DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Martes, 2 de xaneiro de 2024 Páx. 92

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434B) (Axudas de indemnización establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

BDNS (Identif.): 735475.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS):

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas de indemnización as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero e todas as persoas que dependan económica e/ou asistencialmente dunha muller que sufra violencia de xénero.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos: a) estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia; b) non convivir co agresor; c) ter dereito á percepción dunha indemnización por danos e perdas derivados dunha situación de violencia de xénero, recoñecida nunha resolución xudicial firme ditada por un xulgado ou tribunal con sede na Comunidade Autónoma de Galicia; d) que exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacer a indemnización por insolvencia do obrigado ao pagamento; e) que a persoa beneficiaria se atope nunha situación de precariedade económica como consecuencia da falta de pagamento da indemnización xudicialmente recoñecida.

Segundo. Obxecto

Estas axudas de indemnización concédense en réxime de concorrencia non competitiva e a súa finalidade é facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión das axudas establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434B).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de cincuenta e cinco mil euros (55.000,00 €).

A contía destas axudas de indemnización será a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento logo da declaración de insolvencia do obrigado a esta, ata o máximo de 6.000 euros, por cada persoa beneficiaria, excluídos xuros de mora.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2024.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade