DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2023 Páx. 70710

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2024 (código de procedemento MR361A).

A regulación esencial específica do sector vitivinícola dentro da política agraria común (PAC) atópase principalmente no artigo 39 e seguintes do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 922/72, (CEE) 234/79, (CE) 1037/2001 e (CE) 1234/2007. Este regulamento foi desenvolto e modificado en numerosas ocasións.

A nivel estatal, o Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a intervención sectorial vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, establece a normativa básica estatal na materia.

Neste real decreto figura unha intervención para investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e en infraestruturas vitivinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mencionada no artigo 58.1.b) do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

Este real decreto foi modificado con posterioridade polos seguintes reais decretos: Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común; Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027; Real decreto 206/2023, do 28 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 347/2019, do 17 de maio, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas a programas plurirrexionais de formación dirixidos aos profesionais do medio rural.

O Real decreto 905/2022 e as súas modificacións posteriores introducen algunhas modificacións nas condicións de aplicación da medida de investimentos que hai que recoller na convocatoria das axudas.

Por todo o indicado e ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2024, procede realizar a convocatoria de axudas previstas para esta intervención nese ano, introducindo os cambios derivados da modificación normativa reguladora no ámbito estatal. Para iso, considérase aconsellable volver publicar na súa integridade as bases reguladoras das axudas, así como a convocatoria correspondente ao ano 2024.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de investimentos no sector vitivinícola en Galicia establecidas na Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV) no marco do Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión de execución do 31 de agosto de 2022, e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2024. O código de procedemento é MR361A.

As axudas terán como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade.

Concederase apoio financeiro aos investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mesmo co fin de mellorar o aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e os procesos sustentables.

Os ditos investimentos referiranse á produción, comercialización, ou a ambas, dos produtos vitivinícolas mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e que se produciron en territorio español.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas dentro da intervención de investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e en infraestruturas vitivinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización da Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV)

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da aplicación da presente orde, entenderase como:

1. Acción: o conxunto de actuacións, de acordo coa tipoloxía de gastos subvencionables establecidos no artigo 6.

2. Actuación: a unidade funcional de execución, cun orzamento definido e data de finalización dentro de cada exercicio financeiro.

3. Autoridade competente: órgano competente da comunidade autónoma en que a persoa solicitante teña as instalacións.

4. Campaña ou campaña vitícola: período comprendido entre o 1 de agosto dun ano e o 31 de xullo do ano seguinte.

5. Capacidade instalada de enerxía: capacidade máxima de xeración neta en instalacións que utilizan fontes de enerxía renovables para producir electricidade.

6. Causas de forza maior ou circunstancias excepcionais: poderá recoñecerse a existencia de causas de forza maior e de circunstancias excepcionais de acordo co establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

Segundo se define na Comunicación C (88) 1696 da Comisión, do 6 de outubro de 1988, relativa a «a forza maior» no dereito agrario europeo (88/C 259/07), cando un beneficiario queira acollerse á fórmula «salvo causa de forza maior» deberá achegar á autoridade competente correspondente unha proba documental irrefutable, conforme os medios admitidos en dereito, salvo nos casos establecidos no número 2 do artigo 3 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

7. Comercialización: entenderase como comercialización, a posesión ou exposición dun produto do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, para a venda, a entrega ou calquera outra forma de posta no mercado.

8. Exercicio financeiro: período comprendido entre o 16 de outubro do ano n-1 e o 15 de outubro do ano n.

9. Empresa: entenderase como empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica, en aplicación da definición de empresa do artigo 1 do anexo da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan actividades a título individual, as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular. As comunidades de bens quedan incluídas na definición de empresa.

10. Establecemento: enténdese como establecemento o conxunto de edificios, edificio, zona do edificio, instalación ou espazo aberto que se usa ou que se vai utilizar para a elaboración ou comercialización de produtos do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

11. Figuras de calidade diferenciada: entenderase que os viños amparados por unha figura de calidade diferenciada son aqueles amparados por unha denominación de orixe protexida (DOP) ou unha indicación xeográfica protexida (IXP), segundo corresponda, e que cumpren cos requisitos establecidos no artigo 96 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, para os produtos da sección 2 do capítulo I do título II da parte II do citado regulamento.

12. Investimento inmaterial: investimento en activos vinculados á transferencia tecnolóxica mediante a adquisición de dereitos de patentes, licenzas, know-how ou coñecementos técnicos non patentados.

13. Investimento en enoturismo: entenderase como aquel investimento realizado para a súa utilización con fins turísticos, tales como bares, cafetarías, restaurantes, terrazas, cociñas e aloxamentos.

14. Intervención: instrumento de axuda especificado no Plan estratéxico da PAC, conforme os tipos recollidos na normativa comunitaria, coa finalidade de conseguir os obxectivos previstos.

15. Material promocional: catálogos, carteis e folletos, vídeos e material web que se utilicen na promoción do viño, así como artigos de agasallo.

16. Operación: enténdese como operación a acción ou grupo de accións que se inclúen nun proxecto formando o conxunto de investimentos obxecto dunha solicitude de axuda.

17. Produtos vitivinícolas: entenderase como produtos vitivinícolas os mencionados na parte II do anexo VII do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e que se produciron no territorio español.

18. Transformación: entenderase como transformación calquera proceso que dea lugar a un produto do anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

19. Viticultor ou viticultora: persoa física ou xurídica, ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que teña unha superficie plantada de viñedo, en propiedade, ou en réxime de arrendamento ou parzaría, ou calquera outra forma conforme co dereito que poida demostrar mediante documento de liquidación dos correspondentes tributos, cuxa vendima se utilice para a produción comercial de produtos vitivinícolas, ou a superficie se beneficie das excepcións para fins experimentais ou para o cultivo de viñas nais de enxertos recollidas no artigo 3.2 do Regulamento delegado (UE) 2018/273 da Comisión, do 11 de decembro 2017. Esta definición considérase cumprida pola persoa física ou xurídica xa rexistrada no Rexistro Vitícola como persoa viticultora dunha superficie plantada de viñedo antes da data de entrada en vigor do devandito regulamento.

20. Obxectivo global: entenderase como o conxunto dos obxectivos estratéxicos e xerais recollidos na concesión de subvención.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da intervención de investimentos:

a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme o artigo 152 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.

c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

d) As organizacións interprofesionais.

e) As organizacións profesionais.

2. Non obstante, cando se trate de empresas cuxa actividade sexa unicamente a comercialización, polo menos un 80 por cento da súa facturación do último exercicio pechado deberá proceder da comercialización dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Este requisito non se aplicará a cooperativas que comercializan viño elaborado por elas ou polos seus membros.

3. Os solicitantes das axudas deberán ter instalacións situadas en Galicia ou prever telas coa execución dos investimentos para os cales se solicita a axuda, dedicados á produción dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, salvo nos casos de operacións de comercialización desvinculadas fisicamente dunha adega, así como en todos os casos de comercialización noutros Estados membros, en que o requisito exixible é que os solicitantes teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.

4. Non poderán ser beneficiarios da axuda os que estean en calquera das situacións seguintes:

a) Situación de crise, segundo se define nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

b) En proceso de solicitar a declaración de concurso voluntario.

c) Ser declarados insolvente en calquera procedemento.

d) Acharse declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio.

e) Estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

5. Así mesmo, non poderá percibir estas axudas quen:

a) Incumpra calquera dos requisitos previstos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

En particular, conforme o establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar cumprir, nos termos dispostos neste punto, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora. Calquera financiamento que permita a cobranza anticipada da empresa provedora considerarase válida para os efectos do cumprimento deste punto, coa condición de que o seu custo corra a cargo do cliente e se faga sen posibilidade de recurso ao provedor no caso de falta de pagamento.

A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:

1º) As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro. Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no ordinal 2º) seguinte e con suxeición á súa regulación.

2º) As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante:

1. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

2. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, Informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detectasen, estas non impiden alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.

Para os efectos desta lei, entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

O Informe de procedementos acordados deberá realizarse sobre a documentación proporcionada pola sociedade auditada, en concreto, sobre o detalle de facturas pendentes de pagamento a provedores, excluíndo as correspondentes a provedores que formen parte do mesmo grupo de sociedades no sentido do artigo 42 do Código de comercio, nunha data de corte, que se considerará data de referencia e que, como máximo, deberá ser anterior nun mes á emisión do informe.

b) Concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular os solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

c) Non estea ao día nas súas obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social, ou que teña débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda e Administración Pública).

d) Se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos nesta orde, tal como se establece no artigo 62 do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

Artigo 4. Operacións subvencionables

1. A axuda aos investimentos conforme o artigo 58.1.b) do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, poderá consistir en operacións:

a) Anuais, que afectarán o exercicio financeiro seguinte ao exercicio financeiro en que se peche o prazo de presentación de solicitudes de axuda. Os conceptos de gasto deberán limitarse ao primeiro exercicio financeiro inmediatamente seguinte ao exercicio financeiro en que se peche o prazo de presentación das solicitudes de axuda obxecto da convocatoria.

b) Bienais, que afectarán os dous exercicios financeiros seguintes ao exercicio financeiro en que se peche o prazo de presentación de solicitudes de axuda. Deberán ter un mínimo do 50 % do importe dos conceptos de gasto aprobados incluídos no primeiro exercicio inmediatamente seguinte ao exercicio financeiro en que se peche o prazo de presentación das solicitudes de axuda obxecto da convocatoria.

2. Só serán elixibles as operacións cun orzamento de investimento solicitado igual ou superior a 100.000 euros. As operacións cun orzamento de investimento solicitado inferior a 100.000 euros poderán ser financiadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader), segundo se establece no Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

3. As operacións contribuirán, polo menos, a un dos obxectivos estratéxicos seguintes:

a) Fomentar a agrupación dos primeiros elos da cadea alimentaria mediante a integración das entidades asociativas e o asociacionismo agrario.

b) Fomentar a sustentabilidade social.

c) Fomentar os procesos sustentables desde o punto de vista ambiental a través do aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global, a utilización de enerxías renovables, aproveitamento de subprodutos, tratamento e valorización de residuos e efluentes.

d) Fomentar a certificación ambiental das instalacións das empresas vitivinícolas.

e) Fomentar a produción ecolóxica.

f) Fomentar os produtos acollidos a réximes de calidade e os pagamentos de uva por calidade.

g) Favorecer o incremento da dimensión empresarial.

h) Favorecer a participación de persoas viticultoras e elaboradoras na cadea de valor.

i) Fomentar os investimentos en comercialización.

j) Fomentar a innovación e a implantación de novos produtos e novas presentacións.

k) Impulsar a adopción de tecnoloxías dixitais nas agroindustrias (Industria Conectada).

Para a consecución dos devanditos obxectivos estratéxicos, en cada operación deberá identificarse un ou varios dos obxectivos xerais cuxa relación non exhaustiva se presenta no anexo I. No caso de que algún dos obxectivos xerais dunha operación concreta non estea recollido nesta relación, o devandito obxectivo deberá ser especificado polo solicitante.

4. A execución das operacións non poderá comezar antes da presentación da solicitude de axuda, salvo os gastos sinalados no anexo II, número 8, que poderán terse en consideración se se producen dentro do ano anterior á data de solicitude de axuda. En todo caso, o inicio das operacións do proxecto de investimento previamente á resolución non implica ningún compromiso por parte da Administración sobre a concesión da axuda.

Artigo 5. Requisitos das solicitudes de axuda

1. As solicitudes de axuda conterán a correspondente operación que se vai realizar, así como o detalle das accións e actuacións desta.

2. As operacións para as cales se solicite a axuda estarán claramente definidas e deberán cumprir cos requisitos establecidos no artigo 4. En todo caso, conterán, como mínimo, a información detallada recollida no anexo V desta orde.

3. Os solicitantes da axuda deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 e achegar a seguinte información mínima:

a) Identificación do solicitante.

b) Información xeral, económica, financeira, social, comercial e técnica do solicitante.

c) Operación pola que se solicita axuda.

d) Descrición detallada das accións e actuacións propostas para a operación especificando as accións e a súa duración, e detallando os conceptos de gasto que compoñen cada acción e os custos estimados de cada unha delas.

e) Calendario de execución por anualidade e xustificación por exercicio financeiro.

f) Obxectivo, ou obxectivos, xerais e estratéxicos a que cada acción da operación pretende contribuír.

g) Xustificación detallada do cumprimento dos criterios de valoración a que se opta.

h) Garantías de que os custos da operación proposta non superan os prezos normais de mercado e se cumpre a moderación de custos.

Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

1) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social, ou a epígrafe do imposto de actividades económicas no momento de emisión da oferta, a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións. Tamén serán admisibles as ofertas de empresas con páxinas web en que figuren referencias ao material ou servizo ofertado.

2) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a súa descrición detallada.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.

i) O solicitante deberá demostrar a viabilidade económica da empresa, excepto cando sexa estatutariamente unha organización sen ánimo de lucro.

Deberá tamén demostrar que ten acceso aos recursos técnicos e financeiros suficientes para garantir que se execute a operación correctamente e que a empresa non está en situación de crise, segundo se define nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

Cando o solicitante sexa unha asociación de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, cada integrante deberá demostrar a capacidade de acceso aos recursos técnicos e financeiros necesarios de forma independente de acordo coa súa participación no investimento, ou ben, alternativamente, que a dita asociación conta con esa capacidade de acceso aos recursos técnicos e financeiros necesarios.

Entenderase que estes aspectos non quedan demostrados e, polo tanto, o solicitante non poderá ser beneficiario da subvención, en calquera das seguintes circunstancias:

1. Cando a empresa estea en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos una das seguintes circunstancias:

1ª. Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito;

2ª. Tratándose dunha sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade;

3ª. Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores;

4ª. Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:

1. A ratio: débeda/capital da empresa fose superior a 7,5, e

2. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na liña 3ª do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non estaren en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, copia dos balances e contas de explotación dos dous últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

2. Cando a empresa estea en proceso de solicitar a declaración de concurso voluntario, ser declarada insolvente en calquera procedemento, acharse declarada en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeita a intervención xudicial ou ser inhabilitada conforme o Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

3. Cando os solicitantes ou beneficiarios non estean ao día das obrigas tributarias (Ministerio de Facenda e Administración Pública) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda e Administración Pública).

j) No caso de adquisición de edificacións deberase achegar un certificado dunha taxación independente debidamente acreditada ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado, desagregando o valor do solo a prezos de mercado.

k) Información de se corresponde someter o proxecto a avaliación de impacto ambiental de acordo coa normativa ambiental de aplicación.

No caso de investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, deberá achegarse certificado ou estudo emitido por experto independente que acredite que a cantidade de enerxía anual xerada non supera a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento.

4. Debe existir coherencia entre as estratexias propostas polo solicitante, os obxectivos fixados por este e o probable efecto e éxito da operación na mellora do rendemento xeral da transformación ou comercialización, nas instalacións do solicitante, e a súa adaptación ás demandas do mercado, aumento da súa competitividade ou sustentabilidade ambiental.

Non se concederá ningunha axuda naqueles casos en que sexan detectadas situacións de incoherencia dentro das solicitudes de axuda ou que reflictan expectativas non suficientemente documentadas.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os custos das seguintes accións:

a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

b) Compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto. Dentro destes gastos quedan incluídos os investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, sempre que a cantidade de enerxía anual xerada non supere a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento.

c) Gastos administrativos, sempre que en conxunto non superen o 4 % dos custos subvencionables totais da operación. Poderán incluír:

– Gastos administrativos vinculados aos gastos recollidos nas letras a) e b), tales como honorarios de arquitectura, enxeñaría e asesoría, así como estudos de viabilidade.

– Gastos administrativos contraídos en relación coa preparación, execución ou seguimento da operación, tal e como se establece no artigo 23 do Regulamento delegado (UE) 2022/126 da Comisión, do 7 de decembro de 2021.

– Custos das auditorías externas sempre que as ditas auditorías sexan realizadas por un organismo externo cualificado e independente. En particular, será subvencionable o custo da certificación recollida no artigo 3.5.a).2º.

d) Adquisición ou desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.

2. Non serán subvencionables os gastos descritos no anexo II desta orde.

Artigo 7. Contía das axudas

1. As axudas consistirán nunha contribución aos custos incorridos na operación aprobada. Poderán alcanzar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no número seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante. Para determinar o tipo de empresa aplicaranse os criterios establecidos na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003).

2. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:

Tipo de empresa solicitante

Microempresas, pequenas e medianas empresas (en diante, pemes)

Empresas non pemes con menos de 750 persoas empregadas ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 mill. €

Empresas non pemes con 750 ou máis persoas empregadas e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 mill. €

40 %

20 %

10 %

3. Cando a persoa solicitante sexa unha asociación de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sen actividade económica, o cálculo da axuda farase proporcionalmente á participación de cada un dos produtores no investimento, de acordo co tipo de axuda que tería cada produtor de forma independente.

4. Para os investimentos noutros países da Unión Europea, terase en conta a súa localización para determinar a porcentaxe de axuda, de acordo cos tipos de axuda establecidos nos puntos anteriores.

5. Poderanse diminuír os tipos de axuda nun máximo de 10 puntos ata esgotar o orzamento dispoñible e será a Consellería do Medio Rural quen determine a porcentaxe en función das solicitudes admitidas na convocatoria.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse ante a Consellería do Medio Rural.

2. Segundo o previsto no artigo 14.2 da Lei 39/2015, as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obrigación de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De acordo co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data da presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes deberán presentarse antes do 1 de febreiro de cada ano.

4. Só poderá presentarse unha solicitude por establecemento e convocatoria.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación:

a) Memoria: anexo V debidamente cuberto.

b) Operación de investimento: co contido mínimo indicado no anexo VI.

c) Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo VII debidamente cuberto.

d) Documentación adicional:

1ª . Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se van realizar.

2ª. No caso de novas instalacións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.

3ª. No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos últimos dous anos se son sociedades. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

4ª. No caso de que o solicitante elabore viño e embotelle máis do 51 % do viño elaborado, e non pertenza a unha denominación de orixe protexida,a unha indicación xeográfica protexida ou outra figura de calidade recoñecida, deberá presentar documentación acreditativa das elaboracións da campaña vitivinícola inmediatamente anterior á data de rexistro da solicitude de axuda. No caso de que o solicitante si pertenza a unha figura de calidade, a documentación acreditativa da cantidade de viño elaborado e embotellado poderá consistir nun certificado do consello regulador correspondente sobre a produción declarada e a cantidade de viño verificada na campaña anterior.

5ª. No caso de que a operación inclúa investimentos orientados ao incremento da eficiencia enerxética, certificado emitido por un experto independente que recolla os conceptos de gasto da solicitude de axuda relacionados coa eficiencia enerxética. Ademais, no caso de mellora de instalacións, a persoa solicitante deberá presentar tamén un certificado que acredite o aforro enerxético que se logrará cos investimentos obxecto de axuda relacionados coa eficiencia enerxética.

6ª. No caso de que o solicitante pretenda iniciar a actividade de transformación da totalidade da produción de uva propia, documento acreditativo da titularidade dun viñedo.

7ª. No caso de que o solicitante pertenza a unha DOP, IXP ou agricultura ecolóxica, certificado de inscrición na dita figura de calidade.

8ª. No caso de que o solicitante elabore viño sen indicación xeográfica con indicación de anada ou variedade, copia da etiqueta das botellas en que se visualice a anada ou variedade.

9ª. No caso de que a operación inclúa investimentos orientados á transformación dixital da industria (industria conectada), informe da análise da madurez dixital da empresa a través da Ferramenta de autodiagnóstico dixital avanzada I (FADA).

10ª. No caso de operacións de investimento provenientes do resultado dun grupo operativo de innovación da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

11ª. No caso de que o solicitante sexa unha entidade asociativa prioritaria (EAP) recoñecida para o sector do viño, debe achegarse certificado de inscrición no rexistro correspondente.

12ª. Certificación ambiental das instalacións do solicitante, segundo o Regulamento comunitario EMAS (Regulamento (CE) 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á participación voluntaria de organizacións nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS), e polo que se derrogan o Regulamento (CE) 761/2001 e as decisións 2001/681/CE e 2006/193/CE da Comisión) ou a Norma ISO 14.001 ou Certificado Wineries for Climate Protection, se é o caso.

13ª. No caso de que o solicitante teña implantados sistemas de pagamento de uva ou outra materia prima (incluído mosto e viño) por calidade para a totalidade dos pagamentos como mínimo durante os tres anos anteriores á data da solicitude, deben achegarse as normas de vendima aprobadas por acordo de asemblea, xunta reitora ou órganos da empresa ou calquera outro documento válido en dereito dos tres últimos anos.

14ª. Copia dos contratos tipo plurianuais de uva e viño vixentes na data de presentación da solicitude no caso de que o solicitante os utilice nas súas operacións correspondentes.

15ª. Certificado ou estudo emitido por experto independente que acredite que a cantidade de enerxía anual xerada non supera a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento no caso de investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía.

16ª. Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente rexistradas no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

17ª. Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación ou informe de procedementos acordados emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, relativo ao cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando o solicitante sexa unha persoa xurídica e o DNI/NIE no caso de persoa física.

2. Certificado de renda (IRPF) dos dous últimos anos.

3. Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

4. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

5. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).

6. Certificado de domicilio fiscal.

7. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

8. Consulta de concesións de subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Tramitación das solicitudes

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Subdirección Xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias.

2. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e, de ser o caso, o de emenda establecido no punto anterior, o solicitante non poderá modificar a súa solicitude de axuda aumentando o importe total do investimento nin incluíndo novos conceptos para os que se solicita axuda.

4. A valoración e priorización das solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo III, será realizada por un órgano colexiado presidido polo subdirector xeral da Cadea e Industrias Agroalimentarias, e integrado por dúas persoas funcionarias desa mesma subdirección con categoría non inferior á de xefe de sección.

En caso de empate, darase prioridade ás solicitudes que teñan maior puntuación no criterio 1.2.1. No caso de persistir o empate utilizaranse como criterios sucesivos de desempate a maior puntuación obtida nos criterios de valoración 1.2.2, 1.6, 1.9.1, 1.9.2, 1.7, 1.8, 1.10 e 1.9.3. Se aínda persiste o empate, utilizarase como criterio adicional de desempate o maior investimento subvencionable.

5. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias remitirá ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, antes do 1 de maio de cada ano, as necesidades de financiamento para os dous exercicios financeiros seguintes correspondentes a cada convocatoria. As ditas necesidades xustificaranse con base na listaxe priorizada de solicitudes admisibles que alcancen os 25 puntos, de acordo coa ponderación dos criterios establecida no anexo III.

6. Xunto coa información mencionada no punto anterior, deberá comunicarse unha estimación das necesidades financeiras para atender os pagamentos correspondentes a operacións aprobadas en anteriores convocatorias nos exercicios financeiros en curso e seguinte. Na devandita comunicación deberá identificarse a existencia de remanentes ou necesidades adicionais.

7. Unha vez coñecidas as dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio financeiro, a Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural acordará, para o primeiro exercicio financeiro da convocatoria, a asignación de fondos a cada comunidade autónoma proporcionalmente ao importe da axuda máxima demandada por cada unha delas no devandito primeiro exercicio financeiro.

8. A asignación correspondente ao segundo exercicio financeiro da convocatoria para cada comunidade autónoma determinarase en función das operacións bienais que sexan aprobadas pola autoridade competente. Esta deberá comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, antes do 15 de outubro de cada ano, o montante económico comprometido no segundo exercicio da convocatoria, para os efectos do adecuado seguimento financeiro da intervención.

9. Os fondos liberados por desistencias, renuncias ou modificacións poderán utilizarse para atender necesidades na devandita comunidade autónoma dentro do mesmo exercicio financeiro.

Artigo 13. Resolución de concesión

1. Unha vez asignados os fondos pola Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación do conselleiro ditará as resolucións correspondentes. As ditas resolucións notificaranse ás persoas beneficiarias.

2. O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento será de seis meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da Conferencia sectorial de asignación de fondos.

3. A Consellería do Medio Rural emitirá as correspondentes resolucións denegatorias motivadas para aqueles casos en que se desestime a solicitude de axuda e os recursos que, se é o caso, procedan.

Transcorrido o prazo de seis meses sen notificarse aos interesados ningunha resolución, estes poderán entender desestimada a súa solicitude de acordo co disposto no artigo 25.5 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

4. No caso de resolución positiva, na resolución indicarase polo menos o seguinte: o importe dos investimentos considerados subvencionables, a axuda concedida, o calendario de execución aprobado e a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas, se é o caso.

No prazo dun mes seguinte á notificación da resolución de concesión, os beneficiarios deberán achegar ante a Consellería do Medio Rural a seguinte documentación:

a) Unha aceptación expresa dos termos da concesión da subvención ou, se é o caso, a renuncia.

b) Un documento acreditativo do depósito dunha garantía de boa execución, de acordo coas condicións previstas no Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, no relativo aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro, por un importe do 15 por cento do montante do financiamento comunitario, co fin de asegurar que o beneficiario execute as accións que forman parte da operación.

Artigo 14. Modificación das operacións de investimento

1. O beneficiario poderá presentar modificacións da operación de investimento inicialmente aprobada. Diferéncianse dous tipos de modificación:

a) Modificación maior, cuxas especificidades se desenvolven no número 5.

b) Modificación menor, cuxas especificidades se desenvolven no número 6.

2. Todas as modificacións deberán presentarse ante a Consellería do Medio Rural e estar debidamente xustificadas. A Consellería do Medio Rural deberá avaliar todas as modificacións presentadas.

3. No caso de modificacións que afecten os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse o anexo VII, no cal se indicarán para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa, así como a copia de todas as ofertas solicitadas. A aceptación destas modificacións estará suxeita ao cumprimento deste requisito, así como ao establecido nos artigos 17 e 18.

4. As modificacións deberán cumprir as seguintes limitacións:

a) Non alterar os obxectivos estratéxicos ou xerais con que foi aprobada a operación.

b) Non alterar as condicións de elixibilidade.

c) Non implicar unha variación da puntuación que recibiu a solicitude de axuda no procedemento de selección previo, de forma que quede por baixo da puntuación de corte entre solicitudes aprobadas e non aprobadas. As accións que desen lugar á obtención de puntuación de acordo cos criterios de prioridade e sexan eliminadas con posterioridade na operación só poderán ser incluídas nunha convocatoria posterior por causas debidamente xustificadas.

d) Non supoñer un traslado de pagamentos dun exercicio financeiro a outro posterior.

e) Non supoñer unha redución do investimento obxecto de axuda superior ao 40 % da inicialmente aprobada.

f) Non supoñer un cambio de beneficiario, de acordo co establecido nos números 1.b) e 9.c) do artigo 11 do Regulamento delegado (UE) 2022/126 da Comisión, do 7 de decembro de 2021.

5. As modificacións maiores deben ser autorizadas con carácter previo á súa execución e requirirán unha resolución favorable expresa da Consellería do Medio Rural.

As modificacións maiores deberán presentarse ante a Consellería do Medio Rural antes do 1 de febreiro do exercicio financeiro no cal se debe solicitar o pagamento dos investimentos obxecto de modificación. Non estarán permitidas máis de dúas solicitudes de modificación por operación e anualidade, salvo causas de forza maior ou circunstancias excepcionais.

A non realización dunha actuación será sempre considerada como modificación maior.

6. As modificacións menores non requirirán de autorización previa á súa execución e deben presentarse como moi tarde antes da comunicación de fin de actuacións ou da presentación da solicitude de pagamento.

Só poderán considerarse modificacións menores:

a) Cambio de marca ou de provedor dunha máquina ou instalación, coa condición de que se manteñan ou melloren as súas características técnicas considerando aspectos como rendemento, consumos enerxéticos e mantemento.

b) Cambio no número de barricas, coa condición de que se manteña a capacidade total e as súas características de acordo coa tipoloxía prevista na epígrafe IV do anexo II.

O importe do investimento considerado subvencionable para estas modificacións menores nunca poderá ser superior ao previsto na concesión de subvención.

7. Independentemente do citado neste artigo, a Consellería do Medio Rural poderá excepcionalmente autorizar modificacións que non se axusten ás condicións indicadas nos puntos anteriores nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais.

8. As modificacións que supoñan unha diminución dos orzamentos aprobados supoñerán a redución proporcional da subvención concedida.

9. As modificacións que supoñan un incremento dos orzamentos aprobados non supoñerán incremento da subvención concedida.

10. O beneficiario mantén a súa obriga de depósito de garantía de boa execución en razón dos importes calculados sobre a concesión de subvención inicial.

Artigo 15. Pagamento das axudas

1. O investimento deberá ser xustificado e pagado como máximo en dous exercicios financeiros, salvo causas de forza maior ou circunstancias excepcionais.

2. As solicitudes de pagamento presentaranse antes do 1 de maio de cada exercicio financeiro en que está prevista a presentación da solicitude de pagamento.

3. No caso das operacións bienais, cando un beneficiario adiante a execución dunha ou varias actuacións inicialmente previstas, segundo o seu calendario de execución, para a súa xustificación no segundo exercicio financeiro obxecto da convocatoria, poderá presentar a solicitude de pagamento das ditas actuacións no mesmo prazo que as actuacións previstas para a súa xustificación no primeiro exercicio financeiro obxecto da convocatoria, e o pagamento quedará condicionado á existencia de fondos.

4. O pagamento da axuda realizarase, unha vez que se certifique que na operación ou actuación correspondentes se executaron e se efectuaron os controis administrativos e, se é o caso, sobre o terreo. Nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais, deberá verificarse se a execución das ditas operación ou actuación correspondentes foi completa ou non, co fin de determinar o importe da axuda a que ten dereito o beneficiario.

5. Non se pagará ningunha axuda por unha operación non incluída nunha solicitude de axuda nin por unha acción non incluída nunha operación inicialmente aprobada ou, se é o caso, modificada.

6. A solicitude de pagamento final presentarase acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria de execución valorada, coa relación de gastos, facturas e xustificantes de pagamento e, se é o caso, a relación detallada das modificacións respecto da solicitude inicial. Se existen diferenzas entre as actuacións previstas e as realizadas por causas excepcionais ou de forza maior, deberán xustificarse ante a Consellería para a súa valoración.

b) Lista de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas, e das que se entregará unha copia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, que deberá realizarse a través de entidades financeiras. O pagamento efectivo acreditarase presentando a copia do documento de pagamento (cheque, orde de transferencia, letra de cambio, etc.) xunto co extracto ou o certificado bancario que xustifique inequivocamente o seu cargo na conta bancaria do beneficiario. Non se admitirán os gastos pagados polo beneficiario en especie ou en metálico.

c) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo o modelo B2. No caso de financiamento mediante créditos ou préstamos deberá presentarse ademais copia da escritura de formalización destes, así como un certificado da entidade financeira en que indique se o préstamo procede de fondos públicos e se ten algún tipo de axuda. Nese sentido, para o cálculo das axudas implícitas nos préstamos procedentes de fondos públicos, seguiranse os criterios establecidos na Comunicación 2008/C14/02 da Comisión relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e actualización.

d) Explicación das diferenzas existentes entre os custos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3.

e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, conforme o modelo establecido no anexo B4, e xuntando, no caso de concesión, a copia da resolución correspondente.

f) Declaración do solicitante indicando que non está inmerso nun proceso de reintegro de subvencións.

g) No caso de adquisición de edificacións, deberase achegar, ademais, un certificado dun taxador independente debidamente acreditado, ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado, desagregando o valor do solo a prezos de mercado.

h) No caso de operacións que inclúan a execución de investimentos en obra civil, licenza de obra ou certificado do concello que indique que para a execución dos referidos investimentos non é necesaria a licenza de obra.

i) Rexistro sanitario.

j) Licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida.

k) Comunicación relativa á inscrición dos investimentos no Rexistro de Industrias Agrarias.

l) Copia das páxinas do libro diario en que figuren os asentos das facturas dos gastos xustificados.

m) Copia das páxinas do balance de sumas e saldos relativas ás contas en que figuran os gastos xustificados.

n) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

As solicitudes de pagamentos parciais, correspondentes a actuacións, irán acompañadas, polo menos, da documentación indicada nas letras a), b), c), d), e), f), l) e m).

7. As facturas xustificativas dos gastos realizados deberán incluír a relación detallada dos conceptos facturados e, no caso de maquinaria e equipamentos, deberán indicar ademais das súas características, marca, modelo e placa identificativa.

8. O pagamento da axuda estará supeditado á presentación das contas xustificativas do investimento, verificadas por un auditor de contas ou sociedade de auditoría inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas ou, na súa falta, á verificación por parte da comunidade autónoma das facturas e documentos mencionados anteriormente. Esta comprobación incluirá, como mínimo, un control sobre o terreo para cada expediente de axuda.

9. Nas axudas aprobadas en dous exercicios financeiros, o pagamento da axuda correspondente ás accións ou actuacións rematadas no primeiro exercicio financeiro terá o carácter de pagamento á conta. Cando se tramite un pagamento á conta, se o importe dos pagamentos tramitados supera os 18.000 €, o beneficiario deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda unha garantía constituída por seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes ao final do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento fraccionado. As garantías serán liberadas unha vez comprobada a realización da actividade para a cal se concedeu a subvención.

10. Só se poderá estimar favorable unha solicitude de pagamento cando quede acreditada a situación do beneficiario ao día, respecto das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como polo reintegro de subvencións.

11. Se se comproba mediante os controis que se executaron totalmente todas as accións que forman parte da operación global cuberta pola solicitude de axuda, inicialmente aprobada ou modificada aboarase a axuda solicitada.

12. Cando non se executaron unha ou varias accións por causas de forza maior ou circunstancias excepcionais, a axuda final calcularase como a suma dos importes correspondentes ás accións individuais que se executaron totalmente e, no caso de que haxa accións executadas parcialmente, da parte proporcional executada, sempre e cando a parte non executada se debera a causas de forza maior ou circunstancias excepcionais.

13. Cando non se executaron unha ou varias accións ou a súa execución sexa parcial, debido a causas distintas á forza maior ou a circunstancias excepcionais, pero se acade o ou os obxectivos globais da operación, a axuda final reducirase aplicando unha penalización igual ao 100 % do importe correspondente ás accións que non se executaron totalmente ou a súa execución sexa parcial. É dicir, a axuda final calcularase como a suma dos importes correspondentes ás accións individuais que se executaron totalmente, restando o importe que correspondería ás accións non executadas totalmente e/ou ás accións executadas parcialmente.

14. Cando non se executaron unha ou varias accións ou a súa execución sexa parcial, debido a causas distintas á forza maior ou a circunstancias excepcionais, e non se acade o ou os obxectivos globais da operación, non se concederá ningunha axuda.

15. No caso de aplicar estas reducións, se xa se aboaron axudas por accións individuais exixirase o reintegro das cantidades correspondentes ás ditas accións, máis os xuros correspondentes.

Artigo 16. Liberación e execución de garantías

1. A garantía de boa execución terá validez permanente ata que a autoridade competente acorde a súa cancelación.

2. A garantía liberarase cando a autoridade competente acorde a súa cancelación, logo de comprobación administrativa e sobre o terreo de que se realizou a operación, se entregou a documentación requirida no artigo 15 e está acreditada a situación do beneficiario respecto das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como respecto ao reintegro de subvencións.

3. No caso de que o beneficiario non execute a operación cuberta pola solicitude de axuda inicialmente aprobada ou modificada ou non cumpra o obxectivo global, executarase a garantía de boa execución, salvo causas de forza maior ou circunstancias excepcionais.

Artigo 17. Durabilidade do investimento

1. Os activos materiais e inmateriais adquiridos permanecerán tanto na propiedade como en posesión do beneficiario durante un período de cinco anos a partir da data do pagamento final.

2. No caso microempresas e pequenas e medianas empresas no sentido da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, o período indicado no punto anterior será de tres anos a partir da data do pagamento final.

3. No caso de que concorra algunha das circunstancias establecidas no artigo 11.9 do Regulamento delegado 2022/126 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, deberá reembolsarse a axuda, máis os correspondentes xuros de demora, de maneira proporcional á duración do incumprimento. A Consellería do Medio Rural poderá dispoñer non recuperar a axuda financeira cando o beneficiario cese unha actividade produtiva debido a unha quebra non fraudulenta.

4. Cando non se cumpran as condicións de durabilidade establecidas nos puntos anteriores, a persoa beneficiaria deberá reembolsar a axuda percibida máis os xuros legais correspondentes.

Artigo 18. Incumprimentos

Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos e elementos dos investimentos aprobados no prazo establecido, e cumprindo co resto dos requisitos establecidos, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. En calquera outro caso considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.

1. Considérase que existe un incumprimento parcial cando o beneficiario non realice ou non xustifique no prazo establecido a totalidade do importe do investimento subvencionado, se alcanzou o obxectivo global da operación e se cumpra co resto dos requisitos establecidos. Neste caso, aboarase a parte proporcional da subvención correspondente ao investimento admisible e aplicarase unha penalización do 100 % do importe asignado a aquelas accións que figuren na solicitude de axuda, inicialmente aprobada ou modificada, e que non se executaron totalmente, salvo causa de forza maior ou circunstancias excepcionais.

2. Considerarase que existe un incumprimento total cando non se executen e xustifiquen nos prazos establecidos unha ou varias accións que formen parte da operación global cuberta pola solicitude de axuda, aprobada ou modificada, ou a súa execución sexa parcial, salvo nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais, e non se logre o obxectivo da operación global.

No caso de incumprimento total, o beneficiario non cobrará ningunha axuda, e deberá devolver, se é o caso, os importes xa percibidos máis os xuros correspondentes.

3. Considerarase, así mesmo, que existe un incumprimento cando o beneficiario non dispoña nos prazos establecidos na resolución de concesión dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, distintos da propia execución e xustificación dos investimentos subvencionables. Neste caso o incumprimento dará lugar á perda do dereito ao cobramento de ata o 100 % da axuda concedida, con reintegro, se é o caso, dos importes xa percibidos. Para estes efectos, aplicaranse os seguintes criterios:

a) No caso de operacións con axuda concedida que, finalizado o prazo máximo permitido para a súa execución e xustificación, teñan executados e pagados os investimentos pero carezan dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, considerarase que existe un incumprimento parcial cando o beneficiario presente a referida documentación no prazo máximo adicional de catro meses contados desde a finalización do prazo máximo permitido para a execución e xustificación da operación.

Neste caso de incumprimento parcial aplicarase unha penalización á axuda que corresponda aboar ao beneficiario, que será de 400 € cando o beneficiario presente a referida documentación no prazo máximo adicional de dous meses contado desde a finalización do prazo máximo permitido para a execución e xustificación da operación, e de 900 € no caso de que o referido prazo de presentación sexa superior a dous meses e non supere os catro meses.

b) No caso de operacións nas cales, transcorrido o prazo máximo adicional de catro meses contado desde a finalización do prazo máximo permitido para a execución e xustificación da operación, non estea presentada toda a documentación exixida para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, considerarase que existe un incumprimento total e o beneficiario perderá o dereito ao cobramento da totalidade da axuda concedida, e deberá reintegrar, se é o caso, as cantidades xa percibidas, sen prexuízo das sancións establecidas no artigo 61 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Non se admitirá a modificación dos investimentos cando a solicitude de modificación, no caso dunha modificación maior, ou a comunicación de cambios, no caso dunha modificación menor, non se realice dentro dos prazos establecidos en función do tipo de modificación.

Non obstante, no caso de que o beneficiario non presente a comunicación dunha modificación menor dentro do prazo establecido no número 6 do artigo 14, pero a presente no prazo adicional dun mes contado desde a finalización do prazo máximo permitido para a execución e xustificación da anualidade en que tivo lugar a modificación menor, admitiranse como subvencionables os investimentos modificados e aplicarase unha penalización á axuda que corresponda aboar ao beneficiario de 400 €.

Non se considerarán subvencionables os investimentos modificados nunha modificación menor se transcorrido o prazo máximo adicional indicado no parágrafo anterior non se presentou a comunicación da dita modificación menor.

5. Ademais, sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, deberanse ter en conta as causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Avaliación e seguimento da intervención

1. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación intercambiará información, por vía electrónica, coas comunidades autónomas e o sector para garantir o seguimento da intervención.

2. As comunidades autónomas remitirán ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación antes do 1 de novembro de cada ano, e referido ao exercicio financeiro precedente, un informe anual do resultado das operacións de investimento. Para estes efectos, constituirase unha base de datos que incluirá os datos das solicitudes que figuran nos órganos competentes das comunidades autónomas.

3. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coa información facilitada polas comunidades autónomas a través da base de datos mencionada no punto anterior e dos informes anuais do parágrafo anterior, realizará anualmente un informe xeral de avaliación da intervención, acompañado, se é o caso, de propostas de modificación.

4. As comunidades autónomas facilitarán cada dous anos ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación información sobre os custos das operacións executadas polas que se pagou a axuda, sobre a base dunha mostra de xustificantes de pagamento, co fin de revisar e, se é o caso, actualizar os importes fixados no anexo II.

Artigo 20. Compatibilidade

1. Non se financiarán cos fondos da Intervención Sectorial Vitivinícola as medidas que estean recollidas nos programas de desenvolvemento rural ao abeiro do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, nos plans estratéxicos ou intervencións financiadas a través do Fondo Feader ao abeiro do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, e as medidas que están recollidas no Regulamento (CE) 1040/2002 da Comisión, do 14 de xuño de 2002, polo que se establecen normas particulares de execución das disposicións relativas á asignación dunha participación financeira da Comunidade para a loita fitosanitaria e se derroga o Regulamento (CE) 2051/97, nin outras medidas financiadas por instrumentos financeiros da Unión Europea.

2. Tampouco se financiarán cos fondos da Intervención Sectorial Vitivinícola os programas simples de información e de promoción de viño asociado a outros produtos agroalimentarios ou os programas múltiples de información e promoción de viño, regulados ao abeiro do Regulamento (UE) 1144/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, sobre accións de información e de promoción relativas a produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 3/2008 do Consello.

3. A percepción das subvencións previstas nesta orde, para financiar a operación presentada, será incompatible con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 21. Controis

1. As actuacións de control serán realizadas conforme o establecido na normativa comunitaria aplicable, así como na normativa estatal de aplicación e na presente orde.

2. A Consellería do Medio Rural articulará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas nun plan xeral de control elaborado polo Fondo Español de Garantía Agraria O.A. en coordinación coas comunidades autónomas.

3. Como complemento ao plan xeral de control que se estableza, a Consellería poderá desenvolver cantas actuacións de control considere precisas.

4. Antes do 15 de xaneiro de cada ano, a Consellería remitirá ao Fondo Español de Garantía Agraria O.A. un informe anual sobre os controis executados durante o exercicio financeiro anterior.

5. Efectuaranse controis administrativos de todas as solicitudes de axuda, pagamento e modificación das operacións, e que abarcarán todos os elementos que poidan verificarse mediante este tipo de control.

Unha vez finalizado o prazo de emenda das solicitudes de axuda establecido, as solicitudes que non cumpran os requisitos ou os criterios de subvencionabilidade e os custos subvencionables consideraranse inadmisibles e quedarán excluídas da axuda. As persoas beneficiarias serán informadas dos motivos da exclusión.

6. Os controis sobre o terreo realizaranse sistematicamente con carácter previo ao pagamento final da operación e abarcarán todos os requisitos que poidan comprobarse sobre o terreo.

Poderán realizarse controis sobre o terreo durante a execución das operacións para aquelas accións ou actuacións que se consideren de risco, ou a criterio das autoridades de control.

Os controis sobre o terreo poderán realizarse notificándollelo aos beneficiarios coa antelación estritamente necesaria, sempre que non se comprometa o propósito do control, e que non excederá 14 días. A notificación deberá incluír a información relativa ao contido e alcance das actuacións que se van realizar.

Así mesmo, poderán realizarse controis sen aviso previo e deberase comunicar posteriormente aos beneficiarios o contido e alcance das actuacións que se realizaron.

7. Cando a operación aprobada sexa ou inclúa a compra de barricas, toneis ou tinos de madeira de calquera capacidade, deberá verificarse que:

a) Se corresponden en cantidade e material co indicado na solicitude de axuda aprobada ou, se é o caso, modificada.

b) Non se utilizan como investimentos de mera substitución.

c) Se destinan á almacenaxe dos produtos vitivinícolas obxecto da axuda.

d) Non se almacenan en espazos distintos aos dedicados á elaboración ou crianza.

e) Cada un dos elementos conta cun código alfanumérico ou matrícula individualizada indelebles nos cales se inclúe o código asignado polo órgano xestor da axuda, e que é accesible para o control.

f) Se no momento da presentación da solicitude de axuda existían elementos similares nas instalacións onde se efectúa o control, estes deberán estar convenientemente inventariados.

8. No caso de investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, verificarase que, xunto coa solicitude de axuda, se achega un certificado ou estudo emitido por un experto independente que acredite que a cantidade de enerxía anual xerada non supera a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento.

9. Realizaranse controis a posteriori, conforme o disposto no artigo 80 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común, para verificar que os activos materiais e inmateriais adquiridos permanecen tanto na propiedade como en posesión do beneficiario durante un período de cinco anos a partir da data do pagamento final.

No caso de microempresas e pequenas e medianas empresas no sentido da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, o período indicado no parágrafo anterior será de tres anos a partir da data do pagamento final.

10. Os beneficiarios non deberán poñer ningún obstáculo á realización de cantos controis sexan considerados necesarios e deberán facilitalos en todo momento.

Se o beneficiario ou o seu representante impedisen a execución do control sobre o terreo, reflectirase a dita circunstancia e rexeitarase a solicitude correspondente.

Se o beneficiario ou o seu representante impedisen a execución do control a posteriori, reflectirase a dita circunstancia e recuperaranse os importes correspondentes.

11. Ademais dos controis indicados nos puntos anteriores, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Obrigas do beneficiario

1. O beneficiario deberá cumprir as obrigas do artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

2. O beneficiario deberá someterse, conforme o establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, achegando toda a información que lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 23. Devolución voluntaria da axuda recibida

As persoas beneficiarias que pretendan devolver voluntariamente as axudas concedidas, deberán presentar unha solicitude de devolución voluntaria segundo o modelo que figura como anexo B5, xunto co certificado bancario de devolución da axuda concedida.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Réxime de recursos

A resolución da subvención poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Artigo 26. Notificación de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De acordo co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De acordo co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Convocatoria de axudas para 2024

Artigo 27. Convocatoria

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas no capítulo I desta orde, as axudas para a execución de medidas de investimento do sector vitivinícola para o exercicio orzamentario de 2024.

Artigo 28. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comeza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de xaneiro de 2024.

Artigo 29. Financiamento

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e farase con cargo ao concepto 14.04.713D.770.0 e proxecto 2014/00658 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 cunha dotación de 2.000.000 €, e para o ano 2025 cunha dotación de 2.500.000 €.

Esta dotación poderá incrementarse nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como cos fondos transferidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. Así mesmo, a aplicación orzamentaria citada poderá axustarse incorporando novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza xurídica dos beneficiarios derivada do importe de axudas asignado pola Conferencia Sectorial.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que permite aprobar unha convocatoria de axudas nun exercicio orzamentario anterior ao da súa resolución cando existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, e conforme o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada respectivamente pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, relativas á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2024.

Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto:

– No Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) 1305/2013 e (UE) 1307/2013.

– No Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1306/2013.

– No Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea unha organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) 922/72, (CEE) 234/79, (CE) 1307/2001 e (CE) 1234/2007, así como nas súas modificacións e desenvolvemento posteriores.

– No Real decreto 905/2022, do 25 de outubro, polo que se regula a Intervención Sectorial Vitivinícola no marco do Plan estratéxico da política agrícola común, e modificacións posteriores.

– No Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

– No Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

– Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve, así como noutras normativas de aplicación.

Así mesmo, teranse en conta as instrucións específicas ditadas para a aplicación destas normativas pola Unión Europea, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e a Consellería do Medio Rural en función das súas competencias.

Disposición adicional segunda

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional terceira

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Relación non exhaustiva de obxectivos xerais das operacións

1. Investimentos directamente destinados á produción de produtos vitivinícolas (desde a transformación da uva ata o embotellado, ou envasado, e etiquetaxe do produto vitivinícola na adega):

a. Investimentos en cámaras de almacenamento frigorífico.

b. Investimentos noutras instalacións da adega.

c. Investimentos en obra civil:

i. Construción de novos inmobles.

ii. Mellora de inmobles.

iii. Adquisición de inmobles.

d. Investimentos en compra de maquinaria e/ou equipamentos:

i. Maquinaria e/ou equipamentos para a transformación da uva (pesaxe, prensado, etc.).

ii. Maquinaria e/ou equipamentos de fermentación e/ou vinificación.

iii. Maquinaria e/ou equipamentos de tratamento de viños e mostos (filtración, sedimentación, clarificación, etc.).

iv. Maquinaria e/ou equipamentos de control de temperatura.

v. Equipamentos para o movemento e tratamento do viño na adega.

vi. Equipamentos para almacenamento, mestura, coidado posterior e envellecemento do viño.

vii. Equipamentos xerais para o embotellado, envasado, etiquetaxe e embalaxe.

viii. Equipamentos específicos para a produción, almacenamento, embotellado e acondicionamento de viños espumosos.

ix. Software para a xestión da adega.

x. Equipamentos para a xestión de augas residuais e outros residuos.

e. Custos xerais relacionados cos investimentos descritos neste número 1.

2. Investimentos directamente relacionados co control de calidade:

a. Investimentos en construción de laboratorios e dotación.

b. Investimentos en maquinaria e equipamentos, incluído o software para o control de calidade das materias primas, dos produtos e das condicións de produción e conservación.

c. Investimentos en equipamentos destinados a introducir normas de calidade ou sistemas de rastrexabilidade voluntarios, mesmo no caso de viños ecolóxicos.

d. Custos xerais relacionados cos investimentos descritos neste número 2.

3. Investimentos directamente relacionados coa comercialización de produtos vitivinícolas:

a. Investimentos en establecementos de presentación e venda:

i. Obra civil, incluída a urbanización exterior (construción de novos inmobles, mellora de inmobles ou adquisición de inmobles). En relación coa urbanización exterior, só inclúe a explanación e urbanización cando se proxecte tamén unha superficie nova construída, entre o límite da parcela e o establecemento.

ii. Maquinaria e equipamentos, incluído software.

b. Investimentos en almacéns, centros loxísticos e oficinas comerciais:

i. Obra civil, incluída a urbanización exterior (construción de novos inmobles, mellora de inmobles ou adquisición de inmobles). En relación coa urbanización exterior, só inclúe a explanación e urbanización cando se proxecte tamén unha superficie nova construída, entre o límite da parcela e o establecemento.

ii. Maquinaria e equipamentos, incluído software.

c. Investimentos en equipamentos para a loxística e a comercialización dos produtos vitivinícolas.

d. Hardware, software e plataformas web para comercio electrónico destinadas exclusivamente aos produtos vitivinícolas.

e. Rexistro de marcas colectivas.

f. Custos xerais relacionados cos investimentos descritos neste número 3.

4. Investimentos directamente relacionados con usos administrativos e/ou xerais:

a. Investimentos en obra civil, incluída a urbanización exterior:

i. Construción de novos inmobles.

ii. Mellora de inmobles.

iii. Adquisición de inmobles.

b. Investimentos en subministracións enerxéticas e acometidas de servizos (xeradores, transformadores, liñas eléctricas, subministración de auga, etc.).

c. Investimentos noutras instalacións e equipamentos, incluído software:

i. De uso administrativo.

ii. De xestión empresarial.

d. Custos xerais relacionados cos investimentos descritos neste número 4.

ANEXO II

Gastos non subvencionables

A. Gastos non subvencionables.

Non se considerarán subvencionables os custos das seguintes accións:

1. Os investimentos de mera substitución.

2. A investigación.

3. Os investimentos que figuren na contabilidade como gastos.

4. Os gastos de constitución e primeiro establecemento.

5. A compra de terreos e os gastos relacionados con ela (honorarios de notario, impostos e similares).

6. A compra de edificios que vaian ser derrubados. Se a compra dun edificio é obxecto de axuda, o valor do terreo construído e o do que rodea o edificio, valorado por técnico competente, non se considera subvencionable.

7. A compra de edificios ou locais se estes foron subvencionados nos últimos dez anos. Para iso achegarase declaración das subvencións recibidas polo edificio ou o local durante os últimos dez anos. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reformas de locais que fosen subvencionados anteriormente polas administracións públicas e non transcorresen cinco anos. En ambos os casos, o inicio do cómputo destes prazos comezará a partir da data máis tardía entre a de xustificación desa subvención ante a Administración competente ou o cobramento da devandita axuda.

8. Traballos ou investimentos empezados ou realizados, con anterioridade á data de solicitude de axuda, salvo os seguintes gastos, sempre que estean realizados dentro do ano anterior á data de solicitude de axuda:

a) Honorarios técnicos, estudos de viabilidade económica, técnica, xeotectónica, de mercado, avaliación de impacto ambiental e similares, a adquisición de patentes e licenzas, e os permisos e seguros de construción.

b) Provisión de materiais de construción e encargo ou compra de maquinaria, mesmo a subministración, pero non a montaxe, instalación e proba.

9. A compra de material amortizable normalmente nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e similares).

10. Obras de ornamentación e equipamentos de recreo.

11. As tarimas, caixóns tarima e caixas de campo.

12. A compra e instalación de maquinaria e equipamentos de segunda man.

13. A compra de barricas, toneis e tinos de madeira de calquera capacidade, excepto cando derive dun aumento da capacidade produtiva da adega, sexan de nova adquisición e teñan unha vida útil igual ou superior á durabilidade prevista no artigo 17. Ademais, para que estes elementos poidan ser subvencionados deberanse cumprir simultaneamente as seguintes condicións:

a) Cada un dos elementos obxecto de axuda deberá contar cun código alfanumérico, ou matrícula, individualizado, en que se incluirá o código asignado polo órgano xestor da solicitude de axuda. Este código deberá estar marcado de forma indeleble e facilmente accesible aos controladores da subvención.

b) Ao longo do período de durabilidade, estes elementos non poderán destinarse ao almacenamento de produtos distintos dos produtos vitivinícolas, nin almacenarse en espazos distintos dos dedicados a elaboración ou crianza.

c) Se, na data de presentación da solicitude de axuda, o establecemento conta con elementos deste tipo, os devanditos elementos deberán estar inventariados ou ben o solicitante deberá demostrar documentalmente o número destes elementos de que dispón e a súa capacidade total na data de presentación da solicitude.

d) Con independencia do anterior, á hora de avaliar a capacidade de barricas, toneis e/ou tinos instalados nun establecemento non se terán en conta aqueles presentes no establecemento pero que non sexan propiedade da empresa solicitante, ou doutras con que manteñan vínculos de asociación ou vinculación.

e) En todo caso, ao longo do período de durabilidade, o número neto de elementos en uso produtivo desta natureza propiedade do solicitante no establecemento, independentemente de que estean subvencionados, non poderá ser obxecto de diminución.

14. Os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou lugar en que se vai realizar a operación de investimento.

15. As reparacións e obras de mantemento. Non teñen a consideración de reparacións as operacións realizadas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as súas prestacións.

16. Os debidos á aplicación do imposto sobre o valor engadido (IVE), agás se non é recuperable de conformidade coa lexislación nacional aplicable sobre o IVE.

17. As taxas, as contribucións ou outros impostos.

18. As edificacións destinadas a vivenda.

19. Vehículos relativos a transporte exterior e vehículos que requiran de matriculación, incluídos remolques e carrozados especiais.

20. Os gastos de alugamento de equipamentos de produción e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro.

21. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia. Neste sentido non serán subvencionables os honorarios de proxecto, dirección de obra ou asesoramento técnico cando no provedor dos devanditos servizos concorra algunha das seguintes circunstancias:

a. Que estea vinculado laboralmente coa empresa solicitante ou beneficiaria da axuda.

b. Que teña a condición de socio da empresa solicitante ou beneficiaria da axuda.

c. Que teña facultades de administración e/ou representación sobre a empresa solicitante ou beneficiaria da axuda.

22. Os gastos por transaccións financeiras, xuros debedores ou de demora, as comisións por cambio de divisas e as perdas, así como outros gastos puramente financeiros.

23. As multas, sancións financeiras e gastos de procedementos legais.

24. Rótulos ou indicadores en vías públicas ou outros espazos públicos ou privados que non estean no establecemento, tenda, instalación, leira ou recinto do solicitante.

25. Investimentos en enoturismo.

26. Gastos de asesoramento ou elaboración da solicitude de axuda.

27. Compra de edificios ou instalacións que estean alugados ou noutro réxime de tenza polo solicitante na data da solicitude.

28. A adquisición de mobiliario, salvo os seguintes:

a) O específico para laboratorios.

b) O correspondente a zonas de cata e exposición de produtos, excepto cando nese establecemento se desenvolvan actividades de enoturismo.

29. Os gastos relativos á promoción (postos, conferencias, folletos, catálogos, publicidade, etc.).

30. Os gastos pagados polo beneficiario en especie ou en metálico.

31. A explanación e urbanización, excepto cando se proxecte tamén unha superficie nova construída, entre o límite da parcela e o establecemento.

32. Vías de acceso.

33. A demolición dun edificio existente con anterioridade á realización dun novo proxecto.

34. Traballos e instalacións necesarios para levar servizos de subministracións (por exemplo, auga, luz, gas, etc.) á parcela desde un punto externo desta.

35. Elevadores.

B. Conceptos con módulos e outras limitacións.

O importe destes límites máximos aplicarase tamén como investimento máximo que se subvencionará para a adquisición de edificacións, incluído o seu acondicionamento ou reforma.

I. Urbanización.

Soamente se admitirán investimentos en peche da parcela, explanadas e firmes, coas seguintes limitacións en todo caso:

– Peches perimetrais de predios. O importe máximo subvencionable ascenderá a 40 euros por metro lineal, incluídos todos os elementos singulares distintos ás portas.

O número de metros lineais máximo subvencionable será igual, en valor absoluto, á suma do número de metros cadrados construídos e/ou que se pretenden construír dentro do establecemento obxecto da operación de investimento.

– Explanación e urbanización, incluída a dotación de firme. O importe máximo subvencionable ascenderá a 35 euros por metro cadrado obxecto de actuación. O número de metros cadrados máximo subvencionable será igual ao dobre da superficie nova construída.

Só pode subvencionarse a explanación e urbanización cando se proxecte tamén unha superficie nova construída.

II. Edificacións.

O importe máximo subvencionable ascenderá a:

– 520 euros por metro cadrado construído, cando o investimento se execute en España.

– 570 euros metro cadrado cando o investimento se execute noutros países da Unión Europea.

Para a aplicación deste límite teranse en conta tanto os gastos de adquisición como os de obra civil en edificación nova ou reformada, incluíndo as súas divisións interiores. Para este fin, os devanditos límites non poderán ser superados mesmo nos supostos en que sobre unha mesma superficie se dea de forma simultánea máis dun deses gastos.

Neste límite non se terán en conta os gastos relativos a instalacións como saneamento, fontanaría, electricidade, telecomunicacións, climatización, ventilación ou outras similares.

Estas limitacións tamén serán de aplicación a viñotecas, salas de exhibición, puntos de venda e centros loxísticos.

III. Outras limitacións aplicables a zonas e equipamentos específicos.

No caso de superficies dedicadas a salas de catas ou dedicadas especificamente dentro da adega á exposición e venda polo miúdo dos produtos, a superficie máxima subvencionable será do 15 % da superficie da adega resultante tras a execución da operación.

IV. Outras limitacións ao importe do investimento auxiliable e á súa clasificación.

Os investimentos en estudos de viabilidade técnica e económica, así como a avaliación de impacto ambiental, serán admisibles sempre que o estudo se presente coa solicitude e, en todo caso, o importe máximo admisible é de 1.900 euros por cada un dos dous conceptos.

Os investimentos relativos á creación de tendas en liña limitaranse a 3.400 euros.

Cando entre os investimentos obxecto da axuda se inclúan barricas de madeira de entre 210 e 230 litros de capacidade, ás veces denominadas como bordelesas, estas deberán cuantificarse e orzarse de maneira diferenciada, en función da orixe da súa madeira, de acordo coa seguinte clasificación:

– De carballo francés.

– De carballo americano.

– De carballo mixto ou doutras orixes, para calquera outro tipo de barrica que non pertenza aos dous anteriores.

ANEXO III

Criterios de valoración

1. Priorización de solicitantes. Máximo 40 puntos

Puntuación

1.1. Priorización das entidades asociativas prioritarias recoñecidas para o sector do viño (incluídas multisectoriais) de acordo co Real decreto 550/2014, do 27 de xuño, polo que se desenvolven os requisitos e o procedemento para o recoñecemento das entidades asociativas prioritarias e para a súa inscrición e baixa no Rexistro Nacional de Entidades Asociativas Prioritarias, previsto na Lei 13/2013, do 2 de agosto, de fomento da integración de cooperativas e doutras entidades asociativas de carácter agroalimentario. Así mesmo, serán priorizadas as súas entidades de base (recoñecidas tamén para o sector do viño). Tamén serán priorizadas as entidades asociativas prioritarias rexionais (incluídas multisectoriais) ou figuras análogas reguladas no ámbito autonómico, así como as súas entidades de base (recoñecidas tamén para o sector do viño).

1 punto

1.2. Priorización dos solicitantes asociativos (non acumulativos).

1.2.1. Cooperativas e outras entidades asociativas agroalimentarias (SAT, sociedades mercantís sempre que máis do 50 % do seu capital social pertenza a cooperativas ou SAT).

7 puntos

1.2.2. Asociacións, con personalidade xurídica propia, de dous ou máis produtores dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e non recollidas no punto 1.2.1.

4 puntos

1.3. Priorización de empresas que non foron obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, nos dous anos anteriores. Para ese efecto, considerarase a información incluída na web da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e a información publicada pola autoridade competente da comunidade autónoma onde se presenta a solicitude.

5 puntos

1.4. Priorización de solicitantes cuxas instalacións dispoñen de certificación ambiental, que deberá ser achegada xunto á solicitude.

1.4.1. Segundo o Regulamento comunitario EMAS (Regulamento (CE) nº 1221/2009) ou a Norma ISO 14.001.

1 punto

1.4.2. Certificado Wineries for Climate Protection.

1 punto

1.5. Priorización de empresas que teñan implantados sistemas de pagamento de uva ou outra materia prima (incluído mosto e viño) por calidade para a totalidade dos pagamentos como mínimo durante os tres anos anteriores á data da solicitude. Será acreditado mediante a achega de normas de vendima aprobadas por acordo de asemblea, xunta reitora ou órganos da empresa ou calquera outro documento válido en dereito. Non se considerarán dentro deste criterio os parámetros de calidade recollidos en pregos de condicións de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, xa que resultan de obrigado cumprimento aos operadores voluntariamente acollidos.

4 puntos

1.6. Priorización de operadores que utilicen nas súas operacións correspondentes os contratos tipo plurianuais de uva e viños vixentes na data de entrega da solicitude.

4 puntos

1.7. Priorización de operadores de produtos vitivinícolas ecolóxicos.

3 puntos

1.8. Priorización de operadores acollidos a DOP ou IXP.

3 puntos

1.9. Priorización de microempresas, pequenas e medianas empresas (os criterios 1.9.1, 1.9.2 e 1.9.3 son excluíntes entre si).

1.9.1. Priorización de microempresas.

5 puntos

1.9.2. Priorización de pequenas empresas.

4 puntos

1.9.3. Priorización de medianas empresas.

2 puntos

1.10. Priorización de solicitantes que sexan elaboradores de viño e embotellen máis do 51 % do viño elaborado. Para tal fin tomaranse como referencia as elaboracións da campaña vitícola inmediatamente anterior á data de rexistro da solicitude de axuda.

4 puntos

1.11. Solicitante que non teña axuda concedida na medida/intervención de investimentos na comunidade autónoma en que presenta a solicitude na convocatoria inmediatamente anterior. Xa sexa con cargo ao Programa de apoio ao sector do viño 2019-2023 na súa última convocatoria ou na Intervención Sectorial do Viño, segundo corresponda.

1 punto

1.12. Solicitante que non teña axuda concedida de máis de 250.000 € na medida/intervención de investimentos na comunidade autónoma en que presenta a solicitude na convocatoria inmediatamente anterior. Xa sexa con cargo ao Programa de apoio ao sector do viño 2019-2023 na súa última convocatoria ou na Intervención Sectorial do Viño, segundo corresponda.

1 punto

2. Priorización de operacións. Máximo 90 puntos

Puntuación

2.1. Priorización das operacións con investimentos orientados ao incremento da eficiencia enerxética, sempre que isto supere o 30 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude. En todas as solicitudes de investimentos, xa sexan de nova construción ou de mellora de instalacións xa existentes, o solicitante deberá achegar un certificado emitido por un experto independente que recolla os conceptos de gasto da solicitude de axuda relacionados coa eficiencia enerxética para demostrar que se supera o 30 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude. Ademais, para o caso de mellora de instalacións xa existentes, o devandito certificado deberá, ademais, acreditar un aforro enerxético mínimo do 15 %. Para os efectos da valoración deste criterio, entenderanse incluídos exclusivamente os conceptos que se detallan na subépigrafe II desta epígrafe.

13 puntos

2.2. Priorización das operacións con investimentos en uso de enerxías renovables, sempre que isto supere o 20 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude. Para os efectos da valoración deste criterio, entenderanse incluídos exclusivamente os conceptos que se detallan na subepígrafe III desta epígrafe.

13 puntos

2.3. Priorización das operacións con investimentos no aproveitamento de subproductos, o tratamento e valorización de residuos e efluentes, sempre que isto supere 20 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude.

13 puntos

2.4. Priorización das operacións con investimentos destinados á transformación da totalidade da produción de uva propia do solicitante. Para tal efecto, o solicitante non deberá ter a titularidade dunha instalación de elaboración dos produtos acollidos a esta orde e deberá achegar a titularidade dun viñedo.

3 puntos

2.5. Priorización de operacións con investimentos destinados á redución do desperdicio alimentario sempre que isto supere o 5 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude. Entenderase por redución do desperdicio alimentario todo aquelo que supoña unha diminución da cantidade dos produtos aptos para consumo que se eliminan como residuos, xa sexa no manexo da materia prima, nos produtos intermedios ou no produto acabado.

8 puntos

2.6. Priorización das operacións que se orientan en todo ou en parte á obtención de produtos ecolóxicos.

8 puntos

2.7. Priorización das operacións que se orientan en todo ou en parte aos produtos acollidos a réximes de calidade: (non acumulativos).

2.7.1. Denominación de orixe protexida.

13 puntos

2.7.2. Indicación xeográfica protexida.

10 puntos

2.7.3. Viño sen indicación xeográfica con indicación de anada ou variedade.

3 puntos

2.8. Priorización das operacións que se orientan á comercialización nunha porcentaxe orzamentaria maior ou igual ao 30 % do investimento subvencionable no momento da solicitude. Para os efectos da valoración deste criterio, entenderanse incluídos exclusivamente os conceptos que se detallan na subepígrafe I desta epígrafe.

2 puntos

2.9. Priorización das operacións destinadas á transformación dixital da industria (industria conectada). Para os efectos da valoración deste criterio, entenderanse incluídos prioritariamente os conceptos que se detallan na subepígrafe IV desta epígrafe. Ademais, o solicitante deberá presentar o informe da análise da madurez dixital da empresa a través da Ferramenta de autodiagnóstico dixital avanzada l (FADA).

5 puntos

2.10. Priorización de operacións de investimento provenientes do resultado dun grupo operativo de innovación da Asociación Europea para a Innovación.

4 puntos

2.11. Priorización de investimentos materiais orientados á implantación no seo da empresa de novos produtos e novas presentacións. Non se considerará unha ampliación ou mellora de algo xa existente nas instalacións do solicitante.

8 puntos

I. Priorización das operacións que se orienten á comercialización nunha porcentaxe orzamentaria maior ou igual ao 30 % do investimento subvencionable no momento da solicitude.

Entenderanse incluídos exclusivamente os seguintes conceptos para os efectos de comercialización:

(a) A construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

– Establecementos de presentación e venda:

Adquisición/construción/renovación/modernización da infraestrutura de venda e instalacións de presentación.

a.1. Sempre que o establecemento non compaxine a súa actividade co enoturismo:

• Viñotecas.

• Salas de exhibición (exposición de produtos vitivinícolas).

a.2. Sempre que a actividade de venda se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013:

• Salas de venda.

• Punto fixo de venda (polo miúdo) fóra das instalacións da empresa, no territorio nacional e noutros Estados membros da UE.

• Punto de venda nas instalacións da empresa (pero fóra das unidades de produción) (puntos de venda directa).

– Almacéns, centros loxísticos e oficinas comerciais:

Establecemento de almacéns, centros loxísticos ou oficinas comerciais sempre que a actividade de venda se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013:

• Adquisición.

• Construción.

• Acondicionamento de edificios.

(b) A compra de nova maquinaria e equipamentos, incluídos os programas informáticos.

– Maquinaria e equipamentos para os establecementos de presentación e venda:

Maquinaria e equipamentos para as infraestruturas de venda e instalacións de presentación, sempre que a actividade de venda se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e non se compaxine o seu emprego con actividades de enoturismo:

• Viñotecas.

• Salas de exhibición (exposición de produtos vitivinícolas).

• Salas de venda.

• Punto fixo de venda (polo miúdo) fóra das instalacións da empresa, no territorio nacional e noutros Estados membros da UE.

• Punto de venda nas instalacións da empresa (pero fóra das unidades de produción) (puntos de venda directa).

– Almacéns, centros de loxística e oficinas comerciais:

Establecemento de almacéns, centros loxísticos ou oficinas comerciais sempre que a actividade de venda se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013:

• Maquinaria e equipamentos.

• Instalacións tecnolóxicas.

• Software.

– Equipamentos para a loxística e a comercialización do viño e sempre que a actividade de venda se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013:

• Creación, desenvolvemento ou adaptación de plataformas loxísticas, para racionalizar e mellorar a organización da cadea de transporte no mercado nacional e internacional.

• Máquinas, instalacións tecnolóxicas ou equipos que inclúan software para ser utilizado no marco da distribución, loxística ou comercialización dos produtos.

• Hardware, software, plataformas web para comercio electrónico e sempre que este se limite aos produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

c) Rexistro de marcas colectivas.

II. Priorización das operacións con investimentos orientados ao incremento da eficiencia enerxética, sempre que isto supere o 30 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude.

No caso de mellora de instalacións o solicitante deberá achegar un certificado emitido por un experto independente que acredite un aforro enerxético mínimo do 15 %.

Entenderanse incluídos exclusivamente os seguintes conceptos para os efectos de incremento da eficiencia enerxética:

– Illamentos térmicos e xanelas que melloren a eficiencia enerxética.

– Iluminación de baixo consumo e LED en edificios.

– Equipos de climatización e arrefriadoras de auga de alta eficiencia enerxética.

– Caldeiras de alta eficiencia enerxética.

– Radiadores por auga a baixa temperatura e chans/teitos radiantes.

– Sistemas de xestión, control e regulación da iluminación e climatización en edificación.

– Illamentos de equipamentos e tubaxes en industria.

– Arrefriadoras de auga de alta eficiencia enerxética.

– Caldeiras industriais de alta eficiencia enerxética.

– Calquera máquina con motor eléctrico de alta eficiencia enerxética.

– Variadores de velocidade electrónicos de motores eléctricos.

– Máquinas de absorción.

– Rehabilitación enerxética da envolvente térmica dos edificios existentes.

– Mellora da eficiencia enerxética das instalacións térmicas dos edificios existentes.

– Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior nos edificios existentes.

– Construción de novos edificios e rehabilitación de existentes con alta cualificación enerxética.

– Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de frío comercial.

– Construción ou rehabilitación de edificios de consumo de enerxía case nulo.

– Auditorías enerxéticas.

– Implantación de sistemas de xestión enerxética.

III. Priorización das operacións con investimentos en uso de enerxías renovables exclusivamente para o seu propio consumo, sempre que isto supere o 20 % do importe do investimento subvencionable no momento da solicitude.

Entenderanse incluídos exclusivamente os seguintes conceptos para os efectos de uso de enerxías renovables:

– Enerxía solar:

• Térmica.

• Fotovoltaica.

– Bioenerxía:

• Biomasa.

• Biogás.

– Enerxía xeotérmica.

– Enerxía eólica.

– Enerxía ambiente.

IV. Priorización das operacións de investimento destinadas á transformación dixital da industria (industria conectada).

Entenderanse incluídos exclusivamente os seguintes conceptos para os efectos de implantación da industria conectada:

1. Apertura e compartición de datos.

2. Análise de datos, xeración de valor e sistemas de soporte á decisión (loT, big data, IA, xemelgos dixitais de liñas e sistemas de produción, sistemas de rastrexabilidade (block-chain) e aseguramento dixitais para cadeas de subministración, realidade virtual e realidade integrada, ciberseguridade, etc.).

3. Solucións dixitais aplicadas a:

a) Procesos produtivos e xestión (medida e monitorización, automatización, xestión enerxética, mellora da sustentabilidade, etc.).

b) Comercialización.

c) Solucións de negocio interempresa.

4. Robótica, sensórica e sistemas embebidos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Operación de investimento

Constará como mínimo de:

A. Información técnica:

1. Incluirá unha memoria explicativa dos obxectivos estratéxicos e xerais, así como das accións que compoñen a operación obxecto de axuda, cunha xustificación razoada dos investimentos que é necesario acometer para conseguir eses obxectivos. Así mesmo, especificaranse os recursos técnicos necesarios para garantir a realización da operación e indicarase a localización exacta dos investimentos, en particular cando se trate de investimentos en comercialización que se realizarán fóra de Galicia.

A iso engadirase unha relación desagregada e cuantificada dos investimentos en:

1.1. Urbanización: indicando dimensións, características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades de obra.

1.2. Construcións: indicando dimensións e características (distribución de superficies e destino destas, xustificación do dimensionamento), medicións, materiais e custos desagregados por unidades de obra.

1.3. Instalacións: indicando dimensións e características, medicións, materiais e custos desagregados por unidades de obra, para cada tipo de instalación (auga, electricidade, vapor, depuración e tratamento de residuos, frío, etc.).

1.4. Maquinaria e equipamentos: indicando para cada liña de produción as características técnicas de cada elemento, así como o seu custo.

1.5. Estudos, proxecto, dirección de obra, e adquisición de patentes e licenzas: características e custos.

Incluirá, así mesmo, un resumo do orzamento previsto por accións.

Nos capítulos de edificios e construcións, instalacións e maquinaria indicarase a súa localización mediante os planos que se consideren necesarios. O dimensionamento e uso dos locais e superficies construídas deben xustificarse.

2. Planos.

Polo menos, os seguintes:

– Plano de situación e localización.

– Plano en que se especifiquen, se é o caso, as actuacións previstas en urbanización, delimitando con precisión as superficies de actuación.

– Plano xeral do conxunto de obras e instalacións básicas, antes e despois do investimento.

– Plano de distribución da maquinaria e outras instalacións, antes e despois do investimento.

– Planos acoutados de seccións e alzados antes e despois do investimento.

3. Xustificación dos investimentos.

Para o investimento obxecto da axuda, xustificarase o custo previsto da seguinte forma:

– Urbanización, construcións e instalacións: factura pro forma ou orzamento da empresa construtora ou instaladora desagregado por unidades de obra.

– Maquinaria, equipamentos e outros conceptos: ofertas ou facturas pro forma dos subministradores.

Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo. As ofertas solicitadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social, ou a epígrafe do imposto de actividades económicas no momento de emisión da oferta, a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións. Tamén serán admisibles as ofertas de empresas con páxinas web nas que figuren referencias ao material ou servizo ofertado.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

– Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a súa descrición detallada.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados nesta epígrafe.

En todo caso, o solicitante presentará todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos para realizar, xunto cun cadro resumo asinado e que figura como anexo VII, no cal se indicarán para cada elemento as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, se é o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa.

4. Calendario de execución.

Indicarase o calendario de execución correspondente aos investimentos pagados e verificables fisicamente para cada anualidade (antes do 1 de maio).

B. Información xeral, económica, financeira, comercial e social:

Constará como mínimo de:

1. Situación actual.

Descrición resumida de actividades desenvoltas.

Indicarase o tipo de empresa (micro/pequena/mediana/non peme con menos de 750 persoas empregadas ou cuxo volume de negocios sexa inferior a 200 mill. €/non peme con 750 persoas empregadas ou máis e cuxo volume de negocios sexa igual ou superior a 200 mill. €) tal como se define na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003). Conforme iso, para a súa determinación terase en conta a súa facturación, balance (no caso de sociedades) e número de persoas empregadas, calculados sen prexuízo do sinalado na Recomendación 2003/361/CE, da seguinte forma:

• Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

• Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial a que se sumarán, se é o caso:

– Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

– A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

• Se a empresa é de nova constitución, os datos que se considerarán serán os previsionais.

• En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, deben indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de persoas empregadas desas empresas. Deberá unirse, ademais, a copia das contas desas empresas presentadas no Rexistro Mercantil correspondentes ao último ano, salvo no caso de que o solicitante se declare non peme.

– Indicarase se se trata dunha entidade asociativa prioritaria recoñecida para o sector do viño, presentando certificado de inscrición no correspondente rexistro.

– No caso de asociacións con personalidade xurídica propia, diferentes a SAT ou cooperativas de dous ou máis produtores dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento 1308/2013 que sexan titulares de explotacións agrarias, deberase presentar a xustificación da inscrición das explotacións no Reaga. Neste caso debe, ademais, indicarse a relación de todos os socios da empresa coas súas porcentaxes de participación.

– Indicarase se as instalacións do solicitante dispoñen dalgún tipo de certificación ambiental.

– Produción: descrición do proceso. Capacidade de produción (referirase á capacidade rexistrada no Rexistro de Industrias Agrarias, de ser o caso). Instalacións e tecnoloxía dispoñible. Produtos vendidos: debe incluírse unha relación pormenorizada destes indicando tipos, cantidades e prezos de venda.

– Indicarase se nas súas operacións utilizan contratos tipo plurianuais de uva ou viño vixentes na data de entrega da solicitude. Debe xuntarse copia dos devanditos contratos.

En caso de facturar produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida, indicaranse tipos, cantidades e prezos de venda. Debe xuntarse, ademais, certificado de inscrición do consello regulador correspondente, así como certificado do consello regulador sobre a produción declarada e a cantidade de viño verificado no último ano.

– Comercialización: indicaranse para cada tipo de produto os seus destinos e as principais canles de comercialización.

– Materias primas utilizadas: procedencia (produción propia ou adquisición a terceiros), relación con produtores. Indicarase se a empresa ten implantados sistemas de pagamento de uva ou outra materia prima (incluído mosto e viño) por calidade para a totalidade dos pagamentos como mínimo durante os tres anos anteriores á data de presentación da solicitude. Achegaranse, se é o caso, as normas de vendima aprobadas por acordo de asemblea, xunta reitora ou órganos da empresa ou calquera outro documento válido en dereito.

– No caso de materia prima propia ou dos socios da empresa ou cooperativa, indicaranse cantidades e porcentaxe sobre o total de materias primas utilizadas.

– No caso de que o solicitante non teña ningunha instalación de elaboración, sexa titular dalgún viñedo e vaia transformar a totalidade da produción de uva propia, deberá achegar a documentación acreditativa da titularidade dun viñedo.

– Outros consumos do proceso produtivo, indicando os prezos de compra.

– Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais e o período de ocupación (días/ano). Custo total.

– Outros gastos de explotación: servizos, gastos financeiros, amortizacións, subministracións...

Achegarase balance e contas de resultados dos dous últimos anos. No caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos dous anos. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

2. Situación tras o investimento.

– Indicarase en que medida o investimento afectará a capacidade de produción, tecnoloxía utilizada, producións, materias primas utilizadas, relación con produtores, comercialización, persoal contratado. Realizarase unha análise comparativa tendo en conta a situación inicial presentada no número 1 e a incidencia dos investimentos sobre as materias primas utilizadas e os produtos transformados/comercializados.

– No caso de operacións de investimento provenientes do resultado dun grupo operativo de innovación da Asociación Europea para a Innovación, debe indicarse expresamente e achegar certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.

– No caso de novas industrias, indicaranse expresamente as previsións a curto prazo nas relacións cos produtores galegos (materias primas agrarias de procedencia galega, contratos escritos ou homologados previstos).

– Contas de explotación previsionais para os dous exercicios consecutivos desde a fin dos investimentos. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

– Vendas: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

– Custos: compras de materias primas.

– Gastos variables: persoal, subministracións e servizos, portes, etc.

– Previsión de balances (en sociedades) e contas de resultados para o próximos dous anos.

3. Financiamento dos investimentos.

Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos, indicando a repartición dos distintos préstamos subscritos ou que se pretendan subscribir cos seus respectivos tipos de xuro e prazos en anos. Outras fontes de financiamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file