DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 27 de decembro de 2023 Páx. 70828

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E).

BDNS (Identif.): 734189.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as seguintes persoas en función do tipo de actuación:

a) Planificación enerxética de entidades locais: as entidades que integran a Administración local conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, ou as agrupacións das entidades anteriores en base con base nun acordo marco no que se especifique en que porcentaxe participa cada unha e se estableza unha persoa única a efectos de notificación.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: comunidades enerxéticas xa constituídas e con residencia ou establecemento en Galicia. Sen prexuízo de que poidan presentar solicitudes de axuda previas á constitución da comunidade enerxética segundo o procedemento descrito nos seguintes artigos.

Segundo. Obxecto

Regular a concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran cos requisitos e condicións establecidos nelas (código de procedemento IN418E).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 14 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para a planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, anualidade 2024 (código de procedemento IN418E).

Cuarto. Financiamento

As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. O orzamento por partida orzamentaria redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.760.3, 09.A3.733A.770.4 e 09.A3.733A.781.8, entidades locais, empresas e entidades sen fins de lucro.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de actuación será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Orzamento (€)

Planificación enerxética de entidades locais

500.000,00

Planificación enerxética de comunidades enerxéticas

300.000,00

Total

800.000,00

Quinto. Contía da axuda

1. A intensidade de axuda en función do tipo de actuación será a que se determina a continuación:

a) Planificación enerxética de entidades locais: a intensidade de axuda dependerá dos concellos que acheguen subministracións enerxéticas ao contrato centralizado segundo o establecido na seguinte táboa:

Agrupación de entidades locais

Intensidade da axuda

Sen agrupar

30 %

De 2 a 5 concellos

50 %

Máis de 6 concellos

70 %

No caso de concellos cunha poboación inferior a 5.000 habitantes incrementarase a intensidade de axuda un 20 %. Incrementarase un 10 % adicional a concellos fusionados ou emprendedores (o aumento de intensidade de axuda por concello emprendedor non é acumulable co incremento por concello fusionado).

No caso de concellos sen agrupar só poderán acceder a axuda se os pregos publicados permiten a adhesión ao contrato doutros concellos ou entidades públicas.

No caso de entidades locais que non sexan concellos, a intensidade de axuda se calculará en función dos concellos aos que represente.

b) Planificación enerxética de comunidades enerxéticas: a intensidade da axuda será do 80 % do custe elixible da actuación.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 15.000 € por concello ou comunidade enerxética. No caso de acordo marco entre varios concellos a axuda máxima aplicarase individualmente a cada concello da agrupación. No caso de entidades locais que representen a varios concellos aplicarase unha axuda máxima de 15.000 € por cada concello que represente a entidade local e que aporte subministracións enerxéticas da súa titularidade ao contrato centralizado cun máximo de 150.000 € por expediente.

3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Sexto. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranse directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

No caso de comunidades enerxéticas sen constituír, a solicitude presentarase polo representante da agrupación de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado, que aínda carecendo de personalidade xurídica, poida levar a cabo os proxectos, actividades ou comportamentos ou se atope na situación que motiva a concesión da subvención, sobre a base dun acordo marco de colaboración entre os seus integrantes.

2. O prazo de presentación das solicitudes comeza o 18 de xaneiro de 2024 ás 9.00 horas e rematará o 15 de maio de 2024.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Sétimo. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2024.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2023

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia