DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 17 de outubro de 2023 Páx. 57484

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do 3 de setembro de 2023, do Pleno, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para o establecemento do complemento de desempeño (grao II) do posto de traballo para o persoal laboral fixo.

En cumprimento do Acordo do 3 de setembro de 2023, do Pleno do Consello de Contas, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para o establecemento do complemento de desempeño (grao II) do posto de traballo para o persoal laboral fixo dependente do Consello de Contas de Galicia, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2023

Juan Carlos Aladro Fernández
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do 3 de outubro de 2023, do Pleno do Consello de Contas de Galicia, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para o establecemento do complemento de desempeño (grao II) do posto de traballo para o persoal laboral fixo dependente do Consello de Contas de Galicia

O artigo 17 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, dispón que o persoal que preste servizos no Consello de Contas se rexerá pola lexislación reguladora do emprego público de Galicia, sen prexuízo das normas específicas que lle sexan aplicables. Así mesmo, o artigo 71 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, publicado pola Resolución do 27 de febreiro de 2017, do presidente do Parlamento de Galicia, sinala que o persoal ao servizo do Consello de Contas estará constituído polas profesionais e os profesionais deste órgano que perciban as súas retribucións con cargo ás dotacións recollidas no seu orzamento, e que a institución gozará das mesmas competencias que posúa en cada momento a Administración xeral da Comunidade Autónoma, que exercerá de forma autónoma a través dos seus propios órganos.

Tendo en conta a autonomía do Consello de Contas en materia de persoal, estas normas reguladoras son adoptadas polo Pleno en virtude do mandato legal contido na disposición transitoria cuarta da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, introducida polo artigo 8 da Lei 7/2019, do 23 decembro, de medidas fiscais e administrativas, que habilita legalmente o Consello de Contas para a regulación, con plena autonomía organizativa, do réxime transitorio de implantación para o recoñecemento, de forma extraordinaria, da progresión na carreira administrativa para o persoal funcionario que preste servizos no Consello de Contas, que lle permita progresar de maneira voluntaria e individualizada e que promova a súa actualización e o perfeccionamento da súa cualificación profesional.

A través da Resolución do 3 de decembro de 2021 inscríbese e publícase a modificación do Convenio colectivo con código 15003592012000 do Consello de Contas (Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 236, do 14 de decembro), engádese un novo punto no artigo 24, no cal se dispón que o persoal laboral fixo, ao acreditar dous anos de servizos efectivos, terá dereito á percepción dun complemento de carreira que percibirá en doce (12) mensualidades e serán as mesmas establecidas para os empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se actualizará anualmente coa porcentaxe de incremento que se fixe nas sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal laboral ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

A aspiración e previsión da existencia dunha carreira profesional horizontal está prevista no artigo 19 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, que establece que a carreira profesional e a promoción do persoal laboral se fará efectiva a través dos procedementos previstos no Estatuto dos traballadores ou nos convenios colectivos.

No eido da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a disposición novena da Orde do 15 de xaneiro de 2019 sobre o Acordo de concertación do emprego público de Galicia (DOG núm. 19, do 28 de xaneiro), establece que, no caso do persoal laboral fixo non funcionarizado, no primeiro trimestre do ano 2019, a Administración proporalle á Comisión de Seguimento deste acordo a percepción por parte deste persoal dun complemento equivalente ao que se establece para o persoal recollido na cláusula quinta. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 77 da Lei 2/2015, do 29 de abril, culminou co Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, publicado pola Orde da Consellería de Facenda do 28 de marzo de 2019.

Posteriormente, debido a diversos pronunciamentos xudiciais, e coa finalidade de permitir o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, posibilitando o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, mediante a Orde do 22 de novembro de 2022 (DOG núm. 226, do 28 de novembro), publícase o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais UGT e CC.OO. para o desenvolvemento dun sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa prevista na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal laboral fixo. Este novo acordo ten por finalidade establecer para o persoal laboral un complemento equivalente ao establecido para o persoal funcionario.

Cómpre ter en conta, así mesmo, que recentemente o Tribunal Supremo, entre outras nas súas sentenzas nº 293/2019, do 6 de marzo, e 1482/2019, do 29 de outubro, referidas ambas ao recoñecemento do dereito á carreira profesional, declarou que se lles acreditará o concepto retributivo previsto con efectos desde que se produciron para aqueles empregados públicos aos cales se lles recoñeceu. Dado que no Consello de Contas de Galicia prestan servizos funcionarios da Administración xeral da Comunidade Autónoma que xa teñen recoñecido o acceso ao grao II de progresión na carreira administrativa, con efectos económicos do 1 de xaneiro de 2022, seguindo a doutrina xudicial antes citada, e en concordancia co Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia do 24 de setembro de 2020, esta deberá ser a data de efectos do recoñecemento da progresión na carreira administrativa (grao II), para o persoal que, tendo dereito a ela, presta os seus servizos no Consello de Contas de Galicia, o que se pode considerar extensible ao persoal laboral do Consello de Contas de Galicia.

Deste xeito, por todos os argumentos esgrimidos nesta parte expositiva, o Pleno do Consello de Contas acorda regular o complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral que presta servizos no Consello de Contas de Galicia.

Este acordo divídese en tres seccións e consta de dez artigos e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica de disposicións xerais, consta de catro artigos e regula o obxecto, o ámbito subxectivo de aplicación, o período de permanencia nas situacións administrativas en que se pode acceder ao recoñecemento ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa para a implantación do complemento de desempeño no Consello e as exclusións, e a retribución ao complemento de desempeño nas anualidades 2022 e 2023.

A sección segunda, baixo a rúbrica sistema extraordinario de recoñecemento da progresión da carreira administrativa, consta de dous artigos e regula a consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional e dos requisitos xerais para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de acceso ao grao II no Consello de Contas.

A sección terceira consta de tres artigos e regula o procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas, e de recoñecemento do dereito á percepción do complemento de desempeño no grao II, das contías anuais do complemento de desempeño e do pagamento do complemento de desempeño. As solicitudes estimadas terán efectos económicos do 1 de xaneiro de 2022.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor deste acordo.

Por todo o anterior, en virtude do establecido no artigos 3 e 17.1 da Lei do Consello de Contas, así como na súa disposición transitoria cuarta e na disposición derradeira primeira do seu regulamento de réxime interior, e logo da negociación colectiva cos representantes dos traballadores, así como do trámite de información pública realizado a través da intranet da institución, o Pleno do Consello de Contas adopta o seguinte acordo:

Acordo do Pleno, do 3 de setembro de 2023, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para a implantación dun complemento de desempeño (grao II) para o persoal laboral fixo dependente do Consello de Contas de Galicia.

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de implantación dun complemento de desempeño para o persoal laboral fixo non funcionarizado que presta servizos no Consello de Contas.

O recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa consolidarase, para todos os efectos, no sistema ordinario de carreira profesional cando se implante.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

O réxime transitorio e extraordinario de acceso ao complemento de desempeño será de aplicación ao persoal laboral fixo non funcionarizado dependente do Consello de Contas de Galicia a través do Convenio colectivo 1503592012000 (Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 38, do 16 de febreiro de 2009).

Artigo 3. Período de permanencia nas situacións administrativas en que se pode acceder ao recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa para a implantación do complemento de desempeño no Consello e exclusións

De acordo co disposto no artigo anterior, será requisito para o recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario do complemento de desempeño completar o período de permanencia establecido, e para estes efectos será computado o tempo transcorrido nalgunha das seguintes situacións administrativas no Consello de Contas:

a) Servizo activo.

b) Excedencia forzosa.

c) Excedencia voluntaria por razón de violencia de xénero.

d) Excedencia voluntaria por coidado de fillos/as e familiares.

Non se poderá acceder ao recoñecemento do réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa na situación de suspensión de funcións declarada como consecuencia da tramitación dun procedemento xudicial ou dun expediente disciplinario.

Artigo 4. Retribución do complemento de desempeño na anualidade 2023

O grao inicial non terá retribución.

Os graos I a IV recoñecidos aboaranse mediante un complemento retributivo.

Este complemento percibirase, en todo caso, na situación de servizo activo no correspondente corpo e durante o desempeño de postos na institución.

As contías dos graos actualízanse conforme o estipulado nas leis de orzamentos, e nos exercicios 2022 e 2023 correspóndenlle ao grao II as contías segundo se detallan:

Grupo

2022

2023

Grupo III

1.185,72 €

1.215,36 €

Grupo IV

1.006,44 €

1.031,64 €

Grupo V

813,24 €

833,52 €

No caso de que o persoal laboral acceda a un grupo ou subgrupo superior a través dos procedementos establecidos de promoción interna, o período correspondente do grao anterior computarase como período de permanencia para os efectos de acceso ao grao que corresponda. Esta promoción interna non afectará o grao de carreira xa recoñecido. Queda excluído do disposto neste punto o desempeño de funcións de categoría superior.

Se o acceso se produce nun grupo diferente, manterá o dereito a percibir o complemento de desempeño correspondente ao grao ou graos recoñecidos no grupo anterior e comezará a progresión no complemento de desempeño no novo grupo, dándose por recoñecido o grao inicial, o que non leva retribución, no novo grupo.

No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos en diversos grupos ou subgrupos, percibirase o complemento de carreira correspondente a todos os graos recoñecidos ata o límite de catro graos. Cando o persoal funcionario teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de carreira correspondente aos catro graos de maior contía.

Sección segunda. Sistema extraordinario de recoñecemento da progresión da carreira administrativa

Artigo 5. Consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional

Aquel persoal laboral que, estando incluído no ámbito subxectivo, teña recoñecido o grao I do complemento de carreira a través da modificación do convenio colectivo realizada mediante a Resolución do 3 de decembro de 2021, considérase que equivale ao grao I do complemento de desempeño.

Deste xeito, manterá ese grao I todo o persoal laboral que o teña recoñecido.

Artigo 6. Requisitos xerais para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de acceso ao grao II no Consello de Contas

Para acceder ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas ao grao II deberanse cumprir os seguintes requisitos básicos:

a) Estar en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza), coa condición de persoal laboral fixo non funcionarizado do Consello de Contas, con base no Convenio colectivo de persoal laboral (BOP da Coruña núm. 38, do 16 de febreiro de 2009).

b) Presentar a solicitude de acceso ao recoñecemento do complemento de desempeño do posto.

c) Acreditar once (11) anos de servizos efectivos como persoal laboral fixo ou temporal nas diferentes administracións públicas, tomando como data de cómputo o 31 de decembro de 2021.

Sección terceira. Procedemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas de recoñecemento do dereito á percepción do complemento de desempeño do posto no grao II ao persoal laboral fixo que estea a prestar servizos no Consello de Contas

Artigo 7. Procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa de recoñecemento do complemento de desempeño, grao II

1. O procedemento para o acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa de recoñecemento do complemento de desempeño no Consello de Contas iniciarase mediante a solicitude presentada pola empregada ou empregado, ante o conselleiro maior, no prazo de quince (15) días hábiles contados desde a entrada en vigor deste acordo, segundo o modelo normalizado do anexo I, que se porá á disposición na sede electrónica da institución.

Co modelo de solicitude achegarase a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos de acceso que se establecen no artigo sexto deste acordo.

2. A Secretaría Xeral, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos, ditará proposta de estimación ou desestimación. A proposta será sometida a fiscalización da Intervención e posteriormente remitirase, xunto co expediente completo, á Comisión de Goberno.

3. No suposto de desestimación, abrirase un trámite adicional de alegacións para que a persoa interesada poida presentar alegacións e a documentación complementaria que considere pertinente no prazo de dez (10) días hábiles.

4. A Comisión de Goberno resolverá estimando ou desestimando a solicitude no prazo máximo de tres (3) meses. De non se ditar acordo no dito prazo, entenderase desestimada.

5. Contra o acordo estimatorio ou desestimatorio do recoñecemento do acceso do/da solicitante ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, perante o Pleno, no prazo dun mes que se contará a partir da notificación, de acordo co previsto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Os acordos de recoñecemento de acceso ao réxime transitorio e extraordinario de carreira administrativa serán comunicados á Xunta de Persoal e, na súa falta, ás organizacións sindicais representadas nos órganos de negociación do Consello de Contas.

Artigo 8. Contías anuais do complemento de desempeño

As contías anuais que se perciban polo complemento adicional equivalente devindicaranse en doce (12) mensualidades e serán as mesmas que se establezan para os empregados públicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que se actualizarán anualmente coa porcentaxe de incremento que se fixe nas sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9. Pagamento do complemento de desempeño

1. O pagamento do complemento de desempeño para o persoal laboral fixo pertencente aos grupos III, IV e V producirase nas anualidades de 2022 e 2023 na porcentaxe do 100 %.

2. Este complemento ten efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2022 para o persoal laboral fixo que estea a prestar os seus servizos no Consello de Contas na data de aprobación deste acordo, e consolidarase para os exercicios seguintes.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO I

Modelo de solicitude de acceso ao réxime extraordinario de carreira administrativa no Consello de Contas de percepción do complemento de desempeño (grao II), para cubrir na sede electrónica da institución

SOLICITUDE DE ACCESO AO RÉXIME EXTRAORDINARIO DE CARREIRA ADMINISTRATIVA NO CONSELLO DE CONTAS DE PERCEPCIÓN DO COMPLEMENTO DE DESEMPEÑO.

En virtude do disposto no artigo sétimo do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 3 de setembro de 2023, polo que se aproban as normas reguladoras do procedemento para o establecemento do complemento de desempeño, no seu grao II, para o persoal laboral fixo dependente do Consello de Contas de Galicia,

SOLICITO:

Que se me recoñeza o grao II a través do réxime extraordinario de carreira administrativa previsto no citado acordo e o dereito á percepción do complemento de desempeño que deriva do dito réxime.

Para tal efecto, achego a seguinte documentación acreditativa:

a) .....................................................................................................................................

b) .....................................................................................................................................

c) .....................................................................................................................................

(...)

Santiago de Compostela, ...... de .................... .de 2023

<Nome> <1º apelido> <2º apelido>

Conselleiro maior

Consello de Contas de Galicia

Rúa Domingo Fontán, 7

15702 Santiago de Compostela