DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62126

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter definitivo, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante as resolucións do 14 e do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.

Mediante a Resolución do 16 de xuño de 2023 (DOG núm. 124, do 30 de xuño) declaráronse, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Logo de finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta das resolucións de convocatoria, e de conformidade co disposto na citada base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso nas seguintes categorías:

Persoal facultativo:

Facultativo/a especialista de área nas especialidades de Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Uroloxía e Xeriatría; médico/a asistencial 061, médico/a coordinador/a 061, médico/a de admisión e documentación clínica e odontólogo/a de atención primaria.

Persoal sanitario non facultativo:

Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en hixiene bucodental e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.

Persoal de xestión e servizos:

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, grupo auxiliar da función administrativa e celador/a.

Na categoría de celador/a inclúense, ademais, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, na quenda de discapacidade intelectual.

Segundo. A lista coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega poderá examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sexta das resolucións de convocatoria, o feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión de todos os requisitos exixidos no procedemento que se convoca.

En aplicación da dita base, indícase que aquel/a aspirante da categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria que obtivese a especialidade pola vía excepcional (convocatorias do ano 2021 ou 2022) e resultase admitido/a neste proceso por figurar como apto/a nas resolucións da Secretaría Xeral de Universidades pola que se aproba a relación definitiva de resultados da proba obxectiva correspondente ao acceso ao título de especialista en enfermaría familiar e comunitaria, no caso de superar o proceso, deberá acreditar documentalmente estar en posesión do título que habilita para o acceso á categoría. Para estes efectos, ditarase a correspondente resolución en que se habilitará o prazo para achegar a documentación.

Cando da documentación que se debe presentar, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

Cuarto. De conformidade coa base 6.3 das resolucións do 14 e do 15 de decembro de 2022 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), de convocatoria dos procesos selectivos, contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 8.2 e 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos