DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2023 Páx. 58234

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 13 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 10 de xullo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto de talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023 (código de procedemento BS508E).

missing image file

No Diario Oficial de Galicia número 140, do 24 de xullo de 2023, publicouse a Orde do 10 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto de talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023 (código de procedemento BS508E).

O obxecto da convocatoria é o financiamento da elaboración e execución dos proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto de talento interxeracional que conteñan actividades baseadas no recoñecemento da experiencia das persoas maiores que poidan servir como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas, naqueles sectores e actividades que presenten maiores dificultades de remuda xeracional e que estean comprendidos nas liñas especificadas establecidas na dita orde, que permitan achegar novas oportunidades de emprego e asentamento poboacional ao territorio e que garantan, en todo caso, a consecución dos obxectivos marcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia dentro das políticas panca da nova economía dos coidados e políticas de emprego e, de xeito transversal, da Axenda urbana e rural, da loita contra o despoboamento e desenvolvemento da agricultura para o ano 2023. A execución dos proxectos terá como data límite o 20 de outubro de 2023.

No artigo 23, no seu primeiro número, establécese:

«1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 1 de novembro de 2023».

A data de publicación da convocatoria determina que a fase de instrución e a resolución do procedemento finalizarán máis alá das datas inicialmente previstas, polo que, co fin de garantir a maior eficacia posible no desenvolvemento dos proxectos de intervención subvencionados, considérase recomendable ampliar o prazo de finalización da xustificación inicialmente previsto.

Esta ampliación do prazo está amparada no artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste, e sempre que con iso non se prexudiquen os dereitos de terceiros.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto de talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023 (código de procedemento BS508E)

O punto primeiro do número 1 do artigo 23, referido á xustificación das subvencións da Orde do 10 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais de Galicia para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural vinculados co proxecto piloto de talento interxeracional, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o ano 2023 (código de procedemento BS508E), queda redactado como segue:

«1. Unha vez publicada a resolución de concesión da axuda, a data límite para a presentación da xustificación dos gastos é o día 1 de decembro de 2023».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude