En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, sométese a información pública a solicitude relacionada coas instalacións que se describen a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida de San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: substitución do CT Sanín, 32C338 (Ribadavia).
Situación: lugar de Sanín, concello de Ribadavia.
Características principais recollidas no proxecto:
– Desmontaxe do CT en caseta denominado Sanín, 32C338, e da aparellaxe MT/BT existente e desmontaxe de 47 m de condutor LA-56.
– Novo centro de transformación proxectado, do tipo intemperie, de 50 kVA e r/t 20.000/400-230 V, sobre o apoio proxectado número 60-4-CT, de celosía metálica, do tipo C-12/2000.
O obxecto da información pública será a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica. A declaración de utilidade pública levará implícita, de acordo co artigo 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, a necesidade da urxente ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados necesarios para o establecemento destas instalacións.
Documentación que se expón:
1. O proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado número 1.534 do COEIG, o 13.11.2023.
2. A relación concreta e individualizada dos propietarios de bens e de dereitos afectados, que figura no anexo a este acordo.
3. Os planos parcelarios do proxecto.
O anterior faise público para o coñecemento xeral, así como, en particular, dos propietarios dos predios que figuran na relación anexa a este acordo, e das persoas que, sendo titulares de dereitos reais ou intereses económicos sobre os bens afectados, fosen omitidas, para que poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se for o caso, presentar as alegacións ou observacións que coiden oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.
Toda a documentación poderá ser examinada nesta Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación en Ourense, rúa Curros Enríquez, nº 1, 32003 Ourense, e na seguinte ligazón web da Consellería:
http://ceei.xunta.gal/transparencia/documentos-sometidos-a-informacion-publica
Ourense, 4 de decembro de 2023
Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense
ANEXO
Relación de bens e de dereitos afectados
Número de expediente: IN407A 2023/187-3.
Situación: lugar de Sanín, concello de Ribadavia.
Denominación: substitución do CT Sanín, 32C338 Ribadavia.
Predio número en proxecto: 1; referencia catastral: 32070A027000720000YG.
Lugar: Costoiras.
Cultivo: viñedo.
Titular: descoñecido.
Afeccións: ocupación de 9 m² para o apoio 60-4-CT.