DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 29 de novembro de 2023 Páx. 65727

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

BDNS (Identif.): 728145.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de Mobilidade competentes.

Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que a mesma persoa interesada acadase a condición de persoa beneficiaria con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia desde o ano 2018, este incluído, para a mesma autorización VT-N, segundo os seguintes criterios:

– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi cero emisións non poderán obtela para a liña para taxi eco, e viceversa. Non obstante, en ambos os casos, sen prexuízo das obrigas de reintegro que puidesen proceder pola subvención outorgada con anterioridade, poderán ser persoas beneficiarias da liña para taxi adaptado (Eurotaxi).

– Os que obtivesen a condición de persoa beneficiaria na liña para taxi adaptado (Eurotaxi) non poderán obter esa condición para ningunha das tres liñas.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:

a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 28 de febreiro de 2023 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2024). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de xuño de 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:

Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, ao menos, cinco (5) anos, desde a data da presentación da solicitude da axuda ou no suposto de non estar adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.

Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e a data límite establecida na orde para xustificar a axuda.

A data límite será o 31 de outubro de 2024, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de xuño de 2024, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

Os solicitantes non poderán ter sido persoas beneficiarias dunha axuda análoga da Xunta de Galicia nos termos indicados no artigo 4.2 c).

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Cuarto. Importe

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 08.02.512A.770.0. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 no momento da resolución.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 500.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ditas variacións poderán ser establecidas pola Administración respecto dunha, de dúas ou das tres liñas de actuación previstas, suposto en que, agás que no instrumento xurídico polo que se acorde a dita ampliación se estableza un prazo para a unificación das liñas aprobadas posterior á súa publicación, ao importe ampliado non lle resultará de aplicación a unificación a que se refire o número catro deste artigo.

3. A contía total máxima asígnase inicialmente segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi)........................................... 290.000 euros.

– Liña para taxi de cero emisións.................................................. 68.000 euros.

– Liña para taxi eco...................................................................... 142.000 euros.

4. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial para cada unha das liñas, non obstante, unha vez transcorrido o prazo inicial de solicitude a que fai referencia o artigo 5.4.1 desta orde, o crédito resultante no conxunto das tres categorías unificarase e atenderase para a adxudicación aos criterios de prelación establecidos no dito artigo.

5. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade ou liña poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

6. A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros; para taxi de cero emisións, de 4.000 euros, e para taxi eco, de 1.000 euros.

7. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder dos 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2024.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este modelo irá acompañado ademais da documentación relacionada no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

María Pilar Arias Graña
Secretaria xeral técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade