DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1030

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 159/2023, do 21 de decembro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Covelo, do dominio público viario, agás calzada e beiravías, dun treito da estrada PO-261.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Covelo solicita á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade dun treito intermedio da estrada autonómica PO-261, entre os pp.qq. 11+670 e 12+460, así como o treito da estrada PO-261 entre os pp.qq. 12+240 e 12+310 da marxe esquerda en todo o que non sexa necesario para a explotación da estrada.

A estrada PO-261, cunha lonxitude de 16,11 km, parte da zona leste do núcleo de Mondariz e atravesa o concello de Covelo entre os seus pp.qq 7+600, no límite co municipio de Mondariz, e o 16+610, onde remata e entronca coa PO-255, tamén de titularidade autonómica. Esta estrada está categorizada funcionalmente como rede local en toda a súa lonxitude.

O treito da estrada PO-261 comprendido entre o p.q. 10+190 e o p.q. 16+610 forma parte dun itinerario que comunica as capitalidades municipais de Beariz e Avión, na provincia de Ourense, a través da capitalidade municipal de Covelo, na provincia de Pontevedra, e das estradas N-120, N-559 e A-52, coa zona suroeste de Galicia e co norte de Portugal. A transferencia de titularidade dos treitos solicitados polo Concello de Covelo suporía a interrupción deste itinerario polo que, para manter a continuidade da rede, soamente sería posible o cambio de titularidade de todo o dominio público viario da PO-261, agás calzada e beiravías.

A estrada PO-261 atravesa solo clasificado como urbano polo instrumento de planeamento urbanístico vixente no Concello de Covelo entre os seus pp.qq. 11+670 e 12+450, e presenta un carácter máis urbano entre os pp.qq. 11+870 e 12+450, treito en que a estrada se integra no tecido urbano do núcleo de Covelo, con múltiples accesos a rueiros municipais, e as súas marxes están acoutadas polas edificacións.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do dominio público viario, agás calzada e beiravías, do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de decembro de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Covelo, do dominio público viario (DPV), agás calzada e beiravías, que seguirán sendo de titularidade autonómica, do seguinte treito da estrada PO-261 da Rede autonómica de estradas de Galicia no núcleo urbano de Covelo:

Clave

Para transferir

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

PO-261

DPV no núcleo urbano de Covelo (agás calzada e beiravías)

11+870

x=552.493

y=4.675.511

12+450

x=552.818

y=4.675.741

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Covelo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do dominio público viario, agás calzada e beiravías, do treito da estrada PO-261 especificado no artigo 1, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de decembro de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade