DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 30 de outubro de 2023 Páx. 59161

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 18 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508D).

BDNS (Identif.): 723253.

De conformidade co prev isto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Establecer a regulación do procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria coa finalidade de recoñecer publicamente o labor daquelas persoas físicas e xurídicas que, de xeito cotián, desenvolvan programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade Autónoma de Galicia, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2023.

Segundo. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 18 de outubro de 2023 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2023 e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508D).

Terceiro. Modalidades e persoas destinatarias

Os Premios Galicia de Acción Voluntaria terán as seguintes modalidades:

a) Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa Comunidade Autónoma.

Cuarto. Premios

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade.

Quinto. Orzamento

Para o financiamento destes premios destinarase un crédito de 4.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.480.0, para os premios das persoas físicas na modalidade individual, e un crédito de 8.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.312F.481.0, para entidades de acción voluntaria da modalidade colectiva e de proxectos, consignadas na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Sexto. Outros datos

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude