DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60796

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de outubro de 2023, polo que se aproba definitivamente o proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA), para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e se aproban as modificacións do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña no ámbito afectado pola actuación do proxecto de interese autonómico.

Antecedentes:

Con data do 1 de febreiro de 2021 asínase o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello da Coruña que establece as bases para a execución das obras do novo hospital do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

O 18 de febreiro de 2022 publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 10 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 29 de decembro de 2021, polo que se declara o interese autonómico do proxecto denominado Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), situado no concello da Coruña.

Así mesmo, a dita resolución determina como órgano competente por razón de materia a Consellería de Sanidade e informa de que, de acordo coa encomenda do conselleiro de Sanidade, de 7 de marzo de 2021, o organismo tramitador do expediente será a Axencia Galega de Infraestruturas.

De conformidade co previsto no artigo 32 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, en relación co artigo 60.2.c) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, indícase que mediante o Anuncio do 11 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, se fai público o informe ambiental estratéxico do proxecto de interese autonómico referenciado, publicado no DOG núm. 205, do 27 de outubro de 2022. O dito informe pode consultarse na seguinte ligazón da internet:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave introducindo el código 2527/2022.

En cumprimento do disposto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, faise pública a aprobación definitiva do proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA) e das modificacións do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) da Coruña no ámbito afectado polo dito proxecto, mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de outubro de 2023, cuxa parte dispositiva ten o seguinte teor literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA), para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (LOTG), e tamén as modificacións do PXOM da Coruña incluídas nel.

O PIA comprende dous ámbitos (enclaves) de actuación principais onde se establecen as determinacións de aplicación directa: Curramontes e Pedralonga, tamén outros ámbitos onde o PIA establece outro tipo de determinacións, con base nas definidas no artigo 20 da LOTG, consonte o seguinte esquema:

Ámbitos das determinacións de aplicación directa:

• Ámbito de Curramontes e ámbito de Pedralonga.

Ámbitos das determinacións vinculantes:

• Ámbito da API S35 Ría do Burgo e ámbito da API R31 Parque de Eirís.

Ámbitos das determinacións orientativas:

• Ámbito de Curramontes e ámbitos de Monelos-Eirís.

2. Aprobar as modificacións do PXOM da Coruña no ámbito afectado pola actuación do proxecto de interese autonómico.

3. Declarar, para os efectos da expropiación forzosa, a utilidade pública e interese social, e a necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos afectados, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes das parcelas que sexan necesarias para a execución do PIA.

4. Declarar a prevalencia dos usos previstos no proxecto de interese autonómico sobre calquera outro uso posible do solo incluído no seu ámbito.

5. Os proxectos de urbanización de carácter público serán autorizados pola Consellería de Sanidade, logo de audiencia do Concello da Coruña.

6. As obras e as instalacións públicas definidas detalladamente serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal».

O contido íntegro do documento, inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia o 19 de outubro de 2023, pode consultarse no seguinte enderezo electrónico:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, a documentación íntegra do proxecto estará dispoñible na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/novo-chuac

En virtude do previsto no artigo 60 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, fanse públicas, como anexo a esta resolución, as disposicións normativas do dito proxecto de interese autonómico.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular un recurso de reposición, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración para a interposición do recurso de reposición, deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/ ante o conselleiro de Sanidade.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023

María Jesús Piñeiro Bello
Directora xeral de Recursos Económicos

ANEXO I

Disposicións normativas

Normativa do proxecto de interese autonómico

TÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e natureza do proxecto de interese autonómico

1. O obxecto deste proxecto de interese autonómico (en adiante, PIA), é planificar e proxectar a implantación do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) no lugar de Curramontes, no concello da Coruña.

Así mesmo, e para garantir o dereito de realoxamento dos ocupantes legais que se precisa desaloxar dos inmobles situados na área de actuación para a implantación da dita dotación pública, prevese un ámbito de solo urbanizable residencial no lugar de Pedralonga, no concello da Coruña.

2. Este PIA formúlase ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (en adiante, LOTG), como proxecto de interese autonómico non previsto en ningún plan sectorial.

3. De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, co fin de garantir a eficacia das determinacións recollidas no proxecto de interese autonómico, tramítase simultaneamente a modificación do planeamento urbanístico do concello da Coruña nos extremos estritamente afectados polas determinacións do proxecto de interese autonómico e para garantir a súa efectividade.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O ámbito de aplicación do PIA e das modificacións do PXOM da Coruña que se tramitan simultaneamente correspóndese coas poligonais expresadas no correspondente plano de ordenación PORD_PIA_00AMBITO.

2. Nos ámbitos de Curramontes e Pedralonga resultan inmediatamente aplicables as determinacións de aplicación directa previstas no PIA que, como determinacións de ordenación territorial, prevalecen sobre as previsións contrarias do planeamento urbanístico municipal. En todo caso, respecto destes ámbitos, modifícase simultaneamente o dito planeamento urbanístico, tal e como consta na documentación gráfica dos planos de modificación do PXOM e normativa modificada do PXOM.

A regulación normativa do POL S31 Curramontes-Canalejo seguirá a ser a prevista no PXOM da Coruña, coas determinacións modificadas na Ficha do polígono que se xunta no documento Normativa modificada do PXOM deste PIA.

3. O PIA inclúe determinacións vinculantes para o planeamento, que non teñen aplicación directa inmediata pero que resultan de obrigado cumprimento cando se proceda á súa elaboración, aprobación e modificación, nos ámbitos da API S35 Ría do Burgo e API R31 Parque de Eirís.

4. Nos ámbitos de Curramontes e Monelos-Eirís recóllense determinacións orientativas que constituirán criterios, directrices e guías de actuación de carácter non vinculante, informadores das pautas que se consideran adecuadas para a actuación territorial dos poderes públicos.

Artigo 3. Vixencia

Este PIA terá vixencia indefinida, sen prexuízo do sinalado nos artigos 49, 50 e 60 da LOTG.

Artigo 4. Réxime urbanístico aplicable

1. No ámbito de Curramontes, aplicarase o réxime do solo urbano consolidado e non consolidado, segundo expresa o plano de ordenación PORD_PIA_01DET_AD_01CL Réxime de clasificación do solo.

2. No ámbito residencial de Pedralonga aplicarase o réxime do solo urbano consolidado e urbanizable, segundo expresa o plano de ordenación PORD_PIA_01DET_AD_01CL Réxime de clasificación do solo.

Artigo 5. Desenvolvemento do PIA

1. O ámbito dotacional de Curramontes desenvolverase mediante proxectos de obras e edificación. A obtención do solo será por expropiación forzosa.

2. O sector residencial de Pedralonga desenvolverase mediante proxectos de edificación, tras a recepción das obras de urbanización definidas e proxectadas neste PIA.

A xestión do solo do sector será por expropiación forzosa.

3. Sen prexuízo da incorporación, entre a documentación do proxecto de interese autonómico, dos proxectos de urbanización e obra, calquera alteración ou evolución posterior dos ditos proxectos, tras a aprobación definitiva deste PIA, non implicará a necesidade da súa modificación senón que requirirá a tramitación de novos proxectos de urbanización ou edificación, de seren precisos, nos termos previstos nos artigos 48.5 e 48.6 da LOTG, que se deberán adecuar ás determinacións e normas urbanísticas aquí previstas.

Artigo 6. Alcance normativo dos documentos

1. O alcance normativo do PIA deriva do contido normativo dos documentos que o integran e, en particular, desta normativa e planos de ordenación de carácter urbanístico que dan soporte ás determinacións de aplicación directa.

2. A cartografía, nas súas diferentes escalas, constitúe a base gráfica sobre a cal se debuxou a planimetría e terá carácter de cartografía oficial, e o seu uso será obrigatorio para reflectir a localización e determinacións de calquera petición de licenza urbanística ou título habilitante.

Artigo 7. Relación co PXOM da Coruña

1. En todos os puntos non desenvolvidos neste PIA observarase ao disposto no Plan xeral de ordenación municipal da Coruña, no marco da normativa urbanística vixente.

2. As referencias aos usos e ás súas categorías nesta normativa son as definidas e reguladas no PXOM da Coruña, en concordancia e integración coas definicións establecidas no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

TÍTULO II

Cualificación do solo e usos previstos

CAPÍTULO I

Ámbito dotacional de Curramontes

Artigo 8. Sistema xeral e local de comunicación viaria

1. Cualifícanse de sistema de comunicación viaria, coa diferenza de sistema xeral e local, os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito de Curramontes.

2. No tocante á regulación do sistema xeral viario, observarase o disposto na lexislación autonómica de estradas.

3. No tocante á regulación do sistema local viario, observarase o disposto no artigo 5.2.8 do PXOM da Coruña.

Artigo 9. Sistema xeral de equipamento sanitario

1. Cualifícanse de sistema xeral de equipamento sanitario de titularidade pública os terreos así identificados nos planos de ordenación do PIA (SX-EQ-AS/QG-51), destinados a albergar as instalacións sanitarias e asistenciais existentes e previstas do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC).

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.6.1 do PXOM da Coruña, en consonancia e integración coa normativa sectorial en materia de sanidade.

3. No tocante á regulación das condicións da parcela e da edificación, observarase o disposto no título seguinte desta normativa.

Artigo 10. Equipamento privado

1. Cualifícase de equipamento de titularidade privada o ámbito así identificado nos planos de ordenación do PIA (código Dpv-EQ-AS), destinado a albergar unha gardaría (uso asistencial).

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.6.1 do PXOM da Coruña, en consonancia e integración coa normativa sectorial en materia de atención á infancia.

3. No tocante á regulación das condicións da parcela e da edificación, observarase o disposto no título seguinte desta normativa.

Artigo 11. Residencial vivenda unifamiliar

Cualifícase de residencial vivenda unifamiliar unha pequena porción de solo destinada a compensar a superficie expropiada a unha parcela edificada situada na rúa Inés de Ben. Identifícase no plano de ordenación PORD_PIA_01DET_AD_02USOS_01 mediante as siglas R-12. A súa regulación normativa remítese á ordenanza de zona residencial 12: edificación unifamiliar illada. O destino desta porción de solo é a agrupación coa parcela lindeira, conformando parcela única.

CAPÍTULO II

Ámbito residencial de Pedralonga

Artigo 12. Sistema local de comunicación viaria

1. Cualifícanse de sistema local de comunicación viaria os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito residencial de Pedralonga.

2. No tocante á súa regulación, observarase o disposto no artigo 5.2.8 do PXOM da Coruña.

3. Cumpriranse as condicións da rede viaria contidas no RLSG para os desenvolvementos urbanísticos e a exixencia de reserva de 34 prazas de aparcamento públicas e de 40 árbores vinculadas á vía, mesmo a determinación do establecemento dunha árbore por cada 3 prazas e o cumprimento xeral en materia de accesibilidade.

4. A vía de acceso restrinxido a vehículos para mantemento da parcela de equipamento paralelo á estrada AC-12 en ningún caso estará conectado a esta estrada. A urbanización manterá a barreira física existente (muro de cachotaría e noiro) como elemento físico que impida o transvasamento de vehículos entre ambas vías.

Artigo 13. Sistema local de equipamento público

1. Cualifícanse de sistema local de equipamento de titularidade pública os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito residencial de Pedralonga (código SL-EQ-DE). O uso será o de dotacional deportivo, segundo a definición establecida no artigo 71 do RLSG.

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.6.1 do PXOM da Coruña.

3. No tocante á regulación das condicións da parcela e da edificación, observarase o disposto no artigo 7.2.8 do PXOM da Coruña en consonancia e integración coa normativa sectorial de aplicación segundo o uso e destino final da dotación.

A edificación respectará un recuamento mínimo de 5,00 m con respecto á aliñación que dá fronte á estrada AC-12.

Artigo 14. Sistema local de espazos libres públicos

1. Cualifícanse de sistema local de espazos libres de titularidade pública os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito residencial de Pedralonga.

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.6.2 do PXOM da Coruña.

3. Cumpriranse as condicións das zonas verdes e espazos libres contidas no RLSG para os desenvolvementos urbanísticos e a exixencia de reserva de 30 árbores e o cumprimento xeral en materia de accesibilidade.

Artigo 15. Uso residencial

1. Cualifícanse de uso residencial, na tipoloxía de vivenda unifamiliar, os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito residencial de Pedralonga.

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.3, vivenda, categoría 1ª, do PXOM da Coruña.

3. No tocante á regulación das condicións da parcela e da edificación, observarase o disposto no título seguinte desta normativa.

Artigo 16. Uso comercial

1. Cualifícanse de uso comercial os terreos así identificados nos correspondentes planos de ordenación do PIA no ámbito residencial de Pedralonga.

2. No tocante á regulación do uso, observarase o disposto no artigo 5.2.5, clase comercial, categoría 1ª, do PXOM da Coruña.

3. No tocante á regulación das condicións da parcela e da edificación, observarase o disposto no título seguinte desta normativa.

TÍTULO III

Ordenanzas particulares da edificación

CAPÍTULO I

Ámbito dotacional de Curramontes

Artigo 17. Ordenanza SX-EQ-AS/QG-51. Sistema xeral de equipamento do CHUAC

1. Definición e ámbito.

Esta ordenanza regula as condicións da parcela e edificios de sistema xeral de equipamento onde se implantan as instalacións do Hospital Universitario da Coruña. O seu ámbito de aplicación é o cuarteirón que leva os códigos SX-EQ-AS e QG-51 nos planos de ordenación de zonificación e usos.

2. Tipoloxía característica.

Prevese unha tipoloxía edificatoria característica dos grandes equipamentos de alcance rexional. Pola súa envergadura, descomponse en varios volumes interconectados e adaptados á pendente do terreo.

