DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Xoves, 7 de decembro de 2023 Páx. 67444

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2023, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de profesores numerarios dos institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, especialidade de navegación marítima, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 7 de setembro de 2023 (DOG núm. 173, do 12 de setembro) para cualificar este proceso selectivo, en sesións que tiveron lugar os días 10, 16 e 21 de novembro de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.1.1 da convocatoria do proceso selectivo, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo realizado o 23 de outubro de 2023, e realizar a corrección e cualificación dos exames,

ACORDOU:

Primeiro. Anular a pregunta 137 do cuestionario, que pasa a ser substituída pola primeira pregunta de reserva desta parte específica que é a número 163. Acórdase modificar o modelo de folla de respostas na pregunta 3, en que é correcta a alternativa c), e na pregunta 119, en que é correcta a alternativa c). Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1.d) da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos.

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Subsidiariamente, se se dá o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Terceiro. Por acordo deste tribunal do día 9 de outubro de 2023, con publicación da correspondente resolución asinada polo presidente do tribunal no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen:

Superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número de oito (8) persoas, sempre e cando acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. Se se dá o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo en cada unha das partes, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de oito (8) persoas aspirantes.

Asígnase a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Cuarto. Realizada a corrección dos exames en sesión do día 16 de novembro de 2023 de acordo coas normas e criterios anteriores, só unha persoa aspirante superou o 40 % das respostas na parte primeira do exame (parte común), unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria: as respostas incorrectas descontan un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Superado pola devandita única aspirante o número mínimo de respostas correctas en cada unha das partes, asígnaselle a puntuación que lle corresponde, proporcional ao conxunto de respostas acertadas en ambas as partes do exercicio, unha vez feitas as deducións previstas.

Quinto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, resultando unha única persoa apta. A respecto das persoas que non acadaron algunha das ditas porcentaxes mínimas, publícanse na relación correspondente e decláranse non aptas, e sinálanse para cada aspirante as partes *1, *2 e *3 (=ambas as partes) en que non se cumpriu a condición de superación da porcentaxe mínima exixible. En razón aos ditos criterios, unha asignación de puntuacións neste último grupo non sería homologable á das restantes persoas aspirantes.

Sexto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Segundo o disposto na devandita base II.1.1.1.d) da convocatoria, os aspirantes declarados aptos deberán entregar a programación didáctica correspondente ao segundo exercicio, na sala D situada na planta baixa do Edificio Administrativo San Caetano (zona da pirámide), en Santiago de Compostela, o luns día 18 de decembro, entre as 15.00 e as 16.00 horas, programación que recollerá na dita sala o tribunal.

Consonte o disposto na base III.1.2.10 da convocatoria, con anterioridade á realización da proba, o tribunal publicará os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio, que non estean expresamente establecidos nas bases da convocatoria.

Oitavo. De acordo co disposto na base V.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2023

Manuel Romero Gómez
Presidente do tribunal