DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 18 de outubro de 2023 Páx. 57528

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 10 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 18 de abril de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e dos requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, recolle no seu artigo 3 como obxectivos do sistema galego de servizos sociais garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, así como prever a aparición de calquera situación de dependencia, exclusión, desigualdade ou desprotección.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, establece que lle corresponde á dita consellería propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar que engloban as competencias en materia de servizos sociais.

A Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e dos requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, no seu artigo 2, referido á consideración de centros de persoas maiores, e no punto 8 do anexo I, sobre requisitos específicos dos centros de atención ás persoas maiores, en virtude da modificación levada a cabo a través da Orde do 10 de outubro de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia número 201, do 21 de outubro, regula as vivendas colaborativas como unha modalidade residencial organizada en espazos de uso privativo e zonas comunitarias coa finalidade de desenvolver unha convivencia entre as persoas que deciden vivir xuntas nun mesmo lugar para os efectos de promoción da súa autonomía e a atención ante situacións de dependencia, baseándose nos principios de colaboración, autoxestión e axuda mutua, e nunhas condicións de igualdade e non discriminación.

Na letra A) do punto 8 do anexo I da dita Orde do 18 de abril de 1996, referida ás condicións materiais e arquitectónicas das vivendas colaborativas, e concretamente na súa letra b), sobre as zonas de uso común deste recurso residencial, establece que deberán contar, como mínimo, entre outras instalacións, con cuartos para a atención de persoas residentes que, polo seu grao de dependencia ou dependencia sobrevida, requiran atención ou coidados persoais, cunha capacidade mínima dun 5 % das prazas, que deberán ser reservadas para o posible coidado diúrno ou nocturno destas persoas. Estes cuartos deberán cumprir as mesmas exixencias que os cuartos das residencias de maiores recollidas na letra A) do punto 1.

Na dita Orde do 18 de abril de 1996, en virtude da modificación levada a cabo na disposición derradeira primeira da Orde do 12 de xaneiro de 2021, pola que se regula a presentación e a comunicación das reclamacións en materia de servizos sociais (códigos de procedemento BS105A e BS105B), nas letras A) d) do punto 1 do anexo I sobre a regulación das condicións materiais e arquitectónicas da zona de enfermaría de atención xeriátrica e enfermaría da área de atención especializada das residencias para persoas maiores, establece que estes centros deberán dispor dunha porcentaxe de camas de enfermaría correspondente ao 3 % da súa capacidade total, cun máximo de 4 camas por dormitorio, e reservar polo menos un dormitorio individual para situacións que requiran illamento.

Dado que as vivendas colaborativas se configuran como un recurso de prestación de servizo residencial, en relación cos cuartos para a atención de persoas residentes que, polo seu grao de dependencia ou dependencia sobrevida, requiran atención ou coidados persoais e que deberán ser reservadas para o posible coidado diúrno ou nocturno destas persoas, cómpre a necesidade de establecer o mesmo requisito específico referido á zona de enfermaría de atención xeriátrica e enfermaría da área de atención especializada das residencias para persoas maiores, o que determina abordar a modificación da Orde do 18 de abril de 1996, e revisar e establecer nas vivendas colaborativas a mesma porcentaxe de camas de enfermaría que nas residencias para persoas maiores, ben que coas exixencias para as habitacións da área residencial recollidas na letra A) do punto 1.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Durante a súa tramitación deuse audiencia e información ás entidades que puidesen resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e dos requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores

A letra b) da alínea A) do punto 8 do anexo I, referida a vivendas colaborativas da Orde do 18 de abril de 1996 pola que se desenvolve o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, no relativo á regulación das condicións e dos requisitos específicos que deben cumprir os centros de atención a persoas maiores, queda redactada como segue:

«b) As zonas de uso común deberán contar, como mínimo, coas seguintes instalacións:

– Unha zona de recepción á entrada.

– Baños ou aseos: mínimo dous e equipados, como mínimo, con lavabo e inodoro. Polo menos un deles debe ser accesible.

– Unha ou máis salas polivalentes para a convivencia e realización de actividades. Disporán en total, polo menos, dunha superficie mínima de 2 m2 por residente. De ser o caso, tamén poderá/n ser utilizada/s como área de comedor común.

– Unha sala ou espazo para a atención sociosanitaria, con toma de auga.

– Cuartos para a atención de persoas residentes que, polo seu grao de dependencia ou dependencia sobrevida, requiran atención ou coidados persoais de enfermaría, cunha capacidade mínima dun 3 % do total das prazas, que deberán ser reservadas para o posible coidado diúrno ou nocturno destas persoas. Estes cuartos deberán cumprir as mesmas exixencias que as habitacións da área residencial das residencias para persoas maiores recollidas na letra A) do número 1. Estes cuartos poderán ser utilizados para outras finalidades, como cuartos para persoas invitadas, se non son precisas para a atención e os coidados persoais de enfermaría das persoas residentes, pero nunca seren ocupados por novas persoas residentes de xeito permanente.

Así mesmo, as zonas de uso común deberán contar con:

– Zona de descanso de profesionais, no caso de dispor deste persoal.

– Zona axardinada ou zona exterior, agás a existencia de espazos públicos adxacentes ao centro con estas características ou cando, pola súa localización, sexa imposible dispoñer destas zonas.

– Unha zona para o aparcamento de vehículos, que dispoña, polo menos, dunha (1) praza reservada para persoas con mobilidade reducida.

– Un espazo para almacén».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude