DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2023 Páx. 69893

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia e se abre o prazo para a presentación de solicitudes (código de procedemento PR933A).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de emigración ao cal lle corresponden as competencias recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Para cumprir con estas competencias, a Secretaría Xeral da Emigración planifica e desenvolve unha completa programación asistencial, formativa, laboral, educativa e cultural en favor das comunidades galegas no exterior.

De acordo co anterior e co obxectivo de posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan e fortalezan os vínculos coa cultura de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración vén convocando o Programa de obradoiros formativos de folclore, artesanía e cociña galega, dirixidos a manter viva a nosa identidade e a promover a nosa cultura na Galicia exterior.

Para o desenvolvemento destas accións formativas, a Secretaría Xeral da Emigración quere contar con profesionais con experiencia nas distintas especialidades mediante a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras.

As persoas formadoras que conformen esta bolsa impartirán os obradoiros aos cales se refiren as convocatorias do Programa de obradoiros formativos de folclore, artesanía e cociña galega, dirixidos a manter viva a nosa identidade e a promover a nosa cultura na Galicia exterior de acordo co disposto nas propias convocatorias.

Para tal efecto, deberán atender as instrucións que lles sexan dadas polas entidades galegas no exterior en que deban impartir os obradoiros, e empregarán os espazos e demais recursos que estas poñan á súa disposición con esta finalidade.

Dadas as circunstancias, resulta de interese fixar os criterios que serán exixidos ás persoas formadoras colaboradoras para asegurar que teñen os coñecementos e a experiencia necesaria para a axeitada transmisión dos valores culturais do pobo galego que son obxecto de cada seminario.

Do mesmo xeito, resulta oportuno que tal bolsa de persoas formadoras colaboradoras sexa conformada atendendo non só a criterios que garantan a calidade da formación a impartir, senón tamén a debida transparencia e publicidade.

De acordo co anterior, e en virtude das atribucións legalmente conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular o procedemento para a elaboración dunha bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros, convocados pola Secretaría Xeral da Emigración, en entidades galegas asentadas fóra de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución ábrese o prazo para a presentación de solicitudes de inscrición para as distintas actividades formativas.

Artigo 2. Actividades formativas

1. As persoas interesadas poderán solicitar a inscrición, segundo a súa especialización e os seus coñecementos, nunha ou varias actividades das relacionadas a continuación:

a) Artesanía e folclore tradicional galego: baile, gaita, percusión, pandeireta, canto, outros instrumentos novos do folclore galego (frauta, requintas...), confección de traxes tradicionais e encaixe.

b) Cociña galega.

2. A Secretaría Xeral da Emigración poderá modificar, en calquera momento, a clasificación das actividades formativas, de acordo coa planificación dos programas formativos que aprobe, co diagnóstico das necesidades formativas ou coas demandas de formación específica das entidades destinatarias.

Artigo 3. Áreas xeográficas

1. As áreas xeográficas onde se realizarán os cursos, en función das convocatorias da Secretaría Xeral da Emigración, serán as seguintes:

a) España.

b) Resto de Europa.

c) América.

2. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura a unha ou varias das áreas xeográficas anteriores.

Artigo 4. Requisitos das candidaturas

1. Para candidaturas á bolsa de profesionais da artesanía e folclore tradicional galego será preciso acreditar para a materia da que se trate que se cumpren cando menos dous dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión dunha titulación oficial ou contar cun mínimo de 150 horas de formación acreditada.

b) Ter experiencia profesional de cando menos dous anos na dirección ou como membro de grupos de baile, gaitas ou percusión; grupos musicais, talleres e empresas de artesanía ou relacionados coa especialidade para a que se presenta a candidatura.

c) Ter experiencia docente de cando menos dous anos en organismos ou entidades públicas ou privadas.

2. Para candidaturas á bolsa de actividades de cociña galega será preciso acreditar que se cumpren cando menos dous dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión dunha titulación oficial ou contar cun mínimo de 150 horas de formación acreditada.

b) Ter experiencia profesional de cando menos dous anos que probe o coñecemento da gastronomía galega.

c) Ter experiencia docente de cando menos dous anos en organismos públicos ou privados.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai).

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude de inscrición implicará a aceptación íntegra do establecido nesta resolución.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Currículo asinado comprensivo dos méritos alegados (anexo II)

b) Documentación acreditativa dos méritos alegados:

b1) Titulacións oficiais relacionadas coa/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación académica ou título ou, se é o caso, resgardo do pagamento dos dereitos de expedición.

b2) Cursos e outras actividades de formación, superados ou impartidos, relacionados coa/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificado expedido pola entidade organizadora en que conste de modo expreso o número de horas de duración da actividade. No suposto de cursos e actividades organizados pola Secretaría Xeral da Emigración non será precisa a acreditación documental, e será suficiente con indicar esta circunstancia e o ano e nome do curso ou actividade na epígrafe correspondente do currículo presentado (anexo II).

b3) Experiencia profesional na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: Certificación da entidade ou organización onde se desenvolvera na que conste expresamente a especialidade e o período ou calquera outra documentación que dea fe da experiencia alegada (discografía, publicacións, etc.).

b4) Actividade profesional por conta propia na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social dos períodos de alta na Seguridade Social e da epígrafe do IAE e declaración responsable sobre a actividade desenvolvida.

b5) Experiencia docente na/s materia/s para a que se presenta a candidatura: certificación da persoa responsable da organización ou entidade na que debe constar expresamente o período e a especialidade impartida.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá a persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resultasen obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos contidos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Consulta da inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento para a inclusión na bolsa

Logo de que a Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas comprobe que as candidaturas presentadas cumpren os requisitos establecidos no artigo 3 procederase á publicación, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, http://emigracion.xunta.es, das listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, coas causas de exclusión.

As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles, a partir do día seguinte ao da publicación das listas provisionais, para presentaren as alegacións que consideren oportunas.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas persoas interesadas, elaborarase a lista definitiva de persoas admitidas para formar parte da bolsa de persoas formadoras colaboradoras, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite a correspondente resolución. Esta resolución, xunto co currículo de cada profesional, serán obxecto de publicación de igual modo que a listaxe provisional.

O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 12. Designación de persoas formadoras

1. Á vista da relación de candidaturas incluídas na bolsa a Secretaría Xeral da Emigración designará as persoas formadoras colaboradoras atendendo aos seguintes criterios:

a) Proposta da entidade galega no exterior dun profesor ou profesora para impartir o seminario. A dita proposta será valorada polo persoal técnico da Secretaría Xeral da Emigración.

b) Posibilidade de organización de circuítos entre as entidades que vaian realizar os cursos.

2. No suposto de obradoiros para os que non se conte con proposta de profesorado por parte das entidades galegas, a designación seguirá os seguintes criterios de aplicación sucesiva:

a) Menor número de colaboracións realizadas.

b) Data da última colaboración (da máis antiga á máis recente).

c) Orde alfabética dos apelidos, comezando pola letra que anualmente resulte en sorteo público. A data e o lugar en que se levará a cabo o sorteo mencionado serán publicados con antelación na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal).

3. A Secretaría Xeral da Emigración poderá programar circuítos de obradoiros en áreas ou localidades próximas, de forma que un profesor ou profesora imparta dous ou máis cursos.

4. A asignación dun seminario comunicarase por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. As persoas candidatas terán un prazo para confirmar a súa colaboración de tres días hábiles contados desde o seguinte ao da comunicación salvo que a proximidade de inicio do seminario de que se trate non o permita.

Artigo 13. Efectos da inclusión na bolsa

1. As persoas incluídas na bolsa poderán colaborar como formadoras nas actividades formativas da Secretaría Xeral da Emigración.

2. A inscrición non outorga dereito ao nomeamento como formador/a.

3. As persoas formadoras colaboradoras serán nomeadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para impartiren os correspondentes obradoiros, de acordo co establecido no artigo 310 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e serán remuneradas de acordo coas instrucións de retribución que estableza a Secretaría Xeral da Emigración. Esta colaboración en ningún caso implicará relación laboral ou de calquera outra natureza entre estes/as profesionais e a Secretaría Xeral da Emigración, de tal xeito que, por este concepto, non se lle poderá exixir á mencionada secretaría ningunha responsabilidade, nin directa nin subsidiaria.

4. As persoas formadoras colaboradoras gozarán de autonomía na organización dos contidos dos cursos respectando as características do seminario de que se trate e o nivel de coñecemento do alumnado.

Artigo 14. Actualización da bolsa

O procedemento para formar parte da bolsa de persoas formadoras colaboradoras para impartiren obradoiros fóra de Galicia abrirase unha vez ao ano. Para iso, no primeiro semestre de cada ano a Secretaría Xeral da Emigración publicará na páxina web http://emigracion.xunta.es a correspondente convocatoria.

A bolsa poderá ser consultada na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración http://emigracion.xunta.es

Artigo 15. Baixa na bolsa

1. Son causas de baixa na bolsa as seguintes:

a) A renuncia expresa da persoa interesada.

b) A emisión de dous ou máis informes negativos por parte das entidades galegas en que se desenvolvan as accións formativas.

c) A comprobación de falsidade nos datos achegados para a inscrición.

2. Nos supostos recollidos nas letras b) e c) do número anterior a baixa será resolta pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración logo de audiencia da persoa interesada.

Artigo 16. Vixencia

A partir da publicación desta resolución, quedarán sen efecto as listas elaboradas en virtude da Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración de listas de formadores colaboradores para impartiren obradoiros fóra de Galicia e se abre o prazo para a inscrición de candidatos.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file