolvemento desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2023

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO I

Solicitude de participación na cuarta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres (anonimizada ou sen datos persoais)

Documentos que achega:

– Traballo (anonimizado ou sen datos personais) fin de grao (TFG) en formato de papel e electrónico (CD ou pendrive en word, libreoffice ou LaTeX) titulado:

– Traballo (anonimizado ou sen datos personais) fin de máster (TFM) en formato de papel e electrónico (CD ou pendrive en word, libreoffice ou LaTeX) titulado:

– Síntese descritiva do traballo:

(Sinatura)

ANEXO II

(En sobre pechado)

Nome:

Apelidos:

DNI:

Correo electrónico:

Teléfono:

Universidade na que se presentou o traballo:

Data en que se presentou:

Nota obtida:

Expón que desexa participar na cuarta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

En .............................................., ........ de ................. de 2023

(Sinatura)

ANEXO III

Modelo de comunicación de presentación da solicitude

A persoa autora do traballo fin de grao/traballo fin de máster co título:................................

Manifesta que presentou solicitude de participación na cuarta edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres con data do ................................... en1.

(Sinatura)

1 Indíquese o lugar de presentación de conformidade co disposto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.