DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2023 Páx. 61354

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2023, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de facultativos, especialidade educador/a social, pola que se fan públicos diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 30 de outubro de 2023 o tribunal nomeado pola Resolución do 17 de xullo de 2023 para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de facultativos, especialidade educador/a social (DOG núm. 141, do 24 de xullo de 2023),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, en sesión que tivo lugar o 28 de outubro de 2023, logo de revisar as reclamacións presentadas, anular as preguntas 15, 21, 24, 32, 51, 82, 104, 126 e 129. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas número 141, 142, 143, 144, 145, 146, 147, 148 e 149. Modifícase a resposta da pregunta 26 pola C. As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Para estes efectos, de acordo co disposto na citada base, con corrección de erros publicada o 31 de marzo de 2023 (DOG núm. 64, do 31 de marzo), mediante a Resolución deste tribunal do 27 de setembro de 2023 deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen que superarán o exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (despois de feitos os descontos correspondentes) ou, subsidiariamente, un mínimo do 40 % das respostas correctas, en cada unha das partes, despois de feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

O criterio expresado de obtención dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido á primeira parte de contido teórico (30 preguntas) e á segunda parte de contido teórico e práctico (110 preguntas), sen que sexa posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

Asignarase a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Realizada a corrección dos exames en sesión do 30 de outubro de 2023 de acordo coas normas e criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 20 persoas aspirantes e fixouse en 79,50 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación FIDES (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023

Laura Fuentes López
Presidenta do tribunal