DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58427

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de outubro de 2023 pola que se establecen as bases e se convocan as axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado dos centros públicos non universitarios dependentes desta consellería, para o curso académico 2022/23 (código de procedemento ED601A).

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

Actualmente, o Decreto 132/2013, do 1 de agosto, regula o funcionamento dos comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación.

O artigo 2.1.e) da citada norma prevé que a Administración educativa poderá colaborar coas asociacións de nais e pais do alumnado e as súas federacións, cando estas asuman a xestión e organización do comedor escolar.

No marco normativo referido, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece nesta orde un programa de axudas económicas coa finalidade de cofinanciar os servizos de comedores escolares que xestionan as asociacións de nais e pais do alumnado nos centros públicos non universitarios dependentes dela.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas económicas destinadas ás asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais de alumnado legalmente constituídas, que xestionan os comedores escolares nos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería de Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria e/ou segundo ciclo de educación infantil (código de procedemento ED601A).

2. As axudas económicas irán destinadas a sufragar os gastos de xestión do servizo de comedor escolar que abarca, entre outros, os seguintes conceptos subvencionables:

a) O custo diario do menú por comensal e polos días da súa asistencia ao comedor entendido como o servizo de comida ao mediodía.

b) A vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do servizo do comedor.

c) Os gastos de mantemento, persoal e limpeza.

d) Os gastos de enxoval, materiais, utensilios para a prestación do servizo.

e) Os gastos ocasionados pola contratación por parte das asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar.

En ningún caso se subvencionarán os almorzos ou merendas que se ofrezan nos servizos de comedor.

3. Poderán acollerse a esta orde todas as actuacións descritas no número anterior, sempre que se desenvolvan durante o curso académico 2022/23.

Artigo 2. Crédito orzamentario destinado e compatibilidade das axudas

1. Para a concesión das axudas regulamentadas nesta orde destinaranse 1.600.000,00 € que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.423A.481.0 dos orzamentos xerais de gastos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Tipo de actuación

Orzamento

Código proxecto

Axudas destinadas a xestión do servizo de comedor

1.600.000,00€

2015 00314

2. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público ou privado, ben que o importe da axuda concedida en ningún caso poderá, en concorrencia coas outras subvencións ou axudas, superar o custo da actividade que desenvolva a beneficiaria.

4. No caso de percibir outras axudas, deberá acreditarse documentalmente a súa natureza e contía. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 3. Contía e intensidade da axuda

Para o cálculo da axuda destinada á xestión do servizo de comedor escolar terase en conta a media dos menús servidos aos/ás usuarios/as diarios do comedor escolar (esta media virá emitida pola empresa xestora do comedor mediante certificado, indicando o número de menús servidos totais por mes). Esta media será o resultado de dividir a suma do número total de menús servidos ao longo de todos os meses do curso escolar 2022/23 entre os días de prestación do servizo de comedor escolar (178 días máximo de servizo do comedor escolar segundo o calendario lectivo deste curso).

O cálculo da contía da axuda para esta actuación realizarase en función da media do número de menús diarios servidos no comedor, segundo se detalla no seguinte cadro:

Número de usuarios/as do comedor escolar

Importe da axuda por persoa usuaria e día

Comedores de 1 a 100 menús diarios

0,78 €

Comedores de 101 a 200 menús diarios

0,72 €

Comedores con máis de 200 menús diarios

0,66 €

As axudas poderán sufragar ata un máximo do 100 % do gasto xustificado pola prestación do servizo de comedor do centro escolar correspondente.

Artigo 4. Beneficiarias das axudas

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen, directa ou indirectamente, o servizo do comedor dos centros escolares públicos correspondentes.

Entenderase que xestiona o comedor escolar a entidade que teña ao seu cargo a organización deste, entre outras, por algunha destas formas que a seguir se enumeran:

a) Mediante a contratación laboral de persoal, de forma que se xestione directamente a prestación do servizo.

b) Mediante a contratación de entidades ou empresas especializadas para a prestación do servizo segundo as condicións establecidas de común acordo entre as empresas e as asociacións respectivas.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das axudas aquelas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que, por careceren de instalacións axeitadas nos centros escolares, xestionen o servizo de comedor escolar noutros locais públicos ou hostaleiros próximos aos centros escolares, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que existan as condicións adecuadas de seguridade viaria no desprazamento do alumnado cara aos ditos locais.

b) Que o local onde se prestou o servizo de comedor escolar fose o mesmo durante todo o curso académico 2022/23.

