DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62222

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2023, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, de clave PO/21/195.06, no concello de Vilagarcía de Arousa.

O artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal segundo a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 27 de abril de 2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou a aprobación do proxecto de construción de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, de clave PO/21/195.06, no concello de Vilagarcía de Arousa, publicado no Diario Oficial de Galicia, do 11 de maio de 2023 (DOG núm. 90). A aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego comporta tamén a declaración de utilidade pública, polo que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta obra, atendendo ao disposto no artigo 22 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a continuación, co fin de realizar o levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Lugar: salón de plenos do Concello.

Data: 12 de decembro de 2023, das 10.00 ás 13.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no Concello de Vilagarcía de Arousa e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra (avda. María Victoria Moreno, nº 43, 1º, 36003 Pontevedra), e publicarase no seguinte enlace da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0339.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria ás persoas interesadas no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir as persoas titulares afectadas persoalmente ou ben representadas pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, que achegarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira: xustificante de pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Termo municipal de Vilagarcía de Arousa.

Lugar: salón de plenos do Concello.

Data: 30 de xaneiro de 2024, das 10.00 ás 13.00 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, e advírteselles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado. Non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión no caso de figurar o terreo a nome de herdeiros. A identificación efectuarase co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos derivados dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención vixentes nas datas de realización dos actos convocados no presente anuncio.

Pontevedra, 20 de outubro de 2023

Manuel Ángel González Juanatey
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra