DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2024 Páx. 3084

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2023/24 (código de procedemento PL500B).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, o artigo 14 da citada lei establece expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado coñeza esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992 (ratificada polo Goberno español en 2001), o Plan xeral de normalización da lingua galega (aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004) e a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente na materia establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O dito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a coordinación destes a través das respectivas comisións que se constituirán en cada xefatura territorial. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos e contarán co apoio técnico necesario. Ademais, os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Polo tanto, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, ao igual que en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino privado. A achega económica que se lle asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos na convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención e estarán destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino privado. É por isto que as bases que rexen esta convocatoria seguen o estipulado polo artigo 14 da devandita lei.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria e aprobar as seguintes bases para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino privado de Galicia para o curso escolar 2023/24:

1. Obxecto.

O establecemento de subvencións para a realización de proxectos de fomento do uso do galego dos centros privados de ensino de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega ou polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino que conten con menos de seis unidades, durante o curso escolar 2023/24 (PL500B). As subvencións reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Estas axudas serán compatibles con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados. En todo caso, a suma das contías recibidas non pode superar o 100 % do custo total das actividades do proxecto.

2. Persoas beneficiarias.

Os centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario, sexan persoas físicas ou xurídicas, que cumpran os requisitos e as condicións que se establecen nesta orde.

As persoas beneficiarias deberán cumprir os requisitos e as obrigas sinaladas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Requisitos.

3.1. Os proxectos e as actividades que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e realizar de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 desta lei.

3.2. Para cumprir coa obriga da axeitada publicidade que impón o artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os centros que reciban subvencións para elaborar os proxectos de fomento do uso do galego ao abeiro desta convocatoria están obrigados a integrar o logotipo oficial dos equipos de dinamización da lingua galega tanto nos seus espazos web como nos documentos que difundan as actividades destes equipos. Para poder facelo, a coordinación territorial dos equipos de dinamización da lingua galega remitiralles aos centros o correspondente arquivo. Da mesma forma, a páxina web do centro deberá incluír, entre a información das súas instalacións, imaxes e unha descrición mínima do equipo de dinamización da lingua galega, así como dos seus principais recursos e servizos á comunidade educativa.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito para o financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino privados ascende á cantidade de 35.000 euros, salvo que se produza un incremento do crédito de acordo co previsto no artigo 31, número 2, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.151A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

En todo caso, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión, conforme o disposto sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, todos os actos ditados ao abeiro desta convocatoria de subvencións enténdense condicionados a que, unha vez que se aprobe o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

5. Presentación de solicitudes e prazo.

5.1. Os centros de ensino privado de Galicia que desexen acollerse aos beneficios desta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I desta orde.

5.2. As solicitudes, debidamente asinadas pola persoa solicitante ou representante, dirixiranse á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da provincia que corresponda.

5.3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5.4. O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

6. Documentación complementaria.

6.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do proxecto asinado pola persoa coordinadora do equipo de dinamización, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

1º. Breve estudo sociolingüístico actualizado en que se tocarán os puntos que se indican a seguir:

– A contorna sociolingüística do centro.

– A situación do profesorado.

– A situación do alumnado.

– A situación lingüística do centro.

2º. Descrición dos obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

3º. Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

b) Cadro resumo das actividades asinado pola persoa solicitante ou representante. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, o nome da actividade, a persoa ou persoas responsables e o departamento ou departamentos correspondentes, os destinatarios e destinatarias, así como o orzamento previsto e o material necesario para a realización das actividades. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta orde.

c) De ser o caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

6.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6.4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa titular do centro, se é unha persoa física.

b) NIF da entidade solicitante, se é unha persoa xurídica.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia.

7.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

7.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Procedemento.

Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, os gabinetes provinciais de normalización lingüística revisarán as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de que as solicitudes estean incompletas, de que conteñan erros ou de que non se achegue toda a documentación acreditativa dos requisitos exixidos nesta convocatoria, requiriranse as persoas solicitantes para que, de conformidade co artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non o faceren, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e consonte o artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, os requirimentos faranse mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).

9. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisións de cualificación.

Unha vez que se completen os expedientes administrativos, cualificaranse os proxectos que resulten admitidos por seren presentados no tempo e na forma que correspondan. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial de normalización lingüística unha comisión provincial de cualificación que puntuará os proxectos e, así mesmo, na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase a Comisión Central de Cualificación, que homoxeneizará a aplicación dos criterios de valoración e elaborará o informe que sirva de base para a proposta de resolución das axudas. Tanto as comisións provinciais como a Comisión Central de Cualificación deberán adaptar o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos na sección terceira do capítulo II, título preliminar, artigos 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na sección terceira do capítulo I, título I, da Lei 16/2012, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

a) Comisións provinciais de cualificación. Co fin de cualificar os proxectos admitidos, constituirase en cada gabinete provincial de normalización lingüística unha comisión provincial de cualificación, que estará integrada por:

Presidencia:

– O xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un ou unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Unha persoa especialista en planificación lingüística, designada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata tres especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete ou xefatura territorial, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

No seo das comisións provinciais, poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

b) Comisión Central de Cualificación. Na Secretaría Xeral de Política Lingüística constituirase a Comisión Central de Cualificación, integrada polos membros que a seguir se relacionan, para homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con anterioridade ao inicio das sesións das comisións provinciais, así como para elaborar o informe que sirva de base para a proposta de resolución das axudas.

– Presidencia: o subdirector ou subdirectora xeral de Política Lingüística.

– Vogais: os xefes e xefas dos gabinetes provinciais de normalización lingüística.

– Secretaría: un funcionario ou funcionaria da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nomeado/a polo secretario xeral de Política Lingüística.

Á reunión que a comisión central realice para homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración asistirá tamén o coordinador ou coordinadora de cada comisión provincial, co fin de valorar en común cinco proxectos das distintas provincias elixidos ao chou.

10. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

10.1. A calidade do proxecto será puntuada de 0 a 24 puntos. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións, repartidas de xeito proporcional, serán as seguintes:

a) Grao de implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado dos distintos departamentos, alumnado dos distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 4 puntos. Esta puntuación distribúese proporcionalmente en función do número de membros da comunidade que participen no proxecto.

– Profesorado dos distintos departamentos, alumnado dos distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos: ata 3 puntos.

– Pais/nais e outros axentes da comunidade educativa: ata 4 puntos.

b) Nivel de utilización das novas tecnoloxías: de 0 a 4 puntos.

– Creación de páxinas web e de blogs, intercambio de mensaxes na rede entre as persoas coordinadoras dos equipos de dinamización da lingua galega ou, de non haber equipo, da persoa coordinadora desta materia: ata 1 punto, que se repartirá proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas empregadas.

– Actualización de páxinas web, de blogs e de contas en redes sociais (facebook, twitter...), realización de videoconferencias, intercambio de mensaxes de correo entre o alumnado: ata 2 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Traballo con códigos QR, realidade aumentada, aplicacións para móbiles, ordenadores ou tabletas, radio ou TV con emisión de maneira puntual, revista dixital e obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías...: ata 3 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

– Audiovisuais (curtas, documentais...), radio diaria ou semanal na aula, TV, robótica, gamificación...: ata 4 puntos, que se repartirán proporcionalmente en función do número de ferramentas tecnolóxicas.

c) Grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar cunha institución, entidade ou asociación, asistindo ás actividades que organiza: ata 2 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, de maneira que sexa o centro o que organice de xeito puntual as actividades: ata 3 puntos, ponderados proporcionalmente ao número de actividades.

– Colaborar de xeito permanente –é dicir, ao longo do curso escolar– cunha ou varias institucións, entidades ou asociacións, na organización de actividades: ata 4 puntos, ponderados proporcionalmente.

d) Grao de colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou na realización de actividades dinamizadoras: de 0 a 4 puntos.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade, cos mesmos ou similares niveis educativos: ata 1 punto, ponderado proporcionalmente.

– Colaborar na realización de actividades habituais entre centros da mesma localidade ou de localidades próximas, con diferentes niveis educativos, ou na realización de actividades excepcionais (xornadas de portas abertas...), sen ter en conta o ámbito xeográfico: ata 2 puntos, ponderados proporcionalmente.

– Colaborar na realización de ata tres actividades con outros centros da comarca ou de comarcas próximas: ata 3 puntos, ponderados proporcionalmente.

– Colaborar na realización de máis de tres actividades con centros de ámbitos xeográficos distintos ou realizar unha iniciativa con carácter anual (ao longo de todo o curso escolar): ata 4 puntos, ponderados proporcionalmente.

e) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 4 puntos, ponderados proporcionalmente.

f) Tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso: de 0 a 4 puntos.

Esta tipoloxía de actividades abrangue celebracións e festas tradicionais, promoción da lingua oral, promoción da lingua escrita, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), dinamización do centro, dinamización da contorna, intercambios e posta en valor da lingua mediante a cultura e a etnografía.

Establécese a puntuación do seguinte xeito:

Ata dous tipos de actividades: 1 punto.

De tres a catro tipos de actividades: 2 puntos.

De cinco a seis tipos de actividades: 3 puntos.

Máis de seis tipos de actividades: 4 puntos.

10.2. O número de estudantes terá unha puntuación máxima de 6 puntos. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, sen que poida excederse ese máximo de 6 puntos.

11. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 1.000 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 375 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 220 euros.

12. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e fixen a puntuación que ten cada proxecto, establécense os seguintes criterios para a repartición das axudas:

12.1. Distribuiranse 32.000 euros da seguinte maneira: fixarase un valor económico por cada punto obtido nos proxectos e a multiplicación dese valor polo total dos puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un.

12.2. A maiores, distribuiranse 3.000 euros entre os proxectos dos centros que acaden 22 ou máis puntos na epígrafe 10.1 (calidade do proxecto). Ningún centro poderá recibir máis de 300 euros nesta distribución.

En caso de que non se reparta a totalidade desta contía, o remanente sumaráselle á cantidade prevista no punto anterior.

12.3. En todo caso, ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda as máximas establecidas na epígrafe 11, nin o custo total do proxecto.

12.4. Tanto o establecemento do valor económico por cada punto obtido (12.1) como a distribución da cantidade prevista na epígrafe 12.2 fixaranse na Secretaría Xeral de Política Lingüística, nunha sesión conxunta, en que participarán o presidente ou presidenta de cada comisión provincial e un técnico ou técnica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

13. Proposta de resolución.

Unha vez rematadas as sesións das comisións de cualificación, a comisión central elaborará un informe onde se concrete o resultado da avaliación efectuada e unha listaxe coa puntuación outorgada a cada solicitante admitido. Este informe trasladaráselle á xefatura territorial de cada provincia, cos centros correspondentes, para que esta formule a proposta provisional de resolución de adxudicación en que conste a puntuación acadada para cada centro admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Estas propostas faranse públicas na web http://www.lingua.gal

Os centros interesados disporán de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da data de publicación da proposta de resolución provisional, para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura do gabinete de normalización lingüística, nos lugares e na forma indicados na base quinta da convocatoria. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviaranlles un correo electrónico aos gabinetes de normalización lingüística da súa provincia, en que indicarán o día en que presentaron a alegación e o motivo desta.

Logo de que se examinen as alegacións achegadas, se é o caso, e de que se realice a sesión de valoración económica por cada punto obtido de acordo co disposto na base 12.4, a xefatura territorial de cada provincia formulará a proposta de resolución definitiva ante o órgano resolutorio. Nesta proposta constará a puntuación do proxecto, o valor económico por punto e a contía da axuda.

14. Resolución.

14.1. A resolución definitiva do procedemento de concesión farase no prazo de quince días desde a data de traslado da proposta de resolución e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web http://www.lingua.gal, logo da súa fiscalización por parte das intervencións territoriais, polo que se entenderán notificados para todos os efectos os centros de ensino interesados.

14.2. A competencia para resolver as axudas corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, á Secretaría Xeral Técnica da dita consellería.

14.3. Contra a resolución de concesión, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os centros interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o órgano que a ditou, ou ben poderán interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE núm. 167, do 14 de xullo).

14.4. As solicitudes entenderanse desestimadas se non se dita unha resolución expresa no prazo de catro meses, que se contarán a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

15. Xustificación do gasto.

15.1. A data límite para presentar a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2023/24 é o 30 de xuño de 2024. Deberá presentarse ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística da mesma forma que a sinalada no punto 5 desta orde.

Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

15.2. A xustificación incluirá a seguinte documentación:

a) Relación numerada das actividades desenvolvidas no proxecto, co importe do gasto asociado e o material empregado, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

b) Memoria descritiva e gráfica asinada pola persoa coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. Nela aparecerán todas as actividades realizadas, detallaranse aquelas para as que se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

c) Copias das facturas correspondentes ao ano 2024, comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño e expedidas a nome do centro, e xustificación acreditativa do seu pagamento. Nelas deberase expresar, de xeito explícito, o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

Para a súa consideración como subvencionable, entenderase como efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados ou por calquera outro medio de proba que acredite a realización do pagamento, segundo especifican os artigos 42 e 49 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase achegar unha relación delas, en que se especifiquen o emisor, o número de factura e o importe.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, coa indicación do importe concedido e da súa procedencia, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III desta orde.

e) Poderase pedir calquera outra documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

15.3. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

15.4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

16. Pagamento.

O aboamento da subvención asignada realizarase despois de que cada centro privado beneficiario da subvención xustifique o gasto, de acordo co previsto na base anterior.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria, nin aos gastos realmente realizados, de seren estes inferiores ao importe concedido. No caso de que ao centro se lle conceda outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto, o importe da axuda concedida con cargo a esta convocatoria minorarase cando a súa contía, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, supere o 100 % do custo das actividades do proxecto.

Os pagamentos efectuaranse a través das respectivas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

17. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.

17.1. O centro perderá o dereito ao cobramento da subvención concedida polas seguintes causas:

– Xustificacións presentadas fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2024).

– Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

17.2. Estarase obrigado ao reintegro –total ou parcial– da subvención no suposto de que non se cumpran as condicións establecidas para a súa concesión e á modificación da subvención como consecuencia da alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

17.3. En todo caso, procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

17.4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación en relación coa xustificación do gasto, así como as previstas no artigo 15.3 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) A percepción doutras subvencións públicas incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

e) O incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 50 % da subvención concedida.

f) O incumprimento dalgún dos requisitos previstos no artigo 3 desta orde, en relación co respecto á vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego ou coa obriga en materia de publicidade: reintegro do 50 % da subvención concedida.

Non obstante, se aínda fose posible o seu cumprimento, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que o leve a cabo nun prazo non superior a dez días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

18. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos serán realizados polos coordinadores e coordinadoras provinciais dos equipos de dinamización da lingua galega sobre a base das memorias de xustificación.

19. Desconcentración de créditos.

Para unha xestión máis eficaz, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en que teñen a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

20. Notificacións.

20.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

20.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

20.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

20.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

20.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

21. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

22. Transparencia e bo goberno.

22.1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

22.2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

23. Normativa aplicable.

A esta orde seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e o seu desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

24. Réxime de recursos.

Esta orde poderá ser impugnada mediante o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante a interposición dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que adopte todos os actos e medidas necesarios para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file