DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2024 Páx. 3910

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809B).

BDNS (Identif.): 738947.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando que se especifica no anexo I e que fose afectado por ataques de lobos dentro da Comunidade Autónoma.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras afectadas polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensar os danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento MT809B).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 19 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MT809B).

Cuarto. Contía

O importe asignado é de seiscentos doce mil setecentos vinte e catro euros (612.724,00 €).

1. O importe das axudas por morte do gando figura no anexo I da convocatoria, para cuxo cálculo se tivo en conta tanto o dano emerxente como o lucro cesante.

Este importe incrementarase nun 10 % no caso daquelas explotacións en que se comprobase a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo (cans para a protección e defensa do gando, cerrumes de malla electrificada, valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética), e que fosen avaliadas como axeitadas pola comisión de valoración correspondente.

2. No caso de animais feridos, a axuda calcularase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados (enténdese por gasto veterinario tanto a actuación do persoal profesional como o tratamento prescrito), nunha contía que, en ningún caso, poderá exceder o límite das contías previstas no anexo I desta orde.

No caso de animais que, tras o tratamento prescrito, morran como consecuencia das feridas producidas polo acto de depredación, a axuda poderá superar o límite das contías previstas no anexo I da convocatoria. Nestes casos, a axuda calcularase en función das contías previstas no anexo I desta orde por animal, máis os gastos veterinarios producidos e acreditados ata un máximo do 10 % das anteditas contías.

No caso de reses afectadas polo ataque de lobo que sobrevivan ao acto de depredación e como consecuencia del sufran un aborto, que precisará dunha certificación veterinaria que o acredite, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75 % do valor da clase e idade máis baixa, segundo as contías previstas no anexo I desta orde. No caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.

3. Os gastos de eutanasia producidos e acreditados serán compensables. O importe máximo da compensación dos gastos de eutanasia por animal establécese en 75,00 €. No caso de que os gastos excedan este importe, a persoa beneficiaria terá dereito á axuda máxima, é dicir, 75,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) Para os danos comunicados entre o 1 de outubro de 2023 e a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

É requisito imprescindible que se teña previamente comunicado o ataque do xeito e no prazo previsto na Orde do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo e se convocan para o ano 2023.

b) Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidencia segunda e conselleira de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda