DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2252

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (códigos de procedemento VI483C e VI483D).

BDNS (Identif.): 733778.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo ou Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

c) Ter a súa residencia habitual e permanente na vivenda arrendada, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

d) Que os ingresos mínimos da súa unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.

e) Atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Ademais dos anteriores requisitos, deberán cumprirse os seguintes:

a) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.

b) Que a suma total das rendas anuais das persoas que formen parte da súa unidade de convivencia, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.

3. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuarase deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a non dispoñibilidade dela por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser arrendataria dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

e) Estar incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás que se lles revogase algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable á persoa solicitante ou a algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión inicial (código de procedemento VI483C) e a renovación (código de procedemento VI483D) das subvencións do Programa de axudas ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, para facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2024, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 06.81.451B.480.1 e 06.81.451B.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 20.000.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– Aplicación 06.81.451B.480.1:

5.000.000 euros para a anualidade 2024.

5.000.000 euros para a anualidade 2025.

– Aplicación 06.81.451B.480.5:

5.000.000 euros para a anualidade 2024.

5.000.000 euros para a anualidade 2025.

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos propios da Comunidade Autónoma e aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2024 do Programa de axuda ao alugamento de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Contía, duración e retroactividade das axudas

1. Concederáselles ás persoas beneficiarias unha axuda de ata o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento da súa vivenda habitual e permanente, en función dos seus ingresos, conforme os seguintes tramos:

a) Ingresos dende 0,5 ata 1,5 veces o IPREM, o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.

b) Ingresos superiores a 1,5 e ata 2,5 veces o IPREM, o 40 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.

c) Ingresos superiores a 2,5 e ata 3, 4 ou 5 veces o IPREM (en función dos límites máximos de ingresos previstos na letra b) do punto dous do ordinal sexto desta resolución), o 30 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.

2. Con cargo a fondos autonómicos poderán incrementarse as porcentaxes anteriores de axuda en 10 puntos porcentuais para os seguintes colectivos:

a) Persoas menores de 36 anos. No caso de subscrición do contrato por varias persoas, todas deberán cumprir este requisito de idade.

b) Familias numerosas.

c) Familias monoparentais.

d) Unidades de convivencia inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade superior a un ano.

e) Persoas emigrantes galegas retornadas a España durante o ano inmediatamente anterior á data de publicación da correspondente convocatoria da axuda, sempre que residisen no estranxeiro un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.

3. A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.

4. Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe total da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50 %, 40 % ou 30 %, segundo lle corresponda.

Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80 % do total da renda, cando esta inclúa vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúa vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúa vivenda, garaxe e rocho.

5. A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de dous anos. Non obstante, para poder gozar da segunda anualidade deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.

6. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, se así se acorda na correspondente convocatoria.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes de concesión inicial da axuda, anexo I (código de procedemento VI483C), comezará o día 15 de xaneiro de 2024 e terminará o día 29 de febreiro de 2024 e, en todo caso, no momento en que se esgoten as partidas orzamentarias contidas nesta convocatoria, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. A solicitude de renovación da axuda, anexo III (código de procedemento VI483D), deberá presentarse no prazo que se sinale na correspondente resolución de concesión inicial da axuda.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo