DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 60133

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 13 de outubro de 2023, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Campo da Gonza, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Froxais, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Campo da Gonza, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) Froxais, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 23.9.2022, a CMMVVMC de Froxais presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2338472) de revisión de esbozo do MVMC Campo da Gonza, no concello de Viana do Bolo.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 27 de agosto de 2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 26 de xaneiro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Porén, na estrema co MVMC Dehesa da Chanca encóntrase actualmente en trámite un procedemento de deslindamento.

A superficie provisional do MVMC Campo da Gonza, unha vez revisado o esbozo, sería de 95,58 ha fronte ás 121 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 21,0 %. Porén, tendo en conta a proposta concorrente de deslindamento co MVMC Dehesa da Chanca, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 101,93 ha, co que a redución pasaría a ser do 15,6 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Dehesa da Chanca, de xeito que o perímetro quedaría revisado nas estremas con particulares.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustáranse e completáranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de xaneiro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 17 de abril de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do monte veciñal en man común Campo da Gonza, pertencente á CMVMC de Froxais, no concello de Viana do Bolo.

Ourense, 16 de outubro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense