DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 18 de decembro de 2023 Páx. 69099

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 15 de decembro de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros de educación infantil 0-3 de titularidade pública autonómica con xestión externa e nos centros de educación infantil 0-3 de titularidade privada durante a folga convocada por CIG, CC.OO., UGT e SNEP.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma (Diario Oficial de Galicia nº 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

As organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e SNEP comunicaron a convocatoria de folga na totalidade dos centros educativos incluídos no ámbito funcional do XII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 19.12.2023 en xornada completa.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido, a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten este carácter esencial para a comunidade.

O servizo esencial xustifícase pola exixencia constitucional de garantir o dereito da comunidade a non se ver privada de determinados bens ou servizos, que prevalece sobre o dereito fundamental de folga.

O seguimento desta folga, sen a determinación anticipada dunha prestación mínima, podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.

O servizo de escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar aos seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio.

A folga comunicada afecta a todos os centros privados de asistencia e educación infantil, así como a aquelas empresas ou entidades privadas que xestionen centros de titularidade pública.

A Axencia Galega de Servizos Sociais conta actualmente con tres escolas infantís xestionadas por unha empresa privada (San Paio, Complexo Administrativo de Pontevedra e Cidade da Xustiza de Vigo) e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta con seis escolas infantís de xestión privada (A Guarda, Betanzos, Carballo-A Braña, Coristanco, O Pino e Pontevedra-Monte Porreiro), sendo que o seu persoal está incluído no ámbito funcional do XII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil.

O servizo da escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.

Ademais do anterior, e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación e que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa: o coidado, educación e o correcto desenvolvemento de nenos e nenas nesta etapa fundamental. Unha das principais razóns de ser da «Escola Infantil» e dar acubillo, sostén, e amparo principalmente a eses nenos e aqueloutros con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá en colaboración cos equipos de Atención Temperá das consellerías de Sanidade e Política Social e Xuventude.

Abondan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación de adultos máis competentes de modo xeral (UNESCO, UNICEF, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save the Children, e diversas ONG). Todos eles coinciden en que ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar (aumento de desemprego, problemas económicos, violencia intrafamiliar, etc).

Dentro do contexto normativo das escolas infantís en Galicia, cómpre ter en consideración o que dispón o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal das escolas infantís 0-3, que no artigo 27.2 establece que a proporción de persoal cualificado coa que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un.

O día 15 de decembro de 2023 tivo lugar unha reunión á cal asistiron os representantes das organizacións sindicais convocantes, co gallo de acordar os servizos mínimos da folga convocada.

Tras as negociacións mantidas na dita reunión, non se alcanzou un acordo sobre os servizos mínimos que deben ser fixados para o mantemento dos servizos esenciais o día da convocatoria da folga.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Nas escolas infantís 0-3 de titularidade pública autonómica con xestión externa da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e nos centros de educación infantil 0-3 de titularidade privada a convocatoria de folga realizada polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e SNEP para o día 19 de decembro de 2023, das 00.00 horas ás 23.59 horas, entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola Axencia Galega de Servizos Sociais e polo Consorcio Galego da Igualdade e Benestar, así como pola titularidade dos centros privados.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO

Para as xornadas de folga á que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

• Dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos/as, que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada.

• Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.