DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 24 de novembro de 2023 Páx. 65083

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2023 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dunha praza de técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, para apoio nas tarefas de xestión do proxecto TARTAGLIA, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta, dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade, participa en calidade de socio no proxecto TARTAGLIA. TARTAGLIA enmárcase na convocatoria de axudas do programa Misións en I+D en intelixencia artificial 2021, no marco da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia nacional de intelixencia artificial convocada pola Orde EDT/668/2021, do 25 de xuño, pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas no ámbito da intelixencia artificial, para a transformación dixital da sociedade e da economía no marco da Axenda Dixital 2025 e da Estratexia nacional de intelixencia artificial.

O proxecto TARTAGLIA, financiado a través dos fondos comunitarios NextGenerationEU, encádrase no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na política panca VI-Pacto pola ciencia e a innovación e reforzo do Sistema nacional de saúde, no seu compoñente 16-Estratexia nacional de intelixencia artificial.

Resumo do proxecto:

Título: Rede Federada de Intelixencia Artificial para Acelerar a Investigación Sanitaria.

Acrónimo: TARTAGLIA.

Coordinadora: GMV Soluciones Globales Internet, S.A.U.

Datas: do 16.12.2021 ao 31.12.2024.

Duración: 36 meses.

Nº de proxecto: MIA.2021.M02.0005.E01.

Orzamento total: 9.125.337,85 €.

Orzamento Acis: 399.979,57 €.

Cofinanciamento EU (100 %): 399.979,57 €.

TARTAGLIA ten como obxectivo crear un ecosistema que canalice a actividade de investigación, permita construír ferramentas de intelixencia artificial sobre os datos de forma conxunta e segura, dar confianza aos profesionais e crear un mercado competitivo en España e en Europa para fomentar a creación e o crecemento de empresas. O obxectivo principal é fomentar a investigación clínica e sanitaria.

A Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de actuacións previstas e dotadas de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG nº 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión, mediante contrato laboral temporal, dun efectivo para dar apoio nas tarefas de execución e xestión do proxecto TARTAGLIA, que se enmarca na convocatoria de axudas do programa Misións en I+D en intelixencia artificial 2021, no marco da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia nacional de intelixencia artificial convocada pola Orde EDT/668/2021, do 25 de xuño, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria, os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2023

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión
do Coñecemento en Saúde

ANEXO I

Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección dun efectivo para dar apoio nas tarefas de execución e xestión do proxecto TARTAGLIA, que se enmarca na convocatoria de axudas do programa Misións en I+D en intelixencia artificial 2021, no marco da Axenda España Dixital 2025 e da Estratexia nacional de intelixencia artificial convocada pola Orde EDT/668/2021, do 25 de xuño.

Primeira. Normas xerais

1.1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación dun efectivo para dar apoio nas tarefas de execución e xestión do proxecto TARTAGLIA, persoal laboral temporal, técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico (grupo III, categoría 17).

As funcións especificas asignadas á Acis, dentro do proxecto TARTAGLIA, para que as execute o técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico en coordinación co Servizo Galego de Saúde son:

– Busca de cristais e bloques dos casos seleccionados para o proxecto.

– Comprobación da adecuación da tinguidura en montaxe das preparacións.

– Microtomía e tinguidura dos casos deteriorados ou non útiles para escaneamento.

– Etiquetaxe dos cristais, se for preciso, para os efectos de anonimización.

– Escaneamento das preparacións no escáner dixital sito no Servizo de Anatomía Patolóxica da ASF.

– Comprobación da calidade do escaneamento e dos posibles erros detectados.

– Arquivamento de preparacións e bloques.

* Número de efectivos: 1.

* Lugar de realización: nos hospitais da Área Sanitaria de Ferrol.

* Centro directivo: Hospital Naval de Ferrol.

* Duración: a duración estimada é de tres (3) meses desde a súa formalización.

De acordo co artigo 15 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

1.2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, recollidas no anexo VII da Orde do 19 de xaneiro de 2023 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro).

1.3. Modalidade de contrato.

As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo laboral temporal de duración determinada segundo o definido na disposición adicional quinta do Real decreto ley 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo, en cumprimento do establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

1.4. Incompatibilidades.

A persoa contratada estará sometida ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para seren admitidos no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.1.5, que se deberá acreditar no momento da contratación.

2.1.1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados/as de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2.1.2. Idade.

Ter feito dezaseis anos de idade.

2.1.3. Titulación académica.

– Estar en posesión dunha das seguintes titulacións: técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico ou titulación equivalente na normativa de ordenación da formación profesional.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

2.1.4. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

2.1.5. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.6. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica dos postos obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que, no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a. Instancia. Segundo o modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b. Curriculum vitae pormenorizado e debidamente xustificado, onde se acrediten a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c. Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberán estar homologada en España.

d. Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde veñan desempeñando os servizos, en que se especifiquen a categoría, funcións e período (con data de inicio e remate do contrato) nos cales estivo traballando o/a aspirante.

e. Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias do posto obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure neles o número de horas certificadas.

f. Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

g. Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións e será responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española.

A presentación da solicitude farase no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37-1º portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia estas bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de quince (15) días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03 ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda á acreditación de méritos establecida nestas bases, aplicarase o seguinte baremo:

4.1. Servizos prestados: ata un máximo de 19 puntos.

1. Por cada mes de servizos prestados na categoría de técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico no Servizo Galego de Saúde ou organismos públicos equivalentes: 0,30 puntos ao mes.

2. Por cada mes de servizos prestados noutras administracións públicas na mesma categoría: 0,15 puntos ao mes.

3. Por cada mes de servizos prestados nas empresas privadas e outros organismos na mesma categoría: 0,10 puntos ao mes.

4. Experiencia profesional en laboratorios de Anatomía Patolóxica de institucións sanitarias, públicas ou privadas, con procesos de calidade certificados de acordo coas normas ISO: 0,10 puntos ao mes ata un máximo de 1 punto.

A suma da puntuación dos números 1, 2, 3 e 4 non poderá exceder os 19 puntos.

Todos os méritos relativos á experiencia profesional terán que ser xustificados documentalmente. Os prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas poderán acreditarse por calquera destes dous medios:

– Certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente Administración onde desempeñaron os servizos, incluíndo a categoría e o período (con data de inicio e de remate do contrato).

– Fotocopia cotexada dos documentos orixinais xunto co informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social (que recolla o/os período/s de tempo alegado/s).

4.2. Formación continuada: ata un máximo de 4 puntos.

Por cada curso relacionado coas tarefas que se van desenvolver, organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidades autónomas ou da Administración xeral do Estado, universidades, SEPE, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do AFEDAP, establécese a seguinte puntuación:

• Cursos de 2 ou máis horas e menos de 10 horas: 0,01 puntos por cada hora no curso.

• Cursos de 10 ou máis horas e menos de 25 horas: 0,1 puntos por cada curso.

• Cursos de 25 ou máis horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos por cada curso.

• Cursos 75 horas ou máis: 0,5 puntos por cada curso.

4.3. Coñecemento acreditado do idioma galego: 1 punto.

En grao superior ao Celga 4: 1 punto.

Os méritos que hai que ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, incluído, ao da publicación desta convocatoria.

4.4. Entrevista persoal: ata un máximo de 2,4 puntos.

Consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos aspirantes.

Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que obtivesen as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.

A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/das aspirantes, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre as materias relacionadas co obxecto do proxecto.

Para a realización da entrevista, que poderá ser telemática, disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,4 puntos.

De se producir empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo, e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso noméao a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á Comisión de Selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos

6.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para a praza obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra a lista provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37-1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos.

6.2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de vinte e catro puntos (24).

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será de dous con catro puntos (2,4).

6.2.1. Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación da lista provisional nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37-1º portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

6.2.2. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

Pasarán a esta segunda fase os/as aspirantes que obtivesen as 10 mellores puntuacións na valoración de méritos.

A entrevista versará sobre o curriculum vitae dos/das candidatos/as, as funcións que van desempeñar e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.

Para a realización da entrevista disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 2,4 puntos.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (https://acis.sergas.gal/) os nomes dos/das convocados/as a esta fase, o lugar e a data e hora de realización da entrevista.

Os/as convocados/as deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web https://acis.sergas.gal/ a lista coa puntuación provisional dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

6.3. Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva dos aspirantes que realizaron as dúas fases do proceso, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas polo mesmo medio que as listas provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

6.4. O/a primeiro/a aspirante da lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura da praza obxecto desta convocatoria, e deberá presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

– Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

– Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.1.5.

– Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.1.6.

6.5. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación da lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles a documentación citada no punto 6.4. Procederase desta forma ata que un/unha aspirante presente en prazo e validamente a súa documentación.

6.6. Logo de seleccionado/a o/a candidato/a e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización da contratación obxecto da convocatoria.

6.7. Se ao longo da duración do proxecto se produce a baixa do/da aspirante contratado/a, procederase ao chamamento, para a súa cobertura, do/da seguinte aspirante segundo a orde de prelación da correspondente lista resultante desta convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

7.1. Todas as resolucións do proceso de selección se publicarán na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de avisos e tamén na de transparencia e bo goberno.

7.2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

ANEXO II

Solicitude de participación

DATOS PERSOAIS:

PRIMEIRO APELIDO:

SEGUNDO APELIDO:

NOME:

DNI/PASAPORTE:

NACIONALIDADE:

ENDEREZO:

TELÉFONO:

CORREO ELECTRÓNICO:

DATA DE NACEMENTO:

SOLICITO:

1º. Ser admitido/a na convocatoria para a provisión, mediante contrato laboral temporal, da praza de técnico superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico para apoio nas tarefas do proxecto TARTAGLIA.

2º. Para tal efecto, presento a seguinte documentación: (relaciónese a dita documentación).

Lugar, data e sinatura

Santiago de Compostela, ..... de .......................... de 2023

Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º A (Edificio CNL)

15707 Santiago de Compostela (A Coruña)