3. Obras admitidas.

Admítese todo tipo de obras das descritas nos artigos 1.4.8 Obras nos edificios, 1.4.9 Obras de demolición e 1.4.10 Obras de nova edificación, do título I do PXOM da Coruña.

4. Condicións da parcela e da edificación.

a) Parcela mínima.

A parcela é única e coincidente co ámbito da ordenanza.

b) Ocupación máxima de parcela.

En plantas baixo rasante e mesmo en plantas sobre rasante admítese a ocupación total da parcela.

c) Aliñacións e rasantes.

Son as reflectidas nos planos de ordenación de zonificación e usos.

d) Recuamentos e distancia entre bloques.

Non se exixe o recuamento respecto ás aliñacións de vías.

Os diferentes bloques deixarán entre si a suficiente distancia para garantir a ventilación.

e) Altura máxima da edificación.

Enténdese por altura máxima a cota altimétrica máxima que non pode ser superada pola coroación da edificación. Esta altura máxima vén definida pola construción de tres planos, dous inclinados e outro horizontal, con base nas seguintes coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29) e as súas correspondentes elevacións. Os planos inclinados están xerados con base en dúas liñas ortogonais con directrices coincidentes coa directriz principal dos bloques do hospital e na directriz da gradación en sección transversal, tal e como se pode observar nas ilustracións.

Punto

Coordenada x

Coordenada Y

Elevación (m)

A

549380.0466

4799341.2159

136,90

B

549477.9956

4799319.5282

136,90

C

549497.3373

4799315.2456

122,10/131.10

D

549650.7458

4799281.2781

78,24

E

549619.7617

4799141.3437

78,24/87,24

F

549466.3533

4799175.3111

122,10/131,10

G

549575.9747

4798943.5870

87,24

H

549403.2332

4798981.8352

136,90

I

549305.2755

4799003.5248

136,90

A altura máxima unicamente pode ser superada por elementos de instalacións como chemineas, antenas, guindastres para limpeza, elementos de ventilación forzada, paneis solares, corpos edificados mínimos de saída ás azoteas e mesmo pola estrutura auxiliar do heliporto.

En todo caso, prestarase especial atención a non vulnerar as servidumes aeronáuticas do aeroporto da Coruña por parte de calquera elemento ou instalación, incluídos os elementos necesarios e provisionais que se van empregar durante o desenvolvemento das obras, como os guindastres de obra. Calquera aumento da altura ou colocación de instalacións tras a aprobación deste PIA requirirá a autorización do organismo competente de aviación civil e o cumprimento do estipulado no título V desta normativa.

f) Edificabilidade.

A necesaria para atender as necesidades da dotación, como resultado de aplicar a ocupación e a altura máxima.

g) Voos.

Os voos sobre o espazo público existentes na actualidade mantéñense dentro de ordenación, pero non se admiten novos voos sobre o espazo público nas edificacións de nova construción.

Os entrantes e saíntes da edificación, en canto que son dentro de aliñacións, non son obxecto de regulación urbanística.

h) Condicións estéticas.

A composición da edificación será libre, pero cun estándar de calidade que virá definido polos seguintes condicionantes:

• Os proxectos de edificación conterán, na súa memoria, unha epígrafe xustificativa da proposta arquitectónica, que debe ter en consideración as características do lugar (a topografía, as vistas sobre a ría, a orientación...). As propostas arquitectónicas serán libres e tratarán de buscar o diálogo cos elementos do medio urbano, físico e natural.

Xa que as edificacións hospitalarias exixen volumes desproporcionados e doutra escala diferente á das edificacións do contorno inmediato, procurarase descompoñer o volume dotacional en varios volumes co fin de procurar unha maior integración no medio urbano.

Con base nas alternativas tipolóxicas e de implantación analizadas no documento ambiental estratéxico, despréndese a necesidade de que a directriz principal dos volumes atope acomodo na pendente do chan, con corpos graduados e orientados ás vistas sobre a ría.

• Non se permitirán situacións de provisionalidade na execución da construción, polo que todos os paramentos e cubertas deberán quedar rematados e en condicións dignas de acabado.

• Prohíbese o emprego de materiais de acabado brillante, coa excepción do vidro, o cal se utilizará de xeito racional coa finalidade de iluminar, proporcionar vistas ao exterior e de contribuír ao equilibrio térmico da edificación. Prohíbese o vidro con acabado reflector ou de espello.

Admítense materiais tradicionais e contemporáneos ou industrializados, sempre que sexan de acabado non brillante ou que adquiran pátina sen brillo en pouco tempo.

As cores de acabado serán as dos propios materiais, no caso de materiais nobres como o formigón armado de boa factura e deseño, cobre, cinc, aceiro corten, pedra natural da zona, madeira, etc. No caso das superficies pintadas, ou de materiais elaborados industrialmente e con acabado en cor á carta, exíxese a adecuación á carta de cores da Guía de cor e materiais de Galicia, para a unidade Golfo Ártabro, Edificación construída desde 1960 ata a actualidade, U06.

En todo caso, admítese a cor branca como cor de acabado.

i) Espazos libres non ocupados pola edificación.

Os espazos da parcela non ocupados pola edificación estarán debidamente acondicionados. O destino dos terreos non ocupados pola edificación ou instalacións sobre rasante será:

• Espazos de acceso ao edificio, xa sexa para acceso de vehículos ou persoas, con percorridos peonís ou espazos pavimentados de estancia, calzadas, paradas de taxi e bus ou aparcadoiro.

Establécese a obriga de realizar itinerarios accesibles nos espazos exteriores de uso público no caso de que o itinerario peonil que discorre polo sistema viario non cumpra por mor da pendente. Seguiranse as indicacións expresadas no estudo de avaliación da mobilidade (anexo 1 á memoria descritiva).

• Zonas axardinadas.

Nas zonas axardinadas deberase plantar arboredo autóctono adaptado ao dominio bioclimático, de porte medio ou grande, co obxecto de procurar unha mellor integración do edificio e de crear espazo urbano de máis calidade.

Prohíbese expresamente a plantación de especies que figuren nos catálogos nacionais ou autonómicos de especies exóticas invasoras, e a Administración titular deberá velar polo control e a erradicación das especies invasoras dentro da propiedade.

5. Condicións dos usos.

a) Usos característicos.

O uso característico é o dotacional de equipamento sanitario.

b) Usos asociados.

Admitiranse usos asociados vinculados a calquera uso que se poida implantar nas edificacións.

c) Usos compatibles.

Complementarios:

Todos aqueles necesarios para o correcto funcionamento do uso característico.

Alternativos:

Dentro do uso dotacional de equipamento, poderase cambiar a categoría consonte o procedemento de cambio de uso dotacional previsto no artigo 42.5 da LSG.

d) Usos prohibidos.

O resto de usos.

6. Dotación de aparcadoiro.

Establécese a obriga de dotar o interior da parcela cun mínimo de 1.100 prazas públicas. Situaranse nas plantas soto da edificación.

As prazas terán unha dimensión mínima entre eixes de 2,50 × 5,00 m. Admítese unha redución puntual por invasión de elementos construtivos, sempre que se poida inscribir un rectángulo libre de obstáculos de 2,30 × 4,50 m.

As prazas para persoas con mobilidade reducida (PMR) cumprirán as dimensións exixidas pola normativa de accesibilidade e supresión de barreiras.

Artigo 18. Ordenanza dotacional privada, equipamiento asistencial

1. Definición e ámbito.

Esta ordenanza regula as condicións da parcela de equipamento privado destinada a construír unha gardaría. O seu ámbito de aplicación é o cuarteirón que leva o código Dpv-EQ-AS (Ob) nos planos de ordenación de zonificación e usos.

2. Tipoloxía característica.

Contémplase unicamente a tipoloxía de edificación illada na parcela.

3. Obras admitidas.

Admítese todo tipo de obras das descritas nos artigos 1.4.8 Obras nos edificios, 1.4.9 Obras de demolición e 1.4.10 Obras de nova edificación, do título I do PXOM da Coruña.

4. Condicións da parcela e da edificación.

a) Parcela mínima.

A parcela é única e coincidente co ámbito da ordenanza.

b) Ocupación máxima de parcela.

En planta baixo rasante poderase ocupar a totalidade da parcela. En plantas sobre rasante limítase a ocupación ao 70 % da superficie da parcela.

c) Aliñacións e rasantes.

Son as reflectidas nos planos de ordenación de zonificación e usos.

d) Recuamentos.

Establécese un recuamento da edificación de 2,00 metros respecto á aliñación e ao resto de lindes con outras parcelas ou zonas.

e) Altura da edificación.

A altura máxima da edificación será de dúas (2) plantas e 7,50 metros, medidos desde a rasante do terreo en calquera punto en contacto coa edificación.

Admítese unha planta de soto.

f) Edificabilidade.

A que resulte do cumprimento da ocupación máxima da parcela e a altura máxima, definida nos puntos anteriores.

g) Voos.

Non se admiten voos sobre o espazo público.

Os entrantes e saíntes da edificación, en canto que son dentro de aliñacións, non son obxecto de regulación urbanística.

h) Condicións estéticas.

A composición da edificación será libre, pero cun estándar de calidade que virá definido polos seguintes condicionantes:

• O proxecto de edificación conterá, na súa memoria, unha epígrafe xustificativa da proposta arquitectónica, que debe ter en consideración as características do lugar (a topografía, os accesos, a orientación...).

• Non se permitirán situacións de provisionalidade na execución da construción, polo que todos os paramentos e cubertas deberán quedar rematados e en condicións dignas de acabado.

• Prohíbese o emprego de materiais de acabado brillante, coa excepción do vidro, o cal se utilizará de xeito racional coa finalidade de iluminar, proporcionar vistas ao exterior e de contribuír ao equilibrio térmico da edificación. Prohíbese o vidro con acabado reflector ou de espello.

Admítense materiais tradicionais e contemporáneos ou industrializados, sempre que sexan de acabado non brillante ou que adquiran pátina sen brillo en pouco tempo. En todo caso, as fachadas de fábrica de bloque de formigón, bloque cerámico ou ladrillo deberán estar pintadas ou revestidas.

As cores de acabado serán as dos propios materiais, no caso de materiais nobres como o formigón armado de boa factura e deseño, cobre, cinc, aceiro corten, pedra natural da zona, madeira, etc. No caso das superficies pintadas, ou de materiais elaborados industrialmente e con acabado en cor á carta, exíxese a adecuación á carta de cores da Guía de cor e materiais de Galicia, para a unidade Golfo Ártabro, Edificación construída desde 1960 ata a actualidade, U06.

En todo caso, admítese a cor branca como cor de acabado.

i) Espazos libres non ocupados pola edificación.

Os espazos da parcela non ocupados pola edificación estarán debidamente acondicionados para o uso ao aire libre, e permitiranse a xardinaría e a horticultura con fins educativos, os percorridos e espazos de estancia pavimentados, o aparcadoiro de vehículos (ata un máximo de tres (3) prazas) e as instalacións recreativas ou xogos infantís.

No caso de plantación de arboredo, este será autóctono e adaptado ao dominio bioclimático.

Prohíbese expresamente a plantación de especies que figuren nos catálogos nacionais ou autonómicos de especies exóticas invasoras e o titular do equipamento deberá velar polo control e a erradicación das especies invasoras dentro da propiedade.

5. Condicións dos usos.

a) Usos característicos.

O uso característico é o dotacional de equipamento.

b) Usos asociados.

Admitiranse usos asociados vinculados ao uso dotacional.

c) Usos compatibles.

Complementarios:

• Garaxe-aparcadoiro, en categoría 1ª.

Alternativos:

• Non se permiten usos alternativos ao equipamento asistencial.

d) Usos prohibidos.

O resto de usos.

6. Dotación de aparcadoiro.

Non se exixe a dotación de aparcadoiro, pero permítese o uso do aparcadoiro segundo as posibilidades que outorga o uso garaxe-aparcadoiro en categoría 1ª. Sobre rasante e ao aire libre limítase a tres (3) prazas, pero sen limitación no caso de dispor as prazas dentro da edificación.

CAPÍTULO II

Ámbito residencial de Pedralonga

Artigo 19. Ordenanza R-1. Vivenda unifamiliar

1. Definición e ámbito.

Defínese esta ordenanza para a implantación de vivenda unifamiliar. O seu ámbito de aplicación son os cuarteiróns que levan o código R-1 nos planos de ordenación de zonificación e usos.

2. Tipoloxía característica.

Prevese unicamente a tipoloxía de vivenda unifamiliar illada na parcela. Establécense dúas subzonas en virtude do tamaño da parcela: R-1.1 e R-1.2.

3. Obras admitidas.

Admítese todo tipo de obras das descritas nos artigos 1.4.8 Obras nos edificios, 1.4.9 Obras de demolición e 1.4.10 Obras de nova edificación, do título I da normativa do PXOM da Coruña.

4. Condicións da parcela e da edificación.

a) Parcela mínima.

• Subzona 1 (R-1.1.): 400 m2.

• Subzona 2 (R-1.2.): 800 m2.

b) Ocupación máxima de parcela.

Será do 50 % da superficie da parcela, nas dúas subzonas, tanto baixo rasante como sobre rasante.

c) Aliñacións e rasantes.

Son as reflectidas nos planos de ordenación de zonificación e usos.

d) Recuamentos.

Establécese un recuamento da edificación de 5,00 metros con respecto á aliñación, e un recuamento de 3,00 metros con respecto ao resto de lindes con outras parcelas.

e) Fronte mínima.

12 metros.

f) Condición de forma.

A parcela terá unha forma o máis regular posible, con lindes rectos entre parcelas e, de ser posible, paralelos entre si.

g) Altura da edificación.

A altura máxima da edificación será de dúas (2) plantas e 7,50 metros, medidos desde a rasante do terreo en calquera punto en contacto coa edificación.

Nas parcelas que dan fronte á avenida de Pedralonga e Monserrat e á rúa Dr. Camilo Veiras, a edificación non poderá superar en altura a cota da rasante da vía a que dá fronte. Tomarase a rasante da beirarrúa no punto medio da fronte de cada parcela. Excepcionalmente, admítese que supere a dita altura a parte da vivenda necesaria para conformar un volume mínimo que resolva o acceso á vivenda e ao garaxe para as prazas requiridas, mesmo elementos puntuais como chemineas, e o resto da edificación situarase por baixo da dita cota de referencia.

h) Edificabilidade.

Establécese a edificabilidade para cuarteirón en termos absolutos e mediante coeficiente, segundo reflicten os planos de ordenación de zonificación e usos.

Para os efectos do cómputo da edificabilidade, observarase o disposto no artigo 41.4.a) da LSG.

i) Voos.

Non se admiten voos sobre o espazo público.

Os entrantes e saíntes da edificación, en canto que son dentro de aliñacións, non son obxecto de regulación urbanística.

j) Condicións estéticas

A composición da vivenda será libre, pero cun estándar de calidade que virá definido polos seguintes condicionantes:

• Os proxectos de edificación conterán, na súa memoria, unha epígrafe xustificativa da proposta arquitectónica, que debe ter en consideración as características do lugar (afección ao Camiño Inglés, a topografía, as vistas sobre a ría, a orientación...). As propostas arquitectónicas serán libres e non condicionadas por imaxes da arquitectura vernácula nin evocadoras doutros lugares ou culturas, e tratarán de buscar o diálogo cos elementos do medio urbano, físico e natural.

• Non se permitirán situacións de provisionalidade na execución da construción, polo que todos os paramentos e cubertas deberán quedar rematados e en condicións dignas de acabado.

• Dado que as parcelas residenciais se desenvolven en cotas inferiores ao perfil do Camiño Inglés a Santiago, deberá considerarse esta circunstancia. Neste sentido, prestarase atención ao deseño da cuberta, tendo en consideración que estas serán visibles desde a traza do camiño.

As vivendas situadas en parcelas que dan fronte á avenida de Pedralonga e Monserrat terán unha cuberta plana con acabado axardinado, de grava natural ou pavimentado.

• Prohíbese o emprego de materiais de acabado brillante, coa excepción do vidro, o cal se utilizará de xeito racional coa finalidade de iluminar, proporcionar vistas ao exterior e de contribuír ao equilibrio térmico da edificación. Prohíbese o vidro con acabado reflector ou de espello.

Admítense materiais tradicionais e contemporáneos ou industrializados, sempre que sexan de acabado non brillante ou que adquiran pátina sen brillo en pouco tempo. En todo caso, as fachadas de fábrica de bloque de formigón, bloque cerámico ou ladrillo deberán estar pintadas ou revestidas.

As cores de acabado serán as dos propios materiais, no caso de materiais nobres como o formigón armado de boa factura e deseño, cobre, cinc, aceiro corten, pedra natural da zona, madeira, etc. No caso das superficies pintadas, ou de materiais elaborados industrialmente e con acabado en cor á carta, exíxese a adecuación á carta de cores da Guía de cor e materiais de Galicia, para a unidade Golfo Ártabro, Edificación construída desde 1960 ata a actualidade, U06, R06 ou R07.

En todo caso, admítese a cor branca como cor de acabado.

k) Espazos libres non ocupados pola edificación.

Os espazos da parcela non ocupados pola edificación estarán debidamente acondicionados para o uso ao aire libre, e permitiranse a xardinaría e a horticultura, os percorridos e espazos de estancia pavimentados, o aparcadoiro de coches (ata un máximo de tres (3) prazas ao aire libre) e instalacións recreativas como canchas deportivas descubertas ou piscinas.

O 50 % da superficie non ocupada pola edificación deberá ser permeable, con tratamento de horta ou xardín. Deberase plantar arboredo autóctono adaptado ao dominio bioclimático, de porte medio ou grande, en proporción a unha árbore por cada 35 m2 ou fracción de solo correspondente ao 50 % da superficie non ocupada pola edificación. Esta condición deberá quedar claramente definida no proxecto, no epígrafe de urbanización e axardinamento da parcela.

Prohíbese expresamente a plantación de especies que figuren nos catálogos nacionais ou autonómicos de especies exóticas invasoras, e os propietarios deberán velar polo control e a erradicación das especies invasoras dentro da súa propiedade.

5. Condicións dos usos.

a) Usos característicos.

O uso característico é o residencial, vivenda unifamiliar en categoría 1ª.

b) Usos asociados.

Admitiranse usos asociados vinculados a calquera uso que se poida implantar nas edificacións.

c) Usos compatibles.

Complementarios:

• Industrial, clase industria xeral, en categoría 1ª (talleres domésticos) en situación de planta baixa e inferior á baixa.

• Industrial, clase servizos empresariais e I+D+I, en categorías 1ª, 2ª e 3ª.

• Terciario, clase comercial, en categoría 1ª, en situación de planta baixa e inferior á baixa.

• Terciario, clase oficinas, en categoría 1ª (despachos profesionais vinculados á vivenda) en situación de planta baixa e inferior á baixa.

• Terciario, clase hostaleiro, en calquera situación de planta baixa e inferior á baixa.

• Dotacional de equipamento, en situación de planta baixa e inferior á baixa.

• Garaxe-aparcadoiro, en categoría 1ª.

Alternativos:

• Non se permiten usos alternativos á vivenda.

d) Usos prohibidos.

O resto de usos.

6. Dotación de aparcadoiro.

Exíxese unha dotación mínima de aparcadoiro de dúas (2) prazas por vivenda.

7. Condicións dos peches de parcela.

Admítense parcelas sen peche. Nese caso, a parcela deberá estar marcada nos seus vértices con algún elemento fixo e puntual que a defina, e o linde diferenciado do espazo público mediante cambio de pavimento ou liña perimetral enrasada co chan.

Os peches poden ser macizos e opacos ata unha altura de 1,00 metro, de deseño libre, pero serán de aplicación as condicións estéticas e de materiais definidas no número 4, alínea j) deste artigo.

Por riba de 1,00 metro admítese ampliar o peche en altura ata os 2,00 metros mediante vexetación autóctona adaptada ao dominio bioclimático. Recoméndase ter en consideración a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, da Xunta de Galicia.

Os peches das parcelas que dan fronte á avenida de Pedralonga (Monserrat) non poden superar a altura de 1,00 metro en ningún caso.

8. Condicións particulares sobre a parcela edificada con anterioridade.

a) A ordenanza recoñece as edificacións legalmente construídas con anterioridade á entrada en vigor do proxecto de interese autonómico, polo que non estarán en situación de desconformidade co planeamento de aplicación, e permite sobre estas a realización de todo tipo de obras das previstas nos artigos 1.4.8, 1.4.9 e 1.4.10 do PXOM da Coruña, agás as obras de ampliación.

b) Para o caso de obras de substitución, a nova edificación axustarase ás condicións reguladas nesta ordenanza na variante R-1.2.

Artigo 20. Ordenanza C-1. Comercial

1. Definición e ámbito.

Esta ordenanza regula as condicións da parcela comercial habilitada para dar cumprimento ao artigo 78.5 do RLSG. O seu ámbito de aplicación é o cuarteirón que leva o código C-1 nos planos de ordenación de zonificación e usos.

2. Tipoloxía característica.

Prevese unicamente a tipoloxía de edificación illada na parcela.

3. Obras admitidas.

Admítese todo tipo de obras das descritas nos artigos 1.4.8 Obras nos edificios, 1.4.9 Obras de demolición e 1.4.10 Obras de nova edificación, do título I da normativa do PXOM da Coruña.

4. Condicións da parcela e da edificación.

a) Parcela mínima.

A parcela é única e coincidente co ámbito da ordenanza.

b) Ocupación máxima de parcela.

A que resulte de aplicar a edificabilidade máxima desenvolvida nunha planta.

c) Aliñacións e rasantes

Son as reflectidas nos planos de ordenación de zonificación e usos.

d) Recuamentos.

Non se exixe recuamento da edificación respecto á aliñación, pero establécese a obriga dun recuamento de 2,00 metros respecto ao linde coa zona residencial.

e) Altura da edificación.

A altura máxima da edificación será dunha (1) planta e 4,00 metros, medidos desde a rasante natural do terreo en calquera punto en contacto coa edificación.

f) Edificabilidade.

Máximo de 70 m2 de superficie edificable.

Para os efectos do cómputo da edificabilidade, observarase o disposto no artigo 41.4.a) da LSG.

g) Voos.

Non se admiten voos sobre o espazo público.

Os entrantes e saíntes da edificación, en canto que son dentro de aliñacións, non son obxecto de regulación urbanística.

h) Condicións estéticas.

A composición da edificación será libre, pero cun estándar de calidade que virá definido polos seguintes condicionantes:

• Os proxectos de edificación conterán, na súa memoria, unha epígrafe xustificativa da proposta arquitectónica, que debe ter en consideración as características do lugar (afección ao Camiño Inglés, a topografía, as vistas sobre a ría, a orientación...). A proposta arquitectónica será libre e tratará de buscar o diálogo cos elementos do medio urbano, físico e natural.

• Non se permitirán situacións de provisionalidade na execución da construción, polo que todos os paramentos e cubertas deberán quedar rematados e en condicións dignas de acabado.

• Prohíbese o emprego de materiais de acabado brillante, coa excepción do vidro, o cal se utilizará de xeito racional coa finalidade de iluminar, proporcionar vistas ao exterior e de contribuír ao equilibrio térmico da edificación. Prohíbese o vidro con acabado reflector ou de espello.

Admítense materiais tradicionais e contemporáneos ou industrializados, sempre que sexan de acabado non brillante ou que adquiran pátina sen brillo en pouco tempo. En todo caso, as fachadas de fábrica de bloque de formigón, bloque cerámico ou ladrillo, deberán estar pintadas ou revestidas.

As cores de acabado serán as dos propios materiais, no caso de materiais nobres como o formigón armado de boa factura e deseño, cobre, cinc, aceiro corten, pedra natural da zona, madeira, etc. No caso das superficies pintadas, ou de materiais elaborados industrialmente e con acabado en cor á carta, exíxese a adecuación á carta de cores da Guía de cor e materiais de Galicia, para a unidade Golfo Ártabro, Edificación construída desde 1960 ata a actualidade, U06, R06 e R07.

i) Espazos libres non ocupados pola edificación.

Os espazos da parcela non ocupados pola edificación estarán debidamente acondicionados para o uso ao aire libre, e permitiranse a xardinería, os percorridos e espazos de estancia pavimentados.

Prohíbese expresamente a plantación de especies que figuren nos catálogos nacionais ou autonómicos de especies exóticas invasoras, e os propietarios deberán velar polo control e a erradicación das especies invasoras dentro da súa propiedade.

5. Condicións dos usos.

a) Usos característicos.

O uso característico é o terciario, clase comercial, en categoría 1ª.

b) Usos asociados.

Admitiranse usos asociados vinculados a calquera uso que se poida implantar nas edificacións.

c) Usos compatibles.

Complementarios:

• Industrial, clase industria xeral, en categoría 1ª (talleres compatibles co uso comercial) en situación de planta baixa e inferior á baixa.

Alternativos:

• Non se permiten usos alternativos ao comercial.

d) Usos prohibidos.

O resto de usos.

6. Dotación de aparcadoiro.

Non se exixe dotación de aparcadoiro.

No caso de contemplar aparcadoiro na parcela, limítase a tres (3) prazas cando estas se sitúan ao aire libre.

TÍTULO IV

Protección do patrimonio histórico e cultural

Artigo 21. Afeccións aos bens do patrimonio histórico e cultural

1. As actuacións previstas neste PIA afectan os seguintes ben catalogados:

a) O ámbito do CHUAC e, en particular, o viaduto que dá acceso ao Hospital afecta, en condición de elemento voado sobre o Camiño das Xubias de Abaixo, o contorno de protección do ben catalogado no PXOM da Coruña 10.016. Pazo da Pasaxe.

b) O ámbito de Pedralonga e, en particular, o cuarteirón residencial C.1.2 afecta o contorno de protección do ben catalogado no PXOM da Coruña 10.020. Capela do Sanatorio Labaca.

c) O ámbito de Pedralonga e, en particular, os cuarteiróns residenciais C1.1, C1.2, C2.1, C2.2, C3.2 e C3.3, a zona verde ZV, a parcela de equipamento e a rúa de sistema local viario afectan a delimitación do Camiño Inglés a Santiago.

Unha pequena parte do sistema local viario, no seu encontro coa avenida de Pedralonga, afecta directamente a traza do Camiño Inglés.

A ampliación da beirarrúa na avenida de Pedralonga afecta tamén a traza do Camiño Inglés.

2. Segundo o disposto na Lei de patrimonio cultural de Galicia, calquera intervención que se vaia realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección, terá que ser autorizada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

3. As actuacións de urbanización previstas neste PIA en terreos afectados pola traza do Camiño Inglés e a súa delimitación (territorio histórico) cumprirán o disposto no artigo 44 da LPCG. Mesmo as obras de urbanización que nun futuro, e á marxe do previsto neste PIA, se poidan desenvolver na traza do Camiño, deberán ter en consideración o establecido no citado artigo e o establecido na Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago, publicada pola Xunta de Galicia.

Durante as obras non se interromperá o paso de peóns e adoptaranse as medidas necesarias para que se transite con seguridade.

TÍTULO V

Servidumes aeronáuticas

Artigo 22. Definición e limitacións

1. Introdución.

Os ámbitos do PIA están afectados polas servidumes aeronáuticas do Aeroporto da Coruña: de operacións de aeronaves e de aeródromos e instalacións radioeléctricas, segundo recollen os correspondentes planos de información e de ordenación (Plan director) de servidumes aeronáuticas.

Pero, en todo caso, aplicaranse as servidumes que, no momento de solicitude de licenza, se encontren vixentes, prevalecendo sempre as servidumes reflectidas nos planos ou documentos gráficos do Ministerio.

2. Disposicións en materia de servidumes aeronáuticas.

• As construcións e instalacións, mesmo calquera outra actuación que se recolla no ámbito do Proxecto de interese autonómico. Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) (AC/21/215.30.0), incluídos todos seus elementos (como antenas, pararraios, chemineas, equipamentos de aire acondicionado, caixas de ascensores, carteis, remates decorativos, etc.), mesmo calquera outro engadido sobre tales construcións e os medios mecánicos necesarios para a súa construción (guindastres), plantacións, modificacións do terreo ou obxectos fixos ou móbiles (postes, antenas, aeroxeradores, incluídas as súas pas, carteis, etc.), mesmo o gálibo das infraestruturas viarias, non poden vulnerar as servidumes aeronáuticas do Aeroporto da Coruña, que veñen representadas nos planos AD_06AERO_01 e AD_06AERO_02 de servidumes aeronáuticas do Proxecto de interese autonómico. Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) (AC/21/215.30.0), salvo que a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) emita informe vinculante, logo de consulta ao titular ou xestor da infraestrutura aeronáutica ou provedor dos servizos de navegación aérea, no cal se acredite que non se compromete nin a seguridade nin a regularidade das operacións das aeronaves, de acordo coas excepcións recollidas no Real decreto 369/2023.

• No caso de que as limitacións e os requisitos impostos polas servidumes aeronáuticas non permitan que se leven a cabo as construcións, instalacións ou plantacións previstas, non se xerará ningún tipo de dereito a indemnización por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, nin do titular ou xestor da infraestrutura aeronáutica ou provedor dos servizos de navegación aérea, salvo cando afecte dereitos xa patrimonializados.

• A execución de construcións, instalacións (postes, antenas, aeroxeradores incluídas as pas, medios necesarios para a construción (incluídos os guindastres de construción e similares) ou plantacións, requirirá acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 31 e 33 do Real decreto 369/2023, na súa actual redacción.

• No caso de contradición na propia normativa urbanística do PIA, ou entre a normativa urbanística e os planos de ordenación, prevalecerán as limitacións ou condicións impostas polas servidumes aeronáuticas sobre calquera outra disposición recollida no planeamento urbanístico.

3. Outras consideracións legais.

Segundo o artigo 14 do Real decreto 369/2023, a área afectada polas servidumes de aeródromo e as servidumes de instalacións radioeléctricas correspondentes ao Aeroporto da Coruña queda suxeita a unha servidume de limitación de actividades, en virtude da cal a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) poderá prohibir, limitar ou condicionar actividades que se localicen dentro dela e poidan supoñer un perigo para as operacións aéreas ou para o correcto funcionamento das instalacións radioeléctricas. A dita posibilidade estenderase aos usos do solo que faculten para a implantación o exercicio das ditas actividades, e abranguerá, entre outras:

a) As actividades que supoñan ou comporten a construción de obstáculos de tal índole que poidan provocar turbulencias.

b) As actividades que supoñan ou poidan comportar a construción de obstáculos de tal índole que poidan interferir na visual dos servizos de control do aeródromo.

c) O uso de luces, incluídos proxectores o emisores láser que poidan crear perigos ou inducir a confusión ou erro.

d) As actividades que impliquen o uso de superficies grandes e moi reflectoras que poidan dar lugar a cegamentos.

e) As actuacións que poidan estimular, atraer ou xerar a presenza de fauna.

f) As actividades ou a presenza de obxecto fixos ou móbiles que poidan interferir no funcionamento dos sistemas de comunicación, navegación e vixilancia aeronáuticas ou afectalos negativamente.

g) As actividades que faciliten ou comporten a implantación ou o funcionamento de instalacións que produzan fume, néboas ou calquera outro fenómeno que supoña un risco para as aeronaves.

h) O uso de medios de propulsión ou sustentación aéreos para a realización de actividades deportivas ou de calquera outra índole.

i) O lanzamento de fogos artificiais ou dispositivos de índole similar.

4. Establecemento de novos heliportos.

Dado que, conforme a epígrafe «Heliporto do HUAC» do número 5.4.6 «Servidumes aeronáuticas» do documento Memoria descritiva e xustificativa, é obxecto do Proxecto de interese autonómico. Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) (AC/21/215.30.0) a posta en servizo dun novo heliporto (o hospital conta cun heliporto na azotea do bloque D (véxase o número 5.3.4). A manobra de engalaxe e aproximación haberá que modificala para o tempo comprendido entre a construción dos novos bloques da ampliación e a posta en servizo de novo heliporto situado nun dos novos bloques), debe indicarse que este informe ao planeamento urbanístico non supón a aceptación da posible implantación de novas instalacións aeronáuticas, en particular heliportos, que requirirán as correspondentes autorizacións dos órganos competentes.

Polo tanto, a tramitación das distintas fases que desemboquen no efectivo funcionamento dos heliportos deben rexerse segundo o marco xurídico, procedementos e información que figuran na páxina web da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) (http:// www.seguridadaerea.es/) ou, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 9.2 da Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea, e o previsto no Real decreto 1189/2011, do 19 de agosto, que o desenvolve.

Tampouco se poderá operar en ningún heliporto que non dispoña do correspondente certificado de espazo aéreo.

5. Sobre as autorizacións en terreos con servidumes aeronáuticas.

A execución de construcións, instalacións (postes, antenas, aeroxeradores-incluídas as aspas-, medios necesarios para a construción (incluídos os guindastres de construción e similares) ou plantacións, requirirá acordo favorable previo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), conforme os artigos 31 e 33 do Real decreto 369/2023, circunstancia que se debe recoller nos documentos de planeamento.

Excepcionalmente, conforme o artigo 34 do Real decreto 369/2023, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) poderá autorizar actuacións naqueles casos en que, a pesar de constituír un obstáculo, por penetrar ou vulnerar as servidumes aeronáuticas, quede acreditado, ao xuízo do órgano competente, que non se compromete a seguridade nin queda afectada de modo significativo a regularidade das operacións de aeronaves. Do mesmo xeito, poderá autorizarse a construción de edificacións ou instalacións que estean apantalladas por outros obstáculos naturais ou artificiais xa existentes, segundo o establecido no artigo 7 do mencionado real decreto.

TÍTULO VI

Normas de protección no treito da estrada autonómica AC-12

Artigo 23. Condicións para o solo urbano

1. As condicións definidas neste título serán de aplicación aos terreos lindeiros coa estrada AC-12 no ámbito de Curramontes e no ámbito de Pedralonga, unha vez que o sector sexa urbanizado e adquira a condición de solo urbano (recepción das obras de urbanización).

2. Mentres o sector de Pedralonga non acade a condición de solo urbano, dun xeito transitorio, as condicións definidas nos artigos seguintes sobre condicións de parcelación e segregación, condicións de posición e condicións de acceso non serán de aplicación e rexeranse polo establecido, fóra dos treitos urbanos, na lexislación sectorial de estradas de Galicia.

Artigo 24. Condicións de parcelación e segregación

1. As parcelacións e segregacións de parcelas lindeiras coas estradas autonómicas están suxeitas ao deber de obter a correspondente autorización da Axencia Galega de Infraestruturas ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

2. O outorgamento da dita autorización será requisito previo para a obtención da correspondente licenza municipal de parcelación ou segregación, de ser o caso.

Artigo 25. Condicións de posición

1. Posición da edificación: as edificacións e outras construcións nas marxes das estradas autonómicas non se situarán máis próximas a estas que o recuamento da edificación sinalada nos planos de ordenación. Non se admitirán voos sobre as aliñacións de edificación que dan fronte ás estradas autonómicas.

2. Posición do peche: a posición dos peches de parcelas nas marxes das estradas de titularidade autonómica, segundo a súa tipoloxía, rexerase polas seguintes condicións:

a) Os peches completamente diáfanos, sobre piquetes sen cimentación de obra de fábrica, así como os peches diáfanos, con cimentación de obra de fábrica que non sobresaia máis de corenta centímetros (40 cm) en ningún punto da rasante do terreo, non se poderán situar máis próximos á estrada que a aliñación de vía grafada nos planos de ordenación.

b) O resto de peches non diáfanos ou de obra de fábrica non se poderán situar máis próximos á estrada que o recuamento da edificación.

Artigo 26. Condicións de acceso

1. Será requisito para o establecemento de accesos ás estradas autonómicas a obtención previa da autorización da Axencia Galega de Infraestruturas ou do órgano da Administración autonómica que asuma as súas funcións.

2. O outorgamento da dita autorización de acceso será requisito previo para a obtención da correspondente licenza municipal para realizar calquera tipo de edificación na parcela, agás no caso de que se dispoña dun acceso alternativo que non se realice a través da estrada autonómica.

TÍTULO VII

Protección fronte ao ruído da estrada AC-12

Artigo 27. Definición e obxectivos de calidade acústica

1. A lexislación de referencia en materia de ruído é a seguinte:

• Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

• Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

• Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas (modificado polo Real decreto 1038/2012, do 6 de xullo).

2. Este PIA toma como referencia de partida os mapas de ruído elaborados pola Administración do Estado: «Mapas estratéxicos de ruído das estradas da rede do Estado. 2ª fase. 2013». A dita información transcríbese ao Plano de información PINF_03PIA_05AFEC_03RUIDO deste PIA.

Obsérvase que os ditos mapas de ruído non incorporan graficamente a zona de servidume acústica, delimitada consonte a definición que establece o artigo 8 e seguintes do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

Consonte os artigos 5 e 13 do citado real decreto, este PIA elabora un plano de zonificación acústica do territorio en áreas acústicas en virtude do uso predominante previsto. Plano de ordenación PORD_PIA_01DET_AD_05ACUST.

Os obxectivos de calidade acústica son os definidos no artigo 14 do citado Real decreto 1367/2007, considerando que o ámbito de Curramontes se constitúe como área urbanizada existente e o sector de Pedralonga é unha área non urbanizada na data de entrada en vigor do dito real decreto.

Artigo 28. Determinacións para o cumprimento dos obxectivos de calidade acústica

1. A Administración actuante ou promotora da urbanización deberá ter en consideración as seguintes determinacións:

a) Realizarase un mapa e estudo de ruído detallado nos ámbitos de Curramontes e Pedralonga afectados pola estrada AC-12, que incorpore a correspondente zona de servidume acústica para un escenario previsible no cal se consideren as medidas necesarias de atenuación de ruído.

b) Realizaranse as medidas necesarias para que se cumpran os obxectivos de calidade acústica segundo a zonificación acústica establecida neste PIA. Entre elas, a título indicativo, consideraranse as opcións de redución da velocidade no treito, alteración do terreo nas zonas lindeiras á estrada ou a colocación de paneis ou barreiras acústicas.

2. No sector de Pedralonga, establécese como requisito previo ao outorgamento da licenza municipal das vivendas a realización do estudo sinalado nos parágrafos anteriores que permita dar cumprimento aos obxectivos de calidade acústica.

3. Os titulares dos terreos darán cumprimento aos obxectivos de calidade acústica no espazo interior dos edificios con base nas exixencias definidas nos artigos 16 e 17 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente a zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas.

TÍTULO VIII

Vinculación co documento ambiental estratéxico

Artigo 29. Medidas para a sustentabilidade. Medidas de seguimento ambiental

Incorpóranse a esta normativa as medidas de sustentabilidade e as medidas de seguimento contidas no documento ambiental estratéxico que forma parte da documentación deste PIA.

ANEXO II

Disposicións normativas

Normativa modificada do PXOM

Artigo único

Esta normativa regula as modificacións do PXOM que incorpora o PIA do «Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña» e que se tramitan simultaneamente ao trámite do PIA.

A aprobación definitiva do PIA e súa entrada en vigor ten un alcance extensivo ás modificacións do PXOM da Coruña que se inclúen no PIA.

As modificacións son as seguintes, coa expresión gráfica que conteñen os planos de ordenación PORD_PXOM_:

• Polígonos POL S32.1 e POL S32.3. Eliminación.

• Actuación asistemática dotacional EL-8/QG. Eliminación.

• Cuarteirón dotacional QG-51. Ampliación.

• Cuarteiróns zonais 5.2 na rúa Castaño de Eirís. Eliminación.

• Ámbito da API R31 Parque de Eirís.

• Polígono POL S31 Curramontes-Canalejo. Modificación da súa ordenación pormenorizada.

• Cuarteirón zonal 4.4 e 5.2 en Lamadosa. Modificación de aliñación.

• Cuarteirón zonal 5.2 na avenida da Pasaxe (AC-12). Modificación de aliñación.

• Cuarteirón dotacional na rúa Dr. Camilo Veiras. Axuste da clasificación e cualificación do solo.

• Cuarteirón zonal 1(6) na avenida de Pedralonga. Axuste da clasificación e cualificación do solo e aliñación.

• SUD-4 Monte Mero. Modificación do seu ámbito e actualización da súa ficha de ordenación.

O contido do modificado é o explicado e xustificado na memoria descritiva do PIA, e as determinacións quedan suficientemente documentadas nos correspondentes planos de ordenación de modificación do PXOM.

Para as modificacións que afectan os ámbitos:

• Ámbito do polígono POL S31 Curramontes-Canalejo (APARCISA).

• Ámbito do SUD-4 Monte Mero.

Incorpóranse a seguir as fichas correspondentes de ordenación, na súa versión modificada.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file