DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 8 de xaneiro de 2024 Páx. 1287

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2023, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no grupo III do persoal laboral da Xunta de Galicia, na categoría de operador/a de ordenador (persoal do Centro Informático para a Xestión Económico-Financeira e Contable), convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 14 de setembro de 2023 (DOG núm. 178, do 19 de setembro) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1 da convocatoria, o único exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de trinta (30) puntos.

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Subsidiariamente, de se dar o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Así pois e de conformidade co disposto na citada base, pola Resolución deste tribunal do 17 de outubro de 2023, deuse publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do único exercicio, que establecen que:

Superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de catro (4) persoas aspirantes, sempre que acaden, en cada unha das dúas partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De se dar o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de catro (4) persoas aspirantes non cubertas conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

A preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Segundo. Unha vez feita a corrección dos exames na sesión do 15 de decembro de 2023, de acordo cos criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 30 puntos unha (1) persoa aspirante; fixáronse en trinta e dúas (32) respostas correctas na primeira parte e vinte (20) respostas correctas na segunda parte, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Acordouse publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados obtidos polas persoas aspirantes que se presentaron ao único exercicio.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base V.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023

Alfonso Pereira Martínez
Presidente do tribunal