DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2765

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 9 de xaneiro de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia creouse como un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, e con independencia funcional no exercicio das súas competencias, conforme dispón a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas). Por acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2017, aprobouse a súa composición (un/unha presidente/a e dous vogais) e a designación dos vogais realizarase por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

En aplicación do establecido no artigo 35.quater.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, na redacción dada pola Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, os membros do tribunal non poderán ser removidos dos seus postos agás polas causas citadas, entre as que está a finalización do seu mandato.

De conformidade co establecido no capítulo II do título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e estando próxima a data do remate do mandato dun dos vogais, esta consellería acorda publicar a convocatoria que servirá de base para elaborar a proposta que se someterá ao Consello da Xunta de Galicia para o nomeamento dun posto de vogal do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira

Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo que se detalla no anexo I desta orde.

Segunda

O posto de vogal poderá ser solicitado por funcionarios/as de carreira que conten co título de licenciado/a ou o grao en Dereito, e que reúnan os demais requisitos establecidos no artigo 35.ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Valoraranse, así mesmo, os méritos recollidos no citado artigo.

Terceira

Todos os trámites relacionados con este procedemento efectuaranse a través de medios electrónicos. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A e poden empregar para a presentación electrónica calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados segundo se indica non se terán en conta.

Cuarta

No caso de resultar seleccionado para ocupar o posto de traballo persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa administración de orixe, de conformidade co previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración, procederase a adxudicarlle o posto para o que se seleccionou.

O nomeamento previsto nesta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 35.ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública.

A persoa designada terá carácter independente e inamovible e non poderá ser removida do seu posto agás polas causas establecidas no artigo 35.quater da Lei 14/2013. A duración do nomeamento efectuado, de conformidade co dito artigo, será de seis anos.

Quinta

O acordo do Consello da Xunta de Galicia de nomeamento do vogal publicarase no Diario Oficial de Galicia mediante a resolución do secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Sexta

O prazo para tomar posesión do novo destino será de tres días hábiles, se non implica cambio de residencia, ou de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma para o caso de persoal doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima

O persoal funcionario público en servizo activo deberá xuntar, se é elixido e presta os seus servizos fóra da Consellería de Facenda e Administración Pública, certificado do servizo ou da unidade de persoal onde se atope destinado, especificando o grao persoal consolidado e a data de consolidación, o nivel do posto de traballo que estivera desempeñando e o tempo de servizos efectivos recoñecido para o cómputo de trienios.

Oitava

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 15.12.2021, DOG do 24 de decembro)
Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da
Consellería de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Denominación: vogal do TACP.

Código do posto: FC.C09.00.000.15770.012.

Nivel: 30.

Complemento específico: 27.979,84 €.

Subgrupo: A1.

Corpo/escala: A3 (xeral/especial).

Tipo de adscrición: A20(9) adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA., persoal sanitario da Lei 17/89 e persoal estatutario de servizos de saúde.

Titulación académica: 2062 (licenciatura/grao en dereito).

Formación específica: 319 (requisitos segundo a Lei 1/2015 que crea o tribunal)

640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, R.I.)

Centro directivo ou dependencia: Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file