DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2023 Páx. 62093

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2023 de delegación de competencias.

A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU), asígnalles aos reitores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios. Así mesmo, os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante o Decreto 13/2019, de 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), desenvolven especificamente, no seu artigo 29, as competencias do reitor.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo comporta unha concentración de funcións na persoa do seu reitor que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite axilizar os trámites administrativos necesarios, redundando en beneficio tanto do goberno e xestión da Universidade de Vigo coma da propia comunidade que a integra, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, este reitor decide ditar a seguinte resolución de delegación de competencias, que queda redactada nos termos seguintes:

I. Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación as seguintes competencias:

a) O deseño e a implantación de políticas que fomenten a investigación de excelencia e a súa transferencia ao tecido socioeconómico, así como a súa difusión á sociedade a través da Unidade de Cultura Científica en colaboración coa Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

b) A promoción, avaliación e recoñecemento das actividades de investigación e de transferencia de coñecemento en todos os ámbitos da Universidade de Vigo.

c) As relacionadas coas diferentes convocatorias de axudas e de bolsas de investigación e de transferencia.

d) As relativas á Biblioteca Universitaria e ao Servizo de Publicacións.

e) As de realización de propostas de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos de investigación.

f) As correspondentes aos grupos de investigación, institutos universitarios e centros de investigación.

g) A proposta, formalización e contratación de proxectos de investigación e transferencia, tanto no ámbito nacional coma internacional.

h) As referentes ás convocatorias de contratación de persoal investigador e á sinatura dos contratos do persoal de investigación recollidos na normativa de contratación do persoal investigador e de apoio á investigación da Universidade de Vigo, no marco da normativa laboral e orzamentaria da Universidade de Vigo.

i) As relacionadas con contratos, informes e cursos do artigo 60 da LOSU.

j) As referentes á transferencia de coñecemento e á valorización, protección e explotación de resultados.

k) As correspondentes, en materia de I+D, á Oficina de Proxectos Internacionais e as relacións con outros centros de I+D.

l) As relacionadas cos parques tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, en coordinación, de ser o caso, coas vicerreitorías de Campus de Ourense e de Pontevedra.

m) As relacionadas coa potenciación de plans de formación para empresas, institucións e profesionais.

n) As relacionadas coas cátedras de empresa da Universidade, así como as relacións co contorno económico-empresarial, en coordinación coas vicerreitorías do Campus de Ourense e de Pontevedra.

o) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus do Mar e Campus Vigo Tecnolóxico, ademais das relativas aos campus de especialización Auga en Ourense e Crea en Pontevedra, en coordinación coas vicerreitorías do Campus de Ourense e de Pontevedra dentro do marco das políticas xerais que a Universidade defina para os seus campus de especialización.

p) As relacionadas coa captación de recursos externos.

q) As referidas á convocatoria de axudas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

II. Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade as seguintes competencias:

a) As relativas á programación, supervisión e execución das novas infraestruturas, así como a reforma, remodelación, adaptación ou reparación das xa existentes, en coordinación coa Xerencia.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

c) As relacionadas con plans, proxectos e programas estratéxicos institucionais.

d) As correspondentes á solicitude e á contratación de proxectos, infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional.

e) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes.

f) As relativas á posta en marcha de programas de sustentabilidade enerxética e ambiental.

g) As relativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións e aos seus servizos.

h) A definición, execución e supervisión da política de prevención de riscos laborais.

i) A planificación e a coordinación das actividades de implantación e desenvolvemento da administración electrónica, de acordo coa Secretaría Xeral.

j) As relacionadas coa Fundación Universidade de Vigo (Fuvi).

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

III. Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais as seguintes competencias:

a) As referidas á xestión, mantemento e seguimento da identidade corporativa da Universidade e á xestión da comunicación interna e externa.

b) As relacións, en representación do reitor, coas institucións, organismos e empresas de carácter público e privado, no ámbito da comunicación e publicidade, así como a sinatura de todo tipo de convenios e protocolos relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

c) As relacionadas coa comunicación nos ámbitos da orientación e fomento do emprego e das iniciativas empresariais.

d) As relacionadas coa comunicación relativa ás actividades docentes, en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.

e) As relacionadas coa comunicación relativa ás actividades de I+D+i, en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

f) As relacionadas con institucións, incluída a sinatura de acordos de colaboración en todas as materias obxecto desta delegación.

g) As relacionadas co patrimonio inmaterial.

h) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

IV. Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica as seguintes competencias:

a) As de elaboración do cadro teórico de persoal docente e investigador e a súa regulación e planificación a curto, medio e longo prazo, e a elaboración da proposta anual de masa salarial do dito persoal.

b) As de elaboración e de modificación dos plans de organización docente e do cadro de persoal docente.

c) As relativas aos concursos de profesorado.

d) A aprobación das listaxes provisionais e definitivas de admitidos e excluídos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

e) As referentes aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

f) Todos os actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación e compatibilidades, así como a comunicación do recoñecemento dos complementos retributivos autonómicos.

g) Asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PDI laboral e do PDI funcionario.

h) As referentes á ordenación de estruturas académicas, áreas de coñecemento, departamentos e centros, no relativo á súa actividade docente, en coordinación coa Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente.

i) Dirixir a negociación colectiva, asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución en materia de persoal docente e investigador.

j) As relacionadas coa tramitación e resolución de procedementos que teñan relación coas competencias obxecto de delegación.

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

V. Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Titulacións e Innovación Docente as seguintes competencias:

a) A oferta de prazas (límite de prazas) e a oferta educativa anual (encargo de docencia).

b) A proposta de actualización ou modificación da normativa de xestión académica.

c) A planificación, coordinación e supervisión dos procesos de elaboración e reforma dos títulos oficiais de grao e máster.

d) As relacionadas coa tramitación e cos procedementos administrativos das ensinanzas oficiais da Universidade, así como a posta en marcha de novas titulacións.

e) As relacionadas con ensinanzas conducentes á obtención de diplomas ou títulos propios e outros cursos de formación.

f) As de coordinación dos programas, proxectos e accións de formación continua.

g) As relacionadas con programas, plans e accións de innovación educativa.

h) As de coordinación e control de centros adscritos á Universidade, en materia académica.

i) A organización, realización e seguimento do Programa de maiores.

j) A organización e a dirección da xestión da calidade na Universidade e os seus procesos asociados.

k) As referentes aos procesos de avaliación do profesorado.

l) As relacionadas coa tramitación e resolución de procedementos que teñan relación coas competencias obxecto de delegación.

m) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

VI. Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade as seguintes competencias:

a) A promoción e a difusión da oferta académica da Universidade.

b) As relativas á captación e ao acceso do alumnado da Universidade, en coordinación coa Vicerreitoría de Internacionalización cando se trate de alumnado estranxeiro.

c) As correspondentes ao aloxamento e ao transporte.

d) O recoñecemento de créditos ao estudantado pola realización de actividades universitarias complementarias, así como a convocatoria, xestión e recoñecemento de prácticas externas.

e) As relacionadas co recoñecemento, defensa e vixilancia dos dereitos e deberes do estudantado, incluídas as relativas á avaliación e á cualificación do alumnado.

f) A proposta e a xestión de actuacións para mellorar a formación transversal do estudantado.

g) A supervisión da execución dos procesos para conceder bolsas e axudas convocadas por outras institucións públicas ou privadas, incluída, se é o caso, a presidencia ou a representación da Universidade nos distintos órganos que se constitúan para a súa xestión.

h) As relacionadas co fomento do emprego e do emprendemento do estudantado.

i) O deseño, planificación e xestión dos programas de mobilidade e intercambio no marco do Estado.

j) As relativas ás relacións da Universidade cos seus graduados e graduadas.

k) A promoción, o impulso e a xestión do asociacionismo universitario.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

m) As referidas á convocatoria e concesión das bolsas de estudo propias destinadas a subvencionar as actividades académicas do alumnado da Universidade.

VII. Vicerreitoría de Extensión Universitaria.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Extensión Universitaria as seguintes competencias:

a) A proxección da Universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As de organización, fomento, realización e seguimento de actividades de extensión universitaria, así como de atención e información á comunidade universitaria.

c) As relativas a actividades de promoción cultural e mecenado.

d) As relativas á Área de Normalización Lingüística.

e) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

VIII. Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade as seguintes competencias:

a) As relativas á responsabilidade social e Axenda 2030, servizos sociais e participación.

b) A proposta e o desenvolvemento de plans para a atención á diversidade sexual e identidade de xénero e a inclusión das persoas con necesidades de apoio educativo na Universidade de Vigo.

c) A promoción, o estímulo e a dirección da xestión de actividades de acción solidaria, voluntariado e cooperación universitaria ao desenvolvemento.

d) A definición e a execución da política de acción social.

e) As relativas á transparencia e goberno aberto.

f) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

IX. Vicerreitoría de Internacionalización.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría de Internacionalización as seguintes competencias:

a) O fomento e o deseño das estratexias e políticas para as relacións internacionais e a cooperación internacional.

b) A representación institucional en foros e en eventos internacionais.

c) A sinatura de acordos, convenios e protocolos relacionados coa actividade internacional da Universidade de Vigo, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

d) O deseño, a planificación e a xestión dos programas internacionais de mobilidade e intercambio.

e) As relativas á captación e ao acceso do alumnado estranxeiro, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade.

f) A proposta, formalización e contratación de redes e proxectos internacionais de mobilidade de estudantes e persoal da Universidade (PDI, PTXAS).

g) A proposta, formalización e contratación de redes internacionais de cooperación.

h) As tarefas relacionadas coa participación na Universidade Europea ATHENA.

i) A posta en marcha de iniciativas relativas ás competencias lingüísticas do estudantado, e a do persoal da comunidade universitaria, agás as relativas á lingua galega.

j) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

X. Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría do Campus de Ourense as seguintes competencias:

a) As de proxección, coordinación e representación da Universidade no ámbito territorial do Campus de Ourense.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do Campus de Ourense.

c) As derivadas da descentralización administrativa no Campus de Ourense.

d) As relativas ao Campus de Ourense das áreas das outras vicerreitorías que se encontren descentralizadas.

e) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus Auga, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación, no marco das políticas xerais que a Universidade defina para os seus campus de especialización.

f) As relacións, en representación do reitor, coas institucións e coas empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e convenios relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

g) As relativas a empresas e a institucións, incluídas as cátedras de empresa (en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación) e os cursos complementarios, e a sinatura de convenios de colaboración e os de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

h) As relacionadas coas empresas de base tecnolóxica e os viveiros de empresas no ámbito de influencia do Campus de Ourense.

i) As relativas á tramitación de proxectos de investigación, tanto no ámbito nacional coma autonómico, así como contratos ao abeiro do artigo 60 da LOSU, no ámbito de influencia do Campus de Ourense, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

j) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus Auga, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

k) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do Campus Auga, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

l) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

XI. Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Deléganse na persoa que ocupe a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra as seguintes competencias:

a) As de proxección, coordinación e representación da Universidade no ámbito territorial do Campus de Pontevedra.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do Campus de Pontevedra.

c) As derivadas da descentralización administrativa no Campus de Pontevedra.

d) As relativas ao Campus de Pontevedra das áreas das outras vicerreitorías que se encontren descentralizadas.

e) As relacionadas coa planificación, coordinación e execución de políticas e accións relativas ao Campus Crea, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación, no marco das políticas xerais que a Universidade defina para os seus campus de especialización.

f) As relacións, en representación do reitor, coas institucións e coas empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e de convenios relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo reitor.

g) As relativas a empresas e a institucións, incluídas as cátedras de empresa (en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación) e os cursos complementarios, e a sinatura de convenios de colaboración e os de cooperación educativa en todas as materias obxecto desta delegación.

h) As relacionadas coas empresas de base tecnolóxica e os viveiros de empresas no ámbito de influencia do Campus de Pontevedra.

i) As correspondentes ás estruturas propias de investigación e centros propios de investigación referentes ao Campus Crea, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

j) As correspondentes ás relacións con axentes de investigación nacionais e internacionais e con outros centros de I+D+i no ámbito de especialización do Campus Crea, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación.

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os seus procedementos derivados.

XII. Secretaría Xeral.

Deléganse na persoa que ocupe a Secretaría Xeral as seguintes competencias:

a) A representación oficial da Universidade ante os poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

b) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, actuando de canle a Secretaría Xeral para a petición dos informes xurídicos que apoien a actuación dos órganos colexiados e unipersoais, agás a Xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.

c) O impulso, a dirección e a coordinación da revisión e da actualización normativa.

d) A organización e a dirección dos rexistros e dos arquivos da Universidade.

e) A organización e a dirección do Servizo de Información, que se encargará da resolución de solicitudes realizadas a partir do dereito de acceso á información pública.

f) O impulso e a avaliación das actividades de implantación e desenvolvemento da administración electrónica, de acordo coa Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade.

g) A proposta de calendario escolar.

h) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

i) A tramitación e a supervisión formal dos expedientes informativos e disciplinarios.

j) A supervisión formal dos expedientes de responsabilidade patrimonial.

k) A xestión de convenios con outras institucións.

l) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

m) A delegación da sinatura en resolucións reitorais polas cales se resolvan demandas de estudantes relacionadas coa súa actividade académica.

n) A organización e o control dos procesos electorais correspondentes aos órganos de goberno de carácter xeral.

o) A supervisión funcional das unidades administrativas correspondentes ás funcións antes descritas.

XIII. Xerencia.

Deléganse na persoa que ocupe a Xerencia os seguintes asuntos, ademais dos explicitamente recollidos na LOSU e nos estatutos:

a) A xestión dos ingresos e gastos da Universidade.

b) A ordenación dos pagamentos.

c) A sinatura de convenios relacionados coa xestión orzamentaria da Universidade e, de ser o caso, de contratos-programa.

d) A coordinación e xestión en materia económica, en particular de asuntos ou de iniciativas que teñan repercusión nas partidas de ingresos ou gastos orzamentarios.

e) A elaboración das liñas e directrices do orzamento anual da Universidade, así como a súa liquidación, a memoria económica e as contas anuais.

f) Respecto do persoal técnico de xestión e de administración e servizos (PTXAS): dirixir a negociación colectiva, asinar pactos e acordos e ditar resolucións e ordes de execución en todas as materias relativas ao PTXAS.

g) Análise do cadro de persoal do PTXAS, determinación das necesidades de persoal e realización da proposta de planificación de recursos humanos.

h) Dirixir e tramitar a provisión de postos de traballo, os procesos de selección e mobilidade do PTXAS.

i) Dirixir a xestión e asinar os contratos, os nomeamentos e os cesamentos do PTXAS.

j) Exercer a xefatura de persoal, dirixir a xestión e resolver os restantes procedementos da vida administrativa e laboral do persoal de administración e servizos, con exclusión da iniciación e resolución de procedementos disciplinarios e a imposición de sancións disciplinarias.

k) Elaborar a proposta do plan de formación do PTXAS.

l) Autorizar, dispor e contraer obrigas sobre os créditos de gasto da Universidade, con excepción do explicitamente atribuído para outros cargos administrativos nesta resolución.

m) Actuar como órgano de contratación da Universidade nos termos establecidos na normativa de contratación do sector público e na lexislación patrimonial, agás o explicitamente atribuído para outros cargos administrativos nesta resolución.

n) Elaborar o informe do impacto económico e orzamentario das medidas propostas polos órganos de goberno.

o) Dirixir e acordar os actos de trámite e de xestión común da actividade económico-orzamentaria que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

p) O mantemento das infraestruturas existentes e a xestión das reformas, melloras e ampliación das infraestruturas, en coordinación coa Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade.

q) Elevar ao reitor a proposta da estrutura da Xerencia e dos seus órganos de colaboración, así como a proposta de nomeamento das persoas titulares destes.

r) A ordenación dos recursos para a provisión das necesidades dos órganos de goberno en coordinación con eles.

s) Os acordos de publicación das resolucións, instrucións e disposicións relativas ao PTXAS, en particular as relativas aos procesos de selección e provisión, así como as de xestión económica e orzamentaria.

XIV. Delegación noutros cargos administrativos.

1. Delegación a favor da Dirección da Biblioteca.

Deléganse na persoa que ocupe a Dirección da Biblioteca as seguintes competencias no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público; así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e indemnizacións por razón de servizo, respecto dos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, á adquisición de subministracións e ás prestacións de servizos, previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto dos créditos que teña encomendados.

c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes.

d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade cunha empresa ou con varias; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

2. Delegación a favor da Xefatura do Servizo de Extensión Universitaria.

Deléganse na persoa que ocupe a Xefatura do Servizo de Extensión Universitaria as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) A tramitación dos expedientes de gasto relativos aos contratos asinados pola Xerencia en materia das áreas de competencia de extensión universitaria, incluídas as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas.

b) Propor á Xerencia a sinatura dos contratos menores da área da súa competencia, así como redactar a proposta de pregos de cláusulas particulares dos que se tramiten por licitación ou procedemento aberto simplificado e tramitación reducida, e a tramitación das fases de gastos dos citados expedientes.

c) Exercer a dirección e o seguimento da execución dos ditos contratos cando lle sexa encomendado.

d) Tramitar os expedientes de gasto derivados das convocatorias de axudas e convenios, e a súa xustificación respecto dos créditos asignados.

3. Delegación a favor dos administradores e administradoras.

Deléganse nas administradoras e administradores as seguintes competencias no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar os contratos de obras, subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización, disposición e contracción das obrigas sobre os créditos correspondentes.

A Xerencia, por proposta do administrador ou administradora correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola Universidade cunha empresa ou varias; o procedemento de adxudicación aterase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) Tramitar as fases de retención, autorización, disposición e contracción de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, segundo o establecido na normativa de contratación do sector público; así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e as indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de máster e doutoramento, títulos propios e proxectos e contratos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto dos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) Contraer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto dos créditos que teñan encomendados.

4. Delegación a favor das persoas responsables de servizos e unidades administrativas.

Deléganse nas persoas responsables de servizos e unidades administrativas, e respecto do persoal baixo a súa dependencia, as competencias de concesión e control das vacacións e dos permisos por asuntos propios e de representación sindical, así como as de control sobre o resto de permisos autorizados.

5. Delegación a favor das xefaturas da Área Académica.

Deléganse nas persoas que ocupen as xefaturas da Área Académica as seguintes funcións en materia de xestión académica:

a) Tramitar os procedementos previstos nos artigos 68 e 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Propor a aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula do alumnado.

c) Realizar os trámites que establece o artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

6. Delegación a favor de decanatos e direccións de centros en materia académica de titulacións de grao e máster

Deléganse nas persoas que ocupan os decanatos e direccións de centros:

A. A sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos de grao e máster:

a) A admisión de alumnado en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos, unha vez adoptadas as decisións polas comisións de centros.

c) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións de materias.

d) A resolución de solicitudes de modificacións de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de materias.

e) A resolución das solicitudes de avaliación por compensación.

B. A facultade de expedir as certificacións do pagamento dos dereitos, así como a de resolver as solicitudes de remisión dos títulos e a remisión destes ás direccións provinciais de Educación, á Oficina de Educación e ás oficinas consulares.

7. Delegación a favor da Dirección da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-UVigo).

Delégase na persoa que ocupe a Dirección da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO-UVigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de matrícula.

c) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) A autorización da baixa definitiva de calquera estudante nun programa de doutoramento.

f) A designación de coordinadores dos programas de doutoramento.

8. Delegación a favor da dirección da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP-UVigo).

Delégase na persoa que ocupe a Dirección da Escola Aberta de Formación Permanente (EAFP-UVigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio e/ou anulación parcial de matrícula.

c) A admisión dos traslados do alumnado para continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) A autorización da baixa definitiva de calquera estudante nun programa adscrito a esta escola.

9. Delegación a favor das direccións de departamento.

Delégase nas directoras e directores de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador (PDI) nos seguintes casos:

a) Vacacións e permisos por asuntos propios, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

b) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal.

c) Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Os directores e directoras de departamento terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira a Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica.

De conformidade coa normativa de permisos e licenzas do PDI, aprobada polo Consello de Goberno do 5 de outubro de 2005 e modificada polo Consello de Goberno do 20 de abril de 2009, as licenzas de estudos de duración igual ou menor de quince (15) días naturais serán concedidas pola Dirección do departamento por delegación do reitor ou reitora e deberá especificarse na concesión a persoa suplente nas obrigas docentes ou a maneira na que será recuperada a docencia e darse conta ao decanato ou dirección do centro correspondente.

As restantes solicitudes de obtención de permiso ou licenza, retribuída ou non, deberán formularse ante a Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica.

10. Delegación a favor da Mesa de Contratación.

Delégase na Mesa de Contratación permanente a competencia de selección dos candidatos nos procedementos a que se refire o artigo 326.2.e) da LCSP.

XV. Suplencia.

Nos supostos de ausencia ou enfermidade, o reitor será substituído pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación, quen exercerá a plenitude de funcións que son propias do órgano substituído e, na súa falta, pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído/a por aquel/aquela que designe, de xeito expreso, o reitor.

XVI. Réxime da delegación de competencias.

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia na antesinatura, con indicación desta resolución reitoral, e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferiu.

2. De acordo co establecido nos artigos 9.6 e 10 da Lei 40/2015, a Reitoría poderá revogar en calquera momento a delegación de competencias contida nesta resolución, así como avocar para si o coñecemento dun ou varios asuntos cuxa resolución corresponda ordinariamente ou por delegación aos seus órganos administrativos dependentes, cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente.

3. De acordo co artigo 9.5 da Lei 40/2015, salvo autorización expresa dunha lei, non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

Disposición derradeira primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións desta reitoría, de igual ou inferior rango, se opoñan ao establecido nesta resolución reitoral.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 31 de outubro de 2023

Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo