DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 10 de xaneiro de 2024 Páx. 1890

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. O 7 de xullo de 2023, Olga Viqueira Silveira, vogal do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela constituíuna o Arcebispado de Santiago de Compostela mediante escritura pública outorgada o 4 de xullo de 2022, co número de protocolo 2.162, ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) Francisco López Moledo, que foi complementada por outra outorgada o 29 de maio de 2023, co número 1.622 do seu protocolo, na mesma localidade e ante o mesmo notario da anterior.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten como fin «promover a conservación, restauración, investigación e difusión do patrimonio e o legado cultural da Arquidiocese de Santiago de Compostela».

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as; a composición e as normas de funcionamento do Padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación, consonte o artigo 10 dos seus estatutos, está formado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández, como presidente; o vicario xeral e moderador da Curia da Arquidiocese de Santiago de Compostela, José Andrés Fernández Farto, como vicepresidente; o chanceler da Arquidiocese, Elisardo Temperán Villaverde, como secretario; o ecónomo da Arquidiocese, Fernando Barros Fornos, como tesoureiro; e o responsable do patrimonio, Mario Cotelo Felípez, o presidente do Tribunal Eclesiástico, Daniel Lorenzo Santos, a responsable do Departamento de Contabilidade, Olga Viqueira Silveira, e o asesor xurídico da Arquidiocese, José Antonio Montero Vilar, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 12 de decembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 242, do 22 de decembro) clasificouse de interese cultural a Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que lle correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación para la Conservación del Patrimonio y el Legado Cultural de la Archidiócesis de Santiago de Compostela.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades