DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2023 Páx. 60611

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas en relación coas actuacións de licitación e adxudicación dos contratos referidos á execución das obras de mellora da envolvente térmica e mellora enerxética do edificio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas en relación coas actuacións de licitación e adxudicación dos contratos referidos á execución das obras de mellora da envolvente térmica e mellora enerxética do edificio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da rúa San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que ten as seguintes características:

– Obxecto: realización das seguintes actuacións referidas á execución das obras de mellora da envolvente térmica e mellora enerxética no edificio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela:

• A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación dos contratos de obra relativos a esta actuación sexan solicitados polo órgano encomendante.

• A redacción dos pregos de prescricións técnicas particulares, a emisión dos informes técnicos que sexan precisos en relación co procedemento de adxudicación dos contratos accesorios relativos a esta actuación e que sexan solicitados polo órgano encomendante, así como a realización da dirección de execución dos servizos complementarios correspondentes a esta obra.

Os correspondentes documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao ser a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: a presente encomenda estará vinculada á execución do contrato das obras referidas e finalizará, en todo caso, antes do antes do 31 de decembro de 2025.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se van prestar en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

María Pilar Arias Graña
Secretaria xeral técnica da Consellería de
Infraestruturas e Mobilidade