DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2023 Páx. 63622

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 26 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2023 (código de procedemento MT821A).

Con data do 9 de maio de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2023 (código de procedemento MT821A).

O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2023, de acordo co Real decreto 1229/2005, do 13 de outubro, polo que se regulan as subvencións públicas con cargo aos orzamentos xerais do Estado nas áreas de influencia socioeconómica dos parques nacionais e coa Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do día 20 de xuño de 2022 pola que se aprobaron os criterios de repartición e a distribución dos créditos correspondentes ás subvencións destinadas ás áreas de influencia socioeconómica (AIS) dos parques nacionais.

Estas axudas teñen por finalidade promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a concesión de axudas económicas para a realización de actividades na súa área de influencia socioeconómica.

Ao abeiro desta convocatoria de axudas téñense presentado unha gran variedade de proxectos e actuacións, de complicado análise e valoración, así como a realización de informes por parte do persoal do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, nas actuacións que supoñían un investimento, foi necesaria a realización de inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.

Todo o anterior xerou unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención. A orde inicial establecía, no seu artigo 26.1.a), o 30 de novembro de 2023 como data límite para que os beneficiarios presentasen xustificación dos gastos subvencionables.

En virtude das dificultades expostas, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 26.1 da Orde do 26 de abril de 2023 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para o ano 2023 nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 26, que queda redactado como segue:

«1. A xustificación da subvención efectuarase do xeito seguinte:

a) A beneficiaria deberá solicitar o pagamento da subvención (anexo VII) unha vez executada a actividade correspondente, e a data límite de execución e xustificación é o 30 de decembro de 2023.

b) Só sé admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados desde a data de emisión da acta de non inicio ou, se é o caso, da presentación da declaración responsable do anexo V».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda