DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 23 de novembro de 2023 Páx. 64921

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, pola que se dá publicidade ao convenio de colaboración asinado coa Universidade da Coruña para a realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O 21 de xullo de 2020, o Consello Europeo aprobou o instrumento financeiro NextGenerationEU, que inclúe como elemento central o Mecanismo para a recuperación e a resiliencia. Nesta liña, o 27 de abril de 2021, por acordo do Consello de Ministros, aprobouse o proxecto do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para España.

No marco do dito plan, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade articulou, entre outros instrumentos xurídicos, programas mediante convenios de colaboración con financiamento da Unión Europea-NextGenerationEU, o que xustifica a súa publicación.

Neste contexto, a través desta resolución, dáse publicidade ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Universidade da Coruña para a realización dun proxecto de xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coas seguintes características:

– Obxecto do convenio: establecer as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Universidade da Coruña para a realización dun proxecto de investigación e xeración de coñecemento sobre as necesidades de formación no mercado laboral e elaboración dos contidos formativos/programas formativos/plans de formación para actualizar e adecuar a oferta de formación para o emprego, co obxectivo conxunto de mellorar as competencias profesionais da poboación activa.

– Prazo de vixencia: desde a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023, sen prexuízo do carácter retroactivo outorgado aos gastos que a Universidade poida imputar directamente á realización dos traballos que constitúen o seu obxecto e sempre que tivesen lugar a partir do 1 de xaneiro de 2023.

– Importe: a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade achegará a cantidade total de corenta e oito mil corenta e cinco euros (48.045 €) con cargo á aplicación orzamentaria 11.50.323A.227.06 (código de proxecto 2022 00093) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento do obxecto do convenio e no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

– Data de sinatura: 7 de setembro de 2023.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2023

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade