DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 27 de outubro de 2023 Páx. 58922

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 19 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia (código de procedemento MR711B).

No artigo 3 da Orde do 9 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia, procedemento MR711B (DOG núm. 80, do 27 de abril de 2022), regúlanse os períodos habilitados de presentación de solicitudes para o dito procedemento do seguinte xeito: «Establécense dous períodos anuais para a presentación das solicitudes. O primeiro comezará o día 1 de maio e o segundo comezará o día 1 de novembro. Ambos os períodos terán unha duración de 15 días hábiles (artigo 54.3 da Lei 11/2021). Fóra destes prazos, as solicitudes inadmitiranse por extemporáneas».

Dado que segundo esta redacción ambos os períodos comezan en día inhábil, en prol dunha mellor claridade e seguridade xurídica, debe modificarse ese artigo da orde para indicar que o prazo para presentar as solicitudes comezará o primeiro día hábil de cada un dos períodos habilitados.

En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 3 da Orde do 9 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia (código de procedemento MR711B)

O artigo 3 da Orde do 9 de abril de 2022 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento de predios rústicos incorporados ao Banco de Terras de Galicia no estado de dispoñible en concorrencia, código de procedemento MR711B (DOG núm. 80, do 27 de abril), pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 3. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes. Prazo de resolución

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do anexo I, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou desde a páxina web do Banco de Terras de Galicia (https://sitegal.xunta.gal/sitegal).

A presentación electrónica será obrigatoria para:

As administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Establécense dous períodos anuais para a presentación das solicitudes. O primeiro comezará o primeiro día hábil do mes de maio de cada ano e o segundo comezará o primeiro día hábil do mes de novembro de cada ano. Ambos os períodos terán unha duración de 15 días hábiles (artigo 54.3 da Lei 11/2021). Fóra destes prazos, as solicitudes inadmitiranse por extemporáneas.

Non será necesario que se dite un acordo de iniciación expreso para cada un dos prazos e considérase como data do acordo de iniciación o primeiro día hábil do mes de cada un dos períodos anuais para a presentación das solicitudes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

O prazo para ditar resolución expresa sobre a solicitude de concesión do arrendamento e para notificala será de cinco (5) meses, contados desde o día seguinte ao acordo de iniciación. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural