DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2023 Páx. 70376

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2023 pola que se acorda e se dá publicidade á oferta de emprego público correspondente ao ano 2023.

A Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. é unha sociedade mercantil pública autonómica do artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O artigo 2 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, encoméndalle a xestión do servicio público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que o artigo 5 cualifica como un servizo esencial de interese económico xeral.

A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, que regula co carácter de básico a contratación do persoal das sociedades mercantís públicas, autoriza unha taxa de reposición do 120 por cento, nos mesmos termos establecidos no devandito precepto, sempre que quede xustificada a necesidade desa taxa para a adecuada prestación do servizo ou realización da actividade. Nos demais casos a taxa de reposición será do 110 %.

A competencia para aprobar a oferta de emprego público da CRTVG correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, logo de informe do centro directivo competente en materia de orzamentos e proposta do competente en materia de función pública, de acordo co disposto no artigo 12.5 da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. Así mesmo, conforme o disposto no artigo 110, alíena e), da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a competencia para aprobar a oferta de emprego público da CRTVG correspóndelle ao órgano competente conforme os estatutos da Corporación RTVG.

Na súa virtude, logo da negociación dos criterios xerais desta oferta de emprego público coa representación legal do persoal da CRTVG, logo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de decembro de 2023, ditado ao abeiro do disposto no artigo 12.cinco da Lei 6/2022, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, no exercicio das atribucións conferidas polo artigo 26 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar e publicar a oferta de emprego público correspondente a distintas categorías de persoal laboral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. para o ano 2023.

Segundo. Determinar e cuantificar esta oferta segundo figura no anexo I, onde se establecen as prazas con asignación orzamentaria por categoría derivadas da taxa de reposición de efectivos e as prazas que se destinan á quenda de promoción interna do persoal laboral fixo, que serán obxecto de convocatoria separada.

Terceiro. Publicar as convocatorias das prazas ofertadas dentro dos prazos fixados pola normativa básica.

Cuarto. Considerar como criterios xerais polos que se regularán os procesos selectivos que se executen para o cumprimento desta oferta os derivados da aplicación, por un lado, da normativa básica contida na disposición adicional primeira do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; na disposición adicional segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na que con tal carácter se dite e lles sexa aplicable ás sociedades mercantís públicas. Por outro lado, terase en conta tamén como criterios de regulación o disposto no artigo 31 da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, e os recollidos no Convenio colectivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a súa sociedade (DOG núm. 167, do 2 de setembro de 2015). Así mesmo, inclúese a posibilidade de incorporar os criterios que estableza a nova normativa que se dite e lle sexa aplicable ata a data de publicación das bases da convocatoria.

Quinto. Esta resolución é susceptible de impugnación ante os xulgados e tribunais da orde xurisdicional que resulte competente.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

Alfonso Sánchez Izquierdo
Director Xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

ANEXO I

Prazas da oferta de emprego da CRTVG correspondentes ao exercicio 2023

Nivel

Categoría

Quenda libre

Promoción interna

1

Produtor/a

1

2

1

Realizador/a

 

2

1

Redactor/a

 

2

2

Titulado/a medio/a

1

 

3

Técnico/a de administración

 

1

4

Reporteiro/a gráfico/a

2

4

Técnico/a de control

2

4

Técnico/a electrónico/a

 

1

5

Operador/a posprodución

2

5

Axudante de realización

2

 

5

Técnico/a de son

1

5

Técnico/a de iluminación

1

6

Oficial administrativo/a

1

1

7

Operador/a montador/a de vídeo

1

 

7

Auxiliar administrativo/a

1

 

7

Iluminador/a

1

 

7

Oficial técnico/a electricista

1

 

Total

14

12