DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 29 de decembro de 2023 Páx. 71892

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se procede á apertura do prazo para solicitar a participación nos procesos de funcionarización polo persoal laboral fixo que se encontre en situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública e se aproba e se dá publicidade do modelo de solicitude de participación (código de procedemento AP505A).

A disposición adicional primeira do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 2, do 3.1.2021), recolle o procedemento para a funcionarización do persoal laboral fixo que se atope en situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública.

Esta resolución foi obxecto de informe por parte da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, órgano con competencias en materia de racionalización e simplificación dos procedementos administrativos.

En consecuencia, en cumprimento do establecido no devandito decreto,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. A presente resolución ten por obxecto habilitar o prazo para que o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que se atope na situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública manifeste, mediante unha solicitude, o seu interese en querer participar nun futuro proceso de funcionarización.

2. A presente resolución tamén ten por obxecto regular o procedemento e aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento AP505A) para a tramitación por medios electrónicos da solicitude de participación nun futuro proceso de funcionarización.

3. Esta resolución ten por finalidade poder cuantificar, por grupo e categoría profesional, o número de persoas que, atopándose na situación de excedencia voluntaria, excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos noutra Administración pública, quere participar nun futuro proceso de funcionarización e trasladar á correspondente oferta pública de emprego esas solicitudes.

Segundo. Supostos

Poderá presentar a solicitude de querer participar nun futuro proceso de funcionarización o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que se atope nalgunha das seguintes situacións:

1. Suposto núm. 1: persoal laboral fixo que posúe unha ou varias categorías profesionais e que se atopa en excedencia voluntaria ou excedencia voluntaria por incompatibilidade por estar prestando servizos como persoal funcionario interino ou como persoal laboral temporal na Xunta de Galicia.

2. Suposto núm. 2: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría que aínda non foi convocada a súa funcionarización, e que se atopa na situación de excedencia nas demais categorías profesionais.

3. Suposto núm. 3: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría que xa foi convocada a súa funcionarización, e que se atopa na situación de excedencia nas demais categorías profesionais.

4. Suposto núm. 4: persoal laboral fixo que, posuíndo unha ou máis categorías profesionais, se atopa na situación de excedencia voluntaria ou en excedencia voluntaria por incompatibilidade e non se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia.

5. Suposto núm. 5: persoal laboral fixo que posúe unha ou máis categorías profesionais e que se atopa en situación de excedencia voluntaria ou en excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos no sector público por ter a condición de funcionario de carreira nesta Administración.

6. Suposto núm. 6: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría en que non está recollida a funcionarización por non ter equivalencia cos corpos e escalas de persoal funcionario, e que se atopa en situación de excedencia nas demais categorías profesionais.

Consonte o recollido na normativa aplicable, o persoal que se atope en situación de excedencia voluntaria deberá ter prestado un mínimo dun ano de servizo na categoría profesional desde a que se presenta á funcionarización.

Terceiro. Presentación da solicitude e prazo

1. A solicitude de participación deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.

2. O prazo de presentación será de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non presentaren a solicitude no prazo anterior, non se poderá participar nos procesos de funcionarización que se convoquen ao abeiro desta resolución.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos datos incluídos na solicitude de participación.

Cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou do seu representante.

b) Grupo/s e categoría/s da persoa solicitante.

c) Situación administrativa da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Publicación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as.

As persoas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou alegar o que consideren procedente.

A estimación ou desestimación das peticións formuladas entenderase implícita nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública, que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Estas listaxes provisionais e definitivas publicaranse tamén no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

Sétimo. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, consonte a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

missing image file
missing image file