DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2023 Páx. 69986

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2023 pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG402B).

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco (5) plans de impulso con vinte e seis (26) enfoques estratéxicos e sesenta (60) medidas que deberá desenvolver a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Entre estes plans de impulso está a mellora dos factores territoriais de competitividade, que recolle as medidas que a Administración pública debe tomar para promover un contorno favorable para o desenvolvemento da actividade industrial. A Axenda foi actualizada para o período 2019-2022 enfatizando na transformación dixital.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres (3) prioridades temáticas transversais e por outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 2 busca equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado.

En consecuencia, a esta convocatoria enmárcase na RIS3, e responde, polo seu carácter transversal, aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico equilibrar a excelencia na investigación e a súa aplicabilidade no mercado (obxectivo estratéxico 2) e intégrase no programa Innova e Emprende.

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega. Nese sentido, o Igape ten previsto convocar para 2024 unha nova edición do programa Re-acciona: un programa de axuda que facilite a prestación de servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas, que lles permitan adaptarse ao novo contexto económico. Neste tipo de programas é crucial a colaboración da Administración coas entidades prestadoras de servizos, para asegurar a calidade da prestación, reducir a barreira de entrada para os solicitantes de axudas, definir con precisión o alcance do asesoramento e facilitar a difusión.

A oferta destes servizos pretende mellorar o futuro das empresas galegas mediante a adquisición de novas competencias que lles permitan gozar de vantaxes competitivas. Adicionalmente, é tamén un propósito deste catálogo de servizos a súa aplicación a un conxunto significativo de pemes co fin de que se produza un impacto real no tecido produtivo. Tendo en conta a ampla cantidade de intervencións que se levarán a cabo e a súa especialización, conclúese que non sería posible prestalos con medios propios. Estas mesmas causas, xunto coa especificidade dos destinatarios (pemes galegas) levan á imposibilidade de ser cumpridamente satisfeitos mediante autoprovisión por parte doutros órganos ou entidades instrumentais do sector público.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés); isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación ao cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariño, economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Por outra parte, a especialización necesaria para este tipo de servizos, xunto co efecto diferencial que ten para o beneficiario a prestación por parte de entidades con experiencia e cun equipo experto, fan recomendable que a selección das entidades colaboradoras se leve a cabo en réxime de concorrencia competitiva.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), establece a posibilidade de atribuír a entidades colaboradoras a xestión de aspectos materiais da tramitación da subvención. No seu artigo 13.4 dispón que, cando as entidades colaboradoras sexan persoas suxeitas a dereito privado, se seleccionarán previamente mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación.

Por todo o anterior, en virtude do disposto na Lei 9/2007

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión do programa Re-acciona (código de procedemento IG402B).

Este programa terá as seguintes características:

1. O seu obxectivo será permitirlles ás empresas galegas acceder a servizos de asesoramento que melloren a súa adaptación no novo contorno económico.

2. A participación no programa será modular, de forma que as empresas poderán solicitar ao seu abeiro un ou varios dos seguintes servizos (véxanse as fichas do anexo III):

– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

– Servizos de captación, fidelización e xestión de talento.

– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG.

– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

– Servizos de preparación de procesos certificables.

– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Servizos de protección da innovación.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.

3. Os destinatarios dos servizos –beneficiarios da liña de axudas que se convocará– serán as pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo os autónomos, comunidades de bens, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, leven a cabo actividade empresarial e poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se encontren na situación que motiva a concesión da subvención; aos destinatarios imporáselles un requisito de tamaño mínimo acorde co servizo que se vai prestar: deberán contar cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a tres (3) no peche do último exercicio.

4. Os servizos constarán de tres fases:

– Formación e sensibilización (de xeito indicativo, 5 %-10 % do servizo). Proporcionarase capacitación adecuada aos empregados. Isto asegurará que todos os membros do equipo comprendan o seu papel e contribúan de maneira efectiva ao desenvolvemento dos servizos.

– Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto (de xeito indicativo, 15 %-20 % do servizo).

– Execución do plan de traballo (de xeito indicativo, 70 %-80 % do servizo).

5. Os servizos prestaranos as entidades colaboradoras seleccionadas, que recibirán unha compensación económica polos gastos incorridos, de acordo co artigo artigo 13.2.m) da Lei 9/2017, segundo o seguinte esquema:

Denominación

Compensación económica

Categoría 1: Análise e avaliación competitiva

3.780 € + IVE

Categoría 2: Optimización e mellora competitiva

5.355 € + IVE

Categoría 3: Estratexias de competitividade avanzada

6.300 € + IVE

Categoría 1: Análise e avaliación competitiva, cunha duración mínima orientativa de 60 horas.

– Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

– Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

– Servizos de protección da innovación (B), servizo parcial.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (B,C), servizos parciais.

Categoría 2: Optimización e mellora competitiva, cunha duración mínima orientativa de 85 horas.

– Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

– Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

– Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

– Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

– Servizos de protección da innovación (A), servizo completo.

– Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

– Servizos de consultoría modular para pemes en captación, retención e xestión de talento.

Categoría 3: Estratexias de competitividade avanzada, cunha duración mínima orientativa de 100 horas.

– Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

– Servizos de preparación de procesos certificables.

– Servizos para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG na peme.

– Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación (A), servizo completo.

Esta convocatoria ten como obxecto seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, un máximo de dúas (2) entidades colaboradoras para prestar cada un dos servizos (máximo de vinte se seis (26) entidades en total). A cualificación como entidade colaboradora será válida para a/as convocatoria/s do programa Re-acciona que se publiquen no período de programación 2021-2027. No caso de que para algún dos servizos se produza algunha baixa nas entidades colaboradoras seleccionadas, poderá seleccionarse unha nova entidade colaboradora entre as que superasen a puntuación mínima establecida no artigo 10.6. No caso de non poder cubrir a baixa, de que se engadan novos servizos ou de que se considere necesario para o mellor desenvolvemento das convocatorias, poderán convocarse novos procesos de selección de entidades colaboradoras.

En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE do 30 de xuño L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará ás 8.00 horas do 2 de xaneiro de 2024 e ata as 14.00 horas do 2 de febreiro de 2024.

Artigo 3. Requisitos das entidades colaboradoras

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Deberán estar de alta censual na epígrafe de prestación de servizos e acreditar que na data da presente convocatoria prestan servizos de similar natureza a aqueles para os cales optan a ser entidade colaboradora, e acreditar a prestación nos últimos tres anos dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles a que opta.

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e realizando as seguintes funcións:

a) Avaliación inicial e comprobación dos requisitos dos solicitantes da axuda, e viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa (prestación de servizos).

d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

4. As entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións co Igape a través da súa oficina virtual.

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que, por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional, teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

5. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo, que o soliciten no prazo que se indica no artigo 2 destas bases reguladoras e que resulten elixidas de acordo co procedemento do artigo 8 para a prestación dun determinado servizo.

6. De conformidade coa Lei 9/2007, as entidades colaboradoras deberán adherirse ao convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II desta convocatoria. O dito convenio posúe o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei 9/2007.

7. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

9. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as persoas solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

9. No caso de empresas vinculadas a que se refire o anexo I artigo 3.3 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, deberán elixir unha do grupo como representante de todas elas, de forma que sexa esta a que actúe como entidade colaboradora tramitando a totalidade das solicitudes de axuda.

Artigo 4. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

1. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007:

a) Estar ao día no pagamento das obrigas á Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como á Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

c) Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Igape.

d) Actuar en nome e por conta do Igape para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

e) Conservar a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables durante un período de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a adecuada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007.

2. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Comprobar, antes de tramitar a axuda, o cumprimento dos requisitos por parte dos solicitantes e a viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda e cobramento a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Prestar os servizos do programa Re-acciona de acordo coas condicións establecidas nas bases e coa oferta de servizo presentada, mediante a dedicación do equipo de traballo presentado. Calquera modificación posterior a esta oferta ou equipo, debida a causas sobrevidas ou proposta para mellorar a calidade do servizo, deberá contar co visto e prace do Igape.

d) Participar nos comités de coordinación establecidos polo Igape para a gobernanza do programa e seguir as directrices resultantes deles.

e) Contribuír á comunicación do programa, o cal inclúe, como mínimo, a publicidade no seu espazo web, participación nas actividades de difusión organizadas polo Igape, preparación e actualización da especificación do servizo prestado na páxina web do programa e preparación de casos de éxito documentais e en vídeo (o Igape poderá solicitar a elaboración dun máximo dun caso de éxito por cada dez (10) servizos prestados ou fracción desta decena).

f) Facilitar canta información e documentación se precise para avaliar os indicadores de resultado do programa e verificar a correcta aplicación das subvencións.

g) Que o proxecto financiado non inclúe actividades que ocasionen un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables mediante a implantación dun sistema de clasificación (ou taxonomía) das actividades económicas ambientais sustentables.

h) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

i) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración da convocatoria no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.

3. As entidades que sexan seleccionadas como colaboradoras non poderán ser beneficiarias de ningún dos servizos prestados ao abeiro deste programa. Así mesmo, a entidade colaboradora prestadora do servizo non poderá prestar servizos a beneficiarios que estean vinculados con ela ou cos seus órganos directivos ou xestores, ou cos membros do equipo de traballo. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e o artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades interesadas deberán presentar unha solicitude distinta para cada tipo de servizo dos enumerados no artigo 1.2, na cal desexen colaborar no programa. Ningún membro do equipo de traballo presentado nunha solicitude poderá presentarse en sucesivas solicitudes da mesma ou doutra candidata, salvo que a súa participación na prestación do servizo teña funcións de dirección ou de apoio cunha dedicación inferior ao 5 % da estimada para o servizo, e esta circunstancia apareza de xeito explícito na solicitude. No caso de que se incumpra esta condición, só se terá en conta a solicitude presentada en primeiro lugar.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Na solicitude declararase a vontade de adherirse ao convenio publicado como anexo II destas bases.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles ás persoas solicitantes un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán por desistidas da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan a unha delas para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato pdf para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@Igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As entidades colaboradoras interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Referencias dun mínimo de tres proxectos similares a aqueles a que opta, prestados nos últimos tres anos pola solicitante, que inclúan cando menos unha descrición do traballo realizado, equipo e destinatario do servizo (extensión máxima de tres páxinas).

c) Oferta de servizo, que especifica o servizo que se compromete a prestar a entidade polo prezo fixo indicado no artigo 1.5. Debe incluír os elementos necesarios para avaliar a participación da entidade segundo o baremo do artigo 10. A oferta de servizo non superará as 40 páxinas de extensión, sen incluír o índice nin a táboa de referencias cruzadas, cunha marxe estándar de 2,54 cm nos catro lados da páxina, un espazado de 1,5 liñas, un tipo de letra Arial con tamaño de 12 puntos, e deberá adaptarse ao esquema seguinte, coa extensión suxerida por sección:

i) Índice.

ii) Presentación da entidade (2 páxinas).

iii) Características do servizo (25 paxinas):

– Descrición do servizo: poderán describirse variantes en función do grao de madurez da empresa beneficiaria, tamaño, sector, etc. Esta sección deberá expor a metodoloxía do desenvolvemento do servizo, o impacto e resultados previstos, así como a descrición dos entregables propostos (20 páxinas).

– Presentación do servizo á peme: dun máximo de catro diapositivas en que se poña de relevo a proposta de valor e os detalles principais (4 páxinas).

– Prazo e condicións da garantía ofertada (1 páxina).

iv) Compromisos de dedicación ao servizo e cronograma de desenvolvemento (2 páxinas).

v) Experiencia e recursos dispoñibles: (10 páxinas):

– Equipo de traballo: relación nominal das persoas que prestarán o servizo, indicando a súa titulación, vinculación laboral coa entidade, experiencia e breve currículo de cada unha. Motivar os beneficios derivados das distintas competencias do equipo de traballo.

– Experiencia na prestación de servizos de consultoría a pemes no ámbito específico requirido: proxectos anteriores realizados para pemes, impacto obtido en función de indicadores.

vi) Táboa de referencias cruzadas en que, para cada un dos criterios e subcriterios de valoración do artigo 10, se explique a(as) epígrafe(s) da oferta que a Administración debería ter en conta para a súa avaliación. A avaliación só terá en conta os contidos das epígrafes sinaladas para cada criterio.

d) Documentación relativa a entregables análogos desenvolvidos para servizos similares, respectando a confidencialidade.

e) Referencias favorables por parte doutras organizacións ou entidades públicas e privadas coas cales traballase previamente.

f) Para subvencións de importe superior a 30.000 €, segundo o establecido no artigo 3.9 das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deben cumprir coa normativa en materia de prazos a provedores, o que se acreditará do seguinte xeito, de acordo co anexo V destas bases:

i. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

ii. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

g) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH), segundo o anexo VI destas bases.

Por ser unha convocatoria en concorrencia competitiva, non se considerarán aquelas ofertas que superen a extensión máxima definida ou que non se adapten ao formato establecido. Adicionalmente, a memoria non é susceptible de emenda.

2. De conformidade co artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselles solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT da persoa ou entidade solicitante.

g) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social da persoa ou entidade solicitante.

h) Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública da persoa ou entidade solicitante.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa ou entidade solicitante.

j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 6.1 destas bases, da persoa ou entidade solicitante.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de adhesión como entidade colaboradora será a Área de Competitividade do Igape, e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución do procedemento de adhesión

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará por desistido/a da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia do documento «oferta de servizo» ou a presentación deste documento nun formato ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. O órgano instrutor comprobará o cumprimento dos requisitos das entidades colaboradoras e avaliará as solicitudes de adhesión elixibles de acordo co seguinte baremo:

a) Calidade derivada das características do servizo: 40 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Metodoloxía no desenvolvemento do servizo e flexibilidade na adaptación ás necesidades da empresa receptora (12 puntos). Avaliarase a definición da metodoloxía de traballo e as medidas concretas previstas para adaptalo ás necesidades das pemes.

ii) Impacto e resultados esperados: avaliaranse a descrición dos resultados esperados, as ferramentas para analizar o progreso e o impacto dos servizos nas pemes, así como indicadores do rendemento (KPI) utilizados para medir ese impacto (12 puntos).

iii) Entregables propostos: avaliarase a calidade dos entregables propostos. Adicionalmente, a entidade deberá achegar, respectando a confidencialidade, entregables análogos desenvolvidos para servizos similares (12 puntos).

iv) Grao en que a presentación do servizo á peme, entregada como parte da oferta, reflicte adecuadamente a proposta de valor e os detalles do servizo (ata 2 puntos).

v) Prazo e condicións de garantía ofertadas (ata 2 puntos).

b) Compromisos de dedicación á prestación de servizo: 30 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Número de horas en contacto presencial coa empresa (válido tamén videoconferencia) que vai dedicar a cada servizo (ata 15 puntos).

ii) Número de horas noutras tarefas que vai dedicar en cada proxecto (ata 5 puntos).

iii) Viabilidade do equipo dispoñible para a prestación do servizo (10 puntos). Valorarase o número de efectivos dispoñibles para a prestación dos servizos, así como o cronograma de desenvolvemento dun servizo e a estimación razoada do número máximo de servizos que se van desenvolver de forma simultánea.

c) Experiencia e recursos dispoñibles: 30 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i) Titulación e experiencia media dos membros do equipo de traballo como prestadores de servizos en proxectos similares (no alcance dos servizos, a súa funcionalidade, o tipo de empresas a que van dirixidos ou o coñecemento necesario para executalos) (12 puntos).

ii) Tempo de experiencia da entidade colaboradora e resultados obtidos (10 puntos). Avalía a experiencia da entidade colaboradora na prestación de servizos de consultoría a pemes no ámbito específico requirido: proxectos anteriores realizados para pemes, impacto obtido en función de indicadores.

iii) Avaliacións e referencias da entidade colaboradora: valoraranse avaliacións positivas e referencias favorables por parte doutras organizacións ou entidades públicas e privadas coas cales traballase previamente (ata 4 puntos).

iv) Diversidade das competencias agregadas dos membros do equipo, na medida na que poida ser beneficioso para o servizo que se vai realizar (4 puntos). A entidade colaboradora debe motivar os beneficios para o desenvolvemento do servizo, derivados das distintas competencias do equipo de traballo.

4. A partir dos resultados da avaliación elevarase proposta de selección como entidade colaboradora ás entidades que obtivesen maior puntuación para cada un dos tipos de servizo indicados no artigo 1.2. Seleccionarase un máximo de dúas entidades en cada servizo.

5. En caso de empate nas puntuacións, elixiranse en primeiro lugar os solicitantes que teñan implementado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que cubrirán no formulario de solicitude. De persistir o empate, decidirase a favor da solicitude que obtivese máis puntos na valoración do criterio a). Se aínda así segue existindo empate, decidirase pola maior puntuación no criterio b), e así sucesivamente. Por último, daráselles preferencia ás solicitudes segundo a súa orde de presentación.

6. Non se seleccionará ningunha entidade que obteña menos de 70 puntos na avaliación.

Artigo 11. Resolución

O prazo máximo para que a persoa titular da Dirección Xeral do Igape resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de tres meses desde a publicación da convocatoria no DOG. Pasado o dito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución será conxunta e indicará que solicitudes foron rexeitadas por non cumprir requisitos, a valoración das solicitudes válidas e os solicitantes que acadan a condición de entidade colaboradora.

A resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.Igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

Na páxina web do programa Re-acciona (https://reacciona.Igape.es) poderá consultarse a lista de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Perda da condición de entidade colaboradora

1. A condición de entidade colaboradora poderá revogarse, en calquera momento, por algún dos seguintes motivos:

a) A perda dalgún dos requisitos que deron lugar ao seu outorgamento.

b) O incumprimento das obrigas e compromisos recollidos no artigo 4 desta resolución.

2. Así mesmo, poderá extinguirse a relación de colaboración por solicitude da propia entidade.

Artigo 14. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fonde de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos rondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

d) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

i) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2023

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica
P.D. (Resolución do 17 de outubro de 2023)
Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio entre o Igape e a entidade colaboradora ______________________ ________para a xestión de axudas relativas ao programa Re-acciona.

Dunha parte, Covadonga Toca Carús, directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q 6550010J, domiciliado no Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15707 Santiago de Compostela. Está facultada para este acto en virtude de __________.

Doutra parte, ___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade _________________________________con NIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o programa Re-acciona; estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Igape e os beneficiarios das axudas do programa.

II. Que a entidade _______________ foi seleccionada para a prestación de servizos do programa Re-acciona de acordo coa «Resolución do _________________ pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona), susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027».

III. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir este convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto da colaboración

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ______________________________ e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do _________________ pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona), susceptibles de seren financiadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, en diante denominada «a convocatoria de selección de entidades colaboradoras».

Segunda. Condicións de execución, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións de execución dos servizos, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación serán as que aparecen na convocatoria de selección de entidades colaboradoras. O alcance mínimo dos servizos será definido nas fichas do anexo III das bases reguladoras da convocatoria, ampliado no indicado na oferta de servizos presentada pola entidade colaboradora.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade _______________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 3 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia previstas, e que resultou elixida polo Igape para a prestación de servizos do programa Re-acciona.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 4 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape, dar información fidedigna desta e darlle publicidade á iniciativa cumprindo os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo IV a estas bases. Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, de ser o caso, realicen as entidades colaboradoras sobre este convenio deberán comunicarse previamente ao Igape.

b) Asegurarse de que as partes que interveñen na liña de axudas sexan informadas do financiamento comunitario. Así, por exemplo, calquera documento relacionado con esta liña de axudas destinado ao público ou aos beneficiarios conterá una declaración en que se informe do dito financiamento.

c) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, pór todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas aos beneficiarios e colaborar na difusión deste programa.

d) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a corrección da documentación que se lles exixe para percibir a subvención.

f) Tramitar ante o Igape, por conta do beneficiario, as solicitudes de axuda e xustificación. A tramitación destas solicitudes será obrigatoriamente por vía electrónica, para o cal é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así como a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión á internet, etc.).

g) Comunicarlles aos solicitantes, dentro dos dez días seguintes ao da presentación das solicitudes no rexistro telemático, a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento e os efectos do silencio administrativo (negativo).

h) Dado que a compensación á entidade colaboradora polos gastos ocasionadas na prestación dos servizos, segundo o establecido no artigo 13.2.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se establece no importe indicado no artigo 1.5 das bases da convocatoria para satisfacer entre o beneficiario e o Igape, a entidade colaboradora anticipará mediante desconto en factura a axuda do Igape, que será en todo caso a indicada na resolución de concesión.

i) Reflectir na factura do servizo obxecto de subvención a cesión de crédito da axuda, indicando con claridade os seguintes datos:

i. Data de emisión.

ii. Nome ou razón social e NIF do beneficiario.

iii. Descricións do servizo prestado.

iv. Importe neto do servizo segundo o prezo fixado, que conformará a base impoñible da factura.

v. IVE e total da base impoñible máis IVE.

vi. Axuda do programa Re-acciona do Igape segundo o indicado na resolución de concesión da axuda. Na factura deben figurar o importe da axuda, a base impoñible, o IVE e constar o seguinte literal:

«Programa Re-acciona: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora».

vii. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total, IVE incluído, menos a axuda do Igape).

viii. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

j) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables dos servizos subvencionados, así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Custodiar, durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento, a documentación correspondente ás operacións realizadas, da cal remitirán copia dixitalizada ao Igape para proceder á resolución e ao cobramento das axudas.

l) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

m) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais de ao establecido no artigo 4 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras, a entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do programa e deste convenio, e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Posuír a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 3 da convocatoria de selección de entidades colaboradoras.

c) Manter, no desenvolvemento dos servizos, os compoñentes do equipo de traballo identificados na documentación presentada de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras. Os membros do equipo só se poderán substituír por causa de forza maior, logo de conformidade do Igape. Así mesmo, o equipo só poderá ampliarse cando se acredite unha dedicación superior ao 80 % dos membros do equipo inicial.

d) Consentir expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

e) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora, recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Comunicarlle ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada operación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol do beneficiario, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras do programa Re-acciona.

Sétima. Control

A entidade colaboradora someterase ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que vaia realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Consello. Para tal fin, deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, nun período de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria. O Igape informará a entidade colaboradora da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Industria e Innovación incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións que, como consecuencia delas, poidan imporse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, de ser o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Oficina Virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de trinta (30) días de aviso previo. A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que poidan presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveraas a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 30.12.2025 sen prexuízo das prórrogas que, se é o caso, así pactasen por acordo expreso as partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na seguinte normativa:

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

– Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

– Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 231, do 30 de xuño de 2021).

– A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

– O acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril).

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– O resto da normativa que resulte de aplicación.

A directora xeral do Igape

Covadonga Toca Carús

O/a representante legal da entidade colaboradora

_____________________________________

ANEXO III

Fichas descritivas dos servizos

Entregables comúns a todos os servizos: xustificante da formación impartida, xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, que incluirá en todo caso a identificación do equipo que prestou o servizo.

A descrición que se realiza a continuación é indicativa. Cada entidade pode achegar a súa propia aproximación, dentro dos obxectivos xerais de cada servizo.

1. Servizos de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora.

A análise do potencial competitivo (APC) estudará os diversos factores que definen a capacidade da empresa para competir no mercado, en canto á estrutura do negocio, dos procesos e da cultura organizativa. O resultado debe ser un informe en que se establece a posición actual competitiva da empresa e se dan as pautas que cómpre seguir para a súa mellora.

As actuación mínimas que se van levar a cabo no desenvolvemento do servizo serán as seguintes:

– Análise do contornao competitivo.

– Análise interna.

– Análise de clientes e segmentación de mercado.

Benchmarking.

– Definición de estratexias.

Como resultado da APC recolleranse unha serie de accións de mellora temperá (AMT). Levarase a cabo unha fase de intervención para a recollida de información e a priorización das accións de mellora temperá que se propoñan. A entidade colaboradora deberá, ademais, desenvolver e implementar na empresa polo menos a AMT máis prioritaria e responsabilizarse da súa correcta execución.

A entidade colaboradora deberá orientar a empresa sobre o seu itinerario de mellora recomendar, de ser o caso, os servizos ofrecidos polo Igape con esta orientación.

En resumo, o servizo de análise do potencial competitivo e primeiras accións de mellora implica avaliar o contorno competitivo, analizar os recursos internos, identificar vantaxes competitivas e desenvolver estratexias e accións concretas para mellorar o desempeño da empresa.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

– Entregarase un documento final de análise que inclúa os resultados da execución e as conclusións e recomendacións que derivan dela, co seguinte esquema:

– Información xeral: equipos da empresa e da entidade colaboradora, reunións realizadas, datas, duración, metodoloxía.

– Posicionamento da empresa segundo o esquema de normalización proposto na metodoloxía. Este posicionamento debe ser consensuado coa empresa.

– Indicación dun primeiro plan de acción con lista de accións de mellora propostas agrupadas e priorizadas tras o consenso, obxectivos e prazos.

– Recomendacións, se é oportuno, sobre as liñas de apoio máis adecuadas ao plan de acción. En particular, terase en conta a oferta de servizos e axudas do Igape e outros apoios institucionais adaptados á situación.

– Memoria da execución da/s) acción/s) de mellora temperá.

2. Servizos de desenvolvemento estratéxico integral da empresa.

Neste servizo, a partir da análise da situación da empresa mediante a APC -ou por outro medio equivalente-, elaborarase de maneira conxunta coa empresa un proxecto de futuro para ela que a provexa dos plans necesarios para acadar o seu obxectivo. Tras a elaboración do proxecto de futuro e os correspondentes plans de mellora, con este servizo a entidade colaboradora deberá acompañar a empresa durante todo o proceso e executar, polo menos, un plan de mellora transversal.

As actuación mínimas que se van levar a cabo no deseño do proxecto de futuro serán as seguintes:

1. Consensuar co equipo xestor da empresa a visión e misión.

2. Elaboración dun proxecto de futuro co establecemento de obxectivos estratéxicos, análise e selección de estratexias.

3. Elaborar e priorizar os plans de acción: estes plans deben incluír metas, prazos, prioridades, asignación de recursos, responsabilidades e un sistema de seguimento e control.

4. Xestión do cambio: axudar a empresa a xestionar o cambio organizacional que pode ser necesario como resultado da implementación de novas estratexias. Isto implica comunicar e obter o compromiso dos empregados, xestionar resistencias e garantir unha transición suave cara á nova dirección estratéxica. Así mesmo, colaborar na creación dos equipos de traballo que os levarán a cabo.

5. Implementación e seguimento: apoiar a empresa na implementación das estratexias e accións definidas, asegurando unha execución efectiva. Realizar un seguimento regular do progreso, definindo e actualizando os cadros de control necesarios, dinamizando os equipos realizando axustes segundo sexa necesario e asegurándose de que os resultados se aliñen cos obxectivos establecidos.

6. Executar xunto coa empresa polo menos un plan transversal. Denominaremos así aqueles plans que se desenvolven baixo o control directo da dirección xeral e que afectan o funcionamento de toda a empresa, como poden ser o desenvolvemento da estrutura organizativa, a xestión de competencias da organización, a implementación de xestión por obxectivos e outros que se propoñan.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Actas de reunións.

– Proxecto de futuro e plans priorizados.

– Memoria do traballo en que se desenvolvan os puntos indicados nos parágrafos anteriores, que inclúa accións realizadas, modelos de seguimento e resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

3. Servizos de análise do cumprimento normativo e os riscos legais (Compliance).

O obxectivo deste servizo é axudar as pequenas e medianas empresas a establecer e fortalecer os seus programas de cumprimento normativo, coñecido como Compliance, para aliñar o comportamento de todos os membros da organización cos principios éticos de boas prácticas corporativas e a filosofía de mellora continua, co obxectivo de evitar riscos legais ou financeiros e mellorar a reputación e a confianza da empresa.

Este servizo debe articularse ao redor dun mapa de riscos en que se identifiquen estes, o seu impacto, a súa probabilidade de ocorrencia e se ofrezan medidas de prevención ou correctoras para o efecto.

Tras a definición das medidas e intervencións concretas, encargarase de desenvolver e implantar, como mínimo, unha das medidas consideradas de maior relevancia. A selección das medidas que se van implantar deberá ser o resultado do consenso entre a adxudicataria e a destinataria do servizo.

As actuación mínimas que se van levar a cabo serán as seguintes:

– Avaliación de riscos: identificación e priorización dos riscos clave, tendo en conta tanto os aspectos legais e regulatorios como os riscos reputacionais, para establecer unha base sólida para o deseño dos programas de cumprimento. Elaboración de mapas de riscos derivados da actividade da empresa.

– Análise de fendas de cumprimento: avaliar os riscos e as consecuencias asociadas ao incumprimento, e determinar áreas de mellora para garantir o cumprimento legal. Consensuar co equipo xestor da empresa os resultados da análise e as medidas que se van implantar.

– Deseño de programas de cumprimento: desenvolver estratexias para mitigar os riscos detectados en áreas clave da empresa. Xestionar e desenvolver o proxecto de implantación e posta en marcha de, polo menos, unha das medidas seleccionadas conxuntamente coa empresa destinataria do servizo.

– Actualización normativa e asesoramento: impartir unha xornada de capacitación e concienciación en Compliance para o persoal da empresa, co obxectivo de garantir que os empregados comprendan as súas responsabilidades e contribúan activamente ao cumprimento normativo.

– Auditorías e revisións periódicas: isto pode incluír a implementación de sistemas de seguimento e informe, a asignación de responsabilidades, a realización de auditorías internas e a creación dun marco de control e supervisión.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Mapa de riscos e plan de acción xerado.

– Memoria final de resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

4. Servizo de consultoría en captación, fidelización e xestión de talento.

O obxectivo deste servizo é axudar as pequenas e medianas empresas a optimizar as súas estratexias de captación, fidelización e xestión de talento, como recurso vital para o crecemento e o éxito de calquera organización. Así mesmo, o alcance deste servizo debe estar orientado a definir as políticas de contratación, formación, promoción e retribución da empresa.

Tras a definición das medidas e intervencións concretas, no marco das políticas indicadas no parágrafo anterior, encargarase de desenvolver, implantar e achegar, como mínimo, unha desas medidas no ámbito da peme. A selección das medidas que se van implantar deberá ser o resultado do consenso entre a adxudicataria e a destinataria do servizo.

Este servizo abordará as seguintes actuacións:

– Análise de necesidades de talento: avaliación das necesidades de talento da empresa, identificando as habilidades e competencias requiridas para cada posto e proxecto.

– Estratexia de captación, avaliación e selección: desenvolvemento dunha estratexia integral para atraer candidatos altamente cualificados. Isto implica a definición dunha política de contratación e deseño de métodos de avaliación de candidatos para identificar os profesionais que mellor se axusten aos requisitos da empresa.

– Fidelización, desenvolvemento de talento e fomento da cultura organizacional: implementación de programas e estratexias que fomentan a retención e o crecemento do talento dentro da organización, así como deseño de plans de desenvolvemento profesional, creación de plans de capacitación e implementación de sistemas de recoñecemento e recompensas. Así mesmo, poderán realizarse diagnósticos de clima laboral, estratexias de comunicación interna efectivas e/ou deseño de prácticas de liderado inclusivas e motivadoras.

– Xestión do rendemento: establecer sistemas de xestión do rendemento que permiten avaliar e recoñecer o desempeño dos empregados de maneira obxectiva e efectiva. Isto inclúe a definición de indicadores clave de rendemento, o deseño de metodoloxías para realizar avaliacións periódicas e a implementación de programas de retroalimentación e mellora continua.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Plans estratéxicos de captación de talento.

– Programas de retención e desenvolvemento e fomento da cultura organizacional.

– Sistemas de xestión do rendemento.

– Memoria final de resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

5. Servizo para o desenvolvemento dunha estratexia de integración ESG na peme.

O obxectivo deste servizo é axudar as pemes na integración das consideracións ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) na súa estratexia e operacións, coa intención de lograr un desempeño sustentable e xerar valor a longo prazo. Este servizo permitirá incrementar a capacidade das pemes para incorporar a sustentabilidade como elemento estratéxico da súa xestión, como fonte de vantaxe competitiva no mercado e avanzar cara a un crecemento responsable.

O servizo debe incluír como mínimo:

– Análise e avaliación de ESG: realizar unha avaliación exhaustiva das prácticas actuais da empresa en termos de ambiente, aspectos sociais e de gobernanza. Esta tarefa inclúe avaliar o risco ESG e Identificar fortalezas e áreas de mellora.

– Diagnóstico global e definición dunha folla de ruta de ESG: acompañar a empresa para desenvolver estratexias de ESG personalizadas que estean aliñadas co seu sector e obxectivos comerciais. Isto implica identificar áreas de enfoque clave, establecer metas e obxectivos medibles, e desenvolver un plan de acción para implementar as estratexias. Esta tarefa inclúe o acompañamento na implementación de, polo menos, unha das medidas prioritarias definidas na folla de ruta.

– Informe e divulgación: axudar a empresa para establecer un marco de informe e divulgación de ESG para comunicar de maneira transparente e efectiva as súas prácticas sustentables. Isto inclúe a identificación de indicadores relevantes, a elaboración de informes ESG e o asesoramento na implementación de estándares recoñecidos, como os do Global Reporting Initiative (GRI) ou os principios de investimento responsable (PRI).

– Integración de consideracións ESG na toma de decisións: asesorar e acompañar a empresa na integración das consideracións ESG na toma de decisións estratéxicas, operativas, de investimento e de financiamento.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Informe de avaliación ESG: un informe polo miúdo que resume a avaliación inicial das prácticas actuais da empresa en termos de ESG.

– Diagnóstico e folla de ruta de ESG: documento estratéxico que describe as metas, obxectivos e accións específicas para a empresa no ámbito ESG. Esta estratexia personalízase para abordar as áreas de enfoque identificadas e proporciona unha folla de ruta clara para a implementación de prácticas sustentables.

– Informe de integración de ESG na toma de decisións: un informe que destaca como se integraron as consideracións ESG na toma de decisións estratéxicas, operativas e de investimento. Este informe ilustra como as consideracións ESG se tiveron en conta e como influíron nas decisións tomadas.

– Memoria final de resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

6. Servizos de mellora da xestión financeira e procura de financiamento.

O servizo debe basearse na análise da condición económico-financeira da empresa, establecendo e optimizando as súas necesidades financeiras a curto e medio prazo, e formalizándoas nun plan de mellora da xestión financeira que inclúa:

1. Análise de balance e contas de resultados, evolución dos últimos tres exercicios e situación actual: exposición dos motivos e causas da evolución dos estados económico-financeiros.

2. Análise comparativa da estrutura co nivel medio de empresas do sector de dimensión semellante: conclusións xerais da comparativa anterior. Consecuencias na empresa.

3. Planificación financeira: desenvolver un plan financeiro estratéxico que defina os obxectivos financeiros da empresa a curto e longo prazo, así como as estratexias para acadalos. Isto pode incluír a elaboración de orzamentos, a proxección de fluxos de efectivo, a xestión de riscos financeiros e a determinación das necesidades de financiamento.

4. Procura de financiamento: identificar fontes de financiamento adecuadas para cubrir as necesidades financeiras da empresa. No que ser refire a este punto, prestarase especial atención a solucións financeiras verdes, que promovan o desenvolvemento sustentable e a preservación do ambiente.

5. Negociación e obtención de financiamento: brindar apoio e acompañamento na negociación con institucións financeiras e outros posibles financiadores, buscando obter as mellores condicións e estruturas de financiamento para a empresa. Isto pode incluír a revisión de contratos financeiros, a avaliación de opcións de financiamento alternativas e a xestión de garantías e garantías colaterais.

6. Seguimento e control financeiro: establecer sistemas de seguimento e control financeiro para monitorizar o desempeño financeiro da empresa, asegurando a conformidade cos obxectivos financeiros establecidos e realizando axustes e correccións segundo sexa necesario. Débese definir un primeiro cadro de control no cal se obteñan indicadores axeitados ao funcionamento da empresa e concretar os procedementos de recollida de datos para o seu mantemento.

7. Transmisión ou adquisición de unidades produtivas: brindar asesoramento e apoio no proceso de transmisión ou adquisición de unidades produtivas, incluíndo a valoración de activos, a procura de oportunidades de investimento, a avaliación de riscos e a análise de viabilidade financeira, acompañamento da empresa solicitante no proceso de compravenda.

8. Avaliación de proxectos de investimento: analizar e avaliar a viabilidade financeira de proxectos de investimento propostos pola empresa, proporcionando unha análise financeira sólida e recomendacións baseadas en criterios financeiros clave.

O servizo poderase executar nas seguintes modalidades específicas:

Modalidade de servizo A: este servizo poderá ser executado na modalidade específica de mellora da xestión financeira e consistirá, polo menos, na realización das actividades da 1 á 6 definidas no punto anterior.

Modalidade de servizo B: este servizo poderá ser executado na modalidade específica de preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas e consistirá, polo menos, na realización das actividades 1, 2 e 7 definidas no punto anterior.

Modalidade de servizo C: este servizo poderá ser executado na modalidade específica de investimento con procura de financiamento e consistirá, polo menos, na realización das actividades 1, 2, 3, 4 e 8 definidas no punto anterior.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Plan financeiro, de ser o caso.

– Plan de mellora da xestión financeira, de ser o caso.

– Memoria final de resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

7. Servizos de circularización e optimización dos procesos de produción e cadea loxística.

Especialmente adaptado a empresas que xeren produtos industriais, o servizo deberá adaptar á realidade da empresa esquemas de produción que melloren o seu traballo mediante, polo menos, dúas das seguintes medidas:

1. Estandarización de procedementos de traballo.

2. Implantación da metodoloxía Lean.

3. Implementación de prácticas circulares.

4. Programación da produción e aseguramento do cumprimento de prazos.

5. Dixitalización de procesos e cadro de mando.

6. Análise cuantitativa e optimización de procesos.

Deberá abarcar, como mínimo, as seguintes fases:

1. Avaliación da situación actual da produción: realizar unha análise detallada dos procesos de produción e cadea loxística da empresa, identificando áreas de ineficiencia, colos de botella e posibles melloras. Isto implica avaliar as operacións, os fluxos de traballo, os tempos de produción, os custos loxísticos e a xestión de inventario.

2. Plan de acción: proposta consensuada de medidas que se van implementar e selección do plan de traballo.

3. Posta en marcha e seguimento das medidas.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Documento inicial de avaliación e plan de acción.

– Memoria final de resultados obtidos e medidas executadas.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

8. Servizos de asesoramento para o relanzamento comercial.

No caso de que se detecte unha debilidade na comercialización de produtos derivada da escasa formalización dos procedementos de comercialización, será preferente a execución deste servizo.

O obxectivo é revitalizar a estratexia comercial da empresa e lograr un crecemento sustentable. Deberá dar cobertura, como mínimo, ás seguintes tarefas:

1. Análise da oferta actual de produtos e a súa adaptación aos clientes da empresa (segmentación, análise do valor percibido polo cliente). Realizar unha análise exhaustiva do mercado en que opera a empresa, identificando as tendencias, oportunidades e desafíos relevantes. Isto implica avaliar o comportamento dos clientes, analizar a competencia e comprender o contorno económico e regulatorio.

2. Identificación de oportunidades de mellora: identificar áreas específicas de mellora nos procesos comerciais, como a xestión de clientes, o proceso de vendas, xestión de relacións cos clientes e a fidelización.

3. Desenvolvemento dun plan de acción: deseñar un plan detallado que estableza os obxectivos comerciais a curto e longo prazo, así como as estratexias e tácticas para logralos.

4. Deseño de estratexias de márketing: desenvolver estratexias de márketing efectivas para aumentar a visibilidade da empresa, mellorar o seu posicionamento e atraer a novos clientes.

5. Seguimento e avaliación: establecer indicadores clave de rendemento (KPI) para medir o éxito do relanzamento comercial e realizar un seguimento regular dos resultados.

6. Apoio na implementación: brindar apoio continuo durante a implementación do plan de acción.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Documento inicial de análise.

– Memoria da execución do proxecto, que inclúa os resultados obtidos.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

9. Servizos de preparación de procesos certificables.

O servizo consiste na análise dos procesos operativos da empresa e a implementación dun modelo de xestión baseado en procesos. En particular, deberán abordarse, como mínimo, as seguintes tarefas:

1. Identificación e secuenciación de procesos e as súas interrelacións para crear un mapa destes. Avaliación inicial: realizar unha avaliación exhaustiva dos procesos e procedementos existentes na organización para identificar as fendas en relación cos requisitos da certificación.

2. Deseño e optimización de procesos: a descrición textual e gráfica dos procesos (ficha de proceso, diagrama de proceso).

3. A creación dun marco de seguimento e medición dos procesos formal, baseado en indicadores, co fin de detectar anomalías e explorar melloras no proceso.

4. A implementación dun cadro de mando operativo en que os distintos indicadores se poidan seguir con axilidade de xeito continuo.

5. A indicación dun primeiro conxunto de optimizacións que se desprendan dos resultados inicialmente medidos.

6. De ser o caso, soporte durante o proceso de certificación: brindar asistencia e orientación durante o proceso de certificación.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Mapa de procesos e descricións destes.

– Memoria da execución do proxecto, que inclúa os resultados obtidos e a especificación do cadro de mando.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

10. Servizo de apoio para empresas emerxentes innovadoras.

O servizo de consultoría para startups é un enfoque personalizado e adaptable que brinda orientación e apoio a empresas emerxentes innovadoras en diversas áreas clave. Este servizo adáptase ás necesidades e etapa de desenvolvemento específicas de cada startup, e brindar un apoio experto e personalizado para axudar a superar desafíos, maximizar oportunidades e lograr o crecemento e éxito mediante, polo menos, dúas das seguintes medidas:

1. Desenvolvemento de modelo de negocio: axuda para definir e refinar o modelo de negocio da startup, incluíndo a proposta de valor, os segmentos de mercado, a análise de competencia e a estratexia de monetización.

2. Construción de equipo e RRHH: identificación de perfís necesarios no equipo, asesoramento na procura e captación de talento, definición da estrutura organizativa e a cultura empresarial, e o desenvolvemento de habilidades e capacidades do equipo.

3. Asesoramento legal e cumprimento normativo: orientación en aspectos legais e regulatorios, incluíndo o pacto de socios, a protección da propiedade intelectual, a elaboración de acordos comerciais, o cumprimento normativo e a xestión de riscos legais.

4. Planificación estratéxica: apoio na formulación dunha estratexia clara e efectiva, establecendo obxectivos e prioridades, identificando oportunidades e riscos, e deseñando plans de acción para acadar o éxito a longo prazo.

5. Finanzas e financiamento: asesoramento na xestión financeira, incluíndo a proxección de fluxos de efectivo, a avaliación de opcións de financiamento, a preparación de plans de negocios, a identificación de investidores potenciais e a preparación de roldas de investimento.

6. Desenvolvemento de produtos e tecnoloxía: axuda na obtención dun produto mínimo viable (MVP), creación e mellora de produtos e servizos, incluíndo o deseño de experiencia de usuario (UX), a iteración de prototipos e análises de requisitos técnicos.

O servizo deberá abarcar, como mínimo, as seguintes fases:

1. Avaliación da situación actual e necesidades da empresa emerxente.

2. Plan de acción: proposta consensuada de medidas que se van implementar e selección do plan de traballo.

3. Posta en marcha e seguimento das medidas.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Documento inicial de avaliación e plan de acción.

– Memoria final de resultados obtidos e tarefas executadas.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape, en que se indique a dedicación horaria do persoal da entidade colaboradora e que estea asinado por todo o seu equipo.

11. Servizos de deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores.

O obxectivo deste servizo é promover a implantación de metodoloxías de deseño para a súa xestión estratéxica, deseño para a innovación, co obxectivo de desenvolver novos produtos, novos servizos e novos procesos de negocio nas pemes galegas, a través do uso de metodoloxías de deseño estratéxico. O servizo debe basearse nas seguintes fases:

1. Análise da organización interna da empresa, con especial atención ás áreas de xestión, proceso, deseño e desenvolvemento de produto, e de márketing e comunicación, propondo finalmente un modelo de funcionamento desde o cal a empresa poida abordar a xestión do deseño dos seus produtos.

2. Formación adicional: tras a detección das ideas máis relevantes, abordarase a segunda fase de formación básica, relacionada tanto con metodoloxías de deseño coma coas ferramentas creativas correspondentes. O obxectivo é coñecer e implementar ferramentas tanto de análise como de experiencia do usuario (UX).

3. Transformación: consistirá na aplicación das ferramentas para desenvolver novos produtos, servizos ou procesos da empresa a partir das ideas clave detectadas na fase de análise. Utilizaranse ferramentas como a análise do usuario na innovación centrada nas persoas (HCI) ou outras equivalentes.

4. Testaxe e comunicación do proxecto: no período de testaxe cos usuarios/empregados para a obtención dun feedback real, a entidade colaboradora acompañará a empresa no proceso de testaxe e redeseño do produto para conseguir un versión beta máis definida.

Un proceso análogo realizarase en relación coa comunicación do proxecto, mediante ferramentas como o Storytelling Transmedia e outras ferramentas de análise cualitativa e cuantitativa que permitan obter o feedback do cliente.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Análise inicial da empresa e do sector, incluíndo as perspectivas correspondentes e as necesidades reais dentro de cada empresa para innovar.

– Informe de resultados da formación en metodoloxías de deseño nas pemes participantes e informe coas ferramentas creativas utilizadas.

– Informe análise do usuario na innovación centrada nas persoas (HCI) ou outras equivalentes de cada peme.

– Informe sobre os proxectos resultantes e o seu redeseño xunto cos plans de comunicación postos en marcha.

– Informe final do produto, servizo ou proceso de negocio posto en marcha grazas á aplicación de metodoloxías de deseño.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape.

12. Servizos de protección da innovación.

O obxectivo deste servizo é fomentar a protección da propiedade industrial en Galicia, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos resultados das nosas innovacións mediante o impulso da protección das innovacións técnicas (invencións) e as creacións de forma (deseños industriais), así como topografías de semicondutores. Así mesmo, admitirase o rexistro de signos distintivos (marcas e nomes comerciais) no caso de non existir inventiva suficiente para a protección da innovación antes mencionada.

O servizo debe basearse nunha análise previa de antecedentes (estudo do estado da arte) para coñecer as posibilidades de rexistrabilidade e para deseñar a estratexia de protección dirixida á obtención dos títulos de propiedade industrial adecuados para mellorar a competitividade e explotación dos resultados da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación. Do mesmo xeito, analizarase a idoneidade de protección polas vías do segredo industrial como mecanismo complementario ou alternativo á protección industrial.

A estratexia formalizarase nun Plan de protección da I+D+i ou da identidade corporativa no cal se proporán os mecanismos aos cales se debe acudir para garantir a cobertura máis ampla posible cos instrumentos existentes no ordenamento xurídico (principalmente patentes, modelos de utilidade e deseños industriais). O plan incluirá a redacción das solicitudes para aqueles títulos que se propoñen obter para acadar a protección, así como a orientación e guía de como presentalos ante as oficinas oficiais pertinentes.

O servizo poderase executar na modalidade de servizo completo (A), é dicir, tanto o Plan de Protección da I+D+i como o Plan de protección da identidade corporativa, ou ben en modalidade parcial nalgunha das dúas opcións (B ou C), tendo en conta as actuacións que se indican a seguir:

Tarefas xerais, obrigatorias independentemente da modalidade de servizo:

• Elaborar un estudo do estado da arte e vantaxes da confidencialidade para definir a estratexia de protección máis adecuada ás necesidades da empresa.

– Modalidade B: Plan de protección da I+D+i, consistirá na formalización do dito plan para asesorar a empresa nos termos de protección intelectual, industrial e segredo industrial. Nesta modalidade parcial non será requisito o entregable de Plan de protección da identidade corporativa.

– Modalidade C: Plan de protección da identidade corporativa, consistirá na definición e tramitación das actuacións correspondentes á protección de marcas e nomes comerciais. Unicamente poderán acceder a esta modalidade parcial as entidades que non teñan posibilidade de protección da I+D+i. Nesta modalidade parcial non será requisito o entregable de Plan de protección da I+D+i.

Adicionalmente, o servizo debe incluír:

1. Desenvolvemento dos procedementos de identificación e análise dos elementos técnicos, tecnolóxicos ou de forma que pode ser necesario protexer.

2. O asesoramento para a implantación dun sistema de acordos de confidencialidade cos empregados propios, con provedores e mesmo con clientes cando sexa necesario.

3. De ser o caso, outras opcións de protección, como poden ser o segredo industrial ou a propiedade intelectual.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificante da formación impartida.

– Análise previa do estado da arte na cal se incorporará, cando menos, unha copia das buscas de antecedentes.

– Informes de rexistrabilidade, de ser o caso.

– Plan de protección da I+D+i.

– Plan de protección da identidade corporativa, de ser o caso.

– Documento que acredite, de ser o caso, a realización do trámite correspondente ante a oficina de propiedade industrial, memoria técnica achegada na OEPM e a data en que se fixo a solicitude.

– Xustificante do pagamento das taxas oficiais correspondentes ao trámite realizado, cando as houbese.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape.

13. Servizos de asesoramento para o financiamento da innovación.

Este servizo debe basearse nunha análise previa do desempeño innovador da peme beneficiaria, para posteriormente establecer unha estratexia dirixida á obtención de financiamento para as súas actividades de I+D+i, en especial a través do sistema nacional de incentivos fiscais.

Será fundamental definir un informe de innovación no cal se reflictan tanto os obxectivos definidos, as actuacións en innovación que poden impulsar a competitividade da empresa, a súa priorización e posible planificación, como os recursos económicos e persoal preciso para a súa posta en marcha.

En canto aos procesos puramente operativos, a empresa debe establecer directrices claras para unha eficaz xestión de ideas, formación en I+D+i, busca de persoal de I+D+i, detección de necesidades para definir formación específica en innovación, busca de financiamento e investimento privado. Isto posteriormente transformarase en desenvolvemento de proxectos que conduzan a resultados que acheguen valor comercial e competitivo á empresa.

En canto á folla de ruta de financiamento, esta incluirá algúns dos seguintes mecanismos:

A. Axudas públicas á I+D+i, tanto en forma de préstamos como subvencións, pero tamén capital risco ou préstamos participativos, tanto nacionais como europeos. Para as empresas que non fosen beneficiarios de axudas rexionais á I+D+i, poderanse incluír estas no informe.

B. Deducións á I+D e á innovación tecnolóxica (IT) de conformidade co artigo 35 da Lei 27/2014, do imposto sobre sociedades.

B. Bonificacións de persoal investigador na cota da Seguridade Social.

C. Deducións autonómicas no IRPF por investimento en empresas novas vinculadas á I+D+i e doazón para I+D+i.

D. Redución das rendas positivas procedentes da cesión de dereitos de uso ou explotación de patentes, modelos de utilidade, e outros activos intanxibles resultantes da I+D+i (artigo 23 da Lei 27/2014, do imposto sobre sociedades).

O servizo poderase executar na modalidade de servizo completo (A) ou, cando así o indique o Igape, en modalidade parcial (B ), tendo en conta as actuacións que se indican a seguir:

Tarefas xerais, obrigatorias independentemente da modalidade de servizo:

• Elaborar unha diagnose das capacidades de innovación da empresa, polo menos nos seguintes aspectos: motivacións/estratexia/recursos/colaboracións/resultados

• Acordar co equipo xestor da empresa a visión de capacidades e oportunidades en innovación ou I+D.

– Modalidade de servizo completo:

• Folla de ruta da innovación: consistirá en elaborar un informe de innovación que deberá conter as accións específicas para a I+D e a innovación en produtos e servizos (incluídas as experiencias), procesos, organización ou comercialización. Estas actuacións serán priorizadas e terán identificados os aspectos seguintes para cada unha delas: resumo da actuacións, aspectos destacables polos cales son consideradas como I+D ou innovación (tecnolóxica ou non), colaboracións precisas para levalas a cabo, persoal necesario (propio ou de nova contratación), e orzamento estimado para tal fin.

• Folla de ruta en financiamento da I+D+i, definida no punto seguinte.

– Modalidade B: Folla de ruta en financiamento da I+D+i:

• Tendo en conta as necesidades e actuacións en I+D+i, realizarase un estudo sobre o financiamento máis adecuado para cada actuación tendo en conta o marco de alternativas indicado anteriormente. O informe deberá incluír para cada actuación en I+D+i: denominación da convocatoria, o organismo xestor, o prazo de solicitude segundo a orde da convocatoria ou previsión desta, características do financiamento ou incentivo, estimación de axuda ou incentivo fiscal previsto para a empresa. As empresas que non solicitasen nos últimos cinco (5) anos axudas á I+D+i da Xunta de Galicia poderán tamén ser asesoradas neste informe sobre estes instrumentos. Non se inclúe na prestación deste servizo a tramitación destas axudas e incentivos.

• Análise de idoneidade para certificar a capacidade innovadora da peme a través de selos ou certificacións existentes (como o selo de peme innovadora ou o recoñecemento como startup). Ademais de analizar a viabilidade e idoneidade da súa tramitación, identificaranse os pasos que cómpre seguir e a documentación precisa para a súa obtención. No caso de que a empresa xa estea en disposición de solicitalo, deberá facerse a súa tramitación e presentar a súa acreditación.

Nesta modalidade parcial non será preciso o entregable Folla de ruta de innovación.

Entregables mínimos propostos:

– Xustificantes da formación impartida.

– Documento inicial de análise.

– Folla de ruta de innovación.

– Folla de ruta en financiamento da I+D+i.

– No caso de tramitar certificados ou selos de innovación segundo se indica na modalidade B, rexistro da súa tramitación.

– Plan de financiamento/estratexia fiscal da I+D+i.

– Xustificante de recepción do servizo por parte da peme, segundo o modelo que estableza o Igape.

ANEXO IV

Requisitos de comunicación do financiamento público

Responsabilidade da entidade colaboradora.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, a entidade colaboradora, durante o período de prestación do servizos, recoñecerá a axuda dos fondos europeos, a través do Feder, e para iso:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

Para cumprir con este requisito pode utilizarse a seguinte imaxe:

https://www.Igape.gal/images/01-pemes-autonomos/01-02-consolidacion/Cartel_publicidade_web_Colaboradora_Re-acciona.pdf

missing image file

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, a entidade colaboradora deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así llo solicitan.

A entidade colaboradora deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

ANEXO V

Acreditación do cumprimento dos prazos establecidos na Lei 3/2004

– No caso dos solicitantes que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, a través dunha certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, na cal afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

– Para os solicitantes que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificado emitido por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas:

• Para o caso en que as contas anuais auditadas de 2022 e exercicios posteriores xa reflictan a nova información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, se da información da memoria se deduce que a empresa cumpriu ao 100 % cos prazos de pagamento a provedores, abondaría un certificado, emitido polo auditor de contas da sociedade, que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais, cumprindo, polo tanto, o requisito do artigo 13.3.bis da Lei xeral de subvencións. Este certificado resultará válido ata que estean auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

• Para o resto de casos en que non sexa posible emitir o certificado anteriormente mencionado (por non existiren aínda contas anuais auditadas do exercicio 2022 ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), poderá emitirse un certificado de que o requisito se cumpre no momento de solicitude da subvención ou axuda*. A emisión deste certificado de que o solicitante da subvención está ao día nos pagamentos a provedores estará baseada nun informe de procedementos acordados, realizado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

O informe terá validez durante o prazo de seis (6) meses desde a data de referencia.

Que debe incluírse no Informe de procedementos acordados?

Para emitir o certificado, na data de referencia utilizada, os procedementos acordados incluirán, polo menos, o seguinte, a partir do detalle sobre os pagamentos pendentes a provedores: o auditor comprobará o importe total do detalle facilitado cos rexistros contables, e obterá, se é o caso, a conciliación oportuna, e tomará unha mostra para comprobar a corrección das facturas seleccionadas en canto a provedor, data de factura, entrega de bens ou prestación de servizos, antigüidade e clasificación. Así mesmo, comprobarase unha mostra de pagamentos realizados con posterioridade á data de referencia, co obxectivo de comprobar que non existen facturas adicionais ás recollidas no detalle facilitado pola entidade, ou comprobarase, a partir do detalle de facturas de provedores do libro rexistro de IVE soportado, para unha mostra de facturas, se están pendentes de pagamento e, en tal caso, a súa inclusión no detalle de facturas na data de referencia; no caso contrario, a partir do libro maior de provedores seleccionarase unha mostra cun grao de confianza suficiente e realizarase confirmación externa con provedores.

Unha vez realizados estes procedementos, entenderase cumprido o requisito do artigo 13.3.bis da Lei xeral de subvencións cando, da información proporcionada, non derive que existen facturas pendentes de pagamento cunha antigüidade superior a sesenta (60) días.

* O certificado terá unha data de corte, que se considerará data de referencia, anterior á data de emisión do certificado (dun máximo dun mes), posto que o auditor, para poder emitir o seu informe con referencia a unha data, ten que rematar os procedementos de comprobación antes da data de solicitude da subvención ou axuda.

missing image file
missing image file