DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 26 de decembro de 2023 Páx. 70510

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2023, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre mediante o sistema de concurso-oposición no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, escala de persoal de servizos xerais convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro) e modificado polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro) e do 6 de febreiro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 26, do 7 de febreiro), polo que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 17 de xullo de 2023 (DOG núm. 140, do 24 de xullo) para cualificar este proceso selectivo,

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, en sesión que tivo lugar o 23 de novembro de 2023, logo de revisar as reclamacións presentadas, anúlase a pregunta 57. No seu lugar computará a pregunta número 83. As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

Mediante a Resolución deste tribunal do 25 de setembro de 2023 deuse publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, que establecen que superarán o exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas (despois de feitos os descontos correspondentes). Unicamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superasen o exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden en cada unha das partes o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte considéranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Terceiro. Unha vez feita a corrección dos exames en sesión do 29 de novembro de 2023 de acordo cos criterios anteriores, e feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1 da convocatoria, non se acadou o número máximo de aspirantes establecido na dita base da convocatoria, na cal se establecía que superarían o exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións, ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes do exercicio, o mínimo do 50 % das respostas correctas.

Para a obtención do número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario do mínimo do 40 % de respostas correctas netas en cada unha das partes, común e específica, sendo así necesario un total de 32 respostas correctas (20 da primeira parte e 12 da segunda parte do exercicio). As persoas que non acadaron a porcentaxe mínima nalgunha das partes non son cualificadas por non ser posible asignar unha puntuación homologable á do resto das persoas aspirantes.

Cuarto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base III.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base III.1.2.8 da convocatoria, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas aspirantes poderán formular as alegacións que consideren oportunas ás puntuacións, que se presentarán a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da resolución da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023

Víctor Manuel Patiño Grela
Presidente do tribunal