DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Luns, 4 de decembro de 2023 Páx. 66808

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 29 de novembro de 2023 de modificación da Orde do 6 de xullo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B).

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o Goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun Estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas dependentes, reforce os servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Mediante o Acordo do Consello de Ministros do 20 de abril de 2021 aprobouse a proposta de distribución territorial entre as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, e os criterios de repartición dos créditos da Administración xeral do Estado para o financiamento dos distintos proxectos presentados polas comunidades autónomas, no marco do compoñente 22 Economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Mediante a Resolución da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais do 11 de setembro de 2021 publicouse o convenio entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia, o cal prevé no seu anexo III a relación de proxectos que se van executar, entre os cales figura como proxecto nº 9, na liña C22.I3, o Plan de mellora da accesibilidade nos concellos e mancomunidades de Galicia, cun orzamento total de 2.050.000 €.

Para a execución do citado proxecto, o 21 de xullo de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 139 a Orde do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B).

Os concellos e mancomunidades beneficiarias, unha vez publicada a resolución de concesión destas axudas, deberán de proceder a convocar e resolver os procedementos de contratación pública necesarios para a execución de proxectos de investimento que contribúan a mellorar as condicións de accesibilidade e a supresión de barreiras, respectando en todo caso os prazos establecidos na normativa de contratación pública vixente.

As sucesivas crises xurdidas a nivel internacional, que supuxeron gravísimos problemas tanto no ámbito sanitario como no socioeconómico, teñen obrigado nestes últimos anos á adopción de medidas excepcionais en moitos sectores da actividade económica e administrativa das distintas administracións públicas.

A escaseza dalgúns produtos e de materiais de construción está a provocar que nalgúns casos sexa imposible cumprir no tempo e na forma coas obrigas asumidas en contratos de subministración e tamén en contratos de obras, co conseguinte atraso no cumprimento dos prazos de entrega inicialmente establecidos.

O artigo 45.3 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Así mesmo, o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Como consecuencia destas circunstancias sobrevidas excepcionais que non puideron terse en conta no momento inicial de tramitación desta convocatoria, e ante as dificultades que están a experimentar os concellos beneficiarios para licitar, adxudicar e recepcionar os contratos de subministración e de obras no prazo inicialmente establecido na convocatoria, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada, cómpre ampliar o prazo establecido inicialmente para a execución e xustificación das actuacións subvencionadas por parte das entidades beneficiarias.

En consecuencia, no uso das atribucións que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B)

A Orde do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B), queda modificada como segue:

Un. O número 1 do artigo 1 queda redactado como segue:

«Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas económicas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos de investimento, no período desde o 1 de xaneiro de 2023 ao 28 de febreiro de 2024, que contribúan a mellorar as condicións de accesibilidade e a supresión de barreiras en edificacións, instalacións, equipamentos ou espazos públicos dos seus respectivos termos municipais, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia».

Dous. O número 1 do artigo 4 queda redactado como segue:

«Artigo 4. Contía das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase crédito por importe total de dous millóns cincuenta mil euros (2.050.000 €), consignado na aplicación orzamentaria 13.04.312E.760.2 (proxecto 2022 00124), coa seguinte desagregación por anualidades:

Anualidade

Aplicación

Cód. de proxecto

Importe

2023

13.04.312E.760.2

2022 00124

450.999,03 €

2024

13.04.312E.760.2

2022 00124

1.599.000,97 €»

Tres. O número 2 do artigo 7 queda redactado como segue:

«2. As actuacións deberán executarse dentro do período subvencionable, que será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 28 de febreiro de 2024, ambos os dous incluídos».

Catro. O número 1 do artigo 25 queda redactado como segue:

«Artigo 25. Xustificación da subvención e pagamento da axuda concedida

1. Para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado cando fose contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Así pois, para ter dereito ao pagamento da axuda, deberá achegarse a documentación xustificativa antes do 15 de marzo de 2024 e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de conformidade co disposto no artigo 13».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude