DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 24 de outubro de 2023 Páx. 58482

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2023 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica para a formación práctica neste organismo.

O artigo 9.2 da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexa real e efectiva, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de toda a cidadanía na vida política, económica, cultural e social.

O artigo 49 da Constitución española sinala que os poderes públicos realizarán unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, ás cales lles prestarán a atención especializada que requiran e que ampararán especialmente para que gocen dos dereitos que o título I lles outorga a todos/as os/as cidadáns/ás.

O artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, establece que as persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non discriminación.

En atención a tales previsións legais, a valedora do pobo convoca dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica para a formación práctica en tarefas de apoio.

Para o desenvolvemento do proceso cóntase coa colaboración de Saúde Mental-Feafes Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental en Galicia).

A valedora do pobo convoca desta volta dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica. Ao finalizar estas bolsas, farao para dúas persoas con discapacidade intelectual, ambas co fin de proporcionar formación práctica en tarefas de apoio.

Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, de 5 de xuño, do Valedor do Pobo,

RESOLVO:

Convocar dúas bolsas para a formación de persoas con discapacidade psíquica no Valedor do Pobo, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira. Obxecto

As bolsas terán por obxecto a formación práctica no Valedor do Pobo de persoas con discapacidade psíquica, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.

Segunda. Requisitos

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir todos os seguintes requisitos:

• Nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas.

• Ser persoas con discapacidade psíquica (por mor de enfermidade mental) nun grao igual ou superior ao 33 %.

• Non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.

• Ser maior de 18 anos.

• Ter un coñecemento do galego como idioma propio de Galicia cun nivel Celga 4 ou equivalente.

As persoas en que concorran discapacidade intelectual e psíquica só se poderán presentar a unha das convocatorias do ciclo de dous anos en que se fagan ambas, é dicir, dentro dos dous anos en que se dean de forma sucesiva ambas as convocatorias, poderán presentarse á de discapacidade psíquica ou á de discapacidade intelectual, pero non ás dúas.

Terceira. Asignacións

As persoas beneficiarias da bolsa disporán de:

a) Unha asignación de 15.600 euros brutos anuais, que se percibirán logo de finalizado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.300 € mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.

b) Protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.

c) Un seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.

Cuarta. Duración

As bolsas terán a duración dun ano, desenvolveranse de forma simultánea e non poderán ser prorrogadas.

Ao finalizar, entregarase un certificado acreditativo.

Quinta. Natureza

A adxudicación das bolsas non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e o Valedor do Pobo, nin implica compromiso que transcenda do desenvolvemento das tarefas previstas nesta convocatoria.

Sexta. Desenvolvemento da bolsa

As persoas bolseiras teñen o deber de:

• Cumprir o programa formativo en prácticas que determinen as persoas titoras, cuns niveis de rendemento satisfactorio. Para estes efectos, deben realizar as actividades de estudo que se consideren necesarias e presentar puntualmente os traballos e documentos que se requiran. Estes serán de titularidade do Valedor do Pobo e non poden ser utilizados polos autores sen a correspondente autorización.

• Observar a necesaria discreción e respectar a confidencialidade dos documentos e informacións que coñezan no desenvolvemento da bolsa, salvo os que sexan públicos.

• Non adquirir compromisos ou obrigas que impidan o cumprimento íntegro das tarefas de formación en prácticas, agás renuncia expresa da bolsa.

• Realizarán o seu programa formativo nas unidades administrativas e áreas da institución, baixo a titoría de cada responsable, e serán coordinadas pola Xefatura de Servizo de Administración e Persoal.

Desenvolverán as actividades formativas prácticas durante 37,5 horas semanais.

Habilitarase a posibilidade de realizar a formación a distancia (desde o domicilio) polo menos nun 50 % do tempo, sen prexuízo da asistencia presencial cando resulte necesaria, segundo as persoas titoras.

Terán dereito ao desfrute dos días festivos do calendario laboral, a vacacións e aos permisos necesarios por motivos persoais, coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Salvo baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 10 % da xornada mensual de traballo. Se se supera esta porcentaxe, a valedora do pobo poderá rescindir a bolsa.

As tarefas que desenvolverán as persoas seleccionadas serán obxecto dunha avaliación por parte de preparadores especializados, que emitirán un informe de análise para o desenvolvemento da bolsa. As persoas seleccionadas disporán das correspondentes adaptacións, dos apoios individualizados que sexan necesarios e do auxilio de preparadores.

Sétima. Convocatoria e solicitudes

1. Convocatoria.

A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web do Valedor do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no Rexistro do Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.

3. Solicitudes e documentación.

As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:

• Escrito de solicitude dirixido á valedora do pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.

• Copia do DNI ou equivalente.

• Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.

• Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• Relación de méritos e circunstancias que o/a solicitante somete a valoración consonte estas bases, presentados de acordo co anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e ás circunstancias que figuren nese anexo.

4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación será de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.

A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da persoa interesada ou de quen sexa debidamente autorizado, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.

Oitava. Procedemento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Selección comprobará o cumprimento dos requisitos. No caso de darse algunha exclusión, notificarase a causa para que no prazo de dez (10) días hábiles poidan presentarse alegacións e/ou emendas.

Posteriormente, a Comisión de Selección avaliará os méritos alegados polas persoas admitidas, conforme os criterios sinalados na base novena. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

Para o desenvolvemento destes labores, poderase solicitar a achega da documentación que xulgue pertinente, co obxecto de verificar as circunstancias postas de manifesto nas solicitudes.

Se no prazo concedido non se achega a documentación requirida para verificar o cumprimento dos requisitos da bolsa, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.

Se a documentación requirida está orientada a verificar méritos alegados e esta non se entrega no prazo sinalado pola Comisión de Selección, os ditos méritos non se terán en consideración.

A Comisión de Selección elevará á valedora do pobo a súa proposta de concesión das bolsas e poderá incluír as persoas suplentes que considere.

A valedora do pobo resolverá a concesión das bolsas de acordo coa proposta da Comisión de Selección.

Novena. Criterios de valoración

A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:

a) Titulación (ata 7 puntos):

• Formación profesional básica: 2 puntos.

• Formación profesional de grao medio. O certificado de profesionalidade será asimilado a formación profesional de grao medio: 3 puntos.

• Formación profesional de grao superior: 4 puntos.

• Título universitario: 5 puntos.

• Se os títulos de formación profesional ou universitaria son da rama administrativa, sociolóxica ou xurídica: 2 puntos máis.

• Para o caso de que cos cursos profesionais para o emprego (FPE) se obtivese o certificado de profesionalidade, valorarase o máis favorable para a persoa solicitante.

• Se a Comisión de Selección require que se acredite a titulación que se alega, deberase presentar o título ou certificado do centro ou organismo educativo de telo superado.

b) Cursos e prácticas laborais (ata 10 puntos):

• Cursos de formación ou perfeccionamento convocados, organizados, impartidos ou homologados por institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e de defensa das persoas con discapacidade e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada.

• De 12 a 20 horas: 0,25 puntos.

• De 21 a 40 horas: 0,50 puntos.

• De 41 a 60 horas: 0,75 puntos.

• De 61 a 90 horas: 1 punto.

• De 91 a 120 horas: 1,25 puntos.

• De 121 a 300 horas: 2 puntos.

• De 301 a 600 horas: 5 puntos.

• Máis de 600 horas: 7 puntos.

Cando a duración se exprese en anos ou se indique «curso escolar», estimarase a priori unha duración de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.

No suposto de que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.

En caso de non constar a duración do curso, valorarase con 0,10 puntos.

Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido, só se computará aquel que permita a obtención de maior puntuación.

Para valorar adecuadamente os cursos desta alinea, na solicitude (anexo II) deberán constar as horas do curso ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que esta foi durante un curso escolar.

As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración adicional.

c) Demandante de emprego.

Estar rexistrado como demandante de emprego, polo menos cun ano de antigüidade ininterrompidamente, contado desde a data de publicación da convocatoria: 1 punto.

d) Inscrición en entidade, asociación ou fundación que teña por fin a defensa dos dereitos e/ou a atención a persoas con discapacidade psíquica ou enfermidade mental, ou participación nas súas actividades.

Que na data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia a persoa que solicite a bolsa ou a que desempeñe os seus apoios legais estea inscrita nalgunha entidade, asociación ou fundación que teña por obxecto a defensa dos dereitos e/ou a atención a persoas con discapacidade psíquica ou enfermidade mental, ou acredite a participación nas súas actividades no transcurso do último ano contado desde a publicación da convocatoria: 1 punto.

e) Desempate.

Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe de Feafes-Galicia ou de quen se considere adecuado, do seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria (inclusión laboral das persoas con discapacidade psíquica); se persiste, as persoas que acheguen maior puntuación nos cursos logo de descartar o límite de puntos nese aspecto, e, se persiste, as que acrediten menor experiencia laboral nos últimos quince (15) anos.

Para os efectos de determinar as circunstancias do desempate, requiriráselles a información complementaria necesaria ás persoas solicitantes afectadas.

Décima. A Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará composta polas seguintes persoas:

• Presidencia: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Administración e Persoal do Valedor do Pobo.

• Vogal: unha persoa designada por Saúde Mental-Feafes Galicia.

• Vogal: unha persoa designada polos sindicatos máis representativos.

• Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección do Valedor do Pobo.

A Presidencia terá voto de calidade en caso de empate.

A valedora do pobo designará membros suplentes da Vomisión, que substituirán as persoas titulares en caso de renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.

Os nomes das persoas que compoñan a Comisión de Selección e dos seus suplentes determinaranse por resolución da valedora do pobo e publicaranse na páxina web do Valedor do Pobo inmediatamente despois da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa titular da Secretaría Xeral do Valedor do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a Comisión de Selección.

A Comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa, e ademais:

a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas poidan derivar delas.

b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada, e comprobará os datos en virtude dos cales se debe adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.

c) Valorará as solicitudes de acordo co baremo que se establece na base novena desta convocatoria.

d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes, para a achega de aclaracións ou ampliacións de información ou para a achega de documentación acreditativa.

e) Formulará a proposta de concesión das bolsas ás persoas seleccionadas.

f) Establecerá unha lista de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante algunha bolsa.

Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas.

A resolución do Valedor do Pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Institución.

A identificación das persoas beneficiarias e suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e coas puntuacións obtidas.

O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que neste caso constaría que resulta provisional se non se lles requirise a acreditación dos méritos.

Décimo segunda. Incorporación e vacantes

As persoas seleccionadas deberán incorporarse, para o desenvolvemento dos labores de formación práctica, no prazo que sinale a resolución de adxudicación, co fin de achegar os datos precisos para facer efectiva a bolsa.

Se, transcorridos sete (7) días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se producise, a bolsa poderase entender rexeitada, salvo causa xustificativa.

Se a bolsa resulta rexeitada ou queda vacante en período de vixencia, a valedora do pobo proporá as persoas suplentes na orde en que resulte da concesión das bolsas polo tempo que reste respecto do inicialmente previsto.

A bolsa reducirase proporcionalmente no caso de incorporación tardía, abandono ou renuncia.

Décimo terceira. Información en materia de protección de datos.

O tratamento de datos farase de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co resto da lexislación española aplicable nesta materia.

Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.

Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigas, o aseguramento, a xestión económica e o aboamento da bolsa.

Poden exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como o dereito a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos seus datos, cando proceda, dirixindo comunicación á valedora do pobo, rúa do Hórreo, nº 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2023

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do pobo

ANEXO I

Convocatoria de bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica
para a formación práctica no Valedor do Pobo

DATOS PERSOAIS:

Nome:

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

DNI:

Data nacemento:

Nacionalidade:

Enderezo:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

Correo electrónico:

MANIFESTA:

• Que reúne todos os requisitos exixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

• Que reúne os méritos que indica a continuación, respecto dos cales se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.

DECLARACIÓN RESPONSABLE:

Fai declaración responsable:

• De non ter bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no último ano.

DOCUMENTACIÓN que achegará xunto coa solicitude:

• Certificado oficial de discapacidade.

• Certificado do Celga 4.

Polo exposto, SOLICITA concorrer ao presente procedemento.

…………..........................……, … de .....................… de 2023

Sinatura da persoa solicitante.

(Sinatura)

Valedor do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, 15700 Santiago de Compostela, A Coruña)

ANEXO II

TITULACIÓNS (márquese cun X o que proceda)

Formación profesional básica

 

Formación profesional de grao medio

 

O certificado de profesionalidade será asimilado a formación profesional de grao medio

 

Formación profesional de grao superior

 

Título universitario superior

 

Título de formación profesional ou universitario das ramas administrativa, sociolóxica ou xurídica

 

DEMANDANTE DE EMPREGO (márquese cun X o que proceda)

Durante un (1) ano ou máis, ininterrompidamente, desde a data de publicación da convocatoria

 

INSCRICIÓN OU PARTICIPACIÓN EN ENTIDADE, ASOCIACIÓN OU FUNDACIÓN (de defensa dos dereitos e/ou atención ás persoas con discapacidade psíquica)

 

RELACIÓN DE CURSOS E PRÁCTICAS LABORAIS

Cursos ou prácticas (denominación)

Organismo ou entidade

Duración (horas, meses, anos ou curso escolar)