3. De conformidade co previsto no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, todo o persoal que con motivo da actividade subvencionada teña contacto habitual cos nenos e nenas usuarios do servizo de comedor, tanto sexa directamente contratado pola entidade como de empresas externas, deberá acreditar non ter sido condenado por sentenza firme por delito ningún contra a liberdade e indemnidade sexual mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

Artigo 5. Subcontratación das actividades subvencionadas

1. A beneficiaria da subvención poderá subcontratar con terceiras persoas a execución total ou parcial das actividades relativas ao servizo do comedor escolar.

2. Cando a actividade subcontratada exceda o 20 % do importe da subvención e o antedito importe sexa superior a 60.000,00 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscribise por escrito.

b) Que a súa realización sexa autorizada previamente pola entidade concedente da subvención.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos anteriormente mencionados.

3. Ademais do disposto anteriormente, as asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado beneficiarias deberán cumprir as previsións e obrigas que, referidas á subcontratación, se sinalan no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes estarán subscritas polo/a representante legal da entidade solicitante segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde, que incluirá as seguintes declaracións:

1) Unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

No caso de ter concedida algunha destas axudas, deberán acreditala mediante resolución ou comunicación da súa concesión ou certificado do órgano concedente.

2) Unha declaración pola que se acorda solicitar a axuda.

3) Unha declaración responsable de que non concorren na entidade solicitante da axuda ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da dita lei e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4) A declaración responsable de que a entidade se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, así como que non ten débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, con base no disposto no artigo 60.4 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5) Unha declaración responsable en que manifeste o cumprimento do mandato legal contido no artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa solicitante.

b) O modelo que figura como anexo II, relativo á memoria da actuación, persoas usuarias, menús servidos e orzamento/conta xustificativa do servizo de comedor. No caso das federacións ou confederacións de pais/nais de alumnado, deberán presentar un anexo II por cada unha das ANPAS federadas ou confederadas.

Na epígrafe A) «Memoria comedor escolar» indicarase o carácter continuado do servizo, os datos do alumnado por niveis educativos e a modalidade de prestación do servizo.

Na epígrafe B) «Declaración usuarios do servizo e menús servidos»:

Figurará o número de menús servidos (mensual) indicando en cada columna o número de menús detallado por meses (total mensual) e a suma total dos menús servidos no curso escolar.

A epígrafe C) «Orzamento/Conta xustificativa» cubrirase coa información dos seguintes puntos:

Punto C.1. Cubriranse os datos para cada unha das actuacións subvencionables previstas no artigo 1.2. Os gastos relacionados nesta conta xustificativa acreditaranse mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na conta xustificativa.

Ademais, entregaranse os xustificantes dos pagamentos efectivos destas facturas, que aseguren en todo caso a realización das actividades subvencionadas. En particular:

– Se os gastos derivan dunha relación laboral, deberá xuntarse a nómina e o xustificante do seu pagamento, así como acreditar o pagamento das retencións efectuadas en cumprimento da normativa aplicable do IRPF e do aboamento das cotizacións da Seguridade Social.

– Se os gastos derivan da relación contractual cunha entidade ou autónomo/a, deberán xuntarse as facturas e os xustificantes de pagamento.

– No caso de computar gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros, deberán achegar un informe ou declaración da empresa aseguradora en que se especifique a porcentaxe da póliza directamente vinculada á prestación do devandito servizo de comedor escolar.

Os xustificantes de pagamento poderán consistir na acreditación mediante extracto bancario da transferencia bancaria realizada ou do cheque nominativo emitido ou, no caso de pagamentos en metálico, que en todo caso deberán ter un importe inferior a 1.000 euros, deberá achegarse un xustificante do prestador do servizo aboado ou unha certificación deste de ter recibido o importe relacionado neste anexo.

Punto C.2. A conta xustificativa, na súa epígrafe de ingresos, inclúe unha declaración do conxunto de todas as axudas concedidas, así como os ingresos e recursos obtidos para a mesma finalidade procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A esta declaración débese acompañar a resolución ou a comunicación da súa concesión ou un certificado do órgano que concedeu a axuda.

Declaración do/da presidente/a de que esa entidade xestionou o comedor escolar do centro que lle corresponde durante o período a que se refire a xustificación, e que os datos relativos ao número de usuarios son certos, e coincidentes cos rexistros contables que permanecen en poder da Anpa/Federación/Confederación á disposición da Consellería de Facenda e Administración Pública e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, ou de calquera órgano de control que proceda.

No caso de que as persoas usuarias aboen directamente o prezo total ou parcial do servizo á entidade ou empresa prestataria, a ANPA deberá remitir:

– Copia do contrato/encomenda que teña subscrito co subcontratista.

– Documentos que acrediten os gastos da entidade ou empresa prestadora: copia das facturas e xustificantes de pagamento.

– Copia do certificado expedido pola entidade ou empresa provedora a que se lle encomendaron os servizos, especificando para cada centro educativo incluído na solicitude da axuda: o número total de usuarios/as e menús servidos no curso escolar desagregado por meses e importes mensuais recibidos.

A documentación sinalada neste artigo, tratará de documentación separada para presentar co anexo II, polo que as persoas interesadas deberán achegar copia da citada documentación, de conformidade co establecido no artigo 28 da Lei 39/2015.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias emitida pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar as persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Instrución e procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas é o de concorrencia non competitiva por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En consecuencia, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación de solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

2. A instrución do procedemento correspóndelle ao Servizo de Xestión de Comedores Escolares dependente da Vicesecretaría Xeral da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, quen fará as correspondentes propostas de resolución.

3. Conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos que sinala o artigo 66 desta lei e os exixidos na propia orde de convocatoria, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, no prazo de dez días, presenten electronicamente a solicitude corrixida ou acheguen a documentación que sexa precisa, con indicación de que, se non o fixesen así, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Sen prexuízo do anterior, o órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para determinar, coñecer e comprobar os datos en virtude dos que se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. As solicitudes que recollan os datos e a información necesaria tramitaranse por un procedemento abreviado en que o órgano instrutor lle formulará ao órgano competente a proposta de resolución tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para a súa concesión.

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, tendo en conta as limitacións previstas, de ser o caso, na Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, para que, no prazo de 10 días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

6. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta. En todo caso non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e o arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 11. Resolución e pagamento das axudas

1. O órgano competente para a resolución destas axudas é o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a entidade beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A resolución de concesión e pagamento das axudas realizarase unha vez acreditado que a entidade beneficiaria solicitou e xustificou axeitadamente as actividades subvencionadas.

2. Transcorrido o prazo de tres meses sen que fose notificada unha resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude da axuda.

3. Toda alteración das circunstancias que se tiveron en conta para conceder a axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

4. As resolucións ditadas porán fin á vía administrativa e poderán ser impugnadas potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a relación das axudas concedidas ao abeiro desta orde, con expresión da súa convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, as beneficiarias e as cantidades outorgadas.

A relación das axudas concedidas será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web oficial (http://www.edu.xunta.gal/portal/).

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Obrigas das asociacións beneficiarias das axudas

Son obrigas das asociacións beneficiarias das axudas reguladas nesta orde, ademais das que quedan sinaladas nas bases anteriores, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de verificación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación efectuarase no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) Dar unha axeitada publicidade á difusión do cofinanciamento público do servizo de comedor escolar.

e) Informar a comunidade escolar respectiva das axudas percibidas da consellería en concepto de cofinanciamento na xestión do comedor escolar.

Artigo 16. Revogación e reintegro das axudas

Nos supostos establecidos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida, así como o aboamento dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 17. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia serán de aplicación as disposicións recollidas no título IV, artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Normas de aplicación supletoria

No non previsto nas bases anteriores serán de aplicación directa as normas contidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de aplicación supletoria as establecidas na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o seu regulamento, aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

A Consellería transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file