DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2023 Páx. 57256

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 5 de outubro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan dúas bolsas de formación en materia de investigación mariña para persoas con titulación superior (código de procedemento PE609E).

BDNS (Identif.): 720713.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión do título universitario de licenciado/a ou de grao en bioloxía ou ciencias do mar. As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a esta titulación no ano 2020 ou posterior.

2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non desfrutar anteriormente doutra bolsa de formación para a especialización en materias de investigación mariña na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

5. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

6. Non ter a titulación de doutor/a, nin atoparse matriculado nun programa de doutoramento do Sistema universitario nacional.

7. Estar en posesión do permiso de condución de vehículos de categoría ou clase B.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de persoas con titulación universitaria de licenciada/o ou de grao no campo da investigación mariña, así como convocar dúas bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2023, 2024 e 2025 (código de procedemento administrativo PE609E).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de outubro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan dúas bolsas de formación en materia de investigación mariña para persoas con titulación superior (código de procedemento PE609E).

Cuarto. Contía

Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de cincuenta e sete mil seiscentos euros (57.600,00 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2023 (4.800,00 €), 2024 (28.800,00 €) e 2025 (24.000,00 €).

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, destinaranse respectivamente nos anos 2023 (300,00 €), 2024 (1.920,00 €) e 2025 (1.700,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil douscentos euros (1.200,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar