DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Mércores, 3 de xaneiro de 2024 Páx. 460

IV. Oposicións e concursos

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2023, do tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo extraordinario, convocado pola Resolución do 28 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 248, do 30 de decembro), pola que se aproba e se fai pública a baremación definitiva do exame tipo test e se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 20 de decembro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 5 de maio de 2023 (DOG núm. 92, do 15 de maio) para os efectos de darlle cumprimento ao disposto no punto III.2 das bases que rexen o proceso selectivo extraordinario de estabilización, aprobadas mediante a Resolución do 28 de decembro de 2022,

ACORDOU:

Primeiro. Aprobar e facer pública a baremación definitiva do exame tipo test da fase de oposición do proceso selectivo, recollida no anexo, que poderá consultarse no portal web corporativo da Axencia Turismo de Galicia, no enderezo electrónico: https://www.turismo.gal/espazo-institucional

Segundo. Declarar vacante a praza de profesor/a de Hixiene, Dietética e Nutrición, xa que ningunha das persoas aspirantes admitidas ao proceso superou a proba escrita. Esta praza terá que ser convocada de novo, de acordo co procedemento que no seu momento se determine.

Terceiro. Aprobar e facer público o día, a hora e o lugar de realización da segunda proba (defensa unidade didáctica) da praza de profesor/a de prácticas do Departamento de Servizos (grupo II), que terá lugar, o venres, 2 de febreiro de 2024, ás 16.30 horas, na sede do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (A Barcia. Estrada Santiago-Noia km 3, 15896 Santiago de Compostela). A esta proba soamente terán acceso as persoas que acadaron un mínimo de 20 puntos na proba escrita, en virtude do acordo do tribunal, do 4 de outubro de 2023.

Cuarto. Publicar o establecido nas bases da convocatoria ao respecto da preparación e exposición oral dunha unidade didáctica ante o tribunal.

A proba consistirá na preparación e exposición oral dunha unidade didáctica referida á parte específica do temario (anexo III das bases), en que a persoa aspirante elixirá o contido dunha unidade didáctica dun tema de entre tres extraídos ao chou por ela mesma, do temario da especialidade. Disporá dunha hora para a preparación da unidade didáctica, e poderá utilizar o material que considere oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaia utilizar non poderá ser susceptible da dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, etc.).

Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá achegar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá unha páxina e que se entregará ao tribunal ao final desta.

O persoal aspirante disporá dun tempo máximo dunha hora para a defensa oral da programación, a exposición da unidade didáctica (impartición dunha clase) e posterior debate ante o tribunal. Esta proba valorarase globalmente de cero a vinte puntos, e o persoal aspirante deberá alcanzar, para a súa superación, unha puntuación igual ou superior a dez puntos.

Quinto. As persoas aspirantes deberán presentarse ao exercicio provistas do NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade.

De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

Antonio Casas Calviño
Presidente do tribunal