DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71779

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 157/2023, do 7 de decembro, polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no concello de Arbo (Pontevedra).

Mediante o Acordo do 8 de setembro de 2023, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE Dc7NPQvGFz20, iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no Concello de Arbo (Pontevedra). O polígono agroforestal de Sande está nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70 que, de acordo co artigo 83.3, habilita a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural para elevar ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio.

A persoa titular da Dirección Xeral da Agader formulou a proposta prevista nos artigos 83.3 e 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Na súa virtude, elévase por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social

Declarar de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Sande, no concello de Arbo (Pontevedra).

Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono agroforestal

O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento con código de verificación electrónica (CVE: CCKte80Ixp26), verificable en https://sede.xunta.gal/cve, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Autorizacións

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I, da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 4. Interese público

A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento e informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polos artigos 83.4 e 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 5. Permutas de especial interese agrario

A declaración de utilidade pública e interese social implica darlles o carácter de especial interese agrario ás permutas de predios que se leven a cabo no polígono agroforestal, conforme o establecido polo artigo 62.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural