DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 5 de xaneiro de 2024 Páx. 714

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 11 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas para o control de rendemento leiteiro ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR270B).

A gandaría de aptitude leiteira é un subsector económico de gran transcendencia no sector agroalimentario en xeral e, de forma máis significativa aínda, en Galicia. Continuamente está a demandar a incorporación de novas tecnoloxías e avances científicos, o que implica actualizar e regular aqueles medios que van permitir ás explotacións leiteiras acadar unha maior competitividade. Entre eles destaca a mellora xenética, ao ser a ferramenta que permite dispoñer de exemplares cun valor xenético comprobado que permitan unha produción leiteira sustentable.

O desenvolvemento dos programas de selección xenética moderna require de fontes de información obxectiva e fiable sobre aqueles caracteres obxecto de interese. No caso das explotacións de aptitude leiteira, a dita información precisa da existencia dun sistema organizado para a recollida de datos referidos á eficiencia das femias produtoras. O devandito sistema de control de rendemento leiteiro conta cunha ampla experiencia no noso país, pero especialmente en Galicia, dado o elevado número de explotacións en control.

O control de rendemento leiteiro ten unha influencia directa no porvir do sector lácteo galego como base da mellora xenética nos esquemas de selección e desde o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións. Unha maior eficiencia produtiva tamén contribúe de forma indirecta a atenuar os efectos ambientais prexudiciais da produción de leite, xa que o uso de animais máis eficientes reduce o consumo de recursos e as emisións contaminantes por litro de leite producido. Ademais, as melloras xenéticas e tecnolóxicas que se logran grazas ao control de rendemento leiteiro benefician a todo o subsector lácteo.

Ata a entrada en vigor do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, polo que se regula o control do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina, establécense as bases reguladoras das subvencións ao control de rendemento leiteiro e modifícanse diversos reais decretos en materia agraria, os requisitos que hai que cumprir para levar a cabo esta actividade no ámbito nacional estaban fixados polo Real decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina. Esta normativa nacional tomaba como base as recomendacións do International Committee for Animal Recording (ICAR), entidade de referencia na materia que establece os procedementos normalizados internacionais sobre comprobación de rendementos das especies gandeiras.

A publicación en xuño de 2016, do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, relativo ás condicións zootécnicas e xenealóxicas para a cría, o comercio e a entrada na Unión de animais reprodutores de raza pura, porcinos reprodutores híbridos e o seu material reprodutivo, supuxo a materialización dun novo marco normativo, que compila no ámbito europeo a normativa comunitaria en materia de zootecnia para as diversas especies. O artigo 27 establece os aspectos relacionados coa realización das probas de control de rendementos e avaliación xenética. A entrada en vigor deste regulamento implicou necesariamente que o contido do Real decreto 368/2005, do 8 de abril, se modificase para adaptarse e actualizarse ao establecido nel, cuestión que se acometeu coa publicación no BOE núm. 172, do día 20 de xullo de 2023, do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, que regula o control do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina, e se establecen as bases reguladoras das subvencións ao control de rendemento leiteiro.

Este novo real decreto establece unha estrutura organizativa básica que se articula na figura das entidades de control leiteiro, sucesoras dos anteriores centros autonómicos de control leiteiro que actuaban como a unidade de coordinación e xestión da execución no ámbito autonómico do control leiteiro oficial, e regula os requisitos do proceso de autorización destas entidades por parte das autoridades competentes das comunidades autónomas. Actualiza tamén as funcións das devanditas entidades, os requisitos xerais e das súas bases de datos (como elemento esencial na xestión da información) e as obrigas e funcións dos controladores que levan a cabo os traballos de control nas explotacións.

Así mesmo, o novo real decreto mantén, aínda que actualizando algúns aspectos á evolución do control leiteiro no noso país, o réxime de axudas establecido polo Real decreto 368/2005, do 8 de abril, para compensar en parte os gastos xerados polo control leiteiro oficial en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema. Así mesmo, este réxime requiriu a súa adaptación ao marco normativo europeo, ao abeiro do artigo 27.2.b) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Neste sentido, o réxime foi comunicado polo Estado á Comisión Europea, e rexistrado co número de axuda SA.108725.

Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, de conformidade cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como cos principios de eficacia e eficiencia, establecidos nos seus artigos 8 e 17, e de acordo co disposto polo Regulamento da devandita lei, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Axústanse tamén ao disposto no artigo 27.2.b) do citado Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver, en réxime de concorrencia competitiva, as bases polas que se rexerá a concesión de axudas da Consellería do Medio Rural, destinadas ás entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia para o control de rendemento leiteiro.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural, co código de procedemento administrativo MR270B.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas axudas para o ano 2024.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos desta orde entenderase como:

a) Asociación ou organización de criadores: sociedade de criadores de razas puras, de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, recoñecidas pola autoridade competente para levar a cabo un programa de cría en animais reprodutores de raza pura das especies bovina, ovina ou caprina.

b) Control do rendemento leiteiro: conxunto de actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, todo iso no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza e de acordo cos requisitos establecidos no capítulo V do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016; no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, e no Real decreto 663/2023, do 18 de xullo.

As ditas actuacións levaranse a cabo nas diferentes razas, ben polas entidades de control leiteiro autorizadas, de acordo co establecido no artigo 27.2 do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, ou ben polas propias asociacións ou organizacións de criadores da raza.

c) Controlador autorizado: persoal cualificado nomeado polas entidades de control leiteiro ou polas asociacións ou organizacións de criadores, responsable da execución das tarefas de control de rendemento leiteiro.

d) Entidade de control leiteiro: toda persoa física ou xurídica autorizada pola autoridade competente dunha ou varias comunidades autónomas para a realización como terceiros do control de rendemento leiteiro nos seus respectivos territorios, de acordo ao artigo 27.1.a) do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016. A dita autorización non será requirida se o terceiro designado en cuestión é un organismo público sometido ao control das autoridades competentes, tal e como establece o artigo 27.2 do Regulamento (UE) nº 2016/1012.

e) Explotación: a definida no artigo 2.a) do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras.

f) Lactación para a distribución territorial: para os efectos da distribución territorial das subvencións previstas no Real decreto 663/2023, aquela lactación cuxa información de produción e, de ser o caso, de composición, fose incorporada por vez primeira durante o ano tomado como referencia á avaliación xenética dos animais recollida no programa de cría aprobado oficialmente para a raza. A dita lactación deberá ser calculada a partir dos datos obtidos do control de rendemento leiteiro dunha femia rexistrada no libro xenealóxico dunha raza recoñecida no Catálogo oficial de razas de gando de España.

g) Programa de cría: aquel oficialmente aprobado pola autoridade competente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016, e no Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro.

Artigo 3. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias das axudas descritas nesta orde as entidades oficialmente recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia como terceiros para a realización do control leiteiro oficial, ao abeiro do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade de control leiteiro segundo o establecido no artigo 2.d) ou ser unha asociación ou organización das definidas no artigo 2.a) e que realice actividades incluídas na definición de control de rendemento leiteiro do artigo 2.b) desta orde.

b) Cumprir os requisitos exixidos polos artigos 13.2, 13.3 e 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter a condición de peme de acordo co establecido no artigo 2.52 e anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

d) Non ter a consideración de empresa en crise, de acordo co artigo 2.59 do Regulamento (UE) nº 2022/2472, da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

e) Non estar suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) Empregar unha base de datos única e común para toda Galicia, onde se integrará, procesará e analizará toda a información cuantitativa e cualitativa procedente dos controis realizados.

2. As persoas beneficiarias últimas das actuacións financiadas con esta axuda son os/as gandeiros/as que participan no control oficial de rendemento leiteiro, que reciben a axuda baixo a forma de servizos subvencionados prestados por terceiros, e nunca como pagamentos directos en efectivo ás persoas produtoras, de acordo co previsto no artigo 27.2.b) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

3. Así mesmo, os requisitos previstos nas letras b), c) d) e e) do punto 1 tamén deberán ser cumpridos polas explotacións gandeiras en que se realicen as actividades subvencionables.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. As actividades subvencionables para realizar polas entidades beneficiarias serán todas aquelas actuacións destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza, tal como define a letra g) do artigo 2 e de acordo aos requisitos establecidos no capítulo V do Regulamento (UE) nº 2016/1012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xuño de 2016; o Real decreto 45/2019, do 8 de febreiro, e o Real decreto 663/2023.

2. As axudas só se concederán para actividades realizadas a partir da presentación da solicitude ante a autoridade competente, que deberá axustarse ao prazo establecido no artigo 6.

3. O imposto sobre o valor engadido (IVE) non será subvencionable, salvo cando non sexa recuperable para a persoa beneficiaria.

4. De conformidade co disposto nas epígrafes 4 e 5 do artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 29, puntos 4 e 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no caso de que sexa preciso adquirir un ben para a execución da actividade subvencionable, establécese que o período mínimo, contado desde a data de adquisición do ben durante o cal as persoas beneficiarias últimas deberán destinar os bens subvencionados ao fin concreto para o que se conceden as subvencións desta orde de axudas será de cinco anos.

Artigo 5. Contía e compatibilidade das axudas

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que non se superen os límites sinalados no seguinte punto.

2. O importe das axudas reguladas nesta orde en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, destinadas ao mesmo fin, o custo da actividade subvencionada, os límites sinalados no anexo I do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, nin os límites establecidos en cada caso no artigo 27.5.a) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión do 14 de decembro de 2022, sen prexuízo de límites máis estritos previstos para cada ano na respectiva convocatoria. Estas axudas non se acumularán con ningunha axuda de minimis correspondente aos mesmos custos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade ou importe da axuda superior ao citado límite.

3. A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de gandaría, poderá completar a axuda procedente da Administración xeral do Estado, a través dos seus orzamentos, con cargo á aplicación orzamentaria que para cada exercicio se determine nos seus orzamentos xerais, sempre que non se superen os límites establecidos no artigo 27 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022 polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

4. Para os efectos de cumprir coas obrigacións en materia de comunicación de información sobre axudas de Estado á Comisión Europea, esta comunidade autónoma informará mediante certificado oficial ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación das cantidades que complementaron, non máis tarde do 31 de marzo do exercicio seguinte, así como as orzadas no exercicio en que se realiza a comunicación.

5. O importe máximo de axuda estará limitado sobre os gastos subvencionables ata o 70 % dos custos derivados da realización de probas destinadas a determinar o rendemento do gando vacún leiteiro, segundo se establece na letra a) do punto 5, do artigo 27 do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Artigo 6. Solicitudes e prazos de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Poderanse cubrir e rexistrar os formularios a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ata as 24.00 horas do día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015. Transcorrido este prazo sen se producir a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

4. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación.

a) Acreditación da condición de peme segundo o establecido no anexo II desta orde.

b) Acreditación da representatividade da persoa solicitante mediante certificación do secretario da entidade, en que consten os seguintes datos:

1º. Nome e apelidos da persoa representante.

2º. Documento nacional de identidade (en diante, DNI)/número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE).

3º. Enderezo postal.

4º. Teléfono móbil.

5º. Enderezo de correo electrónico.

A representatividade deberá recaer sempre nun membro da xunta directiva da entidade.

c) Memoria pormenorizada do programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos, prazo de execución, ámbito territorial de desenvolvemento (provincia/s) e un plan cronolóxico dos traballos para realizar.

d) Avaliación económica dos investimentos que se van realizar.

e) Verificación do cumprimento do requisito previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, das subvencións cuxa normativa nacional recolla que deben cumprilo, reguladas, xestionadas ou financiadas total ou parcialmente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os seus organismos públicos vinculados ou dependentes:

– Declaración responsable nos termos previstos no artigo 26 do Regulamento xeral de subvencións.

– De ser o caso, certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que acredite o seu cumprimento polo solicitante, con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora. Para ese efecto, se do informe de auditoría das últimas contas anuais se deduce un cumprimento do 100 % dos prazos de pagamento a provedores por parte do solicitante, bastará un certificado emitido polo auditor que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais como certificación de cumprimento do requisito do artigo 13.3.bis. No caso de que non sexa posible emitir tal certificado (por non existiren contas anuais auditadas ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), presentarase certificación, baseada nun informe de procedementos acordados, que acredite que o solicitante no momento de presentación de solicitude de axuda non ten ningunha factura pendente de pagamento en que se superaron os prazos legais de pagamento. Esta certificación non poderá ter, en ningún caso, unha antigüidade superior a un mes anterior á data de presentación da solicitude

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día do pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

g) Concesión de subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Procedemento de concesión e criterios de adxudicación

1. Na concesión das presentes axudas, tramitadas en réxime de concorrencia competitiva, atenderanse os seguintes criterios:

a) Número de lactacións no ano 2023: 4 puntos. En cada convocatoria, a repartición do total de puntos por este criterio entre as persoas solicitantes de cada comunidade autónoma realizarase de forma proporcional ao número de lactacións realizadas durante o ano 2023.

b) Carácter supraautonómico da entidade solicitante: 6 puntos.

c) Capacidade da entidade solicitante para desenvolver as actuacións que se financien, especialmente as actividades relacionadas co control de rendementos coa maior eficacia, eficiencia e economía de medios persoais e materiais, tendo en conta os censos e explotacións: 2 puntos.

Para avaliar este criterio o órgano concedente terá en conta o persoal técnico e administrativo cualificado e os medios materiais de que dispón cada entidade para a realización dos controis: equipamento informático, software específico, aparellos de medición e vehículo de transporte.

d) Entidade colaboradora do Programa de mellora xenética de frisón de Galicia: 3 puntos.

2. Aquelas entidades solicitantes que non obteñan unha puntuación mínima de catro puntos non poderán ter a consideración de persoas beneficiarias. Cando o importe para conceder ás persoas solicitantes que obteñan, como mínimo, a dita puntuación exceda as dispoñibilidades orzamentarias, o órgano competente procederá ao rateo, entre as persoas beneficiarias da subvención, do importe global máximo destinado ás subvencións. Distribuirase o crédito dispoñible entre todas as entidades solicitantes que cumpran os requisitos sempre de xeito proporcional de acordo co número de lactacións realizadas durante o ano 2023.

3. Para o caso daqueles criterios comprobados de oficio polo órgano xestor das axudas, no caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente no cadro «Criterios de adxudicación», no anexo II (MR270B), e achegar os documentos correspondentes.

Artigo 10. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Xunto coa xustificación, a persoa peticionaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan).

Artigo 12. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda á persoa solicitante, concedéndolle un prazo de dez días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se produciza a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. A avaliación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 9, será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado por tres funcionarios da Subdirección Xeral de Gandaría con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido pola persoa titular da xefatura do Servizo ou por dúas xefaturas de área do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, unha das cales actuará como secretario e outra como presidente, que emitirá un informe que conterá unha relación das persoas solicitantes para as cales se propón a concesión de subvención e a contía, así como daquelas para as que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, a persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Subdirección Xeral de Gandaría. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de cinco meses desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Nas convocatorias e nas resolucións de concesión da subvención teranse en conta as dispoñibilidades orzamentarias e farase constar expresamente que os fondos proceden dos orzamentos xerais do Estado, ou, de ser o caso, a porcentaxe correspondente. En calquera modelo, tanto en soporte papel como electrónico, en todo instrumento de comunicación coa persoa interesada, na resolución de concesión e, se é o caso, de pagamento, así como en calquera soporte ou medio de difusión deberá indicarse a orixe do financiamento, especificando a cantidade procedente dos fondos estatais. En todo caso, empregarase o logo Goberno de España-Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ou as representacións gráficas que se determinen, xunto co da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, o da Unión Europea, conforme o modelo que se estableza. As axudas deberán repercutir sen discriminación nas actividades financiables de control de rendemento leiteiro independentemente da comunidade autónoma onde radiquen.

5. No caso de que algunha das persoas beneficiarias últimas renuncie total ou parcialmente á axuda, o órgano competente acordará a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en puntuación, a condición de que coa renuncia se liberase o crédito suficiente para atender, polo menos, unha das solicitudes denegadas.

Artigo 13. Distribución de fondos

1. A distribución de fondos entre as entidades beneficiarias realizarase seguindo o mesmo procedemento que o recollido no artigo 27 do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, pero aplicado ao ámbito territorial da comunidade autónoma.

2. De acordo co punto 1 do artigo 27 do Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, as comunidades autónomas comunicarán á Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, antes do 31 de marzo de cada ano, mediante o certificado oficial xerado a través da aplicación informática ARCA, o número de lactacións do ano anterior definidas no artigo 2 do Real decreto e nesta orde, para os efectos de realizar a distribución territorial dos fondos.

3. A dita certificación terá en consideración as lactacións definidas no artigo 2 desta orde xeradas no seu territorio e comunicadas polas asociacións ou organizacións oficiais de criadores encargadas da xestión do programa de cría correspondente ao órgano competente da comunidade autónoma. As ditas asociacións ou organizacións de criadores incluirán nas súas bases de datos para cada lactación, o ano natural no que a información de dita lactación foi incorporada por vez primeira á avaliación xenética dos animais, recollida no programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

4. Para os efectos da distribución territorial, unicamente se poderán certificar lactacións de femias de razas incluídas no Catálogo oficial de España e con programa de cría xestionado por asociacións recoñecidas en España.

5. Ademais, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias certificará oficialmente o número de lactacións que corresponden a cada provincia, o que permitirá obter as porcentaxes de cada unha.

6. A cada entidade beneficiaria, en función do ámbito provincial onde desenvolvan a súa actividade, correspondéralle a cantidade resultante de aplicar as citadas porcentaxes aos fondos dispoñibles.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións de concesión e de denegación das axudas, e que producirá os efectos da notificación.

Artigo 16. Perda do dereito ao cobramento e modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. De acordo co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias da presente axuda terán a obriga de reintegrar, total ou parcialmente, a subvención ou a axuda pública percibida no suposto de que se incumpran as condicións establecidas para a súa concesión.

2. Se, como consecuencia dos controis, se detectan incumprimentos na execución do programa de actuacións aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

• Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

• Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

• Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

• Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa de actuacións en máis dun 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados, perderase o dereito á axuda. Con todo, se o incumprimento afecta a non execución parcial das actuacións, procederase á perda do dereito á subvención pola contía correspondente á parte non executada.

Así mesmo, procederá o reintegro das cantidades percibidas, así como a exixencia do interese de demora desde o momento do pagamento da subvención, nos demais supostos previstos no artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, incluído o incumprimento total ou parcial da actividade subvencionada.

3. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, Infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Recursos administrativos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver o establecido no artigo 12, non é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada a súa solicitude por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo nun prazo de seis meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 19. Xustificacións

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 15 de novembro de 2024. De acordo co disposto nos artigos 14.2 e 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as xustificacións deberanse presentar electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta as xustificacións presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falla de presentación da xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os gastos realizados pola persoa beneficiaria final deberán xustificarse mediante facturas acompañadas dos documentos que verifiquen o seu pagamento efectivo. Nos casos en que isto non sexa posible, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico civil, mercantil, ou con eficacia administrativa.

Para efectuar o pagamento da axuda concedida ás persoas beneficiarias deberán presentar unha conta xustificativa que conterá, baixo a responsabilidade do declarante, a seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica abreviada, que incluirá, polo menos, un estado representativo dos gastos incorridos na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se é o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións acaecidas.

Para estes efectos, poderá presentarse unha táboa comparativa entre os gastos realizados, debidamente xustificados e os presentados no orzamento inicial. A relación informatizada das facturas debe constar dos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE.

Con todo, se o importe da subvención concedida non excede de 60.000 euros, admitirase conta xustificativa simplificada, co contido do artigo 75 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Ademais, tamén se deberán presentar:

c) Os xustificantes de cada investimento.

d) A transferencia bancaria dos pagamentos.

e) No caso das nóminas, achegará estas, máis os xustificantes do ingreso na AEAT (TC), dos importes retidos aos traballadores.

f) Unha relación informatizada dos gastos e facturas cos seguintes campos: concepto, provedor, número de factura, data de emisión e data de pagamento, base impoñible, importe correspondente ao IVE e importe total con IVE. No caso das nóminas, polo menos incluirá os campos: líquido a percibir, total retribucións, Seguridade Social da empresa e do traballador.

Os documentos xustificativos dos gastos realizados con cargo á cantidade concedida deben comprender o gasto total da actividade subvencionada, aínda que a contía da subvención fose inferior.

A xustificación da subvención e da aplicación material dos fondos percibidos axustarase, en todo caso, ao sinalado no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, sen prexuízo do sometemento á verificación contable que fose pertinente.

4. Non obstante o anterior, a persoa beneficiaria poderá xustificar a subvención mediante a presentación de estados contables sempre que:

a) A información necesaria para determinar a contía da subvención poida deducirse directamente dos estados financeiros incorporados á información contable.

b) A citada información contable fose auditada por un auditor de contas, rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, como se recolle no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. A persoa beneficiaria deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

7. De acordo co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias poderán subcontratar total ou parcialmente a realización das actividades subvencionadas.

No caso de subcontratación, cumpriranse, ademais, os restantes requisitos establecidos no citado artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, en particular, o relativo ás prohibicións establecidas no punto 7 do dito artigo.

A citada subcontratación non exime da obriga de xustificar a subvención segundo o establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 20 desta orde, de forma que permita acreditar que os gastos obxecto da axuda se destinaron a realizar as actividades subvencionables do artigo 4 desta orde.

8. O IVE non é subvencionable, salvo cando non sexa recuperable para a persoa beneficiaria.

Artigo 20. Control da execución das actuacións

O control da execución das actuacións levarao a cabo a Subdirección Xeral de Gandaría, realizando as verificacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas. En todo caso, os custos subvencionables serán avalados por probas documentais claras, específicas e actualizadas. Tamén facilitará toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as de calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Pagamento das axudas

1. O pagamento da subvención realizarase coa xustificación previa por parte da persoa beneficiaria da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde e das xustificacións de gasto e pagamento correspondentes.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.k) e 34.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, poderán concederse anticipos de pagamento das axudas do 40 por cento da cantidade concedida, sen xustificación previa, tras a sinatura da resolución da concesión, e logo de petición por parte da persoa interesada.

En virtude do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deste anticipo quedan exonerados da constitución das garantías establecidas no artigo 65 do mesmo decreto.

A cantidade restante aboarase unha vez finalizada a actividade subvencionada, presentada a xustificación da realización da actividade para a que foi concedida, e tras efectuar os controis administrativos ou sobre o terreo que sexan precisos.

3. En ningún caso se poderán realizar pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitou a declaración de concurso voluntario, fosen declarados insolventes en calquera procedemento, fosen declarados en concurso obrigatorio salvo que neste adquirise eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou fosen inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 22. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación desta orde proceden dos orzamentos xerais do Estado (441.995 euros) e dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (308.005 euros) e financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria, contando coa existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma:

Aplicación 14.04.713C.781.1 dotada para esta finalidade cun importe de setecentos cincuenta mil euros (750.000 euros).

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009), sempre que non se superen os límites establecidos no artigo 27.5.a) do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, sen prexuízo de límites máis estritos previstos para cada ano na respectiva convocatoria.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2024, no momento da resolución.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Compatibilidade

As actividades subvencionables por esta orde enmárcanse no disposto no Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e no establecido no Real decreto 663/2023, do 18 de xullo, polo que se regula o control do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e caprina, se establecen as bases reguladoras das subvencións ao control de rendemento leiteiro e se modifican diversos reais decretos en materia agraria.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas beneficiarias

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición adicional cuarta. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Contido anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022.

ANEXO I

Definición de peme

Artigo 1. Empresa

Considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. Isto inclúe, en particular, os traballadores por conta propia e as empresas familiares que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades e as sociedades ou asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

Artigo 2. Efectivos e límites financeiros que definen as categorías de empresas

1. A categoría de microempresas e pequenas e medianas empresas (pemes) está constituída polas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Na categoría das pemes, defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

3. Na categoría das pemes, defínese microempresa como unha empresa que ocupa a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Artigo 3. Tipos de empresas considerados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros

1. É unha «empresa autónoma» a que non pode cualificarse nin como empresa asociada no sentido do punto 2, nin como empresa vinculada no sentido do punto 3.

2. Son «empresas asociadas» todas as empresas ás cales non se pode cualificar como empresas vinculadas no sentido do punto 3 e entre as cales existe a relación seguinte: unha empresa (empresa participante) posúe, por si soa ou conxuntamente cunha ou máis empresas vinculadas, no sentido do punto 3, o 25 % ou máis do capital ou dos dereitos de voto doutra empresa (empresa participada).

Unha empresa pode, con todo, recibir a cualificación de autónoma, sen empresas asociadas, aínda que se alcance ou se supere o límite máximo do 25 %, cando estean presentes as categorías de investidores seguintes, e a condición de que entre estes, individual ou conxuntamente, e a empresa en cuestión non existan os vínculos descritos no punto 3:

a) Sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais ou business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, a condición de que o investimento de devanditos investidores providenciais na mesma empresa sexa inferior a 1.250.000 euros.

b) Universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos.

c) Investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

d) Autoridades locais autónomas cun orzamento anual de menos de 10 millóns de euros e unha poboación inferior a 5.000 habitantes.

3. Son «empresas vinculadas» as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha disposición dos seus estatutos ou a súa escritura de constitución.

d) Unha empresa, accionista doutra ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enumerados no punto 2, parágrafo segundo, non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro a través doutra ou outras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2, consideraranse tamén vinculadas.

Consideraranse tamén empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos.

Considerarase «mercado contiguo» o mercado dun produto ou servizo situado inmediatamente antes ou despois do mercado en cuestión na cadea de subministración.

4. Fóra dos casos citados no punto 2, parágrafo segundo, unha empresa non poderá ser considerada peme se o 25 % ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto están controlados, directa ou indirectamente, por un ou máis organismos públicos, conxunta ou individualmente.

5. As empresas poderán efectuar unha declaración relativa á súa cualificación como empresa autónoma, asociada ou vinculada, así como aos datos relativos aos límites enunciados no artigo 2. Poderá efectuarse esta declaración aínda que o capital estea distribuído de tal forma que non se poida determinar con precisión quen o posúe, nese caso a empresa poderá declarar de boa fe que pode ter a presunción lexítima de que o 25 % ou máis do seu capital non pertence a outra empresa nin o detén conxuntamente con empresas vinculadas entre si. Tales declaracións non eximirán dos controis e verificacións previstos polas normativas nacionais ou da Unión.

Artigo 4. Datos que hai que ter en conta para calcular os efectivos, os importes financeiros e o período de referencia

1. Os datos seleccionados para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros son os correspondentes ao último exercicio contable pechado, e calcúlanse sobre unha base anual. Téñense en conta a partir da data en que se pechan as contas. O total de volume de negocios calcularase sen o imposto sobre o valor engadido (IVE) nin tributos indirectos.

2. Cando unha empresa, na data de peche das contas, constate que se excederon nun sentido ou noutro, e sobre unha base anual, os límites de efectivos ou financeiros enunciados no artigo 2, esta circunstancia só lle fará adquirir ou perder a calidade de mediana ou pequena empresa, ou de microempresa, se este exceso se produce en dous exercicios consecutivos.

3. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas utilizaranse datos baseados en estimacións de boa fe realizadas durante o exercicio financeiro.

Artigo 5. Efectivos

Os efectivos corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA), é dicir, ao número de persoas que traballan na empresa en cuestión ou por conta da devandita empresa, a tempo completo, durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional computaranse como fraccións de UTA. Nos efectivos incluiranse as categorías seguintes:

a) Asalariados.

b) Persoas que traballan para a empresa, que teñan con ela un vínculo de subordinación e estean asimiladas a asalariados con arranxo ao dereito nacional.

c) Propietarios que dirixen a súa empresa.

d) Socios que exerzan unha actividade regular na empresa e gocen de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os aprendices ou alumnos de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se incluirán entre os efectivos. Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou dos permisos parentais.

Artigo 6. Determinación dos datos da empresa

1. No caso de empresas autónomas, os datos, incluídos os efectivos, determinaranse unicamente sobre a base das contas da devandita empresa.

2. Os datos, incluídos os efectivos, dunha empresa con empresas asociadas ou vinculadas, determinaranse sobre a base das contas e demais datos da empresa, ou ben, se existen, sobre a base das contas consolidadas da empresa, ou das contas consolidadas nas cales a empresa estea incluída por consolidación.

Aos datos recollidos no parágrafo primeiro débense agregar os datos das posibles empresas asociadas coa empresa en cuestión, situadas inmediatamente antes ou despois dela na cadea de subministración. A agregación será proporcional á porcentaxe de participación no capital ou nos dereitos de voto (ao máis elevado destas dúas porcentaxes). En caso de participacións cruzadas, aplicarase a porcentaxe máis elevada.

Aos datos recollidos nos parágrafos primeiro e segundo engadirase o 100 % dos datos das empresas que poidan estar directa ou indirectamente vinculadas á empresa en cuestión e que non fosen incluídas nas contas por consolidación.

3. Para os efectos da aplicación do punto 2, os datos das empresas asociadas coa empresa en cuestión resultan das súas contas e dos seus outros datos, consolidados se existen, aos cales se haberá de engadir o 100 % dos datos das empresas vinculadas a estas empresas asociadas, agás se os seus datos contables xa se incluíron por consolidación.

Tamén, a efectos da aplicación do punto 2, os datos das empresas vinculadas á empresa en cuestión deben resultar das súas contas e dos seus outros datos, consolidados se existen. A estes deberanse agregar proporcionalmente os datos das empresas que poidan estar asociadas a estas empresas vinculadas, situadas inmediatamente antes ou despois delas na cadea de subministración, agás se se incluíron xa nas contas consolidadas nunha proporción polo menos equivalente á porcentaxe definida no punto 2, parágrafo segundo.

4. Cando nas contas consolidadas non consten os efectivos dunha empresa dada, calcularanse agregando de maneira proporcional os datos relativos ás empresas coas cales a empresa estea asociada, e engadindo os relativos ás empresas con que estea vinculada.