DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 15 de novembro de 2023 Páx. 63086

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2023, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas, convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 12 de setembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 177, do 18 de setembro) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Na sesión que tivo lugar o 6 de novembro de 2023, ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, modificar a resposta da pregunta número 115, que pasa a ser a B. As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Para estes efectos, de acordo co disposto na citada base, con corrección de erros publicada o 31 de marzo de 2023 (DOG número 64), mediante a Resolución deste tribunal do 9 de outubro de 2023 deuse publicidade dos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establece que superarán o exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, ou, subsidiariamente, un mínimo do 40 % das respostas correctas, en cada unha das partes, despois de realizadas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

O criterio expresado de obtención dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido á primeira parte de contido teórico (30 preguntas) e á segunda parte de contido teórico e práctico (110 preguntas), sen que sexa posible compensar os acertos que excedan nunha parte cos que falten na outra.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores considéranse igualmente aprobadas, aínda que se supere o número de aspirantes antes indicado.

Asignarase a valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto de persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, que será proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignaráselles a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Terceiro. Tras realizarse a corrección dos exames na sesión do 8 de novembro de 2023, de acordo coas normas e criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 15 puntos un total de catro (4) persoas aspirantes, polo que se fixou en noventa e catro con vinte e cinco (94,25) o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base III.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, funcionpublica.xunta.gal, os resultados acadados polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, alegacións que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. Segundo o disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023

Evaristo Juncal Carreira
Presidente do tribunal