DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 5 de decembro de 2023 Páx. 67349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de novembro de 2023, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de novembro de 2023, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Os Montes e Campos, e o de Matanza e Serra de Pedrouzos, nos concellos de Montederramo e Castro Caldelas.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Os Montes e Campos, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no termo de Montederramo, e mais MVMC Matanza e Serra de Pedrouzos, pertencente á CMVMC de Pedrouzos, no concello de Castro Caldelas, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra presentou un escrito (Rexel 2022/2391870) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Pedrouzos.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Castro Caldelas.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 12 de abril de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Os Montes e Campos pertencente á CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no termo de Montederramo, e mais o MVMC Matanza e Serra de Pedrouzos pertencente á CMVMC da parroquia de Pedrouzos, no termo de Castro Caldelas, desde o vértice 1a (o situado máis ao N) ata o vértice aux18 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, e tal e como se recoñece na propia acta da avinza, conclúese que o deslindamento propiamente comeza no vértice 1, tendo o vértice 1a a consideración de punto auxiliar que permite manter a coherencia xeométrica e pechar os esbozos afectados contra o perímetro do MVMC Covato pertencente á CMVMC de Bustelos; monte este último que non participa da avinza pero que conflúe teoricamente cos outros dous na posición do vértice 1.

Por outra banda, segundo se indica nas actas da avinza, o tramo entre os puntos 4 e aux18 deslindaría o MVMC Matanza e Serra de Pedrouzos de predios particulares. Porén, non se pode operar directamente o tal deslindamento na medida en que se trata dunha clase de procedemento distinto; en concreto, trataríase do procedemento de deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares, regulado no artigo 54 da Lei 7/2012. En consecuencia, o tramo comprendido entre os vértices 4 e aux18 deberá deslindar inexorablemente ambos os montes e, no caso de resultar aprobada a avinza polo Xurado Provincial, o dito tramo debería ser obxecto, a posteriori, do procedemento do artigo 54 se os veciños considerasen que os terreos situados ao O dese tramo son de natureza non comunal.

Por outro lado, o tramo de lindes entre os vértices 2 e 3 vén definido nas actas como el curso de agua sen nome, afluente do Regato de Alenza, pero non se especifica referencia ningunha da traza do dito regato. Xa que logo, e para evitar calquera clase de equívoco, cómpre facer constar as referencias cartográficas que determinan este tramo de río; así, segundo a planimetría e mais os arquivos xeográficos achegados, defínese o tramo como a liña que comeza no vértice 2, segue ata o punto de coordenadas X: 627.341,8-Y: 4.687.318,9; deste segue ata o punto X: 627.341,8-Y: 4.687.298,4; e, a partir deste, segue ata o vértice 3 a través da aresta común das R.C. 32050A11500107 e 32024A06300264.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os vértices 1 e aux18 indicados na acta de conciliación, aclarando que a liña, entre os vértices 2 e 3, discorre polos puntos intermedios X: 627.341,8-Y: 4.687.318,9; X: 627.341,8-Y: 4.687.298,4; e pola aresta común das R.C. 32050A11500107 e 32024A06300264.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se vai seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 23 de outubro de 2023:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Os Montes e Campos pertencente á CMVMC de Pena de Outeiro e Santiago da Medorra, no termo de Montederramo, e mailo MVMC Matanza e Serra de Pedrouzos, pertencente á CMVMC da parroquia de Pedrouzos, no termo de Castro Caldelas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de novembro de 2023

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense