DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Martes, 19 de decembro de 2023 Páx. 69600

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 14 de decembro de 2022, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, e se amplía o número de prazas.

O Decreto 220/2020, do 3 de decembro (Diario Oficial de Galicia núm. 255, do 21 de decembro) e o Decreto 75/2021, do 8 de abril (Diario Oficial de Galicia núm. 255, do 21 de decembro), polos que se aproban as ofertas de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do sistema sanitario público de Galicia para os anos 2020 e 2021, respectivamente, e o Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), autorizaron a convocatoria dun total de cento cincuenta (150) prazas correspondentes á categoría de médico/a de familia de atención primaria.

Mediante a Resolución do 14 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), convocouse concurso oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

O Decreto 147/2023, do 23 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do sistema público de saúde de Galicia para o ano 2023, autoriza a convocatoria, polo sistema de concurso-oposición, dun total de cento vinte e unha (121) prazas da categoría de médico/a de familia de atención primaria.

En consecuencia, non tendo sido publicada a relación definitiva de aspirantes admitidos/as nas citadas probas, razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección fan oportuna a tramitación dun único proceso e ampliar o número de prazas convocadas coas resultantes da aprobación do decreto da oferta de emprego público para o ano 2023.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na Mesa Sectorial de Negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 18.1.c) do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro),

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 14 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro).

O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se indica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

Segundo. Reabrir o prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a presentación de solicitudes de participación neste proceso.

As persoas aspirantes que tiveran presentado a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 9 de xaneiro de 2023 e o 9 de febreiro de 2023 non terán que presentar nova instancia de participación nin achegar ningunha documentación.

Aquelas persoas aspirantes que tiveran presentado a solicitude de participación neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 9 de xaneiro de 2023 e o 9 de febreiro de 2023, e desexen modificar a quenda de acceso, poderán efectualo mediante a formalización a través de Fides/expedient-e dunha nova solicitude de participación, que deixará sen efecto a inicialmente presentada e na cal se detallará a nova quenda solicitada.

Esta solicitude, logo de confirmada electronicamente, deberá ser presentada dentro do prazo de presentación de solicitudes, por rexistro electrónico, de forma presencial no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto coa documentación exixida, segundo o suposto na base 2.5 da resolución de convocatoria do proceso.

Terceiro. As bases, os programas das probas selectivas, exercicios, baremos, o procedemento e prazo de acreditación de méritos para este proceso serán os aprobados pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 14 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro).

Os requisitos de participación no proceso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso serán os recollidos no anexo IV da resolución de convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, o 3 de xaneiro de 2023.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Categoría

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva discapacidade

Total

Titulación

Médico/a de familia de atención primaria

A1

126

132

13

271

Título de médico especialista en medicina familiar e comunitaria ou a certificación habilitadora prevista no artigo 3 do Real decreto 853/1993, do 4 de xuño