DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 11 de xaneiro de 2024 Páx. 2260

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes técnicos facultativos, especialidade educación infantil, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 245, do 27 de decembro), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Resolución do 17 de xullo de 2022 (DOG núm. 140, do 24 de xullo) para cualificar este proceso selectivo

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base III.1.2.7 da convocatoria, na sesión que tivo lugar o 19 de decembro de 2023, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o exercicio único eliminatorio e obrigatorio deste proceso selectivo realizado o 1 de outubro de 2023, anular a pregunta número 113 e substituíla pola correspondente pregunta número 134 de reserva. As restantes reclamacións desestímanse na súa totalidade.

Segundo. De conformidade co disposto na base III.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 60 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 30 puntos.

Para estes efectos, de acordo co disposto na citada base, o 20 de setembro de 2023 este tribunal estableceu os criterios de corrección, valoración e superación do único exercicio eliminatorio e obrigatorio da proba de oposición de acordo coas bases do proceso selectivo.

Mediante este acordo estableceu que superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas, sempre que alcancen, en cada unha das partes, un mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, tendo en conta que cada pregunta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e que as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Subsidiariamente, de darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar un número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas non cubertas, conforme o previsto no parágrafo anterior, sempre que alcancen, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, tendo en conta que cada pregunta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e que as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Aquelas persoas aspirantes que empaten coas súas puntuacións na última posición dentro do número máximo resultante entenderanse incluídas, en todo caso, dentro do número de persoas que superan o exercicio, aínda que este número resultante sexa superior ás porcentaxes aplicadas.

Terceiro. Tras realizar a corrección dos exames na sesión do 29 de decembro de 2023, de acordo coas normas e criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 30 puntos un total de 245 persoas aspirantes, polo que este tribunal fixou en 52 o número de respostas correctas, 20 da primeira parte e 32 da segunda parte, para acadar a dita puntuación mínima, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base III.1.1 da convocatoria. Para obter o dito número de persoas que superaron o único exercicio eliminatorio obrigatorio, foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neta de aprobados sinalado do 40 % de respostas correctas netas en cada unha das partes.

As persoas que superaron o exercicio teñen unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Cuarto. De acordo coa base III.1.2.7 da convocatoria, publícase no Diario Oficial de Galicia a anulación da pregunta 113 e a súa substitución pola correspondente 134 de reserva.

Quinto. De acordo coa base III.1.2.8 da convocatoria, publícanse no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao exercicio único obrigatorio do proceso selectivo, así como a relación daquelas que non acadaron a puntuación mínima de 30 puntos establecida na base III.1.1 da convocatoria.

De acordo con esta base, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base V.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024

Manuel Lage Cobas
Presidente do tribunal