DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 22 de novembro de 2023 Páx. 64250

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda incoar o procedemento para incluír o muíño denominado Muíño de Barro, situado na parroquia de Santa Comba de Cordeiro, no termo municipal de Valga (Pontevedra), no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante LPCG.

A LPCG, no seu artigo 1.1, establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».

Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

Segundo o artigo 8 da LPCG, os bens do patrimonio cultural de Galicia poden ser declarados de interese cultural (BIC), polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, ou catalogados, polo seu notable valor cultural.

No artigo 8.3 da LPCG establécese que «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».

O artigo 10.1.a da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 25.1 da LPCG ditamina que «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».

Os muíños de río teñen unha especial consideración na LPCG e, como consecuencia, entre os seus obxectivos xerais está a súa protección. Así se recolle no seu capítulo III do título VII, referido aos bens que integran o patrimonio etnolóxico e, especialmente, nos ditados do artigo 91.1: «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia»; e segundo o artigo 91.3: «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación, presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade». Os muíños de río relaciónanse na letra c) deste artigo.

O 30.11.2022 entra no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha solicitude de declaración de ben de interese cultural dun muíño denominado Muíño de Barro, localizado a carón do río Louro, no lugar de Barro, parroquia de Santa Comba de Cordeiro, no municipio de Valga. Na documentación achegada afírmase que este muíño en 1879 era unha construción destinada á moenda de millo, composta por dúas moas e cunha presa que contén as augas que fan funcionar o artefacto. Nunha escritura posterior de 1928 indícase que está composto por tres moas. Na solicitude non se acredita o valor cultural sobranceiro do muíño dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, requisito exixido polo artigo 8.2 da LPCG para incoar un procedemento de ben de interese cultural.

Segundo se conclúe dos informes elaborados no Servizo de Inventario, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o Muíño de Barro axústase á tipoloxía tradicional dos muíños galegos, conserva de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben etnolóxico, que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Unha vez vista a información que se xunta co expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais como ben etnolóxico, cómpre incoar o procedemento de catalogación do Muíño de Barro, no exercicio das competencias establecidas no artigo 19 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoación do procedemento

Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o muíño denominado Muíño de Barro, localizado no lugar homónimo, parroquia de Santa Comba de Cordeiro, no municipio de Valga, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo sen que se emita resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Anotación preventiva e réxime de protección

Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados.

Cuarto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Notificación

Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Valga.

Sexto. Información pública

Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. O escrito de alegacións ou de achega de información dirixirase ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cal poderá empregarse o procedemento PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia, dispoñible no seguinte enderezo web: www.sede.xunta.gal

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

María del Carmen Martínez Insua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Muíño de Barro.

2. Localización.

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Valga.

• Parroquia: Santa Comba de Cordeiro.

• Lugar: Barro.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89, fuso 29), X: 527432, Y: 4726575.

• Referencias catastrais: 36056A03800326, 36056A03800336, 36056A03900597, 36056A03909104, 36056A03809102, 36056A03809003, 36056A03800342, 36056A03800343, 36056A05409014, 36056A03809002, 36056A05400072, 36056A05400074, 36056A05400073, 36056A05400075, 36056A05400076, 36056A05400082, 36056A05409100, 36056A03909105.

3. Descrición.

O Muíño de Barro está nun contorno rural de agra, regada polo río Louro, entre dúas masas boscosas (ao norte e sur) e dous asentamentos rurais tradicionais (Louro, ao leste, e Barro-Barcia, ao oeste) que sufriron a expansión de novas edificacións descontextualizadas, algunha das cales está preto do muíño.

A auga que fai funcionar o Muíño de Barro captábase dunha presa construída no río Louro, a carón da aldea homónima, uns 200 metros ao leste do muíño, onde hai un pequeno salto de auga. Desde aí conducíase por unha levada ou canle escavada no terreo, entre os predios próximos. O cruzamento con algún camiño sálvase con pontellas. Tras pasar baixo a estrada que conduce ao lugar de Barro, as augas encoraríanse nunha construción de pedra.

Os restos das pedras conservados permiten supor como era a infraestrutura de regulación da auga que servía ao muíño. Desde a balsa, a auga tiña dúas saídas. A través dunha chegaría á primeira das entradas do muíño, pasando antes por unha canle troncopiramidal cuberta. A outra posible saída da balsa permitiría unha tripla derivación da auga: unha pequena canle, formada por dúas pedras, conduciríaa ao segundo inferno do muíño; outra pequena canle cuberta de pedra conduciríaa ao terceiro inferno do muíño; e unha longa canle de pedra que atravesa o río Louro derivaría a auga sobrante aos prados situados na outra beira do río. O paso do río faise por unha especie de pontella, cun apoio intermedio, formada por perpiaños de pedra sobre os cales se colocan unhas pedras que dan forma á canle de condución das augas.

Polo tanto, estamos ante unha complexa infraestrutura de derivación, condución e regulación das augas para dar servizo a unha especie de muíño de balsa, que combina dous sistemas de captación, un híbrido cubo-canle e outros dous de canle.

O edificio do muíño está disposto lonxitudinalmente en dirección nordés-suroeste, perpendicular á balsa. É de planta rectangular. A cuberta desaparecida era a dúas augas. Os muros exteriores son de granito, con aparello de cachotaría careada. As pedras das esquinas e as que forman os ocos están ben labradas, ao igual que aquelas que se conservan dos beirís e dos gardaventos. Os muros exteriores conservan restos do revestimento (lucido de cal-xeso). A cara leste contén o oco da porta, o dunha pequena fiestra cadrada e os 3 ocos de saída da auga do inferno, configurados por lumieiras apoiadas en agullas voadas. A cara oeste unicamente conta co oco dunha pequena fiestra cadrada e unha bufarda vertical (posiblemente empregados para controlar a entrada da auga), ademais das entradas da auga, unha das cales está cuberta no seu tramo final por unha serie de perpiaños de labra basta. Os pinches son totalmente cegos. O piso do muíño, que separa os infernos do tremiñado, está constituído por perpiaños de pedra.

A auga que saía dos tres infernos do muíño volvería ao río uns 15 m ao noroeste deste, formando unha pequena península.

Apenas quedan restos da cuberta, pero posiblemente estivo formada polos elementos comúns da arquitectura tradicional desta zona: estrutura de tesoiras ou vigas, pontóns, latas de madeira e tella cerámica curva.

A pesar da caída da cuberta, pode observarse no seu interior a presenza de dúas pedras do pé do mecanismo do muíño. Á vista das descricións contidas nas escrituras achegadas coa solicitude e da posición dos ocos de saída da auga, é posible que, entre finais do século XIX e principios do XX, pasase de dúas a tres moas.

No interior tamén se poden advertir, na esquina suroeste do edificio, os restos dunha lareira (conserva as ménsulas da cambota), dun longo pousadoiro a carón da porta de entrada e de diversos gravados (fundamentalmente cruces) nas pedras dunha das xambas do oco da porta. Na cara exterior da porta tamén hai dúas cruces, en cadansúa xamba, e unha pedra partida do que foi outro pousadoiro. Por último, hai que indicar que falta unha pequena parte do lenzo na parte superior do muro da fachada leste, onde puido estar o escudo referido na solicitude.

4. Usos.

Uso actual: abandonado.

Uso proposto: o orixinal de muíño ou calquera outro compatible coa súa protección, que deberá ser autorizado pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

5. Estado de conservación.

Do muíño consérvase parte das infraestruturas hidráulicas de derivación, condución e regulación da auga do río. Mantense a presa e a derivación da auga do río Louro, pero a levada xa non cumpre a súa función ao non conducir a auga. As construcións de pedra que forman a balsa e as derivacións de auga próximas ao muíño están deterioradas, a balsa xa non almacena auga e está chea de terra, faltan pedras e outras están fóra do seu sitio. A canle-aliviadoiro e a pontella sobre a que cruza o río encóntranse en mellor estado de conservación.

Así mesmo, consérvase boa parte dos muros da envolvente do edificio do muíño, que están en mal estado, cunha zona arrancada (onde supostamente estaba o escudo) e faltan numerosas pedras do beiril, dos gardaventos e da lareira. Non se conserva a cuberta do edificio nin a carpintaría e da maquinaria dos enxeños hidráulicos só se atopan no lugar dous pés dos mecanismos de trituración.

6. Valoración cultural.

Os valores considerados para que un ben constitúa parte do patrimonio cultural de Galicia están relacionados co aprecio ou importancia que a sociedade lle outorga nun momento dado. O valor ou valores deses bens deben determinar o seu interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.

O interese cultural dun ben deriva da súa autenticidade e da súa integridade, e estes son factores fundamentais para a súa valoración.

A autenticidade do Muíño de Barro ponse de manifesto, máis que pola súa representatividade tipolóxica, pola súa singularidade como muíño de tres rodicios que se vale dunha complexa infraestrutura hidráulica de regulación, composta por varias canles e, singularmente, do aliviadoiro que cruza o río cunha singular pontella. Este muíño ten un gran valor testemuñal como mostra dunha arquitectura tradicional de transformación das materias primas, que tivo unha enorme relevancia social e económica en Galicia desde a Idade Media e ata ben entrado o século XX e cuxa actividade xa practicamente desapareceu. Tamén podemos apreciar a súa interacción co medio natural e a paisaxe, na cal se insire dun xeito harmónico.

O valor cultural deste muíño exprésase a través dos restos das construcións tradicionais que se conservan, especialmente nos elementos de pedra elaborados con técnicas tradicionais de forma esmerada, que responden a unha tipoloxía concreta destas infraestruturas hidráulicas e que se integran perfectamente no seu contorno rural. Os gravados, a lareira, os pousadoiros e outros elementos singulares confírmannos a singularidade deste muíño, sen esquecer a posible presenza dun escudo.

A integridade do Muíño de Barro maniféstase pola presenza de restos representativos do propio edificio do muíño e da infraestrutura hidráulica, en especial a balsa, as canles e a pontella que serve para aliviar as augas. Esta tamén se pode relacionar co valor simbólico que representan os muíños de río na cultura popular galega e coa vulnerabilidade aos cambios que son característicos deste tipo de construcións, pouco adaptables a outros usos. Non se debe esquecer que se pode entender este muíño como parte dun sistema territorial tradicional compartido con outras infraestruturas hidráulicas con relevante presenza nesta parroquia e mesmo con outros elementos da arquitectura tradicional relacionados co pan (eiras, hórreos, fornos, etc.).

Tendo en conta o anterior, hai que sinalar que, entre os bens do patrimonio cultural de Galicia, os declarados bens de interese cultural deben posuír un carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, mentres os catalogados teñen que ter un notable valor cultural. De acordo con isto, os bens clasificados deben selo porque se saen do normal e os declarados serían aqueles que destacan entre eles.

O Muíño de Barro é un ben da arquitectura tradicional certamente singular, pero a súa integridade está seriamente comprometida polos anos de abandono e tampouco constan referentes bibliográficos sobre el. Por tanto, semella oportuno incluír este muíño no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como outros moitos muíños que se consideran integrados nel por ter sido recollidos en instrumentos de planeamento urbanístico polo seu interese cultural.

7. Natureza e categoría.

• Natureza: material.

• Condición: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: etnolóxico.

8. Nivel de protección.

Integral.

9. Réxime de protección.

O muíño, como elemento singular do patrimonio etnolóxico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da LPCG, en concreto, pode resumirse en:

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora, nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para realizar os informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou perda que sufran e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. A utilización dos bens catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

ANEXO II

Delimitación e contorno de protección

O Muíño de Barro está composto polo edificio que acolleu os mecanismos de moenda e pola infraestrutura exterior para a captación, condución, regulación e derivación da auga. A delimitación proposta pretende abranguer a presa de captación no río Louro, toda a canle de condución, a balsa, as derivacións, a canle-pontella-aliviadoiro e o edificio do muíño. A seguir móstrase un plano coa delimitación gráfica do ben.

En aplicación dos criterios sinalados no artigo 38 da LPCG, proponse un contorno de protección do elemento etnolóxico constituído polos espazos e construcións próximos cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais do Muíño de Barro no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.

A delimitación do contorno de protección tomou como referencia os límites físicos existentes, como o río Louro ou as masas boscosas, os camiños e os límites parcelarios. A seguir móstrase un plano coa delimitación gráfica do contorno de protección.

missing image file
missing image file