DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63059

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano de competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2024.

A Xunta de Galicia, xunto coas administracións municipais das principais áreas urbanas de Galicia, puxo en marcha o Plan de transporte metropolitano de Galicia (PTMG), consistente nun conxunto de programas dirixidos a potenciar a utilización do transporte público colectivo. Un dos eixes de actuación prioritarios deste PTMG é o programa de integración tarifaria, a través da ordenación da oferta de transporte e o abaratamento do custo por viaxe ás persoas usuarias.

A política tarifaria aplicada no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia supón unha especialidade respecto do marco tarifario xeral previsto no eido da nosa comunidade autónoma. Esta especialidade baséase en que se trata dun programa específico destinado a fomentar o uso do transporte público e afecta as tarifas aplicables ás persoas usuarias.

O tempo transcorrido desde a implantación destes programas puxo de manifesto a súa favorable acollida por parte das persoas usuarias, facilitando a consolidación neses ámbitos dun sistema de transporte público colectivo cun maior nivel de calidade e eficiencia. Ademais, as medidas previstas no dito plan foron reforzadas a partir do ano 2016 coa implantación dunha tarifa específica dirixida ás persoas menores de 19 anos, a tarifa Xente Nova.

Tendo en conta o anterior, a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, do 18 de decembro de 2019, pola que se regula a tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 248, do 31 de decembro), incidiu novamente nestas medidas, nun dobre sentido:

Así, por unha parte, ampliando o abano de idades das persoas que se vén favorecidas por esta tarifa, para incluír o conxunto de poboación abranguida entre os 4 e os 20 anos, incluídos.

E, por outra parte, mediante a expansión territorial do ámbito de aplicación desta tarifa ao conxunto do territorio da Comunidade Autónoma, habilitando o centro directivo competente en materia de transportes para que efectúe a necesaria programación desta implantación progresiva. No marco desta habilitación, esta dirección xeral acordou xa unha primeira expansión territorial do ámbito de aplicación da tarifa Xente Nova á zona de Pontevedra e ao conxunto da provincia de Ourense, mantendo a previsión da súa progresiva expansión ao conxunto de Galicia.

Finalmente, na disposición transitoria da citada Orde do 18 de decembro de 2019 establécese que a tarifa Xente Nova será de aplicación a partir da entrada en vigor da indicada orde e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2020; habilitouse expresamente á dirección xeral competente en materia de transportes para a ampliación do referido prazo, logo da tramitación administrativa e contable pertinente.

Dada a aceptación e as vantaxes que para a mocidade representa esta tarifa Xente Nova, considerouse conveniente o seu mantemento máis alá da data inicialmente establecida, polo que se ampliou o prazo de vixencia para o ano 2021, mediante a Resolución do 17 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova da Xunta de Galicia, para o ano 2021 (DOG núm. 259, do 28 de decembro).

Neste novo exercicio, ademais, consolidouse o proceso de expansión territorial mediante a Resolución do 6 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se culmina o procedemento de expansión do ámbito territorial de aplicación da tarifa específica Xente Nova ao conxunto do transporte público da competencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 93, do 20 de maio), de xeito que a tarifa Xente Nova xa é aplicable para calquera viaxe interurbana que se realice nos servizos públicos de transporte regular de uso xeral da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con posterioridade, ampliouse novamente o prazo de vixencia para o ano 2022, mediante a Resolución do 1 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 238, do 14 de decembro).

Así mesmo, mediante Resolución do 25 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se amplía o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova no transporte público interurbano da competencia da Xunta de Galicia, para o ano 2023 (DOG núm. 231, do 5 de decembro), foi ampliado novamente o prazo de vixencia da tarifa específica Xente Nova para o ano 2023.

Consonte co anterior, e tendo en conta a evolución altamente positiva na utilización da tarifa Xente Nova, e da tarxeta TMG Xente Nova a través da que se accede a aquela, considérase procedente a prórroga do prazo da súa vixencia para o vindeiro ano 2024.

De acordo co que establece a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, esta resolución tramítase como expediente anticipado de gasto, polo que o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

De conformidade co exposto, considérase conveniente realizar unha nova ampliación da tarifa Xente Nova para o ano 2024, polo que, cumpridos os trámites administrativos e contables oportunos,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de vixencia da tarifa Xente Nova desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2024.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2023

